02/07/2010 by marioregueira

Un día perdín un libro teu nun bar

Lois Pereiro

Un día perdín un libro teu nun bar. Decateime camiño da casa e desandei o andado Ferrol arriba, reconstruín a ruta, falei con homes que xa baixaban persianas e elevei a voz sobre o balbordo dos locais nos que estivera aquela noite. Cando un deles se volveu e quitou a Poesía última de entre as botellas tras da barra suspirei con alivio. Recuperaba un ben prezado, un dos tres libros do poeta admirado xa en mellor vida, o único que os cartos contados e os prezos do libro galego me permitiran mercar.

Non pasaran aínda os dez anos de rigor e resultaba imposíbel imaxinar isto. O presidente mudou, sempre é importante contar con alguén que pasou polas cadeas do estado, que sabe dicir grifa e que cabalo non é só o da rapa das bestas, que presente que o empardecer nunha vila de Ourense non vale nada sen a revolta do metal nos arrabaldos obreiros. Que a pedra que se estrela contra o escudo dos antidisturbios non importa tanto pola fenda (que non deixa) como pola tensión do brazo ou da goma do tirapedras. É sorte, ningún dos anteriores soportaba tanta mocidade asomada nunha tumba.

Marxinal é o que non sabe só unha cousa. Dinche marxinal e mal poeta os que se abrazan á palabra cultura na atalaia temerosa dos seus gabinetes e non saberían deletrear Fassbinder, nin escoitaron falar nunca de Eric Rohmer na Coruña, nin das mágoas afundidas de Valéry, ou da sombra de Nerval. Non saben nada, en definitiva, do guiso indixeríbel de Fonollosa, nin darían identificado a metade das referencias que inzan a poesía última. Marxinal quen sabe de todo, dende os altos andeis das bibliotecas até os peores locais de Brest ou Bilbao, o que distingue a poesía da pretensión cun golpe de vista e non ten pudor de asubiar Dear Prudence mentres camiña dun bar a outro procurando un libro perdido. Marxinal quen é unha referencia constante para os que sabemos que é imposíbel sermos galegos sen habitar a marxe eterna na que dirimimos unha batalla a vida ou morte polo simple dereito á existencia. E que todo o demais é fechar os ollos.

E virán máis, de novo, agora que es como un Manuel Antonio que navegaba noutros barcos, a lixarte coas súas sucias maos. Como se tivesen o monopolio da pureza, ou a xoia perdida da lingua, como se os que habitamos os arrabaldos e percorremos as cidades non foramos nada fronte a gloria perdida dunha república rural inexistente e as súas esencias de pureza. Como se algunha vez quixeramos a pureza para algo máis que enturbala, as tumbas para algo máis que cuspir a nosa húmida vida sobre elas, as veas para outra cousa que non sexa acariñalas.

Perdín un libro teu nun bar porque o levaba aos bares, porque o emprestaba aos camaradas, e circulaba de mao en mao como circula ás veces a verdade. Moi poucos poetas poderían gabarse de tanta honra.

#Cotidiano#Galiza#Literatura

11/05/2010 by marioregueira

De ollo

Teño que agradecer a mención feita dende Brétemas e O levantador de minas, ao escollerme para un destes premios virtuais. No que respecta a literatura e edición son dous dos que encabezarían a lista de blogues a non perder de vista. A miña lista, porén, trata de ser máis aberta. Como todas as listas é profundamente odiosa, fican outras cinco ou seis decenas de blogues que se poderían mencionar, e se en algo se caracteriza a blogoleira é na súa heteroxeneidade, na falta de reglas á hora de crear ou comunicar, polo que todo baremo nace eivado. A lista tamén serviu para botar un ollo ao xa longo pasado dos blogues galegos, apuntar as baixas, celebrar as altas e ter unha mínima nostalxia doutros tempos, onde a blogoleira era sobre todo un lugar de interacción social. En calquera caso, benvidos sexan estes tempos, xa dixen outras veces que isto está máis vivo que nunca e é lóxico que as cousas vivas evolúan ao seu propio ritmo. A lista hoxe, é esta. Onte sería outra e pasado mañá tamén, xa saben que hai candidatos de sobra na barra da dereita, e aínda algún máis que esquecín meter aí (son moi preguiceiro para esas cousas):

1. O outro lado do espello. Máis de tres anos de ateísmo militante, alicismo, ciencia, literatura e música. O meu prototipo de blogue favorito.

2. República da multitude. Alguén me dixo algunha vez que debaixo dos posts de Antón Dobao non debería poñer “comentarios”, senón “aplausos”. A maior parte das veces é unha grande verdade.

3. Tati Mancebo. Reflexións sempre interesantes e unha das poucas voces que soubo seguirlle o pulso ao libro electrónico sen caer na obviedade ou o catastrofismo.

4. Afogando no Sarela. O retorno á blogocousa dunha das figuras que a revolucionou no seu momento, desta volta prescindindo do ton corporativo e optando pola bitácora persoal.

5. Capítulo Cero. Capítulo Cero é desas bitácoras que rozan a profesionalidade blogueira, tan frecuentes noutras linguas e tan estraños na nosa. Para min sóbralle a parte de comida (máis da metade), á que só recurro cando vou comer fóra. En calquera caso son un grande seguidor das curiosidades e andanzas da outra parte.

6. Calidonia. Un dos vellos do blogomillo, ou como tamén se di, un clásico.

7. Microqontos. Aínda que xa rematase o certame deste ano, convén non perderlle ollo para enterarse do vindeiro. Unha iniciativa interesantísima de narrativa hipertextual, que demostra que se pode facer cultura sen un can e con moita ilusión.

8. C’mmons baby. Outra rara avis, un podcast galego baseado en licenzas libres.

9. Ataque Escampe. A maior parte dos grupos que abren blogues acaban por enchelos de datos de taboa de anuncios ou de raridades que só interesan aos fans. Ataque Escampe conseguiu facer, ademais de todo iso, un blogue con personalidade. Non sorprenderá a quen os coñeza.

10. O bló de L&M. Débolle esta mención pola cantidade de risos que ecoaron na miña casa seguindo as andanzas de Mati e Laura.

E xa digo que toda lista é odiosa e que recomendo que cada quen se mergulle na inmensa diversidade da blogoleira para atopar as súas referencias. Por certo, as regras do premio son as seguintes:

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.

Pero desculpo o seu cumprimento a calquera dos premiados.

#Blogoleira#Cotidiano

04/03/2010 by marioregueira

Un novo comezo

Foron algo máis de tres anos, no vello dominio de blogger, tres anos nos que pasaron moitas cousas, entre as que podemos destacar a publicación de tres libros, pero tamén recitais, viaxes, polémicas, traballos e destraballos, proxectos que xurdiron coa forza das ilusións e caeron axiña na apatía máis tópica deste país, e tamén as derrotas políticas, tamén tópicas do país, entre treguas que nunca acabaron de convencernos. O blogue tivo os seus altibaixos e o certo é que a tentación de mudanza a blogaliza, que estivo presente dende os primeiros tempos, foi tomando o corpo dun revulsivo que permitise revitalizar as crónicas do porto e impedir o estatismo no que estaban caendo. Tamén está, por suposto, o feito de apoiar un xeito de facer as cousas que funciona e que está asociado ao país, que ao cabo é unha das cousas que máis me importan, sobre todo vendo a dificultade de artellar respostas e a capacidade que seguimos a ter de derrubarnos as escaleiras entre nós.

Estiven tentado de abandonar o blogue moitas veces, e dalgunha forma é o que fixen. En lugar de importar o vello contido, decidín comezar de cero. Supoño que en esencia o vello cronista de Gorée que xa son aparecerá nestas novas páxinas, ao mesmo tempo supoño que haberá cousas dese vello cronista que o novo rexeitará. E coma sempre haberá xente máis ou menos descontenta. En calquera caso, o porto abriu de novo, poden atracar os seus barcos e pasear pola illa e asomarse unha vez máis á porta do non retorno.

#Cotidiano
1 4 5 6