05/02/2018 by marioregueira

Tripas, de Alberte Momán


Tripas / Alberte Momán
Belagua / 2017 / 242 páxinas / 16 euros
Poética da diversidade
MARIO REGUEIRA

Ben como narrador, ben como poeta, Alberte Momán acumula unha obra extensa que, dentro da súa diversidade, se resiste a ser sistematizada. Se cadra, o ton común de toda ela sexa, xa desde os seus comezos, un certo inconformismo e un afastamento voluntario das grandes correntes literarias, tamén no que respecta á procura de subxéneros.

Tripas, lanzado en edición bilingüe galega e castelá, afiliase así a unha traxectoria poética difícil de resumir pero da que podería ser un froito especialmente representativo. Pode que o título nos dirixa xa cara a iso: Tripas como referencia ao mecanismo interno das cousas, a aquilo que fica agochado pero que colabora para que o mundo funcione, aínda que a súa simple vista poida darnos unha imaxe de crueza. En certo sentido, Tripas é unha poética, un texto que serve para explicar a relación do seu autor co acto creativo. Só en certo sentido, porque este volume é ademais moitas outras cousas e acaba representando, por vontade ou por unha certa asociación inconsciente, o paso de Momán por moitas outras fases e tendencias creativas.

O que máis pode chamar a atención do libro é, en primeiro lugar, a súa aparente falta de unidade interna. Case dá a sensación de presentarnos, por momentos, cinco ou seis volumes diferentes, nos que só a aparición intermitente dalgúns motivos (como o das mazás) nos devolve á consciencia de estarmos ante a mesma obra. Cun comezo de ton lírico, “Arrabalde de silencio” lévanos ás paisaxes da infancia, aos primeiros sabores da froita no padal, pero tamén á extinción de todos eses rastros vitais (Despois de máis de corenta anos / a maciñeira sucumbiu polo paso dunha autoestrada). Nesta primeira parte é onde aparece tamén o elemento que, pode que máis que ningún outro, ostente o protagonismo dos versos de Tripas: a ansiedade á hora de comunicar algo (O inicio da historia que debería contar / e que non podo), a imposibilidade que atinxe tamén a todo proceso creativo.

O ton do poemario muda rapidamente. Unha candencia nova faise dona do longo poema que compón “As fronteiras do medo” para pasar aos poemas en prosa de “Falamos”, novamente co tema da comunicación e do papel da creación poética. Outro poeta, dos moitos que habitan no universo de Alberte Momán, parece o autor de “Periferia” ou “Maianca”, onde os poemas abren cara a unha dimensión máis social, coa intersección amorosa tamén presente. Porque escribir tamén é escribir desde o lugar fantasmal no que nos colocou a Historia, aínda que o autor volva a falar do eu en “Corenta aniversario”, a coda persoal que pon fin ao libro.

Un libro referencial na produción do autor, un alto no camiño dunha poesía complexa e diversa que parece facer un alto para cuestionarse a si mesma. Seguramente, sairá reforzada e atopará a forma de seguir dándonos sorpresas.

Sermos Galiza 273, 21 de decembro de 2017, Foradeserie, px. 6.

#2017#Alberte Momán#Belagua#poesía#Sermos Galiza

27/11/2017 by marioregueira

Vestir a noite, de Olalla Cociña Lozano


Vestir a noite / Olalla Cociña Lozano
Arte de Trobar (Centro PEN Galicia) / 2017 / 98 páxinas
Viaxes pausadas

Atopar o poema como quen atopa unha fotografía vella. Como un elemento que proxecta unha historia,pero do que nos faltan datos obxectivos que, involuntariamente, completaremos cunha mestura de lembranzas e imaxinación. A tentación de definir así o encontro coa poesía de Olalla Cociña asalta ao lector xa no contacto cos seus primeiros libros, aínda que aparece dunha forma moito máis rotunda en Libro de Alicia (2008) e Ningún precipicio (2013), as obras previas a este Vestir a noite. Tres libros onde o cifrado desa realidade experimenta unha viraxe cara ao hermético, ou se cadra sexa máis xusto dicir que concede máis espazo a esa mestura de lembranzas e imaxinación, como se as fotografías que atopamos estivesen comidas polo tempo. Aínda así, sería inxusto permitir que a metáfora da imaxe capturada relacionase este novo poemario da autora co seu inmobilismo. Vestir a noite comeza cunha viaxe: un percorrido curto, case doméstico, contado cunha minuciosidade que ralentiza o ritmo e que supón unha magnífica forma de introducirnos na obra.
A memoria dos cuartos nos que se dorme, as árbores ás que subir e as lombrigas que examinar de perto compoñen unha aventura que nos devolve inmediatamente á infancia, ou ao territorio mesto do pasado que comeza con ela. Un punto de vista no que non tardará en aparecer a dimensión do eu en relación co mundo e as súas catástrofes: a destrución do paso do tempo, a distinta elasticidade do seu transcorrer e a dimensión dun universo que atinxe tamén a un eu aparentemente pequeno. Esa identidade que, xa na terceira persoa coa que comeza o libro, anuncia a precariedade da súa firmeza en relación á experiencia que narra.
Se cadra por iso a segunda parte do poemario “Sombra” volva situarnos en espazos que remiten a mundo que esmorece, con certas referencias á arqueoloxía e aos rastros do pasado que seguimos a atopar nas nosas vidas. Unha perspectiva na que xa aparece a primeira persoa plural que domina “Nubes de repouso”, onde os poemas xogan cun espazo en extinción ou ao borde da catástrofe e dun mundo que aparece estraño e marabilloso ao mesmo tempo.
O resto do libro devólvenos á metáfora fotográfica que brilla explícita en “Tres fotografías”, onde sorprenden as referencias vampíricas, a medio camiño entre a súa natureza como medo infantil e como identidade subalterna. Tamén en “Vermella, branca, negra” poderiamos recoñecer escenas detidas no tempo e acceder algo máis ao significado do que Olalla Cociña nos conta. Unha visión intensa do pasado, unha viaxe pausada como a que se fai sobre un álbum de fotografías e que, como ben advirte Luz Pichel no prólogo, acaba deixándonos un doce sabor de boca. O da recuperación dos praceres esquecidos. Como cando buscas algo / e está.

Sermos Galiza 273, 23 de novembro de 2017, Foradeserie, px. 6.

#2017#Arte de Trobar#Olalla Cociña#poesía#Sermos Galiza

14/01/2016 by marioregueira

Os mellores libros (galegos) de 2015

As listas de “mellores” libros son o que son: persoais, incompletas, e forzosamente subxectivas. A pesar diso, a miña decisión de participar nelas vén dada porque creo que algunha utilidade seguen a ter, aínda que sexa para axudar a outras persoas a escoller un libro ou a non escollelo en absoluto. O primeiro que deberamos aclarar é que, por sorte, é imposíbel ler toda a produción anual en lingua galega. E eu non o fixen, pero si que é certo que, mesmo nun ano con tan pouco tempo para a lectura recreativa como foi este 2015, dei conta dunha parte importante dela. E dos libros que lin eu destacaría tres. Se cadra os mellores. Se cadra non. Se tedes que ler só tres libros editados en 2015, eu recomendaría que lerades estes. E se tiverades que levar tres libros a unha illa deserta… Eu recomendaríavos que non levedes libros a unha illa deserta. Levade unha cana de pescar. Ou unha zodiac para poder volver.

Detalle da portada de Cabalos e lobos

Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo (Edicións Xerais).

Non só a que considero a mellor novela deste ano, senón tamén unha das máis destacadas do último lustro da literatura galega. Cunha ambientación viguesa que supera a vigo-exploitation que comeza a campar nas nosas letras e rescata as verdadeiras entrañas da cidade, a súa memoria obreira e combatente, a súas historias privadas, ás veces tan importantes como esa historia colectiva, ou polo menos así consegue o autor que as vexamos. Unha obra cun inicio espectacular e un ritmo absolutamente envexábel que consegue mergullarnos nunha historia na que o paso das guerras e da represión franquista enmascara un pasado familiar que iremos descubrindo pouco a pouco.

Seique, de Susana Sánchez Arins (Através)

Confeso que cada vez me custa máis entusiasmarme coa poesía. E pode que o mellor exemplo sexa que de todos os libros do xénero escolla Seique, que non é poesía, aínda que tampouco é exactamente narrativa breve e definitivamente non é narrativa longa. Finxamos que é poesía por estar escrito por unha poeta ou porque as cousas que non sabemos cualificar nesa fluencia dos xéneros literarios son case sempre poesía. Seique aborda as cuestións da memoria e do legado da guerra civil española dunha forma completamente innovadora para a literatura galega. Tomando como punto de partida a participación dun dos seus familiares na represión franquista, a autora consegue evocar esa complexa posición e falar da dificultade de construír narrativas sobre o trauma e da relación entre a violencia intra-familiar e a violencia política, se cadra dúas caras da mesma moeda.

Marxes e centros

Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural, de Antón Figueroa (Laiovento).

Un amigo dicíame hai pouco que, se eu era bourdieano, era por ser previamente, e de forma moito máis intensa, figueroano. Ten parte de razón e nunca neguei que Antón Figueroa foi un dos mestres máis excepcionais que tiven a fortuna de atopar na miña traxectoria académica. Este libro recompila unha parte importante dos seus artigos dos últimos anos, a maior parte deles referidos coherentemente a unha perspectiva sociolóxica sobre o desenvolvemento das culturas, e especificamente de culturas periféricas ou subalternas como a galega. Porén, o volume tamén é interesante por contar cunha entrevista final realizada polos editores ao autor e que, polas poucas veces que Figueroa ten falado de si mesmo nestes anos, resulta unha alfaia que axuda tamén a coñecer mellor unha das mentes máis preclaras que teñen dado os estudos literarios galegos.

#2015#Antón Figueroa#Através#ensaio#Fran P. Lorenzo#Laiovento#Libros#Literatura#narrativa#poesía#Susana Sánchez Arins#Xerais

01/08/2013 by marioregueira

As palabras (e o Festival de Poesía do Condado)

Quedan algo máis de dez días para que o Festival de Poesía do Condado remate a súa campaña de financiamento, e resulta case obrigado animar ás persoas que aínda len esta humilde e irregular bitácora a que axuden a dar ese pulo final que permita chegar ao obxectivo marcado.
A estas alturas case calquera cousa que se poida dicir sobre o Festival da Poesía do Condado será, seguramente, redundante. Calquera persoa que ande metida no mundo das letras sabe do seu valor, da súa lonxevidade e da importancia do traballo das persoas que axudaron, en todo este tempo, a mantelo vivo. Nun país que produce tanta poesía como produce o noso, resulta estraño decatarse de que poucas son realmente as iniciativas que a valoran na medida en que o merece, facéndoa protagonizar actos coma este.
Porén, non só por iso resulta importante que o Festival se manteña vizoso e vivo. Ademais de favorecer a difusión da obra poética, de dar de comer e beber ás persoas que a producen e aínda de fortalecer os lazos que o noso país ten coa lusofonía, o Festival de Poesía do Condado cinguiuse sempre ao lado máis subversivo que teñen as palabras, deixándose empapar polo seu discurso para reivindicar a utopía, mundos máis xustos, ou desobediencias como a deste ano. Dalgunha forma, se agora precisan o noso apoio é porque nunca apostaron por reducir a palabra das poetas aos límites cómodos dos libros, os actos puntuais ou os discursos institucionais. A súa dedicación foi a de facer fluír os versos cara á comunidade, empregalos como claves na súa liberación, fomentar esa noite máxica na que a distancia entre nós e as palabras se reduce até desaparecer. Axudemos a que o seu traballo poida durar moitos anos máis e a que poidamos seguir despedindo o verán nesa festa anual ao pé do Miño.

Como curiosidade, o verso co que comeza o meu discurso de apoio (na parede a na miña boca) é dun dos poemas máis fascinantes escritos nunca: You are welcome to Elsinore, de Mário Cesariny, e que algún día aprenderemos a recitar como convén.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Literatura#poesía

07/07/2008 by marioregueira

Nacer é unha república de árbores

Nacer é unha república de árbores

Mario Regueira

Reseña aparecida n’A Trabe de Ouro nº 75, (xullo, agosto setembro 2008). ISSN: 1130-2674

Hordas de escritura Chus Pato Edicións Xerais, 2008, 90 páxinas

Sabemos, por declaracións da propia autora, que Hordas de escritura representa o terceiro elemento dunha serie de cinco libros que se há de chamar Método. Este feito non sorprenderá a calquera persoa que se teña achegado ás dúas obras anteriores. Hai, en efecto, unha liña estilística moi marcada que liga os tres libros e que a estas alturas case podemos afirmar que chega a poñer en risco as análises separadas de cada un deles. Hordas de escritura comparte cos seus predecesores a maior parte das súas características, entre elas a mesma capacidade de facer propostas arriscadas, tanto no contido como na forma.

Continúa así, por exemplo, a vocación que poderiamos denominar culturalista. Estamos perante unha obra inzada de referencias históricas, artísticas e míticas, empregadas porén, dun xeito pouco habitual. Un dos usos máis habituais das referencias culturalistas adoita ser o de encadrar ou apoiar parte do discurso, situalo nunha liña continuadora con certo discurso precedente. Na obra de Chus Pato rómpese a relación maiormente unidireccional cos discursos precedentes e camíñase cara a unha relación bidireccional. As obras artísticas e os feitos históricos aos que remite o texto fican integrados nunha nova realidade, pasan a conformar un elemento máis do discurso. Dalgún xeito podemos dicir que deixan de enmarcar o que o texto di e pasan a formar parte do que o texto é. Algo especialmente notábel na primeira cita de Schlegel, onde o enunciado de que a poesía é un discurso republicano parece máis un programa de traballo ou unha conclusión final sobre o texto ao que precede, sen atinxir do seu contido máis do que as propias reflexións metaliterarias. Pero dalgún xeito, a propia obra no seu conxunto integra e se opón no mesmo movemento ás teorías de Schlegel sobre a poesía. Do mesmo xeito as referencias a Hölderlin serven para encamiñar de novo o discurso cara a cuestión da creación, unha das constantes da obra.

É particularmente interesante a noción de que ese diálogo entre pezas estabelécese precisamente sobre a noción de construción. Cáberíanos a dúbida de estar asistindo á elaboración dunha enorme poética, de non ser porque a obra de Chus Pato tampouco encaixaría nos amplos límites do que se entende tradicionalmente por póetica como explicación do proceso creativo. O proxecto remite, en todo caso, a unha poética imposíbel, que non só entra en constante diálogo coa propia actividade da creación e os seus produtos, senón que confunde a súa identidade con eles. As reflexións sobre o feito mesmo do poema son constantes, pero tamén o son as preguntas sobre o feito de ser poeta (Definición: poeta é o non poeta.), e tamén do propio feito do Eu, un Eu que bascula, como toda a construción literaria que nos ocupa, entre un Eu autorial que reflexiona constantemente sobre a creación e un Eu lírico que está a ser desmentido ou evidenciado a cada pouco. (falar falan os verdugos, a vítimas, as personaxes literarias non paran de falar, falan as actrices no teatro, os sepultureiros, as esposas falamos e non paramos de falar/Pero Eu non fala).

Cabe destacar tamén a multiplicidade de voces do Eu lírico, diversas como os propios personaxes que inzan o texto e que lle confiren a característica de compoñer un proxecto de enunciación global, onde a propia identidade fica esvaída. Nese sentido é especialmente interesante a reaparición da personaxe de Jekill e a reflexión sobre a cuestión do dobre, unha reflexión que alude directamente á usurpación da identidade (e que non puido presidir a comisión da sociedade “Amigos do país” que rexeitou a entrega dun zócalo ou altorrelevo aos exércitos vitoriosos como trofeo e botín. Así a todo, alguén que se lle parece ata o punto de poder facerse pasar por ela preside o xurado).

Finalmente Hordas de escritura comparte tamén cos seus predecesores unha arriscada configuración formal. Aínda que non se empreguen tanto os esquemas e as táboas explicativas que caracterizaban os outros libros, o presente segue a moverse nunha complicada ruptura de categorías. Moita xente non dubidaría de calificar os elementos do texto como prosa poética ou poemas en prosa, unha das categorías xenéricas híbridas e posíbelmente das máis abertas que existen. Porén, neste caso se cadra é preciso reparar na historia editorial e de recepción pública dos tres libros que conforman Método, especialmente M-Talá. Se lembramos, a aparición da primeira edición de M-Talá no ano 2000 foi nun exemplar fóra de colección que tivo unha azarosa vida nos andeis das librarías, xa que segundo o lugar, ou o capricho, foi colocado cos libros de teatro, cos de poesía ou mesmo cos de ensaio. O feito de que os dous libros seguintes aparezan na colección de poesía da mesma editora está influenciado sen dúbida por razóns de política editorial, pero podemos afirmar que dalgún xeito tamén funcionou o “convenio” dos lectores e lectoras en considerar que iso era poesía. En realidade este proxecto de Chus Pato é sinxelamente “outra cousa”, inapreixábel e fóra de calquera clasificación de xénero. O feito de que popularmente se considere poesía alude en primeiro lugar a unha vella noción de poesía como “aquilo que resta”, é dicir, o que non se sabe explicar o que é, aínda que suscite certas emocións, máis do que ao propio concepto teórico de poesía. En segundo lugar ponnos en cuestión dun feito importante: Método é tamén unha creación bidireccional no sentido no que atinxe ao conxunto de lectores e lectoras e o sitúa nunhas tomas de decisión inéditas até hoxe na Literatura. Decidir, ou influír na decisión da clasificación da propia obra, ou situarse no outro cabo dunha pregunta directa sobre o texto formulada polo propio texto.

Un dos aspectos que máis poden destacar deste novo libro é precisamente a esa noción comunitaria e está apegado estreitamente ao concepto de horda que figura no seu mesmo título. Non se trata dunha noción ausente nos anteriores, pero si que adopta unha forma máis explícita neste Hordas de escritura. Dalgunha forma evoca profundamente a noción de multitude formulada por Antonio Negri e Michael Hardt en Imperio e rompe ao tempo cos precedentes da poesía social no contexto ibérico en canto á configuración dun protagonista colectivo.

Non cabe dúbida que Chus Pato escribe dende unha perspectiva conscientemente politizada e dende unhas posturas políticas bastante meridianas. Esa perspectiva está presente no texto dun xeito acorde co seu propio desenvolvemento: escura pero inequívocamente. Non só a presenza dos elementos culturais galegos funciona como unha chamada contra a súa negación histórica, senón que tamén existen constantes referencias ao imperialismo, un ataque constante aos esquemas lingüísticos e categorizadores do patriarcado, mencións xeográficas que evocan inevitabelmente o internacionalismo proletario e tamén, na mesma dualidade xa sinalada, anacos que encaixarían dentro dos conceptos de teoría política (que non falan de, senón que son).

Existe ademais, a presenza, ou a intuición dun protagonista colectivo. É especialmente destacábel nese sentido, que o Eu lírico rompa a distancia habitual que existía entre o poeta social e os destinatarios da súa poesía. Esa ruptura evidénciase en dous aspectos: o primeiro, como xa apuntamos, a propia deconstrución e impugnación da unidade do Eu lírico, evidenciado na multiplicidade de voces e personaxes que poboan o texto. O segundo, a asunción de que ese Eu, ou o que queda del, forma parte dunha multitude que tamén participa do poema, na reflexión aberta sobre o propio texto que nunca deixa de integrar ao lector.. Outro elemento distinto é a reconfiguración lírica da situación do eu colectivo. Se a poesía social narraba o devir dun suxeito colectivo protagonista da historia e cun destino heróico ao que marchaba en orde e sen deterse, a aposta de Chus Pato narra esa mesma historia desprovista da orde e da noción clásica de heroísmo. A enunciación do texto declina toda responsabilidade bárdica para formar parte, como un elemento máis, desa multitude convertida en horda sen control, disposta a actuar, non guiada por un destino, senón seguindo o seu mesmo fluír natural, do mesmo xeito desordeadamente efectivo no que actúan as hordas humanas. Dun xeito moi similar ás afirmacións de Negri sobre a horda que destruirá o Imperio. Nese sentido podemos calificar a obra de Chus Pato como unha epopea post-soviética, un intento de redefinir a colectividade dentro dunhas novas coordenadas antimperialistas, incorporando como elemento innovador un xeito de loitar contra a incerteza que a integra como un elemento de combate e que foxe das categorizacións efectuadas polo poder. (– pero estamos seguros? / -si, se é unha epopea estamos seguras / pero as bestas, pero as pedras, pero os guerreiros tracios!). Pero ao mesmo tempo, co mesmo espírito que impregna o texto, a enunciación de Hordas de escritura non só alude a esa multitude, senón que asumindo o seu papel dentro dela imita o seu propio devir, faise espello do seu fluír natural (Máis que entrar o mundo dentro do poema/botar por fóra a escritura, como unha lava lene e transparente, muselina). Así, o a dicotomía entre o Eu lírico e o Eu autorial resólvese na pertenza como peza complexa desa mesma multitude, a comunidade natural en loita contra as estruturas do poder (Nacer é unha república de árbores).

#2009#A Trabde Ouro#Chus Pato#poesía#Xerais

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies