
Cando finalmente marchamos daquela casa, quedaban varias marcas rectangulares na parede, alí onde estiveran, durante máis de trinta anos, os meus pósters de adolescencia. Un deles era este, aínda que axiña foi acompañado por outro máis recente, e aínda apareceu un novo dun coñecido guerrilleiro ao seu lado. Pero mantívose porque servía para recordar de onde viñera a alegría, gustábame identificar na modestia daquel plantel do ascenso as figuras que anos despois, e de forma completamente inesperada, conseguiran gañar títulos e plantar cara a clubes históricos do continente. Xugoeslavos que viran o seu país esfarelarse naqueles mesmos anos, galegos de Ribeira saídos de campos de lama, vascos de nomes imposíbeis. Moito antes dos brasileiros e dos internacionais e abrindo a porta a unha época inesquecíbel para o fútbol galego. Un equipo de abaixo capaz de facer tremer os de arriba. A metáfora perfecta para un rapaz de extrarradio.
A miña paixón viviu altibaixos durante os anos seguintes. Confeso que asistín con paixón á noite do penalty falido e a tarde do primeiro título para o fútbol galego. Tamén que a primeira liga me colleu indiferente, por máis que brindase (desde a cafetería dunha biblioteca en época de exames) ao día seguinte, ese onde moitos dos meus camaradas mal se recuperaban dunha resaca lexendaria. Volvín nos anos maus, porque aquí estamos para sofrer e porque estar cos que gañan é moi fácil e diría que mesmo un pouco de mediocres. Tamén porque serve para lembrar aquilo que aprendemos contra o Aston Villa de que todo desprezo á cultura popular non é máis que un desprezo á cultura das clases populares.
Non nego as contradicións, este foi o primeiro equipo que ergueu a bandeira contemporánea da Galiza no seu escudo. Aquel no que xogou o Bebel García que aparecía nos soños de Eduardo Galeano e aínda sae ás veces nos nosos. O que facía ao guerrilleiro Foucellas xogar a vida para poder cantar os seus goles vestido de monxa desde a bancada. O mesmo no que Paul Heaton presentiu, como un vidente das periferias atlánticas, unha historia chea de lama e de gloria redentora. Que o nome propio e popular da Coruña seguise ausente do escudo e do nome era un anacronismo, unha inxustiza persistente contra os seus seareiros.
Un día contaremos estas fendas desde a ollada de Marco ou de Menino Morreu, dos xogadores LGBTQ, do fútbol feminino, do antirracismo e dos equipos de base, do odio eterno ao fútbol moderno. Pero estes días o adolescente que fun sae a celebrar esta vitoria como se fose un novo título. Se cadra porque chega das mans doutros adolescentes que hoxe son, da rapazada de #aquitamensefala, á que sempre agradeceremos deixarnos pisar uns segundos ese pedazo de herba no que xogaron tan bonito.
