20/08/2026 by marioregueira

Arde unha biblioteca

Foz en xaneiro de 2025, cortesía de Ângelo Pineda.

Non sabería dicir cando me presentaron a Foz. Probabelmente foi algo que nunca aconteceu, pasamos a recoñecernos, saudarnos e intercambiar algunhas palabras co paso dos anos por habitarmos un espazo social común, a medio camiño entre o físico e o virtual. Sorpréndeme facer memoria e pensar no poucos que foron realmente eses encontros e a afabilidade que sempre manifestou pola súa parte. Penso que era unha simpatía mutua en vías de extinción: persoas que se encontraron nos libros e saben, mesmo téndose tratado pouco, que forman parte dun mesmo colectivo con intereses, desexos e decepcións similares. Lembro a súa lectura entusiasta da miña tese, citábao nela por unha cuestión cronolóxica case menor, pero nese acto había tamén un recoñecemento á súa paixón polo rexistro dos feitos. Se cadra por iso sempre recordarei os seus consellos sobre priorizar sempre a documentación por riba da memoria traizoeira. El mesmo sabíase tocado por esa cuestión. Hai uns anos recibira unha mensaxe del, viña de ler a miña novela L’affiche rouge e preguntábase como tardara tanto en ler algo que entrelazaba desa forma coa súa propia biografía. Entendía perfectamente esa sensación, aínda que a trama falase máis da seguinte xeración, o personaxe do emigrado na Bretaña que acaba perseguido nunha trama política mencionaba explicitamente a Carta de Brest, na que el mesmo participara. A última vez que coincidimos, de feito, aludiu novamente a esa novela con título de canción francesa: “Teño moitas ganas de lela”. Recordeille, para a súa sorpresa, que xa o fixera, e que mesmo chegara a escribirme. A memoria é traizoeira, moito máis cando rondas os oitenta, pero este tipo de lapsus falan en positivo e explican, desde a consciencia, eses longos e detallados libros, tarefas titánicas nas que cada recordo vai apuntalado pola documentación de forma case obsesiva. Falan tamén, para min, da xenerosidade, a mesma pola que me enviaba algunha desas obras rematadas moito antes de saber se encontrarían editor. Esa pola que me encargaba traballos que parecían máis unha loanza que un deber: “chámote porque es o único que pode facer isto”.

Di o vello proverbio que cando morre alguén de idade é como se ardese unha biblioteca. Non só polos recordos, de feito pode que os recordos sexan só un dos elementos que perdemos, e nin sequera o máis importante. Arde un lugar de encontro e de seguridade, un espazo no que aprender e recoñecernos e prestarnos esa simpatía cotiá. Boa viaxe, Foz.

#Cotidiano