17/05/2023 by marioregueira

O traballador na sombra

“Horas, meses, días, anos”

Dicir que Francisco Fernández del Riego foi un artífice na sombra dos proxectos culturais da posguerra ten algo de esaxeración pero tamén garda unha profunda verdade. Máis aló da visibilidade fulgurante que gañará a súa imaxe a partir deste 17 de maio que o homenaxea está ben deixar testemuño de que as cousas non sempre foron así. Fernández del Riego viviu grande parte da súa vida nunha segunda liña da perspectiva pública. Se a Editorial Galaxia tiña en Ramón Piñeiro unha cara pública que mesmo xogou co mesianismo en certos momentos, Fernández del Riego foi sempre unha figura moito máis discreta, aínda que tamén moito máis inqueda e activa. O autor está presente xa no tímido panorama cultural dos anos corenta que antecede a fundación de Galaxia en 1950. Codirector con Xaime Illa Couto do suprimido Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche, e artífice tamén do Galician Programme da BBC, un fito na difusión internacional da cultura galega realizado nos anos máis duros da posguerra ante o desconcerto das autoridades franquistas. O autor entrégase a Galaxia cunha vocación que transcende a simple dimensión editorial do proxecto. Porque Galaxia nace, precisamente, para facer a política posíbel dun contexto cunha enorme represión política. O propio protagonista das Letras deste ano, ao botar contas a mediados dos anos noventa recoñécese un obreiro de Galaxia, para a que queima “horas, días, meses, anos” cunha teimosía impresionante.

Traballador tan incansábel como desorganizado, era capaz de producir obras alí onde comezan a percibirse ocos e necesidades. Foi o caso do Manual de Historia de la Literatura Gallega, editado en 1951 para disponibilizar unha historia literaria propia e actual, algo que faltaba no panorama cultural de noso. Polas opcións empregadas, merecería unha dura crítica privada de Ricardo Carvalho Calero. Reaccións que noutro contexto levarían a disputas e loitas de egos non tiñan esa transcendencia no panorama de reemerxencia cultural da posguerra galega e non cabían na actitude xeral de Fernández del Riego.

Disposto a traballar mesmo naquelas facetas que reforzaban o seu segundo plano, é destacábel tamén o papel de antólogo, realizando a primeira Escolma de poesía contemporánea da posguerra en 1959. Un traballo de cartografía da lírica galega do século XX; da que quedaba atrás, cunha significativa incorporación do Federico García Lorca dos poemas galegos, da que resistira con graves dificultades para publicar e daquela que agromaba acollida polo propio momento cultural que Galaxia estaba creando.

O seu papel como crítico literario, no que transloce un amateurismo tinguido de esforzo e vontade, caracterízase por ser unha das poucas visións abertas a entender a influencia das literaturas estranxeiras contemporáneas. Alí onde Ramón Piñeiro (e mesmo Carvalho Calero) manifestaban unha profunda aversión ante o existencialismo e as liñas experimentais que emanaban das literaturas europeas, Fernández del Riego dedica moito tempo e traballo a desentrañar as súas claves. Algo que implicaba entender unha cuestión central na historia literaria de posguerra: por que a nova fornada da narrativa galega se afastaba do modelo esencialista e sentimental do que fóra a literatura galega precedente por camiños que resultaban tan estraños aos seus maiores.

Consciente de que o seu labor estaba detrás das bambolinas, chama a atención como dentro dunha obra xigantesca, con vetas divulgativas e memorialísticas, reloce unha única obra literaria: O cego de Pumardeón (1992), novela de memoria sobre as experiencias da guerra. A obra, ironicamente, non aparece coa editorial Galaxia. Fernández del Riego afástase do proxecto durante os anos oitenta, doído con Ramón Piñeiro e molesto polo protagonismo que este decide darlle a Carlos Casares. Un trago amargo para alguén que, porén, seguiu entregando o seu traballo ímprobo á cultura galega coa mesma xenerosidade.

Resiliencia

“¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?”. Fernández del Riego conta varias veces nas súas memorias a lúgubre pregunta que recibía vía telefónica nos primeiros meses da posguerra. Destituído como profesor universitario por desafección aos sublevados, o autor contaba cunha longa carreira no activismo político entre a que destacaban os feitos de ser dirixente da Federación Universitaria Escolar (FUE) e destacado membro do Partido Galeguista, organización coa que participara na propaganda do si ao Estatuto votado no mesmo 1936. A pesar de cumprir o trámite obrigatorio de incorporarse ás filas franquistas, non sería a única vez que sentiría o alento da represión: en 1947 era detido e sometido a Consello de Guerra, finalmente sobresido.

A estadía na cadea é un dos elementos que parece convencer ao autor de abandonar a vía da política clandestina e centrarse na posibilidade do activismo cultural, no que xa participaba pero ao que se entrega cunha intensidade renovada. Substituíase a resistencia polo que hoxe chamaríamos resiliencia, a adaptación á adversidade. Abríase tamén un dos interrogantes clásicos da historia do nacionalismo: que pasaría se os homes de Galaxia mantivesen, como fixeron vascos e cataláns, a vía da lexitimidade republicana e do Partido Galeguista?

Publicado en Faro de Vigo, suplemento Faro das Letras, 17/05/2023

#17 de maio#Fernández del Riego#Galaxia#Literatura

22/02/2022 by marioregueira

Os que vixían o centeo

The Catcher In The Rye

“Acabei de ler O vixía no centeo e agora teño unhas ganas terríbeis de pegarlle un tiro a John Lennon”. A brincadeira é dos anos do liceo e segue tendo a súa graza, sobre todo porque non hai nin podería haber ningunha referencia a Lennon na novela de Salinger, composta e publicada en datas nas que o beatle estaba na súa máis tenra infancia. O asasino, porén, insistía en vincular o seu acto coa obra, abrindo un capítulo gorentoso das lendas literarias.

As teorías da conspiración din que, máis aló do seu contido, O vixía no centeo funcionaba como disparador para unha mente adulterada por programas estatais de manipulación. Alguén creara unha asociación ilóxica entre obxecto e acto até conseguir que o simple feito de deixar un exemplar do libro nunha caixa de correos servise para reactivar na memoria do suxeito unha misión previamente introducida no seu subconsciente. Por se fose pouco, a obra volve aparecer varias veces nas mans de asasinos ou atacantes de figuras públicas estadounidenses, incluído o que tratou de acabar en 1981 coa vida de Reagan.

Sendo fantasiosa, segue a ser unha explicación moito mellor que a que ciclicamente aparece nos medios de comunicación do Estado español cando, en calquera crime mediático, resaltan a ligazón cos produtos culturais cos que o seu executor estaba en contacto. A paixón por un videoxogo e unha novela sobre crimes no currículo escolar merecen ser destacadas dentro dunha causalidade nebulosa que leva as persoas a matar. No fondo, os medios beben da relación quixotesca da cultura española cos libros, non é casual que a súa obra nacional de referencia trate sobre un tipo ao que “se lle seca o cerebro” de tanto ler, chegando a confundir fantasía e realidade. A prevención desta relación indemostrábel foi a que serviu tamén de base para a censura eclesiástica e a franquista.

Porén, xa desde Cervantes, a posibilidade de que a literatura altere así a vida dunha persoa é unha ocorrencia que roza o idealismo. Un idealismo que, ironicamente, daría a razón á maior parte das correntes da literatura social de onte o hoxe. Se algo nos ensinaron as literaturas comprometidas é que non chega con convidar á lectura para converter alguén ideoloxicamente. E moito menos para que realice actos tan graves como os que saen estes días na prensa.

Iso non quere dicir que haxa que negar a relevancia das narrativas de ficción na configuración social. As diversas formas expresivas, coa súa relación coa fantasía, evidencian moitos máis aspectos da nosa realidade dos que nos gustaría pensar: as representacións ficcionais non falan só dun mundo evanescente e inmaterial, tamén deixan o rastro da nosa propia realidade e da nosa ollada sobre ela.

Porén, esa influencia acontece dunha maneira descentralizada e impredicible. Sempre conto que tomei unha das decisións máis transcendentais da miña vida á saída dun cine tras ver Hamam de Ferzan Ozpetek. Naquel momento da miña vida, eu mesmo procuraba a miña fuxida a Estambul e o meu reencontro con horizontes que aínda brillaban nos ollos da miña familia. Porén, dubido que un filme, ou ningunha narrativa ficcional poida servir como guía unívoca para decisións vitais. Tampouco volvería funcionar nun eu que xa non ten aqueles anos. A súa influencia é inesperada e subxectiva, e iso é unha das súas características máis revolucionarias: que poida sorprendernos e cambiar quen somos. Para ben ou para mal.

Fracasan os que tratan de buscar un accionador que, como un botón, poida converter unha obra en disparador dunha traxedia. No fondo, o que subxace nesta idea é unha visión triste e simplista do ser humano como escravo permanente dunha conspiración que pode anular a súa vontade en calquera momento. Unha humanidade que corre cara a precipicios que non é capaz de ver e que precisa dun vixilante permanente que lle corte o paso.

#Literatura#Ozpetek#Salinger

31/08/2020 by marioregueira

A verosemellanza e os pactos

Foto de Álvaro Pérez Vilariño (CC BY-SA 2.0)

Foi unha das grandes descubertas durante as aulas de teoría da literatura da miña tenra mocidade, algo que daba nome a un concepto que até daquela só intuíra e que non fora capaz de nomear. Porén, cada vez se me fai máis evidente que é algo que non callou en todo o mundo. Unha das esixencias da narrativa é a súa verosemellanza. E aí sempre alguén ri con suficiencia “claro, é unha das obrigas de toda narrativa de ficción que sexa verosímil, importantísimo”.

En realidade si, máis que importante é fundamental, aínda que tamén é interesante non malinterpretar o termo. Unha historia pode poñer ao protagonista a facer un pacto co demo, a camiñar sobre as augas para convencer a uns pescadores de que é o lexítimo fillo dun deus ou facelo desenvolver a capacidade de voar e seguir sendo perfectamente verosímil. Non será, por suposto, unha historia realista, porque o realismo é só unha parte de todas as posibilidades da ficción. Ao que se refire o termo verosemellanza non é á adecuación perfecta da historia ao que interpretamos como mundo real, senón ao seu mecanismo interno, á coherencia que as persoas lectoras precisan para que a historia siga funcionando. De feito, o mundo real acostuma ser moitas veces moi pouco verosímil, presentando situacións que moi dificilmente aceptaríamos nunha ficción.

Outro dos mantras da teoría é aquilo do “pacto ficcional”, o acordo implícito entre cada persoa lectora e quen construíu o texto que implica que vai ler/escoitar como se todo fose certo. Cando as lectoras/espectadoras protestan é que algo falla que fai naufragar o pacto. E ese algo (a non ser que teñan un trastorno obsesivo) nunca é que os personaxes desenvolvan habilidades máxicas ou que aparezan extraterrestres invadindo o seu fogar. Son máis ben cousas como que o personaxe que morreu na segunda páxina apareza vivo na penúltima sen unha explicación coherente ou que a arma que perdeu a protagonista na loita contra o malvado volva sen xustificación á súa man. E ollo, moitas das explicacións sobre estes aspectos poden ser a maxia, sempre que a maxia estea ben explicada e construída. A detective pode ter unha revelación que lle indique quen é o asasino se esa capacidade mística está construída e xustificada na novela, é dicir, sempre que non pareza que foi un recurso preguiceiro co que a autora intentou saír dun enredo para o que non atopou mellores opcións. E por suposto non falamos dunha cualidade obxectiva ou absoluta. Un ton cómico pode facer que aceptemos seguir unha historia que non continuaríamos en clave dramática. Unha persoa experta en física case sempre é moito máis esixente coa ciencia ficción que unha filóloga. O pacto ficcional é subxectivo e ás veces caprichoso.

Eu, por exemplo, teño unha baixa tolerancia ás fantasías sobre escritores ou escritoras. Refírome a esas historias onde unha novelista iniciante ten un contrato cunha grandísima editorial que inclúe ceas de luxo coas editoras, estreitas relacións con elas, vacacións pagadas para atopar a inspiración e tempo para correr aventuras, afondar no seu rico mundo interior ou vivir romances por paraxes exóticas mentres esta non chega. Imaxino que a todas nos toca un pouco nos aspectos das realidades que máis coñecemos e é nestes onde hai que tensar a tolerancia se queremos seguir xogando. Coñecín persoas expertas no período romano que eran incapaces de abordar novelas históricas sobre o tema porque consideraban que todas estaban mal adaptadas e cheas de incorreccións. Pero en fin, tamén coñecín persoas queixándose no Arde Lucus porque o púrpura o levaban única e exclusivamente as familias imperiais e alí calquera ghulai da Piringalla pode envolverse nunha toalla e tinguila de lilás. Como na política, ou como na vida, hai xente coa que non se poden estabelecer certos pactos.

[Este artigo apareceu primeiro no blogue de Tecedeiras].

#Literatura#narrativa#Obradoiros#Pacto ficcional#Tecedeiras#Teoría#Verosemellanza

26/08/2020 by marioregueira

Ese anaco de horizonte

Seguramente é un dos primeiros malentendidos que lembro da primeira infancia. De cara á paisaxe que amosaba a casa da bisavoa, miña nai trataba de me explicar o que era o horizonte. O horizonte como espazo abstracto que unha crianza imaxinativa coma min non conseguía concibir e que tomaba a forma da paisaxe real que vía no fondo da terra. Nese momento, para min, o horizonte foi para sempre un monte contra o solpor das terras do norte, un lugar onde as árbores que nacían da terra acababan unidas polas copas e onde ás veces aínda vías pasar xente levando carros. Non entendía cando miña nai explicaba que, por máis que andásemos nunca chegaríamos ao horizonte e así o configurei como un país máxico que estaba uns cantos quilómetros adiante. Quilómetros baleiros de calquera propósito, imposíbeis de percorrer, vedados a quen realmente quixese emprender a xornada.

Este é o horizonte que, no fondo, sempre entendo, o de algo que non conseguimos apreixar, que se nos escapa, aínda que amose unha imaxe que, no seu contraluz, parece moi definida. Case como un país estranxeiro no que nos negarían a entrada mediante aduanas leoninas. Como un país fantástico que só percibimos en soños ou ao chiscar os ollos no solpor dun serán concreto.

E, máis que calquera outra, foi esta metáfora persoal a que escollín para o anuario da poesía de 2018 que me encargou a xente de Chan da Pólvora. No fondo, porque a literatura é sempre unha cuestión de perspectivas. Alucinamos con tal obra que nos parece moi orixinal, e nos cinco anos seguintes alguén nos explica que en realidade é un plaxio de tal cousa que saíu nunha pequena editora galesa. Pasamos por alto un libro que nos parece anódino, e ao cabo duns meses volvemos a el famentos, porque o pouso que nos deixa é mellor que aquel primeiro impacto, callou en nós e pídenos unha outra lectura.

A literatura do presente é algo cara ao que camiñamos sabendo que é un país precario, inexistente, un código que, ao igual que facían os comerciantes en terras afastadas, improvisamos para comprendernos desde a nosa estranxeiría crónica. Porén, mesmo con estas limitacións asumidas, non podo deixar de aplaudir a intención e a constancia coa que Chan da Pólvora persiste, tratando de fixar os mapas da poesía dos nosos tempos, coa mesma ansiedade e anticipación de quen manda exploradores a atopar o país perdido do Horizonte, onde as copas das árbores se tocan, o sol sempre cae, e aínda hai paisanos levando os seus carros.

#2018#Anuario#Chan da Pólvora#Chanzo#Crítica#Literatura#Mario Regueira#poesía#Publicacións

12/04/2019 by marioregueira

Se isto é un home

Primo Levi (1960)

Era o inverno de 1943 cando o grupo de Primo Levi (Torino, 1919), que trataba de unirse á Resistenza partigiana, foi capturado polas forzas fascistas. Ante a perspectiva dunha execución sumaria, Primo confesa ser xudeu, algo que lle serviría para ser trasladado a un campo de concentración en Fossoli desde onde, algunhas semanas despois, será embarcado nos infames vagóns de gando, e xunto con centos de persoas máis, en dirección ao complexo de campos de Auschwitz. Continuar lendo no Sermos Galiza.

#Activismo e resistencia#Crítica#Holocausto#II Guerra Mundial#Literatura#Memoria#Primo Levi#Tradución

28/04/2018 by marioregueira

Roald Dahl e as vacinas

Como todos os anos, a OMS declarou a última semana de abril como Semana Mundial da Inmunización, este 2018 co lema “Protexidos colectivamente. As vacinas funcionan”. Nun ano marcado polo comportamento irresponsábel de certos representantes políticos, é boa idea lembrar algúns dos principios polos que as vacinas seguen a ser a mellor opción coñecida.
Para isto, decidín recuperar e traducir a carta aberta de Roald Dahl de 1988 sobre o tema. A pesar da súa antigüidade, por desgraza, moitas das cousas que di o escritor galés continúan sendo aplicábeis hoxe e, de feito, ten gozado dunha renovada popularidade a través da rede nos últimos anos. Tamén nos devolve unha perspectiva que temos esquecida, e que moita xente relaciona coas actitudes retrógradas que se opoñen á vacinación: temos tan normalizado un mundo sen o efecto de certas enfermidades que podemos pensar que sempre foi así. Pero non o foi, houbo un tempo no que morrer ou quedar con graves secuelas polo sarampelo, a polio, a varíola ou outras enfermidades era o máis normal do mundo. Así o conta Roald Dahl:

Sarampelo: unha enfermidade perigosa

Olivia, a miña filla máis vella, colleu o sarampelo cando tiña sete anos. Mentres a enfermidade desenvolvía o seu curso normal, lémbrome léndolle a miúdo na cama, sen sentirme especialmente alarmado por ela. Entón, unha mañá, cando estaba camiño da recuperación, eu estaba sentado na súa cama amosándolle como facer animaliños de fíos de cores, entón chegou a súa vez de facer un e notei como os seus dedos e a súa mente non estaban a traballar conxuntamente e non podía facer nada.

“Sénteste ben?” Pregunteille.

“Estou con sono”, dixo.

Nunha hora, estaba inconsciente. En doce horas estaba morta.

O sarampelo convertérase nunha cousa terríbel chamada encefalite por sarampelo e non había nada que os médicos puidesen facer para salvala. Foi hai vinte e seis anos, en 1962, pero mesmo agora, se unha crianza con sarampelo desenvolve a mesma reacción mortal da enfermidade que Olivia desenvolveu, segue sen haber nada que a medicina poida facer para axudala.

Por outra banda, hoxe hai algo que os pais poden facer para asegurarse de que este tipo de traxedia non aconteza a un dos seus nenos. Poden teimar en que as súas crianzas estean vacinadas contra o sarampelo. É algo que eu non puiden facer por Olivia en 1962 porque naqueles días aínda non fora descuberta unha vacina fiábel contra o sarampelo. Hoxe, todas as familias teñen ao seu dispor unha vacina segura e confiábel e o único que tes que facer é falar co médico para que a administre.

Aínda non é algo maiormente aceptado que o sarampelo poida ser unha enfermidade perigosa. Creme, si que o é. E na miña opinión os pais que rexeitan vacinar os seus fillos, están poñendo as súas vidas en risco. En América, onde a vacinación contra o sarampelo é obrigatoria, esta enfermidade, así como a varíola, foi virtualmente erradicada.

Aquí en Gran Bretaña temos aínda centos de casos de sarampelo todos os anos, xa que moitos pais e nais rexeitan, ben sexa por obstinación, ignorancia ou medo, que os seus fillos sexan vacinados. Ademais disto, máis de 10.000 sufrirán efectos secundarios dun xeito ou doutro. Polo menos 10.000 desenvolverán infeccións de oído ou de peito. Uns 20 deles morrerán.

ENTENDAMOS ISTO.

Cada ano máis ou menos 20 crianzas morrerán en Gran Bretaña de sarampelo.

Así que, cales son os riscos que afrontan os teus fillos por ser vacinados?

Son case inexistentes. Escoita isto. Nun distrito de máis ou menos 300.000 persoas, hai só un neno cada 250 anos que desenvolverá efectos secundarios serios pola vacina do sarampelo. Isto vén sendo unha posibilidade de unha contra un millón. Penso que hai máis posibilidades de que a túa crianza poida morrer atragoada por un chocolate que de poñerse seriamente enferma pola vacina do sarampelo.

Entón que demos é o que che preocupa? É practicamente un crime deixar que o teu fillo continúe sen vacinar.

O tempo ideal para facelo é aos 13 meses, pero nunca é tarde de máis. Todas as crianzas en idade escolar que aínda non recibisen unha vacina contra o sarampelo, deberían pedirlles aos seus pais que lla procuren o antes posíbel.

Por certo, dediquei dous dos meus libros a Olivia. O primeiro foi “Iago e o pexego xigante”. Iso foi cando aínda estaba viva. O segundo foi “O Bon Xigante Amigo”, adicado á súa memoria despois de que morrese de sarampelo. Verás o seu nome ao comezo de cada un destes libros. E sei o feliz que sería se puidese saber que a súa morte axudou a aforrar un bo número de mortes e enfermidades entre outros nenos.

#Ciencia e tecnoloxía#Escepticismo#Literatura#Roald Dahl#Vacinas

31/01/2018 by marioregueira

Os mellores libros de 2017

Non quería deixar de acabar xaneiro sen deixar unha nota sobre os que considero os mellores libros do pasado ano en lingua galega. Como digo sempre, hai moitos outros e é unha lista caracterizada por ser persoal e, por tanto, inxusta en moitos aspectos. Este ano, ademais, fun consciente de como seguir as propias regras destas seleccións trae tamén outras inxustizas, dous dos libros que levaban semanas na miña mente como os máis destacados do meu pasado ano lector resultaron estar editados a finais de 2016. Se cadra isto me dea para pensar en como, máis que de libros do ano, debamos falar de libros dun curso literario que coincide máis ou menos cos clásicos cursos escolares, cun verán lector polo medio. Se cadra decida trasladar esta lista a comezos de xuño ou finais de setembro. Polo momento, aquí están as propostas que eu destacaría deste pasado 2017.

Limiar de conciencia, de Cris Pavón (Urco Editora)

Pode un libro auto-editado na rede hai máis de catro anos destacar como unha das propostas de 2017? Hai tempo que acredito na capacidade de Cris Pavón para trazar camiños orixinais na narrativa galega, xestionando referencias ben complexas e orixinais. Se cadra Limiar de conciencia sexa o produto máis logrado disto, un auténtico asalto á narrativa convencional, cunha trama que alén do seu xogo de bonecas rusas, inclúe elementos como a linguaxe informática ou as intelixencias artificiais que seguen aparecendo como animais exóticos nos mundos que habitualmente transita a narrativa nacional. Lembrarei 2017 como un ano cheo de boas novelas pero das que ningunha conseguiu sorprenderme ou tocarme, polo menos non como o fixera esta xa no seu momento. Se cadra pola súa capacidade de que ese momento seu continúe sendo agora.

Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora)

Lupe Gómez tería a etiqueta de clásico das nosas letras se non manifestase a vitalidade e as boas artes que aparecen en libros coma este. Ou dito doutra forma, Lupe Gómez non pode ser un clásico porque os clásicos non acostuman estar tan vivos nin seguir construíndo obras dunha orixinalidade sen paliativos. Camuflaxe pasará por ser o mellor libro da autora, o máis logrado dun proxecto poético que nos deixara marcas como unha lategada, pero que nunca chegara a ofrecernos un fondo tan claro, a noción de que o tema transcende unha forma poética arriscada. Un tema que fala da memoria e da perda, pero que tamén supón todo un tratado sobre as relacións entre o rural e o urbano e todo un berro de rabia contra a extinción.

Terra, de Xurxo Mariño (Xerais)

Hai algo en Xurxo Mariño que evoca un personaxe doutro tempo. A propia idea de facer unha viaxe arredor do mundo, por exemplo, pero tamén a crenza de que, nun mundo interconectado e no que a información flúe cunha facilidade inédita para o ser humano, segue pagando a pena realizar esa travesía e ir contando as distintas anécdotas e aprendizaxes que unha experiencia así ofrece. Terra é un froito inesperado a medio camiño entre a literatura de viaxes e a divulgación científica. Xurxo Mariño destacaba como divulgador no campo da neurociencia. Nesta obra o protagonismo oscila entre a bioloxía e a xeoloxía, sen esquecer a perspectiva sociolóxica e antropolóxica, o aspecto emotivo e mesmo o político, nunha viaxe que acontece cun principio tan poético como o de perseguir o verán polo globo. Sen dúbida un libro único e unha experiencia inimitábel.

A señorita Bubble, de Ledicia Costas (Xerais)

Incorporando á triada clásica de xéneros a chamada literatura infantil e xuvenil, este ano quero destacar a máis nova obra de Ledicia Costas. Tal e como mencionamos nalgún lugar, hai un pouso moi ben levado dos universos de Roald Dahl, capaces de conxugar o divertido co tétrico, apostando sempre pola intelixencia dun público novo. O estilo non é novo, nin sequera na obra da autora, e porén hai algo que fai a señorita Bubble un personaxe inesquecíbel. Probabelmente a forma de representar unha heroína en loita contra a sociedade e capaz de empregar a ciencia e a tecnoloxía ao seu favor. Elementos todos tan necesarios como poucas veces vistos na nosa literatura.

#2017#Chan da Pólvora#Cris Pavón#Crítica#Ledicia Costas#Literatura#Lupe Gómez#Urco Editora#Xerais#Xurxo Mariño

13/09/2017 by marioregueira

Adeus, Xohana

Na miña promoción de filoloxía galega acompañamos ese cadro terríbel chamado orla cuns versos de Xohana Torres. Pero eu non beberei da xerra do silenzo. Poderían ser outros, na cultura popular galega continúa presente o Eu tamén navegar da Penélope que se revolve contra o seu destino de tecedeira. Un dos poucos casos nos que podemos lembrar inmediatamente unha cita coa simple mención da súa autora e posibelmente un dos versos máis citados e retorcidos na literatura galega de todos os tempos (tamén, si, en Tanxerina).

Xohana Torres soubo estar presente en cada momento determinante da poesía galega. Foi poeta dos cincuenta cando ser poeta e muller non era cuestión doada. Participou do renacemento poético dos oitenta e fixo de precursora dos noventa, cunha obra que acompañaba a revolta literaria das xeracións máis novas, que non dubidaron en considerala como unha máis. E falou de Ferrol, corazón de navío, cando Ferrol parecía expulsado para sempre das paisaxes da poesía galega. A autora soubo medir os ritmos literarios galegos dunha forma practicamente inédita, e conseguiu ser sempre contemporánea, que é aquilo que se di habitualmente dos clásicos. E non só na poesía. O seu papel de precursora aparece tamén na literatura dramática, na inesquecíbel Adiós, María!, parte da escasa narrativa de autoría feminina do seu tempo e capaz de colocar as cidades e o seu proletariado migrante nunha literatura galega ancorada aínda no imaxinario rural.

Precisamente por esta consonancia cos tempos é que resulta doado imaxinar como foi a Xohana Torres que iniciou a súa carreira na Galiza da posguerra. Polo medio dos tomos de correspondencia e das biografías aparece de vez en cando a súa imaxe. Convidada cabaleirosamente por Otero Pedrayo tras un recital en Santiago, mencionada como amiga que sofre coitas de amor, como a alumna espelida de Carvalho Calero que agora aborda unha carreira literaria, como a muller que, polo seu predeterminado instinto maternal debe comezar a escribir literatura infantil. A moza illada no norte, envolta en misterios e silencios que non pedira e que probabelmente tampouco exerceu de forma voluntaria. Máis rapaza que muller e, polo feito de selo, coa sombra inmensa de Rosalía de Castro proxectada a miúdo tras ela.

E porén, máis aló do paternalismo e dos condicionantes, do camiño cheo de boas intencións que non leva a ningures, Xohana Torres navegou. Se cadra sexa isto o mellor do seu legado. Que foi capaz de sobrepoñerse a un mundo de homes anquilosados en prácticas sociais que xa eran vellas cando naceron, que soubo ensinarnos que a mocidade é unha tarefa diaria, que soubo dialogar cos elementos novos que traían os tempos. E con nós, as persoas que chegamos despois.

Boa viaxe, Xohana, navegaremos por ti.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Literatura#Literatura de posguerra#Xohana Torres

11/07/2017 by marioregueira

Oposicións, santuarios e violencia

Mozas de Georgia lendo a Faulkner no caloroso verán de 1971, Philip Bouchard (CC BY-NC-ND 2.0)

Lin Santuario con dezaseis ou dezasete anos e posiblemente por iso non o esquecerei nunca. Sen relelo nin unha soa vez, teño vívida a memoria do seu estilo, do ambiente rural opresivo e da violencia que describe. Elementos que descubriría anos despois na narrativa galega da posguerra, no noso caso artelladas para sortear a censura política e filtrar unha mensaxe que non podía facerse de forma máis evidente. Describir un universo mesto, onde as persoas se impoñen unhas a outras pola forza, e que esvara cara ao bizarro e o marxinal, producindo unha sensación de fonda estrañeza nas persoas lectoras, serve para facer un reflexo da sociedade norteamericana dos anos do crack. A estratexia tamén servía para representar, en liñas similares, a sociedade do franquismo, coincidente en moito con ese retrato. Nos dous casos había un pouso de denuncia social indirecta, cun matiz necesario no caso do Estado español, onde non había posibilidade algunha de formular unha denuncia patente.

Pregúntome como é posíbel que, anos despois, unha parte da sociedade crítica da Galiza apoie as protestas pola escolla dun texto desta obra para as probas das oposicións. Son consciente de que Faulkner pode representar unha opción particularmente difícil, que traballar cun hipotético alumnado sobre violencia e sexualidade tamén é un exercicio complexo, e que seguramente hai motivos suficientes para indignarse nun proceso de oposicións que representa en si mesmo unha pequena tortura. E porén o que indican a maior parte das protestas non é nada diso, senón que o texto escollido describe un acto de violencia sexual.

Non comparto a maior parte das críticas que se fixeron neste sentido, nin sequera as de persoas coas que habitualmente estou de acordo. Así, comparto con Susana na necesidade de mover os marcos, da mesma forma que penso que os novos marcos non os constrúe a escolla dun tribunal de oposicións e que máis responsabilidade teñen este tipo de reaccións no seu futuro, que deixan unha imaxe máis confusa que politizada, tamén nos camiños que as futuras autoras teñen que percorrer.

Rexeitar un texto porque describe unha violación, falar de “deleite” nun acto descrito como forma de representar e denunciar unha violencia social na que as mulleres son as primeiras vítimas, supón confundir narración con apoloxía, algo que non se agardaría de persoas responsábeis da formación de outras. E por suposto máis aínda consideralo parte do canon da cultura da violación, do que forma parte tanto como poderían facelo as violacións que describen Margaret Atwood ou Eduardo Blanco Amor, que probabelmente non merecerían nin unha mínima parte destas reaccións.

Toda unha vida de escrita para que te poñan mirando un aparcamento – Visit Mississippi CC BY-ND 2.0

O acontecido non deixa de lembrarme certos fenómenos que acontecen no ensino universitario ou na literatura galega. O rebaixamento do nivel educativo para ofrecelo a gusto do consumidor, que pasa por evitar ao alumnado calquera tipo de frustración ou conflito deste tipo, por exemplo, unha tendencia á alza no contexto europeo. Pensar que pode haber superviventes da violencia sexual entre as persoas examinadas é relevante, sen dúbida, pero tamén abre o camiño a evitar outro tipo de textos a vítimas doutro tipo de violencias e experiencias traumáticas. Tamén a presupoñer que unha persoa, polo feito de ser supervivente da violencia sexual, fica eivada á hora de analizar os discursos que se realizan sobre ela, mesmo cando estes funcionan na súa contra ou destacan o seu papel nas relacións de poder, colocándose fóra das dinámicas habituais do patriarcado. Se algo facemos desde a filoloxía é estudar discursos e sabemos (ou deberamos saber) como se constrúen e que elementos empregan. E sen dúbida, onde non hai conflito, non hai discurso. Non se pode falar contra a violencia desde a literatura sen mencionar e describir a violencia. Pódense, iso si, facer panfletos.

Isto faime pensar tamén unha liña preocupante dentro da literatura galega contemporánea. A necesidade de estabelecer discursos unívocos e maniqueos, onde as persoas boas son boísimas e ideoloxicamente perfectas e as malas, malas de telenovela. E onde calquera alusión á zona escura do ser humano vai acompañada dun prego de descargo onde a voz autorial deixa perfectamente claro que condena o que alí (en xeral asepticamente) conta. Unha forma de empobrecer o discurso e de renunciar a outras estratexias que non sexan mastigar minuciosamente ao lectorado ideas xustas. Tan xustas que merecerían formulacións literarias menos pobres ca aquelas coas que habitualmente son tratadas. Despois virán as sorpresas e as dificultades para identificar o inimigo. Como me dixo unha amiga miña, opositora de galego, sobre este tema:

– O que me amola é que todo o mundo proteste polo de Faulkner e ninguén diga nada de que en galego nos puxeron un poema de Noriega Varela. Iso si que é violencia.

#Activismo e resistencia#Feminsmo#Literatura#Oposicións 2017#William Faulkner

12/02/2017 by marioregueira

Aeroporto Rosalía de Castro

En Liverpool non hai un Auditorio John Lennon, pero si hai un aeroporto. No Rio de Janeiro un dos dous, o antigo Galeão, está dedicado Antonio Carlos Jobim, que o mencionaba en Samba do Avião e que, segundo parece, tiña ademais medo a voar (o outro está dedicado ao pioneiro da aviación Santos-Dumont, para compensar). Os criterios que empregan os países para estas cousas son sempre ambiguos. Teño a sensación de que a maioría das veces é unha mestura de atracción turística e de honra menor e que en moitas ocasións póñense nomes a aeroportos que nunca levarían outras cousas máis importantes. Outras veces a política é non tocar os topónimos orixinais para non facela peor. Seguramente a miña opción favorita.

Adaptada de Above Us Only Sky de Martjin Van Es – CC BY-NC-SA 2.0

Non me opoño, contodo, a que Rosalía de Castro dea nome ao aeroporto de Compostela, simplemente pregúntome se foi un movemento intelixente. O principal argumento que escoito di que Rosalía vai dar a benvida a milleiros de visitantes de todo o mundo. Na miña última visita a Edimburgo, chegando á estación de tren de Waverley fun consciente por primeira vez que estaba nomeada en honra a unha novela (e ciclo narrativo) de Walter Scott. As citas do autor, que ten na cidade o maior monumento nunca dedicado a un escritor, daban a benvida a quen viaxaba sen que ninguén tivese a idea xenial de marcalo nun epónimo. En certo sentido, a relación entre Edimburgo e o seu fillo Walter Scott é tan intensa que certas cousas están a máis. Será que Compostela fracasou á hora de marcar a súa relación coa poeta romántica até o punto de ter que estampar o seu nome na porta de entrada?

Edimburg from Scott Monument, Oliver-Bonjoch, CC BY-SA 3.0

Persoalmente creo que hai homenaxes moito máis acaídas e que non precisarían do visto bo do Ministerio español de Fomento. Sen entrar nas múltiples referencias rosalianas que hai na propia cidade, estou seguro que mesmo cousas como asegurar o emprego do galego por parte das compañías aéreas ou a disponibilidade de literatura na nosa lingua na terminal están moito máis no espírito de Rosalía que a simple adopción dun novo nome para Lavacolla. Tamén son moito máis difíciles e requiren dun traballo constante, claro.
Unha segunda cuestión é en que medida a memoria de Rosalía, sen ningunha relación estreita con Lavacolla nin coa aviación, pode servir para ocultar outros elementos históricos.
Eu tiña unha proposta clara, sen ningunha relación con Lavacolla: o único aviador galeguista que tivemos, Elixio Rodríguez, de quen o país galego precisaría unha pouca da súa sorte emprestada. Porén, fóra da miña aposta persoal, hai outra aínda menos evidente que porén apela a unha relación íntima co propio aeroporto. Pasaría por reivindicar o seu pasado como campo de concentración franquista. Aínda que se fixeron homenaxes, e hai algunha placa, sempre lonxe da vista das pasaxes e do turismo, é preocupante que moita xente descoñeza que o tal aeroporto foi construído con man de obra escrava de prisioneiros da Guerra Civil Española.

Insignia de piloto, República española, Pla – CC BY-SA 3.0

Supoño que un nome como Aeroporto Internacional Antifascistas de Lavacolla está fóra do debate, reabre vellas feridas que unha autora, galega e española como Rosalía está lonxe de poder tocar. Tamén quedaría mal á hora de mercar souvenirs nalgunha das tendas, que seguro sairán gañando ao representar a efixie da poeta. A fin de contas, máis que do seu legado ético e literario, este pobo é herdeiro do vello costume de facer de Rosalía unha feira.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Guerra Civil española#Lavacolla#Literatura#Rosalía de Castro#Santiago de Compostela
1 2 3 6

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies