12/04/2019 by marioregueira

Se isto é un home

Primo Levi (1960)

Era o inverno de 1943 cando o grupo de Primo Levi (Torino, 1919), que trataba de unirse á Resistenza partigiana, foi capturado polas forzas fascistas. Ante a perspectiva dunha execución sumaria, Primo confesa ser xudeu, algo que lle serviría para ser trasladado a un campo de concentración en Fossoli desde onde, algunhas semanas despois, será embarcado nos infames vagóns de gando, e xunto con centos de persoas máis, en dirección ao complexo de campos de Auschwitz. Continuar lendo no Sermos Galiza.

#Activismo e resistencia#Crítica#Holocausto#II Guerra Mundial#Literatura#Memoria#Primo Levi#Tradución

04/04/2009 by marioregueira

O problema vasco

[:gl]

O problema vasco. Tradución e recepción da literatura vasca no sistema literario galego (2000-2009).

Mario Regueira

Artigo publicado n’A Trabe de Ouro no. 78, (abril, maio, xuño 2009). ISSN: 1130-2674

Se cadra sexa ben advertir dende o comezo que non se pretende co presente artigo unha achega ao fenómeno da tradución dende a literatura en euskera ao galego dende unha perspectiva filolóxica ou lingüística. Varios obstáculos impedirían tal labor, e aínda que o menor non sería a impericia do autor respecto dunha análise dese tipo, existe algún outro de similar entidade que se irá revelando ao longo das próximas páxinas e que apunta directamente á dúbida sobre se podemos falar en rigor de tal tradución nese sentido e das peculiares características que esta tería en caso da dar unha resposta afirmativa.

A nosa perspectiva de análise irá por tanto máis na liña do enunciado por Pascale Casanova1, en relación ás funcións da tradución como elemento das relacións de poder e consagración estabelecidas dentro de cada un dos sistemas literarios involucrados, así como no xeito no que afectan ás relacións entre os sistemas entre si. Nese sentido é xusto citar tamén as reflexións ao respecto realizadas por Laurence Malingret2 en relación á recepción no sistema editorial francés das traducións de obras literarias galegas, que serviron como inspiración e base de análise para este artigo. Ben é certo que a estas dúas referencias deben ser debidamente contextualizadas, xa que tanto a aproximación xeralista de Casanova, como as reflexións concretas e documentadas de Malingret refírense ás relacións entre as chamadas literaturas grandes e outras con menor prestixio internacional, ou ben directamente minorizadas, como caso da galega. O caso que nos ocupa formula unha problemática completamente distinta, ao tratar da interacción entre dúas literaturas pequenas en linguas claramente minorizadas e que, en contextos moi diferenciados, non deixan de relacionarse dentro do mesmo contexto legal e xurídico imposto polo Estado español. Este feito provocará que tanto os fenómenos de consagración como a construción dun imaxinario particular sobre a outra literatura sexan parcialmente diferentes. Por esta razón, e tamén pola grave variación destes fenómenos para ese caso concreto, é que deixaremos fóra do estudo as obras de literatura infantil e xuvenil, aínda que nalgúns casos coincidan en algún dos autores tratados e tamén se lles poidan aplicar algunhas das conclusións finais.

A tradución ao galego no cambio de século

A ninguén se lle oculta que nos últimos dez anos a tradución de obras para a lingua galega experimentou un considerábel aumento cuantitativo, así como unha grande diversidade cualitativa. Sen dubida esta situación viuse favorecida por factores de tipo formativo e editorial. Por unha banda a consolidación da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, pero tamén moi especialmente a formación de novas editoras, en ocasións centradas unicamente en traducións, e a aposta decidida nese campo da mao dalgunhas das editoras históricas do país.

É especialmente rechamante, nese sentido, a nova toma de postura de editoriais como Galaxia, que sen abandonar o seu proxecto de traer clásicos universais para o galego, comeza unha aposta pola literatura máis comercial, concretada na “Colección Compostela de Narrativa Europea” que chega a competir nas librarías coas correspondentes traducións ao español dalgunha das súas obras. Un caso similar, no sentido de formular a convivencia entre eses dous puntos, é o de Rinoceronte Editora, centrada nas traducións de literatura contemporánea cunha tendencia comercial, pero que non deixa de reservar unha colección á tradución de clásicos, ademais de adicar a autores referenciais a súa colección de poesía. Sen variacións demasiado apreciábeis na súa política ao respecto, o caso de Edicións Xerais e Sotelo Blanco, caracterízanse porén por comezar a incorporar nesta época traducións doutras linguas dos Estado español.

Nese sentido, como podemos observar, o papel da tradución segue a ser en moi boa medida o de universalización e normalización da propia cultura galega. A preocupación por crear un acervo disponíbel na propia lingua é unha constante de determinadas editoras, que seguen reservando unha aposta económica e editorial moi forte ao efecto. Porén, tamén podemos observar un dobre xogo no que respecta ao obxectivo da “normalización”, xa que aparece o factor, antes menos frecuente, da literatura de consumo. Enténdese, portanto, como algo importante o feito de disponibilizar para o lector galego aquelas obras de consumo máis relacionadas coa actualidade literaria que co concepto de clásicos, obras que antigamente este tiña que ler recorrendo á versión española. A este feito hai que sumar ás de xa de por si difusas fronteiras entre literatura de consumo e literatura feita con perspectiva literaria, unha distinción sempre complicada no contexto das literaturas “menores” ou creadas en linguas minorizadas e que será aínda máis escurecida polas novas lecturas posmodernas que atinxen ao feito literario e teñen a súa repercusión nas políticas editoriais.

Paralelamente a isto prodúcese tamén a incorporación de obras procedentes doutras literaturas peninsulares, un capítulo relativamente pendente na historia das traducións galegas, xa que anteriormente só se produciran traducións anecdóticas ou de obras colectivas inseridas no ámbito da loita anti-franquista. O función que, dentro do novo xogo e perspectiva editorial, se lle reserva a estas literaturas é diverso e bascula entre representar unha perspectiva doutra literatura minorizada até simbolizar un paso máis na consecución dun acervo, tanto de clásicos como de literatura actual. No caso das incorporacións procedentes da literatura vasca podemos cifrar distintos papeis en relación co momento e contexto da súa aparición, así como en virtude do seu xénero literario.

A ponte das palabras. Poesía dende as marxes.

A primeira edición galega que nos ocupa e á da antoloxía poética bilingüe A ponte das palabras. Poesía vasca 1990-2000-Hitzezko Zubia. Euskal poesia 1990-2000, editada por Letras de Cal no ano 2000, xa na recta final da vida activa do proxecto editorial comunitario. Apesar de que nesa altura o propio proxecto da editora xa tiña un peso determinado dentro do sistema, non podemos deixar de xulgar este aporte editorial, única tradución na súa historia, como unha iniciativa feita dende as marxes do sistema. Distintos factores lévannos a esa conclusión, o primeiro a propia aposta pola poesía contemporánea, incluíndo voces moi novas naquela altura. Porén non podemos deixar de lado o feito de que, sen ser unha antoloxía politizada, incluía poemas que aludían ao conflito social e político de Euskal Herria dunha forma bastante evidente. Tamén non o factor de que ningunha editora galega fixera na altura unha achega á poesía en euskera, xa fose con obras individuais ou mediante antoloxías, algo especialmente notábel no caso de Espiral Maior, proxecto nas antípodas organizativas de Letras de Cal.

Finalmente tamén o xeito de organizar a propia edición pode encadrarse na actitude que a xeración dos noventa tomou contra a solemnidade da literatura. Se ben é certo que esa obra viña avalada pola participación do crítico vasco Jon Kortazar como “antólogo”. A realidade é que a súa participación nese sentido foi relativa3, polo menos no tocante aos autores e autoras incluídos, xa que se limitou a incluír a aqueles que publicaran o seu primeiro libro no período abarcado no título (1990-2000). Fica así anula a posibilidade de facer unha antoloxía consagrante como tal, limitando o seu efecto ao coñecemento dos autores fóra do seu contorno lingüístico e social. En calquera caso o sentido do libro parece máis ben ir na dirección dun encontro entre dúas xeracións (ambas xurdidas, polo seu debut literario, na década dos 90) unidas pola súa subalternidade lingüística dentro do contexto do Estado español, e tamén editorial, en canto á súa condición de novos e novas, dentro do contexto dos seus respectivos sistemas literarios.

A tradución para todos os autores e autoras foi indirecta empregando o español como lingua intermediaria. O paso do euskera ao español foi feito polos propios autores ou por Jon Kortazar segundo o caso, e a tradución do español ao galego por poetas vencellados ao proxecto de Letras de Cal. Non existe ningunha referencia a este feito nos créditos da edición, aparecendo todos estes actores como tradutores, sen especificarse máis información ao respecto. Podemos aventurar que este feito foi un pequeno sacrificio a cambio de poder achegar un libro desas características ao sistema editorial galego. Nese sentido podemos dicir que a cuestión lingüística fica relegada ante o peso social e editorial que ten a tradución dunha xeración nova que tamén escribe nunha lingua minorizada.

Bernardo Atxaga. O canon e a autotradución.

De Bernardo Atxaga en literatura para adultos publícanse neste periodo O fillo do acordeonista (Xerais 2004), Obabakoak (Faktoría K, 2008) e Sete casas en Francia (Faktoría K, 2009), tres libros de narrativa traducidos por Ramón Nicolás.

Con Atxaga atopamos á principal figura da literatura en euskera, posibelmente o seu escritor máis coñecido e un dos máis consagrados, tanto polos lectores como polos premios ou polo recoñecemento doutros sistemas através de múltiples traducións. Nese sentido, recuperando o que diciamos antes sobre a cuestionábel distinción entre literatura de consumo e literatura feita con perspectiva literaria, cábennos moitas dúbidas ao respecto dos motivos da incorporación de Atxaga ao sistema editorial galego. Polo menos o seu debut, O fillo do acordeonista, parece traído da mao dunha tentativa de Xerais por responder á actualidade literaria dende unha perspectiva comercial, xa que só dista un ano dende a súa publicación en euskera e español, e tratábase dun lanzamento moi publicitado en todo o Estado. Un xuízo similar merecería Sete casas en Francia, aparecida o mesmo ano da súa publicación nas outras linguas. Porén, non cabería outra interpretación para a publicación de Obabakoak que a recuperación dun clásico, editado na súa lingua orixinal vinte anos atrás. En calquera dos tres casos, a aposta das editoras é de moi pouco risco, xa que remiten a un valor seguro cun renome que soborda o do seu propio contexto literario. Ao mesmo tempo é unha aposta tardía, xa que é un autor que recibiu o seu primeiro premio a nivel estatal aínda nos anos setenta e a súa obra máis senlleira é a propia Obabakoak, de 1988.

No caso das traducións estamos ante un caso frecuente no caso dos escritores en euskera. Atxaga é un autor que se traduce a si mesmo ao español, lingua á que considera o seu segundo cauce de expresión e sobre a que ten problematizado publicamente en relación ao papel que lle corresponde na autotradución das súas obras. Aparece así o concepto da autotradución como a dunha refacción da propia obra, algo común a moitos escritores que traballan en contextos bilingües e que non deixan de aludir a este fenómeno que sobordaría a posibilidades dunha simple tradución obxectiva. As traducións de Ramón Nicolás son, dese xeito, indirectas, aínda que volvemos á dúbida, filolóxica, pero tamén editorial, de até que punto podemos considerar como tradución indirecta a que está feita sobre unha nova versión feita polo mesmo autor.

Unai Elorriaga. Sección de novidades.

Finalmente neste período tamén se traduciron dos tres libros de narrativa de Unai Elorriaga: Un tranvía cara a SP (Galaxia, 2002), O pelo de Van’t Hoff (Galaxia, 2004) e Vendraman (Galaxia, 2006).

Dun xeito relativamente similar ao de Atxaga, a aposta polas traducións de Unai Elorriaga esta referendada polo Premio Nacional de Narrativa que recibiu a súa primeira obra. O éxito de público e crítica desta, condiciona sen dúbida a aposta editorial, ao mesmo tempo que fai que coincida coa feita por algunha grande editora en español. Así, o suposto risco derivado de estarmos fronte a un escritor novel fica relativizado polo inusual pulo mediático que levou, a nivel estatal dende a súa primeira obra.

As historia das traducións de Unai Elorriaga ten a súa propia peculiaridade. A súa primeira novela Un tranvía cara a SP aparece traducida por Ramón Loureiro, probabelmente nun proceso moi similar ao do caso de Atxaga, é dicir, através da tradución indirecta mediada pola versión castelá do propio autor. Este feito parece provocado polo contexto no que a obra foi tomando fama a raíz da rápida concesión do premio, xa que consta que o propio autor, no seu oficio de tradutor, é un bo coñecedor da lingua galega, da que ten traducido para o euskera obras de Agustín Fernández Paz e Marilar Aleixandre. En efecto, nas outras dúas novelas, a tradución aparece asinada polo propio autor e Xesús Carballo Soliño, unha sinatura dupla que fai pensar nalgún tipo de colaboración a medio camiño entre a tradución directa e a indirecta.

Conclusións e problemática:

Na breve historia das traducións do euskera para o galego destes últimos anos, os máis fecundos nese sentido na historia do noso sistema literario, apreciamos unha serie de inercias dignas de comentario.

En primeiro lugar a distinción entre dous tipos de tradución. A primeira delas a encarnada pola poesía e acollida por proxectos editoriais modestos e autoxestionados como foi Letras de Cal. Esta permítese unha introdución xeral que aposta por autores non necesariamente consagrados polo sistema. É certo que escasa produción de determinados tipos da literatura en euskera favorece esta perspectiva ampla, pero non é menos certo, que desbotando algunhas publicacións periódicas, non hai ningunha outra aposta polas traducións, directas ou indirectas da poesía en euskera por parte de ningunha das editoras comerciais. Ao mesmo tempo este tipo de traducións recuperan nalgúns aspectos a tradición dos contactos entre ambos sistemas literarios, vencellados a unha certa solidariedade do oprimido, e nos que as cuestión lingüísticas ficaban non poucas veces relegadas ante a importancia e a necesidade dun contacto simbólico.

O outro tipo de tradución, o máis habitual nos últimos anos, é a que se ocupa de narrativa de autores premiados e recoñecidos internacionalmente, especialmente por parte do sistema editorial español e dentro do contexto estatal. Nese sentido falamos dunha perspectiva comercial, non só por tratarse dun xénero máis accesíbel ao grande público como pode ser a narrativa, senón por apoiarse en ambos casos en autores premiados e canonizados, non só polo seu propio sistema, senón por galardóns de ámbito estatal. Unicamente no caso dalgunha obra de Atxaga poderiamos intuír un interese de enriquecemento cultural do acervo do noso sistema literario, alén dunha vontade non exclusivamente comercial, aínda que o feito de tratarse dunha obra tan mediática como Obabakoak non permite que isto poida afirmarse rotundamente.

Esta situación formula varios problemas. En primeiro lugar a perspectiva innegábel de que a relación entre ambos sistemas literarios está, en moi boa medida, mediatizada por un intermediario: o sistema editorial español. En efecto, os autores máis traducidos á nosa lingua son aqueles que veñen previamente sancionados polos centros de poder encarnados pola crítica e as editoras en lingua española. Dalgunha forma isto serve como un amplificador das distorsións inherentes a todo proceso de contacto entre dous sistemas literarios. Se toda achega literaria dunha cultura a outra corre un risco de exotización, ese risco será acentuado se esa achega sofre a interposición e o filtro dun terceiro elemento. Dese xeito non só se desbotan un primeiro momento as obras e autores non apoiadas institucionalmente polo goberno vasco e os seus procesos de canonización, senón que dentro destas se aplica unha segunda criba e se escollen aquelas que son premiadas ou promovidas pola crítica e as editoras estatais.

Noutra orde de cousas, o feito de que salvo as últimas novelas de Unai Elorriaga (das que tamén non pode negarse), todas as obras analizadas aquí pasan, en maior ou menos medida, polo filtro lingüístico dunha tradución indirecta na que o español actúa como lingua intermediaria. Podemos aceptar para estes casos unha tradución procedente da lingua española por máis que sexa nunha versión do propio autor?

A pregunta formula unha problemática complexa que evidencia algúns dos problemas do noso sistema editorial. No artigo de Laurence Malingret citado anteriormente evidenciábase como as primeiras obras de Manuel Rivas no mercado francés foran presentadas como literatura española (ou hispánica), aproveitando o feito de que estaban traducidas dende unha versión en español feita polo propio autor. Dalgunha forma a primeira conclusión de comparar este feito co equivalente da tradución de literatura vasca á nosa literatura é que as literaturas pequenas relaciónanse entre si de xeito diferente a como o fan as grandes con elas. Está claro que no caso de Atxaga, como o da primeira obra de Unai Elorriaga sempre pretenderon venderse no ámbito galego como unha auténtica tradución da literatura vasca, priorizando esta característica sobre calquera outra.

A segunda conclusión é que, aló onde as “literaturas grandes” tenden a seguir as súas propias dinámicas xa estabelecidas, (como traducir do español seguindo a tradición de incorporación da literatura española ou da latinoamericana), as literaturas “pequenas” son capaces de violentar as súas propias tendencias editoriais, xa sexa coa finalidade de reforzar os lazos entre si, ou ben co obxectivo da normalización do seu acervo ou da perspectiva comercial das súas coleccións. Só dese xeito pode explicarse que editoras que non acostuman traducir libros escritos orixinalmente en español aludan á versión española do autor dun orixinal en euskera para xustificar a súa introdución no propio sistema editorial. O propio feito de que algunhas delas remarquen nos créditos da tradución que esta está feita sobre a versión castelá do propio autor non deixa de ser un novo exemplo da anormalidade desta práctica nun sistema literario onde, por regra xeral, non se traducen obras producidas directamente en castelán.

Porén non debemos perder de vista o feito de como ese interese das literaturas minorizadas por incorporarse mutuamente no seu acervo literario, impide recoñecer os mecanismos de imposición que rexen as relacións co outro sistema e que, no caso concreto dos sistemas literarios vasco e galego, pasan constantemente polas canonizacións exercidas dende un terceiro elemento, alleo a ambos. O sistema editorial español impón indirectamente os seus propios baremos de canonización e funciona como unha sorte de paso previo que antecede á comunicación entre as literaturas pequenas. Alén disto, o emprego frecuente da tradución indirecta, un feito forzado tamén polas dificultades concretas que formula a tradución dende o euskera, formula tamén un novo filtro, xa que aqueles autores que estean capacitados lingüisticamente para autotraducirse, ou ben que accedan politicamente a facelo, estarán mellor situados á hora de acceder ao feito canonizador que supón ser traducidos ás outras linguas peninsulares.

Obras referenciadas:

Atxaga, Bernardo; 2004, O fillo do acordeonista (trad. de Ramón Nicolás), Edicións Xerais de Galicia, Vigo

Atxaga, Bernardo; 2008, Obabakoak (trad. de Ramón Nicolás), Faktoría K, Vigo

Atxaga, Bernardo; 2009, Nove casas en Francia (trad. de Ramón Nicolás), Faktoría K, Vigo

Elorriaga, Unai; 2002, Un tranvía cara a SP (trad. de Ramón Loureiro), Galaxia, Vigo

Elorriaga, Unai; 2004, O pelo de Van’t Hoff (trad. de Unai Elorriaga e Xesús Carballo Soliño), Galaxia, Vigo

Elorriaga, Unai; 2006, Vredaman (trad. de Unai Elorriaga e Xesús Carballo Soliño), Galaxia, Vigo

Kortazar, Jon (coord.); 2000, A ponte das palabras. Poesía vasca 1990-2000-Hitzezko Zubia. Euskal poesia 1990-2000, Letras de Cal

Bibliografía pasiva:

Casanova, Pascale, 1999, La République mondiale des Lettres, Éditions du Seuil, París

Figueroa, Antón; 1988, Diglosia e texto. Vigo. Edicións Xerais de Galicia

Figueroa, Antón; 2001, Nación, literatura, identidade. Vigo. Edicións Xerais de Galicia

Garzia, Juan; 1990, “Obabakoak-en itzulpenaz ”, Senez: itzulpen aldizkaria, Nº9, (trad. ao español en http://www.eizie.org/es/Argitalpenak/Senez/19900201/obabakoak).

Garzia, Juan, 2002, “Bernardo Atxaga, sobre la traducción de Obabakoak”, Quimera, revista de literatura, Nº202, pp 53-57

Kortazar, Jon; 2008, “Diglosia e literatura vasca”, Boletín Galego de Literatura, Nº36-37, pp 61-92

Luna Alonso, Ana, 2006, “Hizkuntza gutxituetako itzulpena. Galiziera”, Senez: itzulpen aldizkaria, Nº30, pp 151-165 (trad. ao español en http://www.eizie.org/es/Argitalpenak/Senez/20061220/luna).

Malingret, Laurence, 2005, “Algunhas reflexións sobre as traducións literarias do galego ao francés”, Viceversa: revista galega de traducción, Nº. 11, 2005, pp. 119-128

Zabaleta, Josu, 1990, “Euskal Itzulpenaren Berezitasunak (Zenbait gogoeta)”, Senez: itzulpen aldizkaria, Nº8, (trad. ao español en http://www.eizie.org/es/Argitalpenak/Senez/19900110/zabaleta%203).

Notas:

1 La République mondiale des Lettres, Éditions du Seuil, París 1999

2 “Algunhas reflexións sobre as traducións literarias do galego ao francés”, Viceversa: revista galega de traducción, ISSN 1135-8920, Nº. 11, 2005, pags. 119-128; tamén debemos remitirnos ao contido do seminario “As nocións de campo literario e literatura nacional no estudo das relacións literarias. As funcións da tradución”, impartido xunto con Antón Figueroa no curso 2006/2007 no contexto dos programas de doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela.

3 Este e outros datos sobre a preparación do libro proceden dun intercambio de correos do autor con Eduardo Estévez, participante do proxecto, que tivo lugar en marzo do ano 2009.

[:]
#2009#A Trabe de Ouro#Tradución

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies