20/08/2026 by marioregueira

Arde unha biblioteca

Foz en xaneiro de 2025, cortesía de Ângelo Pineda.

Non sabería dicir cando me presentaron a Foz. Probabelmente foi algo que nunca aconteceu, pasamos a recoñecernos, saudarnos e intercambiar algunhas palabras co paso dos anos por habitarmos un espazo social común, a medio camiño entre o físico e o virtual. Sorpréndeme facer memoria e pensar no poucos que foron realmente eses encontros e a afabilidade que sempre manifestou pola súa parte. Penso que era unha simpatía mutua en vías de extinción: persoas que se encontraron nos libros e saben, mesmo téndose tratado pouco, que forman parte dun mesmo colectivo con intereses, desexos e decepcións similares. Lembro a súa lectura entusiasta da miña tese, citábao nela por unha cuestión cronolóxica case menor, pero nese acto había tamén un recoñecemento á súa paixón polo rexistro dos feitos. Se cadra por iso sempre recordarei os seus consellos sobre priorizar sempre a documentación por riba da memoria traizoeira. El mesmo sabíase tocado por esa cuestión. Hai uns anos recibira unha mensaxe del, viña de ler a miña novela L’affiche rouge e preguntábase como tardara tanto en ler algo que entrelazaba desa forma coa súa propia biografía. Entendía perfectamente esa sensación, aínda que a trama falase máis da seguinte xeración, o personaxe do emigrado na Bretaña que acaba perseguido nunha trama política mencionaba explicitamente a Carta de Brest, na que el mesmo participara. A última vez que coincidimos, de feito, aludiu novamente a esa novela con título de canción francesa: “Teño moitas ganas de lela”. Recordeille, para a súa sorpresa, que xa o fixera, e que mesmo chegara a escribirme. A memoria é traizoeira, moito máis cando rondas os oitenta, pero este tipo de lapsus falan en positivo e explican, desde a consciencia, eses longos e detallados libros, tarefas titánicas nas que cada recordo vai apuntalado pola documentación de forma case obsesiva. Falan tamén, para min, da xenerosidade, a mesma pola que me enviaba algunha desas obras rematadas moito antes de saber se encontrarían editor. Esa pola que me encargaba traballos que parecían máis unha loanza que un deber: “chámote porque es o único que pode facer isto”.

Di o vello proverbio que cando morre alguén de idade é como se ardese unha biblioteca. Non só polos recordos, de feito pode que os recordos sexan só un dos elementos que perdemos, e nin sequera o máis importante. Arde un lugar de encontro e de seguridade, un espazo no que aprender e recoñecernos e prestarnos esa simpatía cotiá. Boa viaxe, Foz.

#Cotidiano

20/06/2026 by marioregueira

Saxophone Colossus


Sonny Rollins no episodio Whiskey Business de Os Simpsons
Sonny Rollins en «Whiskey Business»
Os Simpsons, T24 ep. 19 (2013).
Fonte: Wikisimpsons.
© 20th Century Fox / Disney.

Descubro, nunha necrolóxica tardía do Sermos Galiza, que morreu Sonny Rollins. A sensación é dun abraio profundo que recoñezo doutros abraios previos. Pero Sonny Rollins seguía vivo? Eran as preguntas que nos facíamos a comezos dos dous mil cando viaxabamos por Europa.

Recordo o meu pasmo ante un cartel nunha avenida de Roma, no verán de 2003, tratando de desentrañar se era unha homenaxe ou se realmente esa figura que, na miña cabeza, aparecía sempre ao lado de figuras fantasmais como Charlie Parker, John Coltrane, Thelonious Monk ou Miles Davis, puidera esquivar a morte e seguía tocando o saxo polo mundo adiante. E si, conseguírao. E eu mesmo non tardei moito en poder comprobalo.

Estes días todo o mundo recorda o concerto de Barcelona de 2010, a única vez que vin a Sonny ao vivo, a única vez que puiden asomarme a algo que só coñecera por discos gravados, moitos deles con outros semi-deuses, algúns asinados en solitario e datados antes do nacemento dos meus pais. Recordo un home amábel e vibrante, de cabelo branquísimo e para o que moverse suxeitando o instrumento ou levantar os brazos comezaban a ser retos que se negaba a deixar de intentar. Trataba de conectar cun público que recordo entre frío e impostado.

Hai algo de entomolóxico en ir ver tocar unha persoa de oitenta anos na que, di, vai ser a seu última xira. Hai algo semellante a riscar un deber, a asomarse á Historia con maiúsculas que, moi poucas veces, ten a oportunidade de se confundir coa nosa propia historia. Notei esa falta de conexión esa noite, impresionado aínda polo prezo das entradas e pola sospeita de esnobismo dunha Barcelona que ía mostrando pouco a pouco todas as súas caras. Pero, en fin, eu estaba na cidade por un longo affaire cunha saxofonista, así que non tiña escusa para non estar alí, botando un ollo a un mundo que sabía que non me podería permitir e a unha parte do meu pasado, cando Saxophone Colossus era un dos discos que acompañaba o café de media noite, o que daba o impulso para seguir estudando ou escribindo.

Trato sempre de non falar desde o desexo falso que incorpora a nostalxia, por máis que unha necrolóxica non sexa axeitada para iso. Lembro un tempo no que escoitabamos jazz fascinados pola súa complexidade, polas súas raíces nos desposuídos e na loita social. Se cadra xa no 2010 Sonny Rollins era un síntoma de como esa tendencia camiñaba cara ao ocaso. Eu, por se acaso, farei tocar de novo esta noite a súa música, invocarei as fantasmas dos que sobreviviron o gueto e a heroína, dos que erguían os brazos con esforzo mentres tanta xente os daban xa por mortos.

Sonny Rollins en concerto. Fonte: YouTube.
#Cotidiano#jazz#Música

25/04/2026 by marioregueira

Da Coruña

Cando finalmente marchamos daquela casa, quedaban varias marcas rectangulares na parede, alí onde estiveran, durante máis de trinta anos, os meus pósters de adolescencia. Un deles era este, aínda que axiña foi acompañado por outro máis recente, e aínda apareceu un novo dun coñecido guerrilleiro ao seu lado. Pero mantívose porque servía para recordar de onde viñera a alegría, gustábame identificar na modestia daquel plantel do ascenso as figuras que anos despois, e de forma completamente inesperada, conseguiran gañar títulos e plantar cara a clubes históricos do continente. Xugoeslavos que viran o seu país esfarelarse naqueles mesmos anos, galegos de Ribeira saídos de campos de lama, vascos de nomes imposíbeis. Moito antes dos brasileiros e dos internacionais e abrindo a porta a unha época inesquecíbel para o fútbol galego. Un equipo de abaixo capaz de facer tremer os de arriba. A metáfora perfecta para un rapaz de extrarradio.

A miña paixón viviu altibaixos durante os anos seguintes. Confeso que asistín con paixón á noite do penalty falido e a tarde do primeiro título para o fútbol galego. Tamén que a primeira liga me colleu indiferente, por máis que brindase (desde a cafetería dunha biblioteca en época de exames) ao día seguinte, ese onde moitos dos meus camaradas mal se recuperaban dunha resaca lexendaria. Volvín nos anos maus, porque aquí estamos para sofrer e porque estar cos que gañan é moi fácil e diría que mesmo un pouco de mediocres. Tamén porque serve para lembrar aquilo que aprendemos contra o Aston Villa de que todo desprezo á cultura popular non é máis que un desprezo á cultura das clases populares.

Non nego as contradicións, este foi o primeiro equipo que ergueu a bandeira contemporánea da Galiza no seu escudo. Aquel no que xogou o Bebel García que aparecía nos soños de Eduardo Galeano e aínda sae ás veces nos nosos. O que facía ao guerrilleiro Foucellas xogar a vida para poder cantar os seus goles vestido de monxa desde a bancada. O mesmo no que Paul Heaton presentiu, como un vidente das periferias atlánticas, unha historia chea de lama e de gloria redentora. Que o nome propio e popular da Coruña seguise ausente do escudo e do nome era un anacronismo, unha inxustiza persistente contra os seus seareiros.

Un día contaremos estas fendas desde a ollada de Marco ou de Menino Morreu, dos xogadores LGBTQ, do fútbol feminino, do antirracismo e dos equipos de base, do odio eterno ao fútbol moderno. Pero estes días o adolescente que fun sae a celebrar esta vitoria como se fose un novo título. Se cadra porque chega das mans doutros adolescentes que hoxe son, da rapazada de #aquitamensefala, á que sempre agradeceremos deixarnos pisar uns segundos ese pedazo de herba no que xogaron tan bonito.

#Cotidiano#futbol#Galiza#Lingua

10/09/2020 by marioregueira

O carballo e o suicida

Aquel era o carballo favorito do meu avó. Lembrábao da infancia e quedáballe diante da casa, acomodándose coa paisaxe. Até o día no que espertou e viu unha sombra estraña na ramaxe. O fillo dos veciños pendurárase del. Era un rapaz nese arco de idade do que falou hoxe A Raíña Vermella. Meu avó fixo o que tiña que facer: avisou á familia e ás autoridades.

Días despois, a nai do rapaz presentouse na porta da casa da miña familia. Pasaban a diario por diante e caíalles a alma aos pés cada vez que vían a árbore. Pediulle ao meu avó que o cortase e el, que sempre foi un bo home, asentiu sen máis. Meu avó xuraba poucas veces, pero estou seguro que esa foi unha delas. Xurar non é insultar, insúltase aos outros, pero xúrase contra divindade, contra o destino, contra a mala sorte que inza o país. Resmungando polo baixo pediu unha motoserra e ese mesmo día deu cabo da árbore que desapareceu para sempre da paisaxe cotiá da familia. Non se podía facer outra cousa.

Non foi o único caso que atopei na vida, sei máis dos que me gustaría de xente no rural que acaba pendurada en carballos ou nos celeiros. Pero a sociedade galega non é só o rural, e na cidade na que pasei a mocidade tamén era relativamente frecuente saber de compañeir@s de instituto que non regresarían máis, de xente que saltaba dos edificios máis altos ou de persoas que camiñaban dentro do mar até que este as levaba. Lonxe do tópico de revólver e tempa, sempre me sorprendeu o cotián que era matarse no meu país e como as reaccións estaban incribelmente adaptadas ao tabú. Fálase o xusto do tema e, alí onde se pode, acaban por borrarse os seus rastros.

Poderíamos falar moito do outro extremo, a romantización dos suicidas que tanto afecta a eidos como a literatura e as artes. Se pensamos que a obra de alguén é mellor ou máis interesante porque se matou, seguramente temos un problema de percepción artística e de xuízo crítico. Porén, por agora, o que afecta ao noso país e a unha parte moi concreta da nosa sociedade é o tabú. Hai percorrido antes de chegar ao suicidio, pasa polos investimentos en saúde e por un enfoque que analice en clave social e antropolóxica o que acontece. Seguir negando que é un problema social galego, continuar a achicar a sanidade pública e desprezar as vertentes que se ocupan da saúde mental e o ánimo das persoas é un camiño que só leva a que este drama invisíbel se enquiste e continúe a medrar nos abondosos silencios do país.

Nunca está ben cortar un carballo, polo menos tratemos de non facelo porque un rapaz decidiu que as súas fortes ramas aguantarían ben do peso do seu pescozo.

#Ciencia e tecnoloxía#Cotidiano#Día Mundial para a Prevención do Suicidio#Saúde mental#Suicidio

02/03/2020 by marioregueira

As chamadas

A noite pasada soñei con ela. Hai moitas historias onde os protagonistas viven cercados polo peso normativo das súas familias. Pero creo que son moitas as familias galegas nas que ese peso non ten unha forma explícita, iso non quere dicir que non exista, máis ben que é algo do que non se fala. Se algo me deixa a lembranza dos meus avós son as intrincadas formas que esa comunicación podía chegar a tomar. Unha vez, sentado no salón co meu avó, pouco antes de xantar un día de patrón, comezou a contarme historias do seu traballo, das viaxes que tivera que facer. Eu acababa de regresar dunha das miñas longas ausencias do país e puxemos en común o noso mapa, as nosas impresións sobre os mesmos lugares, con máis de cincuenta anos de distancia. Nun momento parou e cravou os ollos en min. “Sabes? Eu non lle teño medo á morte. Pero teño moito medo de sofrer”. Aínda hoxe non sei que mecanismo se lle moveu dentro. Sei que pouco despois comezou a perder os recordos e non tardaría en mirarme con desconcerto. “Como vai ser Mario este home de barbas. Mario é un neno loiro que levo a correr polo campo”. E sempre penso naquel día como se fose unha última chamada de auxilio. Porque neste país as cousas non se contan, a non ser que esteamos a piques de perdelas para sempre.

A miña avoa chamábame unha vez ao ano. Podía morrer alguén da familia que nunca recibiría outra chamada que non fose esa dende ese número. Día 2 de marzo, xeralmente contra o mediodía. Recoñezo que de pequeno, e aínda de adolescente, recibía o son do teléfono cunha mestura de fastío e cansazo. Que me vai contar xente coa que só falo de parvadas os días de patrón? Porén, acabei colléndolle o gusto a falar con ela, era algo que ía parello á recuperación paulatina da miña propia lingua. Tamén me acabei decatando de que, se eu non sabía falar por teléfono, ela tampouco, así que todo se convertía nun xogo. Preguntáballe polo avó, por se a fixera rabear, pola comida que ía facer ese día ou se aínda duraba a desas perolas que preparaba para rexementos invasores que nunca chegaban. A miña avoa foi unha descuberta tardía, pero gozosa. Víaa mirándome cun orgullo silencioso cando entraba pola porta falando galego. Ría coas súas brincadeiras picantes, unha mostra de inconformismo que daquela non podería entender como hoxe fago. Estremecíame cando contaba como marchara da escola (ela e meu avó desertaron moi cedo) despois de pelexar cunha das “señoritas” que falaban “castellano”. Lembro que un día me decatei de que tiña os ollos verdes, dun verde escuro e rebelde, como o dun lameiro ou o dunha pedra que nunca chegaría a ser preciosa. Un verde extinguido xeneticamente, pero que aínda hoxe non podo deixar de relacionar cos ollos claros dos humildes, os que nunca chegaremos a estrelas de cinema.

Hai anos que non recibo chamadas dese número. Igual debería chamar, como di René, e contar que quero volver, que é verdade que as patacas de “Santiágho” non son como as de aló e que quero marchar outra vez co carro cangado de caixas e caixas. Hoxe tampouco falei con ela, pero na véspera, como se soubese, apareceu nos meus soños para dicir co seu galego con gheada que feliz aniversario, que tiña que dicilo este día, neste país onde non se falan as cousas.

#Cotidiano#Memoria

12/02/2017 by marioregueira

Aeroporto Rosalía de Castro

En Liverpool non hai un Auditorio John Lennon, pero si hai un aeroporto. No Rio de Janeiro un dos dous, o antigo Galeão, está dedicado Antonio Carlos Jobim, que o mencionaba en Samba do Avião e que, segundo parece, tiña ademais medo a voar (o outro está dedicado ao pioneiro da aviación Santos-Dumont, para compensar). Os criterios que empregan os países para estas cousas son sempre ambiguos. Teño a sensación de que a maioría das veces é unha mestura de atracción turística e de honra menor e que en moitas ocasións póñense nomes a aeroportos que nunca levarían outras cousas máis importantes. Outras veces a política é non tocar os topónimos orixinais para non facela peor. Seguramente a miña opción favorita.

Adaptada de Above Us Only Sky de Martjin Van Es – CC BY-NC-SA 2.0

Non me opoño, contodo, a que Rosalía de Castro dea nome ao aeroporto de Compostela, simplemente pregúntome se foi un movemento intelixente. O principal argumento que escoito di que Rosalía vai dar a benvida a milleiros de visitantes de todo o mundo. Na miña última visita a Edimburgo, chegando á estación de tren de Waverley fun consciente por primeira vez que estaba nomeada en honra a unha novela (e ciclo narrativo) de Walter Scott. As citas do autor, que ten na cidade o maior monumento nunca dedicado a un escritor, daban a benvida a quen viaxaba sen que ninguén tivese a idea xenial de marcalo nun epónimo. En certo sentido, a relación entre Edimburgo e o seu fillo Walter Scott é tan intensa que certas cousas están a máis. Será que Compostela fracasou á hora de marcar a súa relación coa poeta romántica até o punto de ter que estampar o seu nome na porta de entrada?

Edimburg from Scott Monument, Oliver-Bonjoch, CC BY-SA 3.0

Persoalmente creo que hai homenaxes moito máis acaídas e que non precisarían do visto bo do Ministerio español de Fomento. Sen entrar nas múltiples referencias rosalianas que hai na propia cidade, estou seguro que mesmo cousas como asegurar o emprego do galego por parte das compañías aéreas ou a disponibilidade de literatura na nosa lingua na terminal están moito máis no espírito de Rosalía que a simple adopción dun novo nome para Lavacolla. Tamén son moito máis difíciles e requiren dun traballo constante, claro.
Unha segunda cuestión é en que medida a memoria de Rosalía, sen ningunha relación estreita con Lavacolla nin coa aviación, pode servir para ocultar outros elementos históricos.
Eu tiña unha proposta clara, sen ningunha relación con Lavacolla: o único aviador galeguista que tivemos, Elixio Rodríguez, de quen o país galego precisaría unha pouca da súa sorte emprestada. Porén, fóra da miña aposta persoal, hai outra aínda menos evidente que porén apela a unha relación íntima co propio aeroporto. Pasaría por reivindicar o seu pasado como campo de concentración franquista. Aínda que se fixeron homenaxes, e hai algunha placa, sempre lonxe da vista das pasaxes e do turismo, é preocupante que moita xente descoñeza que o tal aeroporto foi construído con man de obra escrava de prisioneiros da Guerra Civil Española.

Insignia de piloto, República española, Pla – CC BY-SA 3.0

Supoño que un nome como Aeroporto Internacional Antifascistas de Lavacolla está fóra do debate, reabre vellas feridas que unha autora, galega e española como Rosalía está lonxe de poder tocar. Tamén quedaría mal á hora de mercar souvenirs nalgunha das tendas, que seguro sairán gañando ao representar a efixie da poeta. A fin de contas, máis que do seu legado ético e literario, este pobo é herdeiro do vello costume de facer de Rosalía unha feira.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Guerra Civil española#Lavacolla#Literatura#Rosalía de Castro#Santiago de Compostela

30/04/2016 by marioregueira

Sorte

Four Leaf Clover, orixinal da usuaria de Flickr Claire –CC BY-NC-ND 2.0

Non é unha palabra que empregue a miúdo, precisamente por iso me sorprendín a min mesmo repetíndoa case a diario durante a miña viaxe polo norte da Gran Bretaña. E non de calquera xeito, senón como final de conversación, case como substitutiva das fórmulas de despedida. Non diga adeus nin até logo, diga sinxelamente sorte.

Algo que xa sabía, pero que se fixo especialmente notábel eses días foi a cantidade de xente que temos fóra. En todos os destinos, procurada ou por azar, acababa falando cunha persoa da Galiza. Un par de correos chegan para confirmar que aquel vello coñecido de Ferrol está traballando en Manchester, que outra procura emprego en Liverpool e que algunha máis trata de ampliar estudos en Escocia. Unhas pintas axudan a crear unha breve pero intensa sensación de fogar. Polo medio, as inevitábeis historias, case todas cun punto de inflexión situado no final da década pasada, a crise xeral, pero especialmente a crise cultural da Galiza arrasando como unha riada invisíbel con vidas e proxectos. Nunca cansaremos de repetir que non defendemos só a lingua e a cultura galega por amor, senón porque era unha fonte de riqueza material que os gobernos da dereita se encargaron de destruír.

Xigantes Parados

Xigantes parados, orixinal do usuario de Flickr termitero gnu –CC BY-NC-SA 2.0

Do outro lado os casuais. A maior parte das veces en pubs e restaurantes, alguén do persoal que te escoita falar e que che pregunta timidamente de onde es. Galician, contestas, agardando a cara de confusión ou as preguntas que sempre seguen a esa afirmación. Pero o que atopas é un sorriso e uns ollos brillantes. Eu tamén, de que parte es? Non me sorprende seguir atopando ferroláns e ferrolás. Despois de todo, como comentaba alguén, a xente que falta na nosa cidade tivo que ir para algún lado, non puido evaporarse sen máis. Galiza é unha das rexións europeas co paro máis alto e cunha poboación máis envellecida, unha tendencia que se afianzou durante os dous últimos gobernos de Feijoo pero que, como na época franquista, non ten en conta nos seus cálculos as persoas que faltan. As persoas que faltan explican o envellecemento prematuro e converten os datos do paro nun auténtico escándalo. Seguramente son unha parte do mellor do país. Xente disposta a axudarche, que che pregunta se tamén vas ficar na cidade, que sabe onde conseguir cervexa galega e que che regala tarxetas de teléfono para que ti tamén poidas chamar á casa. Persoas que gardan un orgullo estraño e primario polo país que deixan atrás, mergullado nas sombras. Se sodes da Galiza non vos compensa subir ás Highlands, non son mellores que as nosas paisaxes.

Good Luck From London

Postal dos anos corenta publicada por Rescued by Rover –CC BY-NC 2.0

Para algúns pobos a migración foi un accidente histórico, unha fase na que poboar terras afastadas ou participar na construción de novos países. Para nós é un clásico, unha tendencia que nunca pasou de moda. O barco negreiro do que falaba Otero Pedrayo segue a funcionar, aínda que os escravistas refinasen os seus métodos. Os galegos que se atopan nunha taberna e que se toman por estranxeiros até que dan en entoar unha cantiga seguen perdidos polos pubs do norte. Todas as historias do século pasado seguen servindo hoxe. Só hai que adaptalas un pouco.

Teño, como todo o país, unha lembranza precisa das penurias que as distintas ramas da miña familia atoparon nas súas migracións. A confusión dunha lingua estraña, as humillacións que sofre todo traballador estranxeiro. A saudade da familia e do que non é a familia. Os comezos difíciles e as case inmediatas incertezas polo futuro. O retorno como un deber ou como unha tentación. Non sei como se despedirían os migrantes da nosa terra hai cen anos. Ao mellor mencionaban santos católicos ou engadían un épico Terra a Nosa no final da conversa. Eu desexo sorte. Gustaríame dicir que haberá regreso, que vamos tumbar estes ladróns e recuperar o país, que volveremos atoparnos paseando polas rúas de Ferrol ou Compostela. Que entraremos polas portas da Galiza en hordas, como quen asalta un castelo. Pero só consigo erguer a man e pensar na dureza da nova vida. E desexo sorte. Aínda que tamén me pregunto se non serán eles quen deben desexarma a min e a todas as persoas que van ficar neste país desfarrapado.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Emigración#Gran Bretaña

20/03/2016 by marioregueira

O blues, o jazz e a bossa nova

17/03/2016 by marioregueira

Beti izango dugu Bilbao

bilbo

Hai cidades que coñeces antes de poñer o pé nelas. Pénsoo agora desde Bilbao, na miña terceira visita á cidade. Todas nos últimos anos, todas con esa sensación estraña de estar a pisar territorio coñecido, como se os meus soños da última década acontecesen á beira do Nervión ou como se unha vida pasada ecoase aínda na miña memoria. Non, non hai nada místico na sorpresa coa que redescubro estas rúas, estes locais, os amigos que aparecen como se levasen toda unha vida agardando por min.

Desde finais do século pasado a cultura vasca infiltrouse nunha parte da mocidade galega. Comezabamos no liceo cantando “Mierda de ciudad” e facendo circular vellas cintas do rock radikal. Aínda que ningunha desas traxectorias nos deixaría tan abraiados como a de Fermin Muguruza. Aínda lembro a sensación de poñer por primeira vez o cumio de Negu Gorriak. Os dous dobermans negros que abrían o disco Borreroak Baditu Milaka Aurpegi e que nos deixaron un sorriso conxelado e a sensación de que o chan acababa de tremer baixo os nosos pés. Admirei sempre a traxectoria de Fermin Muguruza pola mesma razón pola que admirei os Clash, porque a clase obreira afloraba máis alá da retórica. Non se pasa dos primeiros discos de Kortatu a un proxecto como o de Negu Gorriak ou ao Muguruza en solitario con xenialidade nin con medios. Hai evolucións que só se explican metendo na ecuación traballo e consciencia, dous valores que na fronteira de Caranza en Ferrol ou na de San Francisco en Bilbao aínda significan algo para a mocidade que as atravesou entre os oitenta e os noventa.

sf

A gran eclosión da carreira de Muguruza en solitario colleume, porén, en Compostela. Unha época na que o Avante pinchaba cada noite o Big Beñat facendo tremer o chan de madeira do piso de arriba e na que nos afixemos a atopar a voz de Muguruza en unha de cada dúas cancións, entre os directos de Banda Bassotti, o Tijuana No! dunha improbábel Julieta Venegas ou sendo a única voz que berrou Galiza Ceive, Poder Popular en toda a historia da música galega, xusto no medio do acordeón dos Diplomáticos. E entre todo aquilo, como un impasse necesario, o In-Komunikazioa, algo distinto, tamén un dos mellores discos daqueles anos e a posibilidade inesperada de poder poñer algo de Muguruza nunha tarde entre amigos ou como fondo ás noites frías de Compostela. Letras que aprendes de memoria sen saber se as estás pronunciando ben. Cancións que acaban entrando na túa vida inesperadamente. Érgueste ao lado de alguén e reparas no azar que o radio-cd do chan deu en tocar. Beti izango dugu Bilbao. E sorrides tristemente. Ningún dos dous estivo nunca en Bilbao e porén é a mellor canción para unha despedida definitiva. Sempre nos quedará Bilbao, dis mentres vos brillan os ollos e arriscades unha última aperta. Sempre nos quedarán as cidades nunca vistas, as cancións que Sam ou Muguruza poden tocar de novo unha e outra vez para lembrarnos que nunca subimos a aquel avión.

Non debeu ser casualidade que falase dos bereberes e de Casablanca en Tanxerina, que o reggae dos brancos europeos sexa un dos temas de L’affiche rouge e que unha das protagonistas diga aquilo de que o verdugo é o home das mil caras. Hai uns meses sorprendíame o título do último disco de Fermín: Nola. A vella Nova Orleans pola que pasearon os meus personaxes hai anos. A xeografía na que nos movemos é a mesma, e só a casualidade fixo que non coincidísemos nalgún bar de Perdido Street. Por iso podo pasar ao lado do Antzokia lembrando as cancións de concertos nos que nunca estiven. Atravesar a Zubizuri consciente do paso que marcou entre dúas beiras e dúas épocas da cidade. Saudar cun sorriso as imaxes do Che Guevara e Abd el-Krim que agardan nas paredes do Bere-bar de San Francisco, non moi lonxe da Anti, a libraría na que presentei un dos meus libros hai un par de anos. E lembrar que sempre nos quedará Bilbao. Esa cidade que evocamos unha vez, hai moito tempo, nunha habitación en Compostela e que, sen vela nunca, formaba parte de nós. Dous ex-amantes nunha cidade afastada, dous membros da resistencia con feridas que aínda doen ao camiñar sobre estas lousas.

amaz

#Bilbao#Cotidiano#Euskal Herria#Fermin Muguruza#Música

12/04/2015 by marioregueira

Ano Lois Pereiro

Casa da Cultura

Volvemos a Monforte no comezo doutra primavera para participar nos actos que dan o nome de Lois Pereiro á Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal. Nun país tan dado aos esquecementos coma este non deixa de ser un triunfo colectivo que unha figura como Lois perpetúe a súa memoria na cabeceira dos centros culturais da súa cidade. “Moito mellor que un paseo marítimo ou un buque de guerra” dicía Xosé Manuel Pereiro no acto. E por suposto moito mellor o nome dun poeta que o dun título nobiliario (Conde de Lemos, hoxe en mans da Casa de Alba), tal e como algún grupo político propuxo.

Foi inevitábel lembrar onte o 2011, o ano no que o fenómeno Lois conseguiu revolucionar unha data en risco permanente de anquilosamento como é o Día das Letras Galegas. A pesar de que certos sectores sociais consideraron polémico que un autor abeirado á marxinalidade urbana como Lois Pereiro protagonizase a gran data da cultura galega, o certo é que hoxe, catro anos despois, o balance que quedou non pode ser máis positivo. Por primeira vez en décadas as Letras Galegas implicaron na súa festa a toda a sociedade. Das casas okupas ás salas da Academia, e dos actos oficiais aos bares e pubs. Non foi só casualidade nin foi o secuestro académico dun poeta popular. A figura de Lois foi sempre a dun autor cunha noción culta da creación literaria que porén (e a diferenza da maioría dos seus compañeiros de xeración) nunca deixou de entender que a cultura popular tamén era cultura.

crachás

Non sabemos que pode dar de si o “Ano Lois Pereiro” co que o concello de Monforte completou a súa homenaxe ao autor, porén, seguramente non serei o único en velo como unha oportunidade para remontar un ano cultural que, até hai unhas semanas, parecía que sería tétrico e terríbel. Tras uns anos de recuperación innegábel do contacto coa poboación, a Real Academia Galega escollía para o 2015 a figura de Filgueira Valverde, un autor que colaborou activamente co franquismo, e por tanto, tamén co xenocidio cultural que este efectuou sobre a lingua e o pobo galego. Por primeira vez, e a pesar de non ser a primeira figura polémica que pasaba polo 17 de maio, varias asociacións culturais negáronse a conmemorar un autor escollido para o Día das Letras. Porén o que máis abundou e o que máis preocupa é o silencio, que fai presentir un 17 de maio monopolizado polo estamento político e por aqueles grupos culturais cun interese ideolóxico ou económico no autor.

As comparacións son odiosas, pero ás veces tamén inevitábeis. Non era a primeira vez que pensabamos en Lois e no 2011 dende a decisión da Academia. E agora que hai unha proposta para celebrar tamén este 2015 doutra forma resulta imposíbel non pensar nas figuras que fan medrar unha sociedade e como seguen a ser referentes por riba daquelas que apostaron por reprimila e empequenecela. Unha vez máis miramos para o poeta do amor e a enfermidade con esperanza, como ese punto de encontro da diversidade dunha cultura, como unha aposta aberta cara ao futuro, como un intento de deter para sempre a roda da infamia. Non hai mellor nome para unha biblioteca.

biblioteca lois pereiro

#Ano Lois Pereiro#Cotidiano#Día das Letras Galegas#Literatura#Lois Pereiro#Monforte de Lemos
1 2 3 6