17/05/2023 by marioregueira

O traballador na sombra

“Horas, meses, días, anos”

Dicir que Francisco Fernández del Riego foi un artífice na sombra dos proxectos culturais da posguerra ten algo de esaxeración pero tamén garda unha profunda verdade. Máis aló da visibilidade fulgurante que gañará a súa imaxe a partir deste 17 de maio que o homenaxea está ben deixar testemuño de que as cousas non sempre foron así. Fernández del Riego viviu grande parte da súa vida nunha segunda liña da perspectiva pública. Se a Editorial Galaxia tiña en Ramón Piñeiro unha cara pública que mesmo xogou co mesianismo en certos momentos, Fernández del Riego foi sempre unha figura moito máis discreta, aínda que tamén moito máis inqueda e activa. O autor está presente xa no tímido panorama cultural dos anos corenta que antecede a fundación de Galaxia en 1950. Codirector con Xaime Illa Couto do suprimido Suplemento del Sábado do xornal compostelán La Noche, e artífice tamén do Galician Programme da BBC, un fito na difusión internacional da cultura galega realizado nos anos máis duros da posguerra ante o desconcerto das autoridades franquistas. O autor entrégase a Galaxia cunha vocación que transcende a simple dimensión editorial do proxecto. Porque Galaxia nace, precisamente, para facer a política posíbel dun contexto cunha enorme represión política. O propio protagonista das Letras deste ano, ao botar contas a mediados dos anos noventa recoñécese un obreiro de Galaxia, para a que queima “horas, días, meses, anos” cunha teimosía impresionante.

Traballador tan incansábel como desorganizado, era capaz de producir obras alí onde comezan a percibirse ocos e necesidades. Foi o caso do Manual de Historia de la Literatura Gallega, editado en 1951 para disponibilizar unha historia literaria propia e actual, algo que faltaba no panorama cultural de noso. Polas opcións empregadas, merecería unha dura crítica privada de Ricardo Carvalho Calero. Reaccións que noutro contexto levarían a disputas e loitas de egos non tiñan esa transcendencia no panorama de reemerxencia cultural da posguerra galega e non cabían na actitude xeral de Fernández del Riego.

Disposto a traballar mesmo naquelas facetas que reforzaban o seu segundo plano, é destacábel tamén o papel de antólogo, realizando a primeira Escolma de poesía contemporánea da posguerra en 1959. Un traballo de cartografía da lírica galega do século XX; da que quedaba atrás, cunha significativa incorporación do Federico García Lorca dos poemas galegos, da que resistira con graves dificultades para publicar e daquela que agromaba acollida polo propio momento cultural que Galaxia estaba creando.

O seu papel como crítico literario, no que transloce un amateurismo tinguido de esforzo e vontade, caracterízase por ser unha das poucas visións abertas a entender a influencia das literaturas estranxeiras contemporáneas. Alí onde Ramón Piñeiro (e mesmo Carvalho Calero) manifestaban unha profunda aversión ante o existencialismo e as liñas experimentais que emanaban das literaturas europeas, Fernández del Riego dedica moito tempo e traballo a desentrañar as súas claves. Algo que implicaba entender unha cuestión central na historia literaria de posguerra: por que a nova fornada da narrativa galega se afastaba do modelo esencialista e sentimental do que fóra a literatura galega precedente por camiños que resultaban tan estraños aos seus maiores.

Consciente de que o seu labor estaba detrás das bambolinas, chama a atención como dentro dunha obra xigantesca, con vetas divulgativas e memorialísticas, reloce unha única obra literaria: O cego de Pumardeón (1992), novela de memoria sobre as experiencias da guerra. A obra, ironicamente, non aparece coa editorial Galaxia. Fernández del Riego afástase do proxecto durante os anos oitenta, doído con Ramón Piñeiro e molesto polo protagonismo que este decide darlle a Carlos Casares. Un trago amargo para alguén que, porén, seguiu entregando o seu traballo ímprobo á cultura galega coa mesma xenerosidade.

Resiliencia

“¿Sabe usted que está viviendo con permiso del enterrador?”. Fernández del Riego conta varias veces nas súas memorias a lúgubre pregunta que recibía vía telefónica nos primeiros meses da posguerra. Destituído como profesor universitario por desafección aos sublevados, o autor contaba cunha longa carreira no activismo político entre a que destacaban os feitos de ser dirixente da Federación Universitaria Escolar (FUE) e destacado membro do Partido Galeguista, organización coa que participara na propaganda do si ao Estatuto votado no mesmo 1936. A pesar de cumprir o trámite obrigatorio de incorporarse ás filas franquistas, non sería a única vez que sentiría o alento da represión: en 1947 era detido e sometido a Consello de Guerra, finalmente sobresido.

A estadía na cadea é un dos elementos que parece convencer ao autor de abandonar a vía da política clandestina e centrarse na posibilidade do activismo cultural, no que xa participaba pero ao que se entrega cunha intensidade renovada. Substituíase a resistencia polo que hoxe chamaríamos resiliencia, a adaptación á adversidade. Abríase tamén un dos interrogantes clásicos da historia do nacionalismo: que pasaría se os homes de Galaxia mantivesen, como fixeron vascos e cataláns, a vía da lexitimidade republicana e do Partido Galeguista?

Publicado en Faro de Vigo, suplemento Faro das Letras, 17/05/2023

#17 de maio#Fernández del Riego#Galaxia#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies