13/09/2017 by marioregueira

Adeus, Xohana

Na miña promoción de filoloxía galega acompañamos ese cadro terríbel chamado orla cuns versos de Xohana Torres. Pero eu non beberei da xerra do silenzo. Poderían ser outros, na cultura popular galega continúa presente o Eu tamén navegar da Penélope que se revolve contra o seu destino de tecedeira. Un dos poucos casos nos que podemos lembrar inmediatamente unha cita coa simple mención da súa autora e posibelmente un dos versos máis citados e retorcidos na literatura galega de todos os tempos (tamén, si, en Tanxerina).

Xohana Torres soubo estar presente en cada momento determinante da poesía galega. Foi poeta dos cincuenta cando ser poeta e muller non era cuestión doada. Participou do renacemento poético dos oitenta e fixo de precursora dos noventa, cunha obra que acompañaba a revolta literaria das xeracións máis novas, que non dubidaron en considerala como unha máis. E falou de Ferrol, corazón de navío, cando Ferrol parecía expulsado para sempre das paisaxes da poesía galega. A autora soubo medir os ritmos literarios galegos dunha forma practicamente inédita, e conseguiu ser sempre contemporánea, que é aquilo que se di habitualmente dos clásicos. E non só na poesía. O seu papel de precursora aparece tamén na literatura dramática, na inesquecíbel Adiós, María!, parte da escasa narrativa de autoría feminina do seu tempo e capaz de colocar as cidades e o seu proletariado migrante nunha literatura galega ancorada aínda no imaxinario rural.

Precisamente por esta consonancia cos tempos é que resulta doado imaxinar como foi a Xohana Torres que iniciou a súa carreira na Galiza da posguerra. Polo medio dos tomos de correspondencia e das biografías aparece de vez en cando a súa imaxe. Convidada cabaleirosamente por Otero Pedrayo tras un recital en Santiago, mencionada como amiga que sofre coitas de amor, como a alumna espelida de Carvalho Calero que agora aborda unha carreira literaria, como a muller que, polo seu predeterminado instinto maternal debe comezar a escribir literatura infantil. A moza illada no norte, envolta en misterios e silencios que non pedira e que probabelmente tampouco exerceu de forma voluntaria. Máis rapaza que muller e, polo feito de selo, coa sombra inmensa de Rosalía de Castro proxectada a miúdo tras ela.

E porén, máis aló do paternalismo e dos condicionantes, do camiño cheo de boas intencións que non leva a ningures, Xohana Torres navegou. Se cadra sexa isto o mellor do seu legado. Que foi capaz de sobrepoñerse a un mundo de homes anquilosados en prácticas sociais que xa eran vellas cando naceron, que soubo ensinarnos que a mocidade é unha tarefa diaria, que soubo dialogar cos elementos novos que traían os tempos. E con nós, as persoas que chegamos despois.

Boa viaxe, Xohana, navegaremos por ti.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Literatura#Literatura de posguerra#Xohana Torres

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies