03/07/2024 by marioregueira

PoesIA

Orixinal do usuario de Flickr Takashi Yamamiya – CC 2.0 Generic

Con doce anos programei unha aparición de texto con aparencia de resposta espontánea nun MSX que xa daquela estaba obsoleto. Tratábase dunha secuencia moi sinxela pero que facía parecer que estaba conversando coa computadora e que esta era capaz de responder como se tivese conciencia propia e manexase, non só a lingua, senón tamén as referencias que aparecían na conversa. Fixérao para enganar un dos meus primos, que daquela estaba especialmente impresionado polo filme de Kubrick e polas posibilidades de poder falarmos coas máquinas. Conseguino aínda que, como bo ilusionista, desvelei a farsa pouco despois.

Faltaba moito, ou iso lle dixera entón, para desenvolvermos computadoras con posibilidade de resposta. Certamente, trinta e pico anos non foron poucos e se nos poñemos a afinar, se cadra non temos máis que unha ilusión algo máis complexa que o truco co que xogara aquela tarde dos anos noventa. É fácil pensar que hai unha conciencia detrás das plataformas, sobre todo porque non hai ningún primo máis vello que nos explique que non é así. Hai anos chamábanos a atención a xente maior que contestaba con porfavores e grazas e Alexa. Hoxe, descubrímonos moitas veces facendo cousas parecidas. E moita xente mesmo agarda a aparición inminente dun HAL 9000 disposto a facerse cos mandos da nave.

O tempo que chega está, sen dúbida, cheo de desafíos e de oportunidades. E son escenarios onde, máis que agardar pola catástrofe, sempre penso que o mellor e armarse de ferramentas discursivas, prepararse para explorar novas paisaxes e, mentres se poida, tratar tamén de xogar cos novos elementos. Tanto como creador como na miña faceta de investigador, non podo negar que sempre me vin fascinado por ese universo, aínda que nunca me dedicase máis que esporadicamente a el. Respondín con este espírito á convocatoria do proxecto Poes/IA: poesía e Intelixencia Artificial, que hoxe publica as achegas de oito poetas guiadas por esa vontade de camiñar novos territorios.

Participo cunha modesta proposta de colaboración entre ChatGPT e a miña propia creatividade. No fondo hai máis cousas: os mitos fundacionais do literario que vibran na referencia homérica, a propia idea do futuro e as autorías colectivas. E como digo no comentario que acompaña o poema, non son meus os versos máis ampulosos.

Canta ou deusa, texto de Mario Regueira para PoesIA

Canta ou deusa, texto de Mario Regueira para PoesIA

#intelixencia artificial#poesía

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies