26/08/2020 by marioregueira

Ese anaco de horizonte

Seguramente é un dos primeiros malentendidos que lembro da primeira infancia. De cara á paisaxe que amosaba a casa da bisavoa, miña nai trataba de me explicar o que era o horizonte. O horizonte como espazo abstracto que unha crianza imaxinativa coma min non conseguía concibir e que tomaba a forma da paisaxe real que vía no fondo da terra. Nese momento, para min, o horizonte foi para sempre un monte contra o solpor das terras do norte, un lugar onde as árbores que nacían da terra acababan unidas polas copas e onde ás veces aínda vías pasar xente levando carros. Non entendía cando miña nai explicaba que, por máis que andásemos nunca chegaríamos ao horizonte e así o configurei como un país máxico que estaba uns cantos quilómetros adiante. Quilómetros baleiros de calquera propósito, imposíbeis de percorrer, vedados a quen realmente quixese emprender a xornada.

Este é o horizonte que, no fondo, sempre entendo, o de algo que non conseguimos apreixar, que se nos escapa, aínda que amose unha imaxe que, no seu contraluz, parece moi definida. Case como un país estranxeiro no que nos negarían a entrada mediante aduanas leoninas. Como un país fantástico que só percibimos en soños ou ao chiscar os ollos no solpor dun serán concreto.

E, máis que calquera outra, foi esta metáfora persoal a que escollín para o anuario da poesía de 2018 que me encargou a xente de Chan da Pólvora. No fondo, porque a literatura é sempre unha cuestión de perspectivas. Alucinamos con tal obra que nos parece moi orixinal, e nos cinco anos seguintes alguén nos explica que en realidade é un plaxio de tal cousa que saíu nunha pequena editora galesa. Pasamos por alto un libro que nos parece anódino, e ao cabo duns meses volvemos a el famentos, porque o pouso que nos deixa é mellor que aquel primeiro impacto, callou en nós e pídenos unha outra lectura.

A literatura do presente é algo cara ao que camiñamos sabendo que é un país precario, inexistente, un código que, ao igual que facían os comerciantes en terras afastadas, improvisamos para comprendernos desde a nosa estranxeiría crónica. Porén, mesmo con estas limitacións asumidas, non podo deixar de aplaudir a intención e a constancia coa que Chan da Pólvora persiste, tratando de fixar os mapas da poesía dos nosos tempos, coa mesma ansiedade e anticipación de quen manda exploradores a atopar o país perdido do Horizonte, onde as copas das árbores se tocan, o sol sempre cae, e aínda hai paisanos levando os seus carros.

#2018#Anuario#Chan da Pólvora#Chanzo#Crítica#Literatura#Mario Regueira#poesía#Publicacións

31/01/2018 by marioregueira

Os mellores libros de 2017

Non quería deixar de acabar xaneiro sen deixar unha nota sobre os que considero os mellores libros do pasado ano en lingua galega. Como digo sempre, hai moitos outros e é unha lista caracterizada por ser persoal e, por tanto, inxusta en moitos aspectos. Este ano, ademais, fun consciente de como seguir as propias regras destas seleccións trae tamén outras inxustizas, dous dos libros que levaban semanas na miña mente como os máis destacados do meu pasado ano lector resultaron estar editados a finais de 2016. Se cadra isto me dea para pensar en como, máis que de libros do ano, debamos falar de libros dun curso literario que coincide máis ou menos cos clásicos cursos escolares, cun verán lector polo medio. Se cadra decida trasladar esta lista a comezos de xuño ou finais de setembro. Polo momento, aquí están as propostas que eu destacaría deste pasado 2017.

Limiar de conciencia, de Cris Pavón (Urco Editora)

Pode un libro auto-editado na rede hai máis de catro anos destacar como unha das propostas de 2017? Hai tempo que acredito na capacidade de Cris Pavón para trazar camiños orixinais na narrativa galega, xestionando referencias ben complexas e orixinais. Se cadra Limiar de conciencia sexa o produto máis logrado disto, un auténtico asalto á narrativa convencional, cunha trama que alén do seu xogo de bonecas rusas, inclúe elementos como a linguaxe informática ou as intelixencias artificiais que seguen aparecendo como animais exóticos nos mundos que habitualmente transita a narrativa nacional. Lembrarei 2017 como un ano cheo de boas novelas pero das que ningunha conseguiu sorprenderme ou tocarme, polo menos non como o fixera esta xa no seu momento. Se cadra pola súa capacidade de que ese momento seu continúe sendo agora.

Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora)

Lupe Gómez tería a etiqueta de clásico das nosas letras se non manifestase a vitalidade e as boas artes que aparecen en libros coma este. Ou dito doutra forma, Lupe Gómez non pode ser un clásico porque os clásicos non acostuman estar tan vivos nin seguir construíndo obras dunha orixinalidade sen paliativos. Camuflaxe pasará por ser o mellor libro da autora, o máis logrado dun proxecto poético que nos deixara marcas como unha lategada, pero que nunca chegara a ofrecernos un fondo tan claro, a noción de que o tema transcende unha forma poética arriscada. Un tema que fala da memoria e da perda, pero que tamén supón todo un tratado sobre as relacións entre o rural e o urbano e todo un berro de rabia contra a extinción.

Terra, de Xurxo Mariño (Xerais)

Hai algo en Xurxo Mariño que evoca un personaxe doutro tempo. A propia idea de facer unha viaxe arredor do mundo, por exemplo, pero tamén a crenza de que, nun mundo interconectado e no que a información flúe cunha facilidade inédita para o ser humano, segue pagando a pena realizar esa travesía e ir contando as distintas anécdotas e aprendizaxes que unha experiencia así ofrece. Terra é un froito inesperado a medio camiño entre a literatura de viaxes e a divulgación científica. Xurxo Mariño destacaba como divulgador no campo da neurociencia. Nesta obra o protagonismo oscila entre a bioloxía e a xeoloxía, sen esquecer a perspectiva sociolóxica e antropolóxica, o aspecto emotivo e mesmo o político, nunha viaxe que acontece cun principio tan poético como o de perseguir o verán polo globo. Sen dúbida un libro único e unha experiencia inimitábel.

A señorita Bubble, de Ledicia Costas (Xerais)

Incorporando á triada clásica de xéneros a chamada literatura infantil e xuvenil, este ano quero destacar a máis nova obra de Ledicia Costas. Tal e como mencionamos nalgún lugar, hai un pouso moi ben levado dos universos de Roald Dahl, capaces de conxugar o divertido co tétrico, apostando sempre pola intelixencia dun público novo. O estilo non é novo, nin sequera na obra da autora, e porén hai algo que fai a señorita Bubble un personaxe inesquecíbel. Probabelmente a forma de representar unha heroína en loita contra a sociedade e capaz de empregar a ciencia e a tecnoloxía ao seu favor. Elementos todos tan necesarios como poucas veces vistos na nosa literatura.

#2017#Chan da Pólvora#Cris Pavón#Crítica#Ledicia Costas#Literatura#Lupe Gómez#Urco Editora#Xerais#Xurxo Mariño

23/01/2017 by marioregueira

Os mellores libros de 2016

Unha vez que a maior parte das listas máis ou menos colaborativas foron saíndo á luz, quero deixar, igual que o xaneiro pasado, a miña impresión do ano literario en lingua galega. Como xa dixen, e imaxino que seguirei dicindo no futuro, isto é unha lista mínima e completamente persoal, que é a única forma que teño de facela. Do que lin (que foi moito, pero tampouco foi todo), eu quedaría con estes libros para resumir o 2016. Sobra dicir que hai moitos outros excelentes, algúns, capaces de disputarlles o protagonismo a estes, simplemente eu comezaría por eles.

Cara ao leste, de Antía Nara (Xerais)

Para min, unha das sorpresas literarias do ano. O regreso á narrativa de Antía Nara, cunha novela de tese, capaz de xerar o seu propio suspense cenital apelando a un argumento tan de actualidade como liberado dos tópicos esencialistas cos que habitualmente é tratado. O xenocidio silencioso que despoboa o noso país de mocidade, o papel das identidades subalternas na realidade rural, a propiedade da terra ou o futuro dunha Europa post-soviética son temas que, por desgraza, non é habitual ver na literatura galega contemporánea. E moito menos tratados con esta mestría.

Suicidas, de Fran Cortegoso (Chan da Pólvora)

A pena máis grande do ano foi o pasamento dun autor novo e prometedor, pero tamén ver como o relato do seu final ameaza con reinterpretar unha aposta poética que debería ir moito máis alá e ser lida á marxe das lendas e os seus acasos. Suicidas non é un libro importante por ter saído días antes de que o seu autor finase, deberá ser un libro importante para nós por moitas outras cousas, entre elas unha aposta lírica cunha densidade non vista antes e unha perspectiva ante á creación poética tan abranxente que é imposíbel evitar o sentimento de vertixe.

Novas do Exterior, de Xosé Luís Santos Cabanas (Axóuxere)

A crónica de Santos Cabanas conmove por dous motivos: o primeiro e máis evidente pola historia que narra, que parte da detención do seu fillo, Antom Santos e continua nos 63.000 quilómetros de viaxes á cadea do subtítulo, a parte máis visíbel dun calvario xudicial e penitenciario absolutamente kafkiano. En segundo lugar, porque o pai do prisioneiro é capaz, mesmo así, de ofrecer un relato de calidade, cunha certa distancia que porén non deixa de denunciar os absurdos que rodearon o xuízo, o castigo engadido da dispersión e do réxime penitenciario, ao tempo que testemuña a solidariedade que lle foi saíndo ao paso.

#2016#Antía Nara#Axóuxere#Chan da Pólvora#Crítica#Fran Cortegoso#Lectura#Literatura#Xerais#Xosé Luís Santos Cabanas

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies