
Os Simpsons, T24 ep. 19 (2013).
Fonte: Wikisimpsons.
© 20th Century Fox / Disney.
Recordo o meu pasmo ante un cartel nunha avenida de Roma, no verán de 2003, tratando de desentrañar se era unha homenaxe ou se realmente esa figura que, na miña cabeza, aparecía sempre ao lado de figuras fantasmais como Charlie Parker, John Coltrane, Thelonious Monk ou Miles Davis, puidera esquivar a morte e seguía tocando o saxo polo mundo adiante. E si, conseguírao. E eu mesmo non tardei moito en poder comprobalo.
Estes días todo o mundo recorda o concerto de Barcelona de 2010, a única vez que vin a Sonny ao vivo, a única vez que puiden asomarme a algo que só coñecera por discos gravados, moitos deles con outros semi-deuses, algúns asinados en solitario e datados antes do nacemento dos meus pais. Recordo un home amábel e vibrante, de cabelo branquísimo e para o que moverse suxeitando o instrumento ou levantar os brazos comezaban a ser retos que se negaba a deixar de intentar. Trataba de conectar cun público que recordo entre frío e impostado.
Hai algo de entomolóxico en ir ver tocar unha persoa de oitenta anos na que, di, vai ser a seu última xira. Hai algo semellante a riscar un deber, a asomarse á Historia con maiúsculas que, moi poucas veces, ten a oportunidade de se confundir coa nosa propia historia. Notei esa falta de conexión esa noite, impresionado aínda polo prezo das entradas e pola sospeita de esnobismo dunha Barcelona que ía mostrando pouco a pouco todas as súas caras. Pero, en fin, eu estaba na cidade por un longo affaire cunha saxofonista, así que non tiña escusa para non estar alí, botando un ollo a un mundo que sabía que non me podería permitir e a unha parte do meu pasado, cando Saxophone Colossus era un dos discos que acompañaba o café de media noite, o que daba o impulso para seguir estudando ou escribindo.
Trato sempre de non falar desde o desexo falso que incorpora a nostalxia, por máis que unha necrolóxica non sexa axeitada para iso. Lembro un tempo no que escoitabamos jazz fascinados pola súa complexidade, polas súas raíces nos desposuídos e na loita social. Se cadra xa no 2010 Sonny Rollins era un síntoma de como esa tendencia camiñaba cara ao ocaso. Eu, por se acaso, farei tocar de novo esta noite a súa música, invocarei as fantasmas dos que sobreviviron o gueto e a heroína, dos que erguían os brazos con esforzo mentres tanta xente os daban xa por mortos.