23/01/2017 by marioregueira

Os mellores libros de 2016

Unha vez que a maior parte das listas máis ou menos colaborativas foron saíndo á luz, quero deixar, igual que o xaneiro pasado, a miña impresión do ano literario en lingua galega. Como xa dixen, e imaxino que seguirei dicindo no futuro, isto é unha lista mínima e completamente persoal, que é a única forma que teño de facela. Do que lin (que foi moito, pero tampouco foi todo), eu quedaría con estes libros para resumir o 2016. Sobra dicir que hai moitos outros excelentes, algúns, capaces de disputarlles o protagonismo a estes, simplemente eu comezaría por eles.

Cara ao leste, de Antía Nara (Xerais)

Para min, unha das sorpresas literarias do ano. O regreso á narrativa de Antía Nara, cunha novela de tese, capaz de xerar o seu propio suspense cenital apelando a un argumento tan de actualidade como liberado dos tópicos esencialistas cos que habitualmente é tratado. O xenocidio silencioso que despoboa o noso país de mocidade, o papel das identidades subalternas na realidade rural, a propiedade da terra ou o futuro dunha Europa post-soviética son temas que, por desgraza, non é habitual ver na literatura galega contemporánea. E moito menos tratados con esta mestría.

Suicidas, de Fran Cortegoso (Chan da Pólvora)

A pena máis grande do ano foi o pasamento dun autor novo e prometedor, pero tamén ver como o relato do seu final ameaza con reinterpretar unha aposta poética que debería ir moito máis alá e ser lida á marxe das lendas e os seus acasos. Suicidas non é un libro importante por ter saído días antes de que o seu autor finase, deberá ser un libro importante para nós por moitas outras cousas, entre elas unha aposta lírica cunha densidade non vista antes e unha perspectiva ante á creación poética tan abranxente que é imposíbel evitar o sentimento de vertixe.

Novas do Exterior, de Xosé Luís Santos Cabanas (Axóuxere)

A crónica de Santos Cabanas conmove por dous motivos: o primeiro e máis evidente pola historia que narra, que parte da detención do seu fillo, Antom Santos e continua nos 63.000 quilómetros de viaxes á cadea do subtítulo, a parte máis visíbel dun calvario xudicial e penitenciario absolutamente kafkiano. En segundo lugar, porque o pai do prisioneiro é capaz, mesmo así, de ofrecer un relato de calidade, cunha certa distancia que porén non deixa de denunciar os absurdos que rodearon o xuízo, o castigo engadido da dispersión e do réxime penitenciario, ao tempo que testemuña a solidariedade que lle foi saíndo ao paso.

#2016#Antía Nara#Axóuxere#Chan da Pólvora#Crítica#Fran Cortegoso#Lectura#Literatura#Xerais#Xosé Luís Santos Cabanas
Comentarios desactivados en Os mellores libros de 2016