07/12/2017 by marioregueira

Rosalía de Castro e o poder sexual, de María Xosé Queizán

Rosalía de Castro e o poder sexual
María Xosé Queizán
Xerais / 2017 / 152 páxinas / 17 euros
Para completistas

A potencialidade da figura rosaliana queda manifesta ao ver as tentativas de apropiación sobre a súa obra que viñeron dos máis insospeitados ámbitos políticos. Desde a súa redución á lírica sentimental que elaborou o franquismo até a falsa reivindicación da súa resistencia como escritora en castelán ante o galeguismo que algúns herdeiros da ditadura ensaiaron non hai tanto. Mesmo dentro da propia cultura galega, a súa diversidade interpretativa produciu situacións inexplicábeis, como a tentativa de erradicar o seu xénero da interpretación crítica por parte de Carvalho Calero e outros críticos galaxianos.
Se en ocasións Rosalía de Castro foi un campo de batalla,as guerras que se deron sobre ela están lonxe de rematar. Por iso tamén é posíbel abordar aínda puntos de vista innovadores sobre ela. Por unha banda a crítica feminista contemporánea tense achegado á visión empoderadora e de liberación da poeta, pero hai que recoñecer que poucas veces aludindo de forma tan directa a un elemento como o “poder sexual”, co que MaríaXosé Queizán inicia o libro.
A visión dunha Rosalía consciente do equilibrio reinante na sociedade patriarcal afloraría en moitas partes da súa obra.Especialmente suxestiva é a perspectiva que Queizán dá sobre un elemento como a“sedución” e o sometemento das mulleres polo desexo sexual, considerado un dos piares do patriarcado. Elementos como o “repoludo gaiteiro”, construcións como “dádeme un home, anque me mate, anque me esfole”, así como desenvolvementos na obra narrativa rosaliana, forman parte, segundo Queizán, dunha expresión clarividente desta cuestión. Conectada con isto estaría a visión desenganada que a poeta ten do amor, e que orixina tamén a persecución por parte dunha sociedade á que adianta ideoloxicamente. Despois deste inicio, porén, as distintas partes da obra vanse achegando cada vez máis a un diálogo coa crítica feminista da que a autora fai parte. Aínda que nunca está de máis achegarse ao que o feminismo dixo sobre a xénero e xustiza respecto de Rosalía, o contido vai perdendo en orixinalidade e achegándose a certos puntos comúns.
O título da obra é tan promisorio como falto de resolución definitiva fica o seu contido. É certo que María Xosé Queizán alumea zonas escurecidas da figura rosaliana e que o fai desde unha perspectiva valente e conectada cunha visión feminista en boa medida ausente das lecturas tradicionais. Mesmo así, a sensación final é a de estar ante un libro de retallos, con ideas que quedan sen desenvolver. Non axuda a ruptura do criterio organizador, que a partir do último terzo da obra engade poemas de conexión rosaliana e un par de relatos da autora. Material interesante para completistas da obra de Queizán pero que pouco ou nada achega ao ensaio nin ás súas suxestivas ideas principais.

Sermos Galiza 275, 7 de decembro de 2017, Foradeserie, px. 6

#2017#ensaio#María Xosé Queizán#Rosalía de Castro#Sermos Galiza#Xerais

12/02/2017 by marioregueira

Aeroporto Rosalía de Castro

En Liverpool non hai un Auditorio John Lennon, pero si hai un aeroporto. No Rio de Janeiro un dos dous, o antigo Galeão, está dedicado Antonio Carlos Jobim, que o mencionaba en Samba do Avião e que, segundo parece, tiña ademais medo a voar (o outro está dedicado ao pioneiro da aviación Santos-Dumont, para compensar). Os criterios que empregan os países para estas cousas son sempre ambiguos. Teño a sensación de que a maioría das veces é unha mestura de atracción turística e de honra menor e que en moitas ocasións póñense nomes a aeroportos que nunca levarían outras cousas máis importantes. Outras veces a política é non tocar os topónimos orixinais para non facela peor. Seguramente a miña opción favorita.

Adaptada de Above Us Only Sky de Martjin Van Es – CC BY-NC-SA 2.0

Non me opoño, contodo, a que Rosalía de Castro dea nome ao aeroporto de Compostela, simplemente pregúntome se foi un movemento intelixente. O principal argumento que escoito di que Rosalía vai dar a benvida a milleiros de visitantes de todo o mundo. Na miña última visita a Edimburgo, chegando á estación de tren de Waverley fun consciente por primeira vez que estaba nomeada en honra a unha novela (e ciclo narrativo) de Walter Scott. As citas do autor, que ten na cidade o maior monumento nunca dedicado a un escritor, daban a benvida a quen viaxaba sen que ninguén tivese a idea xenial de marcalo nun epónimo. En certo sentido, a relación entre Edimburgo e o seu fillo Walter Scott é tan intensa que certas cousas están a máis. Será que Compostela fracasou á hora de marcar a súa relación coa poeta romántica até o punto de ter que estampar o seu nome na porta de entrada?

Edimburg from Scott Monument, Oliver-Bonjoch, CC BY-SA 3.0

Persoalmente creo que hai homenaxes moito máis acaídas e que non precisarían do visto bo do Ministerio español de Fomento. Sen entrar nas múltiples referencias rosalianas que hai na propia cidade, estou seguro que mesmo cousas como asegurar o emprego do galego por parte das compañías aéreas ou a disponibilidade de literatura na nosa lingua na terminal están moito máis no espírito de Rosalía que a simple adopción dun novo nome para Lavacolla. Tamén son moito máis difíciles e requiren dun traballo constante, claro.
Unha segunda cuestión é en que medida a memoria de Rosalía, sen ningunha relación estreita con Lavacolla nin coa aviación, pode servir para ocultar outros elementos históricos.
Eu tiña unha proposta clara, sen ningunha relación con Lavacolla: o único aviador galeguista que tivemos, Elixio Rodríguez, de quen o país galego precisaría unha pouca da súa sorte emprestada. Porén, fóra da miña aposta persoal, hai outra aínda menos evidente que porén apela a unha relación íntima co propio aeroporto. Pasaría por reivindicar o seu pasado como campo de concentración franquista. Aínda que se fixeron homenaxes, e hai algunha placa, sempre lonxe da vista das pasaxes e do turismo, é preocupante que moita xente descoñeza que o tal aeroporto foi construído con man de obra escrava de prisioneiros da Guerra Civil Española.

Insignia de piloto, República española, Pla – CC BY-SA 3.0

Supoño que un nome como Aeroporto Internacional Antifascistas de Lavacolla está fóra do debate, reabre vellas feridas que unha autora, galega e española como Rosalía está lonxe de poder tocar. Tamén quedaría mal á hora de mercar souvenirs nalgunha das tendas, que seguro sairán gañando ao representar a efixie da poeta. A fin de contas, máis que do seu legado ético e literario, este pobo é herdeiro do vello costume de facer de Rosalía unha feira.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Guerra Civil española#Lavacolla#Literatura#Rosalía de Castro#Santiago de Compostela

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies