Hai cidades que coñeces antes de poñer o pé nelas. Pénsoo agora desde Bilbao, na miña terceira visita á cidade. Todas nos últimos anos, todas con esa sensación estraña de estar a pisar territorio coñecido, como se os meus soños da última década acontecesen á beira do Nervión ou como se unha vida pasada ecoase aínda na miña memoria. Non, non hai nada místico na sorpresa coa que redescubro estas rúas, estes locais, os amigos que aparecen como se levasen toda unha vida agardando por min.
Desde finais do século pasado a cultura vasca infiltrouse nunha parte da mocidade galega. Comezabamos no liceo cantando “Mierda de ciudad” e facendo circular vellas cintas do rock radikal. Aínda que ningunha desas traxectorias nos deixaría tan abraiados como a de Fermin Muguruza. Aínda lembro a sensación de poñer por primeira vez o cumio de Negu Gorriak. Os dous dobermans negros que abrían o disco Borreroak Baditu Milaka Aurpegi e que nos deixaron un sorriso conxelado e a sensación de que o chan acababa de tremer baixo os nosos pés. Admirei sempre a traxectoria de Fermin Muguruza pola mesma razón pola que admirei os Clash, porque a clase obreira afloraba máis alá da retórica. Non se pasa dos primeiros discos de Kortatu a un proxecto como o de Negu Gorriak ou ao Muguruza en solitario con xenialidade nin con medios. Hai evolucións que só se explican metendo na ecuación traballo e consciencia, dous valores que na fronteira de Caranza en Ferrol ou na de San Francisco en Bilbao aínda significan algo para a mocidade que as atravesou entre os oitenta e os noventa.
A gran eclosión da carreira de Muguruza en solitario colleume, porén, en Compostela. Unha época na que o Avante pinchaba cada noite o Big Beñat facendo tremer o chan de madeira do piso de arriba e na que nos afixemos a atopar a voz de Muguruza en unha de cada dúas cancións, entre os directos de Banda Bassotti, o Tijuana No! dunha improbábel Julieta Venegas ou sendo a única voz que berrou Galiza Ceive, Poder Popular en toda a historia da música galega, xusto no medio do acordeón dos Diplomáticos. E entre todo aquilo, como un impasse necesario, o In-Komunikazioa, algo distinto, tamén un dos mellores discos daqueles anos e a posibilidade inesperada de poder poñer algo de Muguruza nunha tarde entre amigos ou como fondo ás noites frías de Compostela. Letras que aprendes de memoria sen saber se as estás pronunciando ben. Cancións que acaban entrando na túa vida inesperadamente. Érgueste ao lado de alguén e reparas no azar que o radio-cd do chan deu en tocar. Beti izango dugu Bilbao. E sorrides tristemente. Ningún dos dous estivo nunca en Bilbao e porén é a mellor canción para unha despedida definitiva. Sempre nos quedará Bilbao, dis mentres vos brillan os ollos e arriscades unha última aperta. Sempre nos quedarán as cidades nunca vistas, as cancións que Sam ou Muguruza poden tocar de novo unha e outra vez para lembrarnos que nunca subimos a aquel avión.
Non debeu ser casualidade que falase dos bereberes e de Casablanca en Tanxerina, que o reggae dos brancos europeos sexa un dos temas de L’affiche rouge e que unha das protagonistas diga aquilo de que o verdugo é o home das mil caras. Hai uns meses sorprendíame o título do último disco de Fermín: Nola. A vella Nova Orleans pola que pasearon os meus personaxes hai anos. A xeografía na que nos movemos é a mesma, e só a casualidade fixo que non coincidísemos nalgún bar de Perdido Street. Por iso podo pasar ao lado do Antzokia lembrando as cancións de concertos nos que nunca estiven. Atravesar a Zubizuri consciente do paso que marcou entre dúas beiras e dúas épocas da cidade. Saudar cun sorriso as imaxes do Che Guevara e Abd el-Krim que agardan nas paredes do Bere-bar de San Francisco, non moi lonxe da Anti, a libraría na que presentei un dos meus libros hai un par de anos. E lembrar que sempre nos quedará Bilbao. Esa cidade que evocamos unha vez, hai moito tempo, nunha habitación en Compostela e que, sen vela nunca, formaba parte de nós. Dous ex-amantes nunha cidade afastada, dous membros da resistencia con feridas que aínda doen ao camiñar sobre estas lousas.