A verosemellanza e os pactos
Foto de Álvaro Pérez Vilariño (CC BY-SA 2.0)
Foi unha das grandes descubertas durante as aulas de teoría da literatura da miña tenra mocidade, algo que daba nome a un concepto que até daquela só intuíra e que non fora capaz de nomear. Porén, cada vez se me fai máis evidente que é algo que non callou en todo o mundo. Unha das esixencias da narrativa é a súa verosemellanza. E aí sempre alguén ri con suficiencia “claro, é unha das obrigas de toda narrativa de ficción que sexa verosímil, importantísimo”.
En realidade si, máis que importante é fundamental, aínda que tamén é interesante non malinterpretar o termo. Unha historia pode poñer ao protagonista a facer un pacto co demo, a camiñar sobre as augas para convencer a uns pescadores de que é o lexítimo fillo dun deus ou facelo desenvolver a capacidade de voar e seguir sendo perfectamente verosímil. Non será, por suposto, unha historia realista, porque o realismo é só unha parte de todas as posibilidades da ficción. Ao que se refire o termo verosemellanza non é á adecuación perfecta da historia ao que interpretamos como mundo real, senón ao seu mecanismo interno, á coherencia que as persoas lectoras precisan para que a historia siga funcionando. De feito, o mundo real acostuma ser moitas veces moi pouco verosímil, presentando situacións que moi dificilmente aceptaríamos nunha ficción.
Outro dos mantras da teoría é aquilo do “pacto ficcional”, o acordo implícito entre cada persoa lectora e quen construíu o texto que implica que vai ler/escoitar como se todo fose certo. Cando as lectoras/espectadoras protestan é que algo falla que fai naufragar o pacto. E ese algo (a non ser que teñan un trastorno obsesivo) nunca é que os personaxes desenvolvan habilidades máxicas ou que aparezan extraterrestres invadindo o seu fogar. Son máis ben cousas como que o personaxe que morreu na segunda páxina apareza vivo na penúltima sen unha explicación coherente ou que a arma que perdeu a protagonista na loita contra o malvado volva sen xustificación á súa man. E ollo, moitas das explicacións sobre estes aspectos poden ser a maxia, sempre que a maxia estea ben explicada e construída. A detective pode ter unha revelación que lle indique quen é o asasino se esa capacidade mística está construída e xustificada na novela, é dicir, sempre que non pareza que foi un recurso preguiceiro co que a autora intentou saír dun enredo para o que non atopou mellores opcións. E por suposto non falamos dunha cualidade obxectiva ou absoluta. Un ton cómico pode facer que aceptemos seguir unha historia que non continuaríamos en clave dramática. Unha persoa experta en física case sempre é moito máis esixente coa ciencia ficción que unha filóloga. O pacto ficcional é subxectivo e ás veces caprichoso.
Eu, por exemplo, teño unha baixa tolerancia ás fantasías sobre escritores ou escritoras. Refírome a esas historias onde unha novelista iniciante ten un contrato cunha grandísima editorial que inclúe ceas de luxo coas editoras, estreitas relacións con elas, vacacións pagadas para atopar a inspiración e tempo para correr aventuras, afondar no seu rico mundo interior ou vivir romances por paraxes exóticas mentres esta non chega. Imaxino que a todas nos toca un pouco nos aspectos das realidades que máis coñecemos e é nestes onde hai que tensar a tolerancia se queremos seguir xogando. Coñecín persoas expertas no período romano que eran incapaces de abordar novelas históricas sobre o tema porque consideraban que todas estaban mal adaptadas e cheas de incorreccións. Pero en fin, tamén coñecín persoas queixándose no Arde Lucus porque o púrpura o levaban única e exclusivamente as familias imperiais e alí calquera ghulai da Piringalla pode envolverse nunha toalla e tinguila de lilás. Como na política, ou como na vida, hai xente coa que non se poden estabelecer certos pactos.