12/04/2015 by marioregueira

Ano Lois Pereiro

Casa da Cultura

Volvemos a Monforte no comezo doutra primavera para participar nos actos que dan o nome de Lois Pereiro á Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal. Nun país tan dado aos esquecementos coma este non deixa de ser un triunfo colectivo que unha figura como Lois perpetúe a súa memoria na cabeceira dos centros culturais da súa cidade. “Moito mellor que un paseo marítimo ou un buque de guerra” dicía Xosé Manuel Pereiro no acto. E por suposto moito mellor o nome dun poeta que o dun título nobiliario (Conde de Lemos, hoxe en mans da Casa de Alba), tal e como algún grupo político propuxo.

Foi inevitábel lembrar onte o 2011, o ano no que o fenómeno Lois conseguiu revolucionar unha data en risco permanente de anquilosamento como é o Día das Letras Galegas. A pesar de que certos sectores sociais consideraron polémico que un autor abeirado á marxinalidade urbana como Lois Pereiro protagonizase a gran data da cultura galega, o certo é que hoxe, catro anos despois, o balance que quedou non pode ser máis positivo. Por primeira vez en décadas as Letras Galegas implicaron na súa festa a toda a sociedade. Das casas okupas ás salas da Academia, e dos actos oficiais aos bares e pubs. Non foi só casualidade nin foi o secuestro académico dun poeta popular. A figura de Lois foi sempre a dun autor cunha noción culta da creación literaria que porén (e a diferenza da maioría dos seus compañeiros de xeración) nunca deixou de entender que a cultura popular tamén era cultura.

crachás

Non sabemos que pode dar de si o “Ano Lois Pereiro” co que o concello de Monforte completou a súa homenaxe ao autor, porén, seguramente non serei o único en velo como unha oportunidade para remontar un ano cultural que, até hai unhas semanas, parecía que sería tétrico e terríbel. Tras uns anos de recuperación innegábel do contacto coa poboación, a Real Academia Galega escollía para o 2015 a figura de Filgueira Valverde, un autor que colaborou activamente co franquismo, e por tanto, tamén co xenocidio cultural que este efectuou sobre a lingua e o pobo galego. Por primeira vez, e a pesar de non ser a primeira figura polémica que pasaba polo 17 de maio, varias asociacións culturais negáronse a conmemorar un autor escollido para o Día das Letras. Porén o que máis abundou e o que máis preocupa é o silencio, que fai presentir un 17 de maio monopolizado polo estamento político e por aqueles grupos culturais cun interese ideolóxico ou económico no autor.

As comparacións son odiosas, pero ás veces tamén inevitábeis. Non era a primeira vez que pensabamos en Lois e no 2011 dende a decisión da Academia. E agora que hai unha proposta para celebrar tamén este 2015 doutra forma resulta imposíbel non pensar nas figuras que fan medrar unha sociedade e como seguen a ser referentes por riba daquelas que apostaron por reprimila e empequenecela. Unha vez máis miramos para o poeta do amor e a enfermidade con esperanza, como ese punto de encontro da diversidade dunha cultura, como unha aposta aberta cara ao futuro, como un intento de deter para sempre a roda da infamia. Non hai mellor nome para unha biblioteca.

biblioteca lois pereiro

#Ano Lois Pereiro#Cotidiano#Día das Letras Galegas#Literatura#Lois Pereiro#Monforte de Lemos

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies