17/03/2016 by marioregueira

Beti izango dugu Bilbao

bilbo

Hai cidades que coñeces antes de poñer o pé nelas. Pénsoo agora desde Bilbao, na miña terceira visita á cidade. Todas nos últimos anos, todas con esa sensación estraña de estar a pisar territorio coñecido, como se os meus soños da última década acontecesen á beira do Nervión ou como se unha vida pasada ecoase aínda na miña memoria. Non, non hai nada místico na sorpresa coa que redescubro estas rúas, estes locais, os amigos que aparecen como se levasen toda unha vida agardando por min.

Desde finais do século pasado a cultura vasca infiltrouse nunha parte da mocidade galega. Comezabamos no liceo cantando “Mierda de ciudad” e facendo circular vellas cintas do rock radikal. Aínda que ningunha desas traxectorias nos deixaría tan abraiados como a de Fermin Muguruza. Aínda lembro a sensación de poñer por primeira vez o cumio de Negu Gorriak. Os dous dobermans negros que abrían o disco Borreroak Baditu Milaka Aurpegi e que nos deixaron un sorriso conxelado e a sensación de que o chan acababa de tremer baixo os nosos pés. Admirei sempre a traxectoria de Fermin Muguruza pola mesma razón pola que admirei os Clash, porque a clase obreira afloraba máis alá da retórica. Non se pasa dos primeiros discos de Kortatu a un proxecto como o de Negu Gorriak ou ao Muguruza en solitario con xenialidade nin con medios. Hai evolucións que só se explican metendo na ecuación traballo e consciencia, dous valores que na fronteira de Caranza en Ferrol ou na de San Francisco en Bilbao aínda significan algo para a mocidade que as atravesou entre os oitenta e os noventa.

sf

A gran eclosión da carreira de Muguruza en solitario colleume, porén, en Compostela. Unha época na que o Avante pinchaba cada noite o Big Beñat facendo tremer o chan de madeira do piso de arriba e na que nos afixemos a atopar a voz de Muguruza en unha de cada dúas cancións, entre os directos de Banda Bassotti, o Tijuana No! dunha improbábel Julieta Venegas ou sendo a única voz que berrou Galiza Ceive, Poder Popular en toda a historia da música galega, xusto no medio do acordeón dos Diplomáticos. E entre todo aquilo, como un impasse necesario, o In-Komunikazioa, algo distinto, tamén un dos mellores discos daqueles anos e a posibilidade inesperada de poder poñer algo de Muguruza nunha tarde entre amigos ou como fondo ás noites frías de Compostela. Letras que aprendes de memoria sen saber se as estás pronunciando ben. Cancións que acaban entrando na túa vida inesperadamente. Érgueste ao lado de alguén e reparas no azar que o radio-cd do chan deu en tocar. Beti izango dugu Bilbao. E sorrides tristemente. Ningún dos dous estivo nunca en Bilbao e porén é a mellor canción para unha despedida definitiva. Sempre nos quedará Bilbao, dis mentres vos brillan os ollos e arriscades unha última aperta. Sempre nos quedarán as cidades nunca vistas, as cancións que Sam ou Muguruza poden tocar de novo unha e outra vez para lembrarnos que nunca subimos a aquel avión.

Non debeu ser casualidade que falase dos bereberes e de Casablanca en Tanxerina, que o reggae dos brancos europeos sexa un dos temas de L’affiche rouge e que unha das protagonistas diga aquilo de que o verdugo é o home das mil caras. Hai uns meses sorprendíame o título do último disco de Fermín: Nola. A vella Nova Orleans pola que pasearon os meus personaxes hai anos. A xeografía na que nos movemos é a mesma, e só a casualidade fixo que non coincidísemos nalgún bar de Perdido Street. Por iso podo pasar ao lado do Antzokia lembrando as cancións de concertos nos que nunca estiven. Atravesar a Zubizuri consciente do paso que marcou entre dúas beiras e dúas épocas da cidade. Saudar cun sorriso as imaxes do Che Guevara e Abd el-Krim que agardan nas paredes do Bere-bar de San Francisco, non moi lonxe da Anti, a libraría na que presentei un dos meus libros hai un par de anos. E lembrar que sempre nos quedará Bilbao. Esa cidade que evocamos unha vez, hai moito tempo, nunha habitación en Compostela e que, sen vela nunca, formaba parte de nós. Dous ex-amantes nunha cidade afastada, dous membros da resistencia con feridas que aínda doen ao camiñar sobre estas lousas.

amaz

#Bilbao#Cotidiano#Euskal Herria#Fermin Muguruza#Música

26/03/2014 by marioregueira

Levando libros á fronteira

Estiven tentado de traducir a páxina que preparara para a presentación en Bilbao, pero en realidade cando eu escribo eses textos é para ter fresca unha perspectiva xeral na miña memoria. Moi poucas veces os leo, e iso provoca intervencións espontáneas e axeitadas ao contexto, pero tamén fai que esqueza cousas. Así que seguramente sexa máis xusto dar unha perspectiva xeral das cousas das que falamos.

Comezabamos explicando por que Bilbao, cando se cadra o público obxectivo para unha tradución ao castelán pasa antes por outros territorios. Nesa escolla, ademais do acollemento que nos brindan as amizades, está tamén a teima por procurar sempre os territorios fronteirizos. Non só Bilbao forma parte dunha cultura que, como a miña, viviu os seus conflitos culturais e identitarios, tamén o lugar concreto da cidade é unha fronteira máis: nalgún punto entre o Nervión e o Bere-bar, o barrio da libraría Anti- é un escenario que eu mesmo escollería para calquera das miñas tramas, un territorio multicultural, onde definirse dentro dunha comunidade é un acto político necesario. A propia libraría, cunha liña centrada nas publicacións artísticas que ampliou hai pouco tamén á narrativa, é tamén, ao seu xeito, un espazo fronteirizo. E é nesas fronteiras onde tamén nos atopamos máis cómodos, aínda que neste caso me gustaría ter tamén unha versión en euskera que presentar, estamos afeitos a empregar esas pontes que representan as traducións e as linguas intermediarias.

Despois, o que digo sempre, para min Outono aquí/ Las hojas muertas é unha novela sobre a familia, sobre a familia e a súa reconfiguración nos nosos tempos, onde podemos aceptar máis facilmente que os lazos que construímos son máis voluntarios que biolóxicos e onde non teñen por que responder a planos prefixados. Porén, máis aló do argumento que pode atoparse na páxina da editorial, creo que o que dá un ton particular ás cousas que escribo son os detalles que van máis alá da trama principal, o contexto que rodea á historia e que remite, na maior parte dos meus libros, á cuestión da identidade, esas mesmas fronteiras das que falabamos no inicio e que non deixan de representar as principais características da miña escrita: a cuestión da identidade, os espazos onde existen conflitos identitarios e que non atinxen só á lingua ou á cuestión nacional. Tamén, neste caso, a transición entre os espazos urbanos e os rurais, a destrución das formas de vida, ou a cuestión dos desprazados pola emigración.

No final, xa na conversa co público alguén preguntou por Ferrol, o que non deixaba de devolver o tema novamente á mesma cuestión recorrente: as cidades divididas onde a identidade se constrúe, ás veces por unha oposición constante aos tópicos que pretenden constrinxilas. Algúns deses tópicos tratamos de desmontalos á beira do Nervión, moi ben arroupados pola galeguidade local e ben acubillados nesa pequena trincheira que é a Anti-.

#Bilbao#Cotidiano#Las hojas muertas#Literatura#Presentacións#Pulp Books#Viaxes

22/03/2014 by marioregueira

Bilbao

Nestes últimos meses case non tiven tempo para falar da tradución de Outono aquí, que na súa versión en castelán tomou o imprevisto título de Las hojas muertas, por aquilo de respectar que a referencia é a un standard de jazz e que a miúdo estes mudan o seu ton como tamén poden mudar as obras traducidas, máis por matices, pola forza da espontaneidade ou pola necesidade da adaptación que por unha decisión clara e decidida de modificar o seu contido.

Publicar noutra lingua (e sobre todo noutra lingua tan próxima) é un pouco como volver comezar. Case unha década despois do meu primeiro libro e da miña primeira presentación pública isto é como outra primeira vez, e se cadra por iso escollemos espazos que, non sendo completamente nosos, si que son familiares e nos que nos atopamos cómodos. Esta vez será na cidade de Bilbao, un espazo que forma parte da nosa educación sentimental e do que coñecemos locais, rúas e historias, aínda que os nosos paseos por ela fosen algo máis infrecuentes do que poderíamos agardar. Se lles cadra (ou se saben de algunha persoa exiliada a quen lle cadre), alí estaremos este luns 24 ás oito da tarde na libraría Anti- falando da música, das adaptacións, das periferias e das fronteiras. Na mesa, o autor vasco Íñigo Astiz e por Arsenio Iglesias Pazos, un rapaz da miña aldea.

#Arsenio Iglesias Pazos#Bilbao#Cotidiano#Las hojas muertas#Literatura#Outono aquí#Presentacións#Pulp Books

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies