Nacer é unha república de árbores
[:gl]Nacer é unha república de árboresMario Regueira
Reseña aparecida n’A Trabe de Ouro nº 75, (xullo, agosto setembro 2008). ISSN: 1130-2674
Hordas de escritura Chus Pato Edicións Xerais, 2008, 90 páxinas
Sabemos, por declaracións da propia autora, que Hordas de escritura representa o terceiro elemento dunha serie de cinco libros que se há de chamar Método. Este feito non sorprenderá a calquera persoa que se teña achegado ás dúas obras anteriores. Hai, en efecto, unha liña estilística moi marcada que liga os tres libros e que a estas alturas case podemos afirmar que chega a poñer en risco as análises separadas de cada un deles. Hordas de escritura comparte cos seus predecesores a maior parte das súas características, entre elas a mesma capacidade de facer propostas arriscadas, tanto no contido como na forma.
Continúa así, por exemplo, a vocación que poderiamos denominar culturalista. Estamos perante unha obra inzada de referencias históricas, artísticas e míticas, empregadas porén, dun xeito pouco habitual. Un dos usos máis habituais das referencias culturalistas adoita ser o de encadrar ou apoiar parte do discurso, situalo nunha liña continuadora con certo discurso precedente. Na obra de Chus Pato rómpese a relación maiormente unidireccional cos discursos precedentes e camíñase cara a unha relación bidireccional. As obras artísticas e os feitos históricos aos que remite o texto fican integrados nunha nova realidade, pasan a conformar un elemento máis do discurso. Dalgún xeito podemos dicir que deixan de enmarcar o que o texto di e pasan a formar parte do que o texto é. Algo especialmente notábel na primeira cita de Schlegel, onde o enunciado de que a poesía é un discurso republicano parece máis un programa de traballo ou unha conclusión final sobre o texto ao que precede, sen atinxir do seu contido máis do que as propias reflexións metaliterarias. Pero dalgún xeito, a propia obra no seu conxunto integra e se opón no mesmo movemento ás teorías de Schlegel sobre a poesía. Do mesmo xeito as referencias a Hölderlin serven para encamiñar de novo o discurso cara a cuestión da creación, unha das constantes da obra.
É particularmente interesante a noción de que ese diálogo entre pezas estabelécese precisamente sobre a noción de construción. Cáberíanos a dúbida de estar asistindo á elaboración dunha enorme poética, de non ser porque a obra de Chus Pato tampouco encaixaría nos amplos límites do que se entende tradicionalmente por póetica como explicación do proceso creativo. O proxecto remite, en todo caso, a unha poética imposíbel, que non só entra en constante diálogo coa propia actividade da creación e os seus produtos, senón que confunde a súa identidade con eles. As reflexións sobre o feito mesmo do poema son constantes, pero tamén o son as preguntas sobre o feito de ser poeta (Definición: poeta é o non poeta.), e tamén do propio feito do Eu, un Eu que bascula, como toda a construción literaria que nos ocupa, entre un Eu autorial que reflexiona constantemente sobre a creación e un Eu lírico que está a ser desmentido ou evidenciado a cada pouco. (falar falan os verdugos, a vítimas, as personaxes literarias non paran de falar, falan as actrices no teatro, os sepultureiros, as esposas falamos e non paramos de falar/Pero Eu non fala).
Cabe destacar tamén a multiplicidade de voces do Eu lírico, diversas como os propios personaxes que inzan o texto e que lle confiren a característica de compoñer un proxecto de enunciación global, onde a propia identidade fica esvaída. Nese sentido é especialmente interesante a reaparición da personaxe de Jekill e a reflexión sobre a cuestión do dobre, unha reflexión que alude directamente á usurpación da identidade (e que non puido presidir a comisión da sociedade “Amigos do país” que rexeitou a entrega dun zócalo ou altorrelevo aos exércitos vitoriosos como trofeo e botín. Así a todo, alguén que se lle parece ata o punto de poder facerse pasar por ela preside o xurado).
Finalmente Hordas de escritura comparte tamén cos seus predecesores unha arriscada configuración formal. Aínda que non se empreguen tanto os esquemas e as táboas explicativas que caracterizaban os outros libros, o presente segue a moverse nunha complicada ruptura de categorías. Moita xente non dubidaría de calificar os elementos do texto como prosa poética ou poemas en prosa, unha das categorías xenéricas híbridas e posíbelmente das máis abertas que existen. Porén, neste caso se cadra é preciso reparar na historia editorial e de recepción pública dos tres libros que conforman Método, especialmente M-Talá. Se lembramos, a aparición da primeira edición de M-Talá no ano 2000 foi nun exemplar fóra de colección que tivo unha azarosa vida nos andeis das librarías, xa que segundo o lugar, ou o capricho, foi colocado cos libros de teatro, cos de poesía ou mesmo cos de ensaio. O feito de que os dous libros seguintes aparezan na colección de poesía da mesma editora está influenciado sen dúbida por razóns de política editorial, pero podemos afirmar que dalgún xeito tamén funcionou o “convenio” dos lectores e lectoras en considerar que iso era poesía. En realidade este proxecto de Chus Pato é sinxelamente “outra cousa”, inapreixábel e fóra de calquera clasificación de xénero. O feito de que popularmente se considere poesía alude en primeiro lugar a unha vella noción de poesía como “aquilo que resta”, é dicir, o que non se sabe explicar o que é, aínda que suscite certas emocións, máis do que ao propio concepto teórico de poesía. En segundo lugar ponnos en cuestión dun feito importante: Método é tamén unha creación bidireccional no sentido no que atinxe ao conxunto de lectores e lectoras e o sitúa nunhas tomas de decisión inéditas até hoxe na Literatura. Decidir, ou influír na decisión da clasificación da propia obra, ou situarse no outro cabo dunha pregunta directa sobre o texto formulada polo propio texto.
Un dos aspectos que máis poden destacar deste novo libro é precisamente a esa noción comunitaria e está apegado estreitamente ao concepto de horda que figura no seu mesmo título. Non se trata dunha noción ausente nos anteriores, pero si que adopta unha forma máis explícita neste Hordas de escritura. Dalgunha forma evoca profundamente a noción de multitude formulada por Antonio Negri e Michael Hardt en Imperio e rompe ao tempo cos precedentes da poesía social no contexto ibérico en canto á configuración dun protagonista colectivo.
Non cabe dúbida que Chus Pato escribe dende unha perspectiva conscientemente politizada e dende unhas posturas políticas bastante meridianas. Esa perspectiva está presente no texto dun xeito acorde co seu propio desenvolvemento: escura pero inequívocamente. Non só a presenza dos elementos culturais galegos funciona como unha chamada contra a súa negación histórica, senón que tamén existen constantes referencias ao imperialismo, un ataque constante aos esquemas lingüísticos e categorizadores do patriarcado, mencións xeográficas que evocan inevitabelmente o internacionalismo proletario e tamén, na mesma dualidade xa sinalada, anacos que encaixarían dentro dos conceptos de teoría política (que non falan de, senón que son).
Existe ademais, a presenza, ou a intuición dun protagonista colectivo. É especialmente destacábel nese sentido, que o Eu lírico rompa a distancia habitual que existía entre o poeta social e os destinatarios da súa poesía. Esa ruptura evidénciase en dous aspectos: o primeiro, como xa apuntamos, a propia deconstrución e impugnación da unidade do Eu lírico, evidenciado na multiplicidade de voces e personaxes que poboan o texto. O segundo, a asunción de que ese Eu, ou o que queda del, forma parte dunha multitude que tamén participa do poema, na reflexión aberta sobre o propio texto que nunca deixa de integrar ao lector.. Outro elemento distinto é a reconfiguración lírica da situación do eu colectivo. Se a poesía social narraba o devir dun suxeito colectivo protagonista da historia e cun destino heróico ao que marchaba en orde e sen deterse, a aposta de Chus Pato narra esa mesma historia desprovista da orde e da noción clásica de heroísmo. A enunciación do texto declina toda responsabilidade bárdica para formar parte, como un elemento máis, desa multitude convertida en horda sen control, disposta a actuar, non guiada por un destino, senón seguindo o seu mesmo fluír natural, do mesmo xeito desordeadamente efectivo no que actúan as hordas humanas. Dun xeito moi similar ás afirmacións de Negri sobre a horda que destruirá o Imperio. Nese sentido podemos calificar a obra de Chus Pato como unha epopea post-soviética, un intento de redefinir a colectividade dentro dunhas novas coordenadas antimperialistas, incorporando como elemento innovador un xeito de loitar contra a incerteza que a integra como un elemento de combate e que foxe das categorizacións efectuadas polo poder. (– pero estamos seguros? / -si, se é unha epopea estamos seguras / pero as bestas, pero as pedras, pero os guerreiros tracios!). Pero ao mesmo tempo, co mesmo espírito que impregna o texto, a enunciación de Hordas de escritura non só alude a esa multitude, senón que asumindo o seu papel dentro dela imita o seu propio devir, faise espello do seu fluír natural (Máis que entrar o mundo dentro do poema/botar por fóra a escritura, como unha lava lene e transparente, muselina). Así, o a dicotomía entre o Eu lírico e o Eu autorial resólvese na pertenza como peza complexa desa mesma multitude, a comunidade natural en loita contra as estruturas do poder (Nacer é unha república de árbores).
[:]