31/01/2018 by marioregueira

Os mellores libros de 2017

Non quería deixar de acabar xaneiro sen deixar unha nota sobre os que considero os mellores libros do pasado ano en lingua galega. Como digo sempre, hai moitos outros e é unha lista caracterizada por ser persoal e, por tanto, inxusta en moitos aspectos. Este ano, ademais, fun consciente de como seguir as propias regras destas seleccións trae tamén outras inxustizas, dous dos libros que levaban semanas na miña mente como os máis destacados do meu pasado ano lector resultaron estar editados a finais de 2016. Se cadra isto me dea para pensar en como, máis que de libros do ano, debamos falar de libros dun curso literario que coincide máis ou menos cos clásicos cursos escolares, cun verán lector polo medio. Se cadra decida trasladar esta lista a comezos de xuño ou finais de setembro. Polo momento, aquí están as propostas que eu destacaría deste pasado 2017.

Limiar de conciencia, de Cris Pavón (Urco Editora)

Pode un libro auto-editado na rede hai máis de catro anos destacar como unha das propostas de 2017? Hai tempo que acredito na capacidade de Cris Pavón para trazar camiños orixinais na narrativa galega, xestionando referencias ben complexas e orixinais. Se cadra Limiar de conciencia sexa o produto máis logrado disto, un auténtico asalto á narrativa convencional, cunha trama que alén do seu xogo de bonecas rusas, inclúe elementos como a linguaxe informática ou as intelixencias artificiais que seguen aparecendo como animais exóticos nos mundos que habitualmente transita a narrativa nacional. Lembrarei 2017 como un ano cheo de boas novelas pero das que ningunha conseguiu sorprenderme ou tocarme, polo menos non como o fixera esta xa no seu momento. Se cadra pola súa capacidade de que ese momento seu continúe sendo agora.

Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora)

Lupe Gómez tería a etiqueta de clásico das nosas letras se non manifestase a vitalidade e as boas artes que aparecen en libros coma este. Ou dito doutra forma, Lupe Gómez non pode ser un clásico porque os clásicos non acostuman estar tan vivos nin seguir construíndo obras dunha orixinalidade sen paliativos. Camuflaxe pasará por ser o mellor libro da autora, o máis logrado dun proxecto poético que nos deixara marcas como unha lategada, pero que nunca chegara a ofrecernos un fondo tan claro, a noción de que o tema transcende unha forma poética arriscada. Un tema que fala da memoria e da perda, pero que tamén supón todo un tratado sobre as relacións entre o rural e o urbano e todo un berro de rabia contra a extinción.

Terra, de Xurxo Mariño (Xerais)

Hai algo en Xurxo Mariño que evoca un personaxe doutro tempo. A propia idea de facer unha viaxe arredor do mundo, por exemplo, pero tamén a crenza de que, nun mundo interconectado e no que a información flúe cunha facilidade inédita para o ser humano, segue pagando a pena realizar esa travesía e ir contando as distintas anécdotas e aprendizaxes que unha experiencia así ofrece. Terra é un froito inesperado a medio camiño entre a literatura de viaxes e a divulgación científica. Xurxo Mariño destacaba como divulgador no campo da neurociencia. Nesta obra o protagonismo oscila entre a bioloxía e a xeoloxía, sen esquecer a perspectiva sociolóxica e antropolóxica, o aspecto emotivo e mesmo o político, nunha viaxe que acontece cun principio tan poético como o de perseguir o verán polo globo. Sen dúbida un libro único e unha experiencia inimitábel.

A señorita Bubble, de Ledicia Costas (Xerais)

Incorporando á triada clásica de xéneros a chamada literatura infantil e xuvenil, este ano quero destacar a máis nova obra de Ledicia Costas. Tal e como mencionamos nalgún lugar, hai un pouso moi ben levado dos universos de Roald Dahl, capaces de conxugar o divertido co tétrico, apostando sempre pola intelixencia dun público novo. O estilo non é novo, nin sequera na obra da autora, e porén hai algo que fai a señorita Bubble un personaxe inesquecíbel. Probabelmente a forma de representar unha heroína en loita contra a sociedade e capaz de empregar a ciencia e a tecnoloxía ao seu favor. Elementos todos tan necesarios como poucas veces vistos na nosa literatura.

#2017#Chan da Pólvora#Cris Pavón#Crítica#Ledicia Costas#Literatura#Lupe Gómez#Urco Editora#Xerais#Xurxo Mariño
Comentarios desactivados en Os mellores libros de 2017