11/07/2017 by marioregueira

Oposicións, santuarios e violencia

Mozas de Georgia lendo a Faulkner no caloroso verán de 1971, Philip Bouchard (CC BY-NC-ND 2.0)

Lin Santuario con dezaseis ou dezasete anos e posiblemente por iso non o esquecerei nunca. Sen relelo nin unha soa vez, teño vívida a memoria do seu estilo, do ambiente rural opresivo e da violencia que describe. Elementos que descubriría anos despois na narrativa galega da posguerra, no noso caso artelladas para sortear a censura política e filtrar unha mensaxe que non podía facerse de forma máis evidente. Describir un universo mesto, onde as persoas se impoñen unhas a outras pola forza, e que esvara cara ao bizarro e o marxinal, producindo unha sensación de fonda estrañeza nas persoas lectoras, serve para facer un reflexo da sociedade norteamericana dos anos do crack. A estratexia tamén servía para representar, en liñas similares, a sociedade do franquismo, coincidente en moito con ese retrato. Nos dous casos había un pouso de denuncia social indirecta, cun matiz necesario no caso do Estado español, onde non había posibilidade algunha de formular unha denuncia patente.

Pregúntome como é posíbel que, anos despois, unha parte da sociedade crítica da Galiza apoie as protestas pola escolla dun texto desta obra para as probas das oposicións. Son consciente de que Faulkner pode representar unha opción particularmente difícil, que traballar cun hipotético alumnado sobre violencia e sexualidade tamén é un exercicio complexo, e que seguramente hai motivos suficientes para indignarse nun proceso de oposicións que representa en si mesmo unha pequena tortura. E porén o que indican a maior parte das protestas non é nada diso, senón que o texto escollido describe un acto de violencia sexual.

Non comparto a maior parte das críticas que se fixeron neste sentido, nin sequera as de persoas coas que habitualmente estou de acordo. Así, comparto con Susana na necesidade de mover os marcos, da mesma forma que penso que os novos marcos non os constrúe a escolla dun tribunal de oposicións e que máis responsabilidade teñen este tipo de reaccións no seu futuro, que deixan unha imaxe máis confusa que politizada, tamén nos camiños que as futuras autoras teñen que percorrer.

Rexeitar un texto porque describe unha violación, falar de “deleite” nun acto descrito como forma de representar e denunciar unha violencia social na que as mulleres son as primeiras vítimas, supón confundir narración con apoloxía, algo que non se agardaría de persoas responsábeis da formación de outras. E por suposto máis aínda consideralo parte do canon da cultura da violación, do que forma parte tanto como poderían facelo as violacións que describen Margaret Atwood ou Eduardo Blanco Amor, que probabelmente non merecerían nin unha mínima parte destas reaccións.

Toda unha vida de escrita para que te poñan mirando un aparcamento – Visit Mississippi CC BY-ND 2.0

O acontecido non deixa de lembrarme certos fenómenos que acontecen no ensino universitario ou na literatura galega. O rebaixamento do nivel educativo para ofrecelo a gusto do consumidor, que pasa por evitar ao alumnado calquera tipo de frustración ou conflito deste tipo, por exemplo, unha tendencia á alza no contexto europeo. Pensar que pode haber superviventes da violencia sexual entre as persoas examinadas é relevante, sen dúbida, pero tamén abre o camiño a evitar outro tipo de textos a vítimas doutro tipo de violencias e experiencias traumáticas. Tamén a presupoñer que unha persoa, polo feito de ser supervivente da violencia sexual, fica eivada á hora de analizar os discursos que se realizan sobre ela, mesmo cando estes funcionan na súa contra ou destacan o seu papel nas relacións de poder, colocándose fóra das dinámicas habituais do patriarcado. Se algo facemos desde a filoloxía é estudar discursos e sabemos (ou deberamos saber) como se constrúen e que elementos empregan. E sen dúbida, onde non hai conflito, non hai discurso. Non se pode falar contra a violencia desde a literatura sen mencionar e describir a violencia. Pódense, iso si, facer panfletos.

Isto faime pensar tamén unha liña preocupante dentro da literatura galega contemporánea. A necesidade de estabelecer discursos unívocos e maniqueos, onde as persoas boas son boísimas e ideoloxicamente perfectas e as malas, malas de telenovela. E onde calquera alusión á zona escura do ser humano vai acompañada dun prego de descargo onde a voz autorial deixa perfectamente claro que condena o que alí (en xeral asepticamente) conta. Unha forma de empobrecer o discurso e de renunciar a outras estratexias que non sexan mastigar minuciosamente ao lectorado ideas xustas. Tan xustas que merecerían formulacións literarias menos pobres ca aquelas coas que habitualmente son tratadas. Despois virán as sorpresas e as dificultades para identificar o inimigo. Como me dixo unha amiga miña, opositora de galego, sobre este tema:

– O que me amola é que todo o mundo proteste polo de Faulkner e ninguén diga nada de que en galego nos puxeron un poema de Noriega Varela. Iso si que é violencia.

#Activismo e resistencia#Feminsmo#Literatura#Oposicións 2017#William Faulkner