Tripas / Alberte Momán
Belagua / 2017 / 242 páxinas / 16 euros
Poética da diversidade
MARIO REGUEIRA
Ben como narrador, ben como poeta, Alberte Momán acumula unha obra extensa que, dentro da súa diversidade, se resiste a ser sistematizada. Se cadra, o ton común de toda ela sexa, xa desde os seus comezos, un certo inconformismo e un afastamento voluntario das grandes correntes literarias, tamén no que respecta á procura de subxéneros.
Tripas, lanzado en edición bilingüe galega e castelá, afiliase así a unha traxectoria poética difícil de resumir pero da que podería ser un froito especialmente representativo. Pode que o título nos dirixa xa cara a iso: Tripas como referencia ao mecanismo interno das cousas, a aquilo que fica agochado pero que colabora para que o mundo funcione, aínda que a súa simple vista poida darnos unha imaxe de crueza. En certo sentido, Tripas é unha poética, un texto que serve para explicar a relación do seu autor co acto creativo. Só en certo sentido, porque este volume é ademais moitas outras cousas e acaba representando, por vontade ou por unha certa asociación inconsciente, o paso de Momán por moitas outras fases e tendencias creativas.
O que máis pode chamar a atención do libro é, en primeiro lugar, a súa aparente falta de unidade interna. Case dá a sensación de presentarnos, por momentos, cinco ou seis volumes diferentes, nos que só a aparición intermitente dalgúns motivos (como o das mazás) nos devolve á consciencia de estarmos ante a mesma obra. Cun comezo de ton lírico, “Arrabalde de silencio” lévanos ás paisaxes da infancia, aos primeiros sabores da froita no padal, pero tamén á extinción de todos eses rastros vitais (Despois de máis de corenta anos / a maciñeira sucumbiu polo paso dunha autoestrada). Nesta primeira parte é onde aparece tamén o elemento que, pode que máis que ningún outro, ostente o protagonismo dos versos de Tripas: a ansiedade á hora de comunicar algo (O inicio da historia que debería contar / e que non podo), a imposibilidade que atinxe tamén a todo proceso creativo.
O ton do poemario muda rapidamente. Unha candencia nova faise dona do longo poema que compón “As fronteiras do medo” para pasar aos poemas en prosa de “Falamos”, novamente co tema da comunicación e do papel da creación poética. Outro poeta, dos moitos que habitan no universo de Alberte Momán, parece o autor de “Periferia” ou “Maianca”, onde os poemas abren cara a unha dimensión máis social, coa intersección amorosa tamén presente. Porque escribir tamén é escribir desde o lugar fantasmal no que nos colocou a Historia, aínda que o autor volva a falar do eu en “Corenta aniversario”, a coda persoal que pon fin ao libro.
Un libro referencial na produción do autor, un alto no camiño dunha poesía complexa e diversa que parece facer un alto para cuestionarse a si mesma. Seguramente, sairá reforzada e atopará a forma de seguir dándonos sorpresas.
Sermos Galiza 273, 21 de decembro de 2017, Foradeserie, px. 6.