25/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da paisaxe

Non pretendo facer do blogue un monográfico sobre as eleccións, aínda que supoño que o tema seguirá dando voltas un tempo até que comece a cansar aos máis, incluído eu. A fin de contas non facemos outra cousa que lamber as feridas e facer historia-ficción cara a atrás, ante a imposibilidade de poder facela cara a adiante coa mesma forza que antes. Hoxe esperto cun artigo de Anxo Quintana, errático coma moitos outros que autoavalían estes días o declive do Bloque, pero ao que polo menos se pode retrucar sen dicir obviedades.

Comezo polo final, porque é ben certo que a forza do proxecto soberanista catalán parte dunha perspectiva integradora, un catalanismo “para toda a sociedade” que permite que de esquerda a dereita exista unha identificación cunha idea nacional contemporánea. Porén, a comparación das realidades catalá e vasca coa nosa é tan frecuente como errada no seu fondo. O feito de termos unha lingua nacional e historias máis ou menos parellas como comunidades oprimidas polo mesmo nacionalismo imperialista, non pode facernos fechar os ollos ante as tremendas diverxencias dos distintos proxectos, dos que o galego representa o máis diferente e particular. Só o prexuízo e un certo chauvinismo impide comparar o nacionalismo galego e as súas circunstancias con outros movementos sociais do Estado español ligados a cuestións identitarias ou territoriais e cos que, salvando a distancia de non teren unha lingua distinta, teríamos moito máis en común. O nacionalismo galego está asociado dunha forma evidente a unha clase social determinada e a unha orientación política concreta situada na ampla cartografía da esquerda.

Non se quere dicir con isto que non exista un nacionalismo alternativo, aínda que dende sempre, ou polo menos nos últimos vinte anos, permaneceu en posicións marxinais ou minoritarias. Hai unha lenda popular que se escoita a miúdo sobre que a solución do problema galego pasa por un nacionalismo de dereita ou de centro-dereita. Ben, romper a maioría estrutural do PP cunha división sería positivo dentro da catástrofe, e nese campo da historia-ficción, podemos velo como algo desexábel. Porén ou se produce unha ruptura nas filas populares que arrastre nichos de votos (moi complicada dende o éxito electoral) ou esa opción quedará para sempre en posicións de irrelevancia. Non é certo que non exista un nacionalismo alternativo á esquerda. Existe, e historicamente ten até unha construción intelectual e histórica relativamente sólida. E non só existe senón que leva presentándose ás eleccións ininterrompidamente dende a fin do franquismo, baixo distintas formacións e propostas e cuns resultados que, quitando a excepción conxuntural de Coalición Galega, non serviron nunca para obter representación. A realidade é que a aposta dun nacionalismo que non estea ligado dunha forma determinante á esquerda existe, pero non recibe votos. Na entrada anterior non falamos do resultado de Compromiso por Galicia, pero sería un exemplo máis desta dinámica, o enésimo intento de procurar o unicornio branco que permita cadrar a realidade galega co deseño feito polas irmás vascas e catalás. Moito traballo e moi arduo lle queda á nova formación se pretende constituír unha alternativa sólida, sobre todo tendo en conta que, cunha dereita españolista en situación crítica, non conseguiu mobilizar aos votantes para fóra do PP ou da abstención, nin sequera contando cun valor procedente do clan Cuíña.

A aposta de eliminar o protagonismo da esquerda da ecuación do nacionalismo galego, sexa de forma exclusiva ou sexa de forma convivencial, está condenada, hoxe por hoxe, ao fracaso. E aínda que é certo que algo de lexitimidade lle restará a Quintana, sobre todo agora que por fin deixou de ser o record negativo nos resultados electorais do Bloque, non podemos validar agora que o abrandamento do perfil político do Bloque servise para outra cousa que para comezar a catástrofe. Non quero glorificar os resultados de 1997 porque, alén de que non serviron para nada máis que para cimentar unha ilusión baleira e unha sensación falsa de forza, tiveron causas conxunturais que os fixeron posíbeis. Que o apoio ao nacionalismo galego (e non só a Beiras) aumenta coas ofensivas españolistas, por exemplo.

Porén, detrás do fulgurante crecemento do Bloque nos oitenta e noventa hai unha serie de factores que foron a clave de que pasase de ser un partido marxinal a ser unha forza hexemónica. O primeiro, que se presentaba como un partido cun compromiso de esquerdas sólido que manifestaba un apoio forte ás clases populares e se identificaba e implicaba nos seus problemas de forma directa. É algo que unha persoa de Allariz debería saber, da mesma forma que o sabemos os ártabros, que vimos no nacionalismo galego un apoio a loita do naval nun momento no que o PSOE facía a enésima traizón á clase obreira. A nefasta xestión deses movementos sociais nos últimos anos (Nunca Máis ou a oposición a Reganosa, por citar só dous) ou o divorcio directo e explícito con moitos deles supuxo unha evidente perda de activos sociais da que o propio Beiras advertiu antes da súa marcha. Un dos grandes méritos da Alternativa Galega de Esquerdas foi precisamente recuperar o pulso dos problemas populares e implicarse coas preocupacións da xente da rúa. E o máis difícil foi que o fixo nunha marxe moi curta do tempo sen que parecese que o facía coa vista fixa nas urnas, fortalecendo a confianza que xa xeraban os seus candidatos.

Un segundo elemento clave é que a percepción do Bloque como un partido limpo, sen intereses electoralistas nin redes clientelares e cunha relación de oposición ao poder, desapareceu tras o seu paso polo goberno. Alternativa Galega de Esquerdas recupera esa imaxe, polo menos de momento, e atrae o voto do electorado máis crítico. Que os novos movementos antisistema comezasen a contar co BNG entre os seus obxectivos a carón do PSOE e do PP, debeu ser o primeiro sinal de alarma de que o paso polo poder, presentado no seu día como unha grande vitoria a pesar da perda de votos, foi mal xestionado e deixou a imaxe do partido tocada.

Con todo isto en conta, se cadra si chegue o día no que crear un nacionalismo non enrocado na esquerda. É un ideal que non comparto pero que me parece respectábel como horizonte a longo (moi longo) prazo, por máis que eu teña o meu propio, porén non é intelixente como lectura inmediata, nin serve para solucionar ningún dos aspectos da crise actual. O papel político do nacionalismo ten que manterse nun equilibrio moi complicado de conseguir, moito máis tendo en conta que nunca se procurou de forma consciente a activa: está a medio camiño entre a responsabilidade política de formar parte de gobernos amplos para expulsar á dereita e a distancia crítica que lle permita facelo sen perder a conexión cos movementos sociais e as expectativas do seu electorado. Un electorado que, mentres non se demostre outra cousa, está profundamente vinculado á esquerda crítica. E sobra dicir que o Bloque estaba moito máis perto disto con Beiras dentro que con Beiras fóra.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

22/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da batalla

Di o clásico de Carlo M. Cipolla As leis fundamentais da estupidez humana, que unha persoa estúpida é aquela que “causa un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter ao mesmo tempo un beneficio para si, ou mesmo obtendo unha perda.” Por esa regra de ouro faltaba o test das eleccións para dirimir se o acontecido no nacionalismo galego fora obra dun acto de estupidez e por onde asomaba o responsábel. Pasada a proba, podemos dicir que se houbo algún estúpido ese non foi Beiras. Aínda na análise máis restritiva, a que pide non contabilizar todos os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas como nacionalistas, o cómputo lanza un incremento da representación do nacionalismo de esquerdas, aínda que coa novidade de facelo en partidos diferentes, un deles parte dunha inédita coalición co españolismo de esquerdas que non sabemos até que punto está distorsionando esa lectura. Se ben a situación segue a distar dos resultados históricos, sería a primeira modificación á alza dende estes, as eleccións de 1997, onde o Bloque Nacionalista Galego, liderado por Beiras, chegaba a ser a segunda forza política galega.

Dende aquel día, o Bloque Nacionalista Galego acumulou descensos que culminan coa catástrofe de onte á noite. A chegada do bipartito maquillaba no acto simbólico de “tocar poder” os resultados dun BNG que ía perdendo o apoio dos votantes dunha forma imparábel e que sorprendía coa súa propia falta de avaliación interna. Non me alegro das desgrazas de ninguén, pero hai algo de xustiza poética no acontecido onte. O Bloque paga a incapacidade crónica para xestionar a súa propia diversidade e tamén paga a marcha dun xigante da política como Xosé Manuel Beiras ao que condenaron ao ostracismo durante demasiado tempo e que antes chegaran mesmo a ter como líder vergonzante, demasiado radical para conseguir espallar a influencia do partido en determinados ámbitos. O equivalente á marcha do vello león é, salvando as evidentes distancias, que Aznar entrase no partido de Mario Conde ou Felipe González se pasase a Esquerda Unida. Dilapidar un valor de partido coma ese, aínda dentro da discrepancia interna na que se produciu, acaba pagándose moi caro.

Porén, xunto con esta lectura levemente optimista, resúltame tremendamente baleira a euforia que está a vivir unha parte de Alternativa Galega de Esquerdas, incluídos os discursos que teñen máis de retórica combativa que de realismo. Obviamente é un grande éxito para un partido debutante, e alégrome tanto da volta de Beiras como me proe que o faga acompañado de persoas sociolingüísticamente entregadas a Madrid e que nin se molestaron en estudar a colocación dos pronomes para a campaña. Porén é un brinde ao sol. Nos próximos anos, o PP modificará a lei electoral e culminará a espolio que está a realizar sobre o sector público, endurecerá as políticas contra o galego e campará a vontade por onde queira. E por máis que moitas persoas esteamos a gozar dos enxeñosos retruques de Beiras no parlamento, a xenialidade intelectual non basta para frear un partido cunha maioría absoluta histórica. A promesa de que “algo novo comeza” lémbrame demasiado a aquela que escoitei en 1997, a primeira vez que votei, cando a mudanza política parecía unha cuestión xeracional e semellaba que podiamos agardar a que os votos “carretábeis” fosen sendo substituídos por votos con pernas, consciencia e vontade. Porén pasaron quince anos, quince anos preciosos para a recuperación da nosa lingua e da nosa industria cultural, quince anos perdidos que nos colocan ao borde dun abismo do que resulta moi complicado escapar xa.

E non sinalarei un culpábel, porque hai máis de un e a min resúltanme evidentes. Asistimos a unha campaña que se formulou contra o veciño do lado, ese que ten unha leira na que sacha coma nós, sen mirar para o pazo no que vive o señor feudal ao que se lle pagan as rendas. Igual que dentro do BNG, as liortas continúan pola taifa antes que polo interese común, e importa máis darlle na cabeza ao rival que decapitar ao verdadeiro inimigo. No nacionalismo galego falta unha perspectiva unitaria e unha noción clara dos obxectivos, hoxe por hoxe, e pensando a nivel inmediato, debera ser botar ao feixismo e despois tentar unha recuperación nacional que impida que a nosa cultura se dilúa no tempo das linguas mortas e as civilizacións extintas. Se cadra xa é tarde para iso. O que está claro é que os partidos galegos deben pensar se o dano que a súa división e as súas leas causan á sociedade galega lles vai dar algún beneficio.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

13/10/2012 by marioregueira

E despois da hispanidade

O federalismo é un instrumento de unión e non serve ao separatismo, máis ben serve para combatelo. Esta máxima, evidente para a maior parte dos independentistas do Estado español, podería ser o primeiro tema dun hipotético curso sobre a cuestión territorial para cidadáns e políticos españolistas. A cantidade de persoas que a discutirían nun primeiro arrebato é directamente proporcional á magnitude do problema crecente que o Estado español terá nas próximas décadas ao respecto.

Nas mesmas filas que a negan abunda o argumento de que as nacións que reivindican o seu recoñecemento como tales son simples constructos románticos ou trasnoitados e egoístas proxectos políticos de catro radicais. Deixando de lado o feito de que toda nación vista de perto non é máis que unha construción ideolóxica, resulta curioso que non reparen en que a máis fabulosa de todas, a que só aparece nas lendas, é esa España unitaria sen tensións territoriais que fala a mesma lingua. O nacionalismo de Estado é perigoso porque non é autoconsciente, ou porque cre nas propias mentiras moito máis que os periféricos. Porque se presenta como natural e apolítico, sen reparar en que celebracións como as de onte requiren sempre de exércitos marchando e desembocan nunha profusión de símbolos que eles chaman preconstitucionais, aínda que algúns fosen tristemente legalizados pola Constitución. Porque a única vez que estiveron perto de realizar esa idea foi varrendo as persoas que pensaban distinto para as cunetas ou para fóra do país. E aínda así fracasaron.

Pero sobre todo o nacionalismo de estado caracterízase pola ignorancia e falta de imaxinación ao respecto dos vellos problemas. Nestes días, entre outras barbaridades, escoitei a proposta de que se concedese o referéndum a Cataluña a cambio de que, de perdelo, se lle cancelase para sempre o Estatuto de Autonomía. Supoño que medidas tan intelixentes teñen detrás os mesmos cerebros que tramaron o boicot contra os produtos cataláns ou os que pretenden “españolizar” o alumnado catalán (o cal é un recoñecemento implícito á súa “non españolidade” natural e confirma o cacao ideolóxico dos seus promotores).

Porén, se do circo da dereita saen números máis ou menos divertidos, o que non deixa de preocuparme é a reacción da esquerda españolista, normalmente calada en relación ao tema, non sendo cando hai unhas eleccións autonómicas próximas ou cando hai que saír en masa a asinar nefandos manifestos pola “lingua común”. Sobre a eventual secesión catalá, a esquerda española empregou basicamente dous argumentos. O primeiro foi: “non o estades reflexionando, hai cousas máis importantes”, o segundo foi “Iugoslavia”.

Por experiencia directa diría que poucas sociedades máis reflexivas que a catalá, artellada no activismo civil e moi implicada nos problemas comunitarios. Obviamente reflexionar sobre algo non implica acertar, pero non se pode dicir que a da sociedade catalá teña unha actitude irreflexiva ou que se deixe levar por unha paixón irracional. Por outra banda, xa quixera o nacionalismo de Estado ter unha bagaxe reflexiva e unha produción cultural sobre a idea de nación e territorio que fose tan só a metade da que tivo lugar na súa periferia, tanto por cantidade como por calidade.

Por outra parte o “argumento Iugoslavia” é, sáibao que o emprega ou non, unha ameaza velada. Pensar nunha guerra civil de disgregación territorial no Estado español hoxe en día implica pensar no único bando que ten medios materiais de iniciala. Por outra banda, o caso de Iugoslavia fai fallar o seu paralelismo nunha pequena cuestión: na República balcánica as nacións non só tiñan recoñecido o seu status, senón tamén un procedemento legal para a secesión. Sería moito máis honesto, e intelixente, pensar no “argumento Grenlandia” ou o “argumento Quebec”, só por citar dous casos de final diferente nos que unha cuestión dese tipo se resolveu dunha forma civilizada.

Como dicíamos no inicio, as solucións federais non son instrumentos válidos para acadar unha secesión, antes ao contrario: empréganse para colmar os desexos de autogoberno da cidadanía sen que esta vexa a necesidade de rachar formalmente coa estrutura política na que está inserida. Se cadra as persoas que non somos federalistas deberamos felicitarnos por tanto da cegueira histórica dos rivais. E fariámolo se non fose que, como xa se demostrou algunha vez, neste xogo un rival idiota e armado acaba facendo auténticos estragos.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

06/10/2012 by marioregueira

Un galego de Tui

Hai máis de quince anos que Sánchez Gordillo e Mario Conde se atoparon cara a cara. Era o Primeiro de Maio de 1997 e o Sindicato de Obreros del Campo dirixíase a unha das fincas do banqueiro para tomala simbolicamente. Concienciados de que posibelmente terían que repeler as agresións dun hipotético desaloxo, os compañeiros andaluces non estaban preparados porén para o desenvolvemento posterior dos acontecementos. Un campechano Mario Conde achegábase á porta da finca e tras pactar unha ocupación limitada do predio, ofrecíase a compartir con eles o almorzo e unhas cañas. A noticia deu a volta ao mundo e aínda hoxe é ben lembrada. Mario Conde, en liberdade baixo fianza por aquilo, saía ao paso con grande desenvoltura dunha situación violenta e pasaba a celebrar o Primeiro de Maio entre desconcertados xornaleiros aos que alcumaba de “convidados” na “súa” casa.

No fondo, o que Mario Conde fixo non foi máis que aplicar os principios da vida empresarial á vida real. Nunha situación na que unha carga policial podía lixar aínda máis a súa imaxe, o banqueiro confía na súa capacidade para pactar e sacar beneficio da conxuntura. Pero un acordo entre dous homes de gravata nun gabinete bancario parécese pouco ao que pode facer un deles diante dunha turba de obreiros, cento cincuenta anos de marxismo son unha boa proba diso. É necesario que a turba sinta que está a tratar cun igual ou cunha persoa que empatiza, aínda que sexa minimamente, coas súas aspiracións. Se cadra por iso Mario Conde aparece ante os traballadores do SOC a pé, disposto a falar de igual a igual con eles, cun trato extremadamente amábel e ostentando un marcado acento andaluz.

Os locutores que daban a noticia non deixaron de destacalo: observen o acento andaluz deste galego de Tui. E os que observabamos non saiamos do noso asombro.

Dende que souben que Mario Conde ía facer paracaidismo nas vindeiras eleccións galegas non puiden evitar un interese punzante sobre como enfrontaría a cuestión da lingua. Ao longo da miña vida teño experimentado situacións lingüísticas que lembraban esa imitación de acentos. Empresarios que en privado defenden a erradicación do galego do programa educativo pero que á hora de tratar cos paisanos non deixan de empregalo, mesmo imitando as súas variantes léxicas locais. No fondo, sempre pensei que a actitude do fraguismo cara á lingua tiña moito dese “saber estar” da vida empresarial, cun pouso un tanto hipócrita que nace da tentativa de acadar un bo acordo. Sobra dicir que esas tácticas de empresa han de ter moito en común co modus operandi dalgunha caste de estafadores, polo menos na medida na que procuran unha sensación de proximidade similar. Ao fraguismo o acordo, (ou a estafa), saíulle ben, e os xornaleiros comeron bocadillos con eles durante moitos anos e aceptaron quedar na entrada das fincas que, por dereito histórico, social e moral, lles pertencían. A miña aposta era que Mario Conde, ao contrario do que fixo Feijóo, non axitaría a bandeira da crispación lingüística e recollería sen dúbida o exemplo do vello dinosauro: falamos galego por aquí e acolá, visitamos unhas cantas feiras gastronómicas e recoñecemos unha lexislación nominal de defensa da lingua pola que non moveremos un dedo na vida.

Porén, o galego de Tui está enferruxado ou non acabou de comprender as regras que rexen na terra que o viu nacer e á que pretende representar politicamente. Lonxe de tomar a defensa nominal do bilingüismo, e de paso clases de galego, limitouse a imitar (un tanto ridiculamente) outro acento distinto e a falar do moi verídico perigo que ten o castelán de ser absorbido polo galego. Non contento con iso, na súa entrada triunfal, toca o (pouco polémico) tema da identidade do galego e do portugués e saca a colación o exemplo do seu primo (?), aquel que deixou o galego porque se decatou de que levaba vinte anos facendo o parvo e de que ninguén o quería. Dúas sensacións que, sospeito, o outro primo Conde experimentará moi axiña nas súas carnes.

O exemplo, ou contraexemplo, do magnate tudense serve para ilustrar como a cuestión lingüística galega segue pexada dun odio ideolóxico que soborda as achegas de calquera partido non galeguista. Noutras ocasións temos falado do absurdo que representa que moitas empresas rexeiten o emprego do galego aínda asumindo as perdas económicas que implica renunciar á lingua máis falada do país. Unha vez máis, os grandes empresarios non confían sequera na ilusión de tratar á inmensa maioría deste pobo como iguais. Ou se cadra é que aínda non damos tanto medo como unha turba de xornaleiros andaluces cercando unha propiedade. E se cadra sexa hora de poñer remedio a iso.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

02/10/2012 by marioregueira

Amén

Máis tarde chegan os cataláns Carles Riba e a súa muller Clementina Arderiu; Blai Bonet, Foix e o valenciano Fuster, tan amigos e tan preocupados e curiosos polas cousas literarias da Galiza e pola súa lingua. (A propósito: estes estupendos e cultos poetas en lingua catalá, prevíronme seriamente contra os filólogos e -sobre todo- contra os afeccionados á filoloxía, no sentido de que, quizais sen querelo, son os inimigos máis perigosos que temos os que cultivamos as linguas minoritarias, porque, a historia, a socioloxía, a literatura, eles redúceno todo a problemas da súa especialidade.)

Celso Emilio Ferreiro, citado por Ramón Nicolás en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, (trad. do autor deste blogue)

#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

27/09/2012 by marioregueira

A idade de ouro do pop galego

Sei que hai xente que estaría disposta a discutir sobre Los Tamara, Andrés do Barro ou Os Resentidos, pero unha idade de ouro, polo menos na nomenclatura á que a metrópole nos ten afeitos, non se compón de estrelatos conxunturais, senón dunha rede de iniciativas musicais e as súas interrelacións. A idade de ouro do pop galego puido comezar aló por 2005, cando The Homens puxeron as cancións do seu primeiro EP na rede, se cadra no 2006, cando Fanny + Alexander sacaron Lusco, un dos primeiros discos en botar a andar ese proxecto vertebrador que foi o netlabel A Regueifa, que xa viña sementado polo blogue homónimo. O rock bravú e o folc, estrelas da música galega nos anos precedentes, daban as súas últimas boquexadas, e un tempo novo viña á luz, un tempo no que a maior parte das bandas se decataron de que xa non era necesaria unha discográfica ao uso para que as súas gravacións tivesen repercusión. Apareceron publicacións musicais en galego, xurdiron concursos de lanzamento para bandas novas e mesmo chegamos a ter durante uns anos un festival en Valga feito con óptica de país. Projecto Mourente tocaba na Quintana na Festa do Orgullo, os votantes da dereita (e a uns cantos da esquerda sen sentido do humor) escandalizábanse coas letras de Ataque Escampe e escoitabamos a Noise Project pensando que a vangarda musical islandesa se cadra non quedaba tan lonxe do rumor dos nosos piñeiros. Tras anos nos que a innovación musical se reducira a distintas variantes do rock e a polémicas absurdas sobre que estilos e instrumentos servían para facer música galega, a nosa terra parecía queimar etapas a unha velocidade abraiante e sacaba toda a inmensa creatividade que tivera gardada no bandullo.

As idades de ouro son artellamento e interrelación, por iso unha parte importante dese momento pasaba pola noción de comunidade, pola participación e a camaradaría. Projecto Mourente vestindo a camisola raiada de The Homens, Samesugas machacando as cancións destes, Leo e García reiventando a Celso Emilio, poetas de todo o país compoñendo letras para Fanny + Alexander e máis de vinte grupos do país versionando a Andrés do Barro na mellor homenaxe que lle fixeron nunca. O movemento estaba cheo de forza e ilusión, e non faltaba apoio por parte das radios e dos medios de comunicación. Sen Vieiros e a Radio Galega todo aquilo quedaría en nada, ou circularía, como tantos grupos antes, en malas copias sen relevancia fóra de pequenos círculos.

O final da idade de ouro sería unha cuestión para discutir. Para min está nalgún lugar entre o concerto conxunto de The Homens e Novedades Carminha na Sala Nasa no 2009, a que sería a última edición de A Polo Ghit ese mesmo ano, ou a canción de Bruce Springsteen que se mal non lembro marcou o final dunha etapa de apoio á música galega en Radio Galega Música. Non quero dicir que o talento rematase, aí está Violentos anos dez ou A pior, dous títulos imprescindíbeis e con nomes que veñen moi ao caso, aí estaban onte Grampoder, a metade de The Homens, botando talento polos poros un mércores calquera na zona vella de Compostela. Porén unha idade de ouro, se nos guiamos pola nomenclatura da metrópole, é outra cousa que obras puntuais, por moi brillantes que poidan ser. A rede que sustentaba a música en galego caeu, os medios de comunicación pecharon, A Regueifa pasou á historia, e o apoio do goberno galego desapareceu, incluído a maior parte do que prestaba a radio que pagamos todos. A pesar de que a música galega sempre estivo marcada por un pulo importante da vontade persoal da xente involucrada (o seu maior selo discográfico partía dunha iniciativa individual sen horizontes de lucro, ningún músico puido vivir só do seu traballo como tal), as estruturas que turraban dela conseguiran, con moi pouco esforzo institucional, marcar unha diferenza importante.

A idade de ouro (2005-2009) coincide, curiosamente cunha lexislatura, e a maior parte dos elementos que a sostiñan desapareceron coa chegada da seguinte, marcada por unha vontade declarada de coutar o desenvolvemento da nosa lingua e da nosa cultura, aínda naqueles campos nos que sería moito máis doado aproveitar o traballo feito.

O argumento neoliberal esixe moi a miúdo á cultura galega que se autosustente economicamente para sobrevivir. É unha falacia moi útil pensar que os grupos que venden son “mellores”, e que se a xente non escoita música en galego é porque non ten calidade suficiente ou porque non encaixa nos gustos do grande público. A experiencia destes anos demóstranos que nas mentes de quen emprega o argumento, “autosustentarse” debe implicar tamén mercar os propios medios de comunicación ou artellar pola nosa conta unha rede de locais onde poder actuar. Basicamente, que se queremos facer música en galego, como se a queremos facer en inuit, é problema noso, e que non agardemos ningún apoio, en todo caso cruzar os dedos e pensar nos golpes de sorte. Ou nos golpes de urna dunha noite electoral.

#Galiza#Música

22/09/2012 by marioregueira

Zombieland, un filme sobre a nostalxia

Volver falando sobre un filme de zombis de 2009 é toda unha declaración de principios, porén resulta acaido, por unha banda por ver se a carne morta dos escravos que fomos volve á vida, por outra porque os motivos do filme evidencian de que forma a nostalxia segue a ser o ítem político que sempre foi.

Un rapaz sobrevive ao holocausto zombi que asolaga o mundo (comezando polos Estados Unidos, naturalmente). No medio da loita pola súa supervivencia atopará unha serie de compañeiros inesperados de viaxe: unha especie de cowboy urbano e dúas irmás que procuran un parque de atraccións no que estiveron de nenas e que supoñen felizmente liberado da praga zombi. A viaxe que nos propón a trama é por tanto cara a un territorio feliz da infancia, pero non será este o único elemento que atinxa aos pasados perdidos. O cowboy vai asaltando supermercados abandonados para recuperar os seus chocolates favoritos, antes de que a caducidade borre definitivamente o seu sabor da face da terra, e polo medio do camiño a estraña cuadrilla atopará a casa de Bill Murray e terá oportunidade de ver no seu cinema o clásico dos 80 Ghostbusters.

Tense falado moito de porque a temática zombi sufriu un aumento tan acusado na última década, pasando a ser un dos elementos máis frecuentes na cultura popular. Para min, a pesar da pouca experiencia que teño no xénero, resulta doado chegar á conclusión de que a súa vixencia está relacionada coa forma en como a nosa xeración contempla o mundo contemporáneo e coa súa peculiar relación coa nostalxia.

O grupo de persoas adultas novas que vive tentando prorrogar eternamente unha infancia perdida vive atado á lembranza dos oitenta, ese época que alguén definiu como feliz, pois o único que temiamos era que o ceo, na forma de inverno nuclear, se derrubase sobre as nosas cabezas. En realidade, como cumprindo a profecía punk de No Future, o ceo derrubouse sobre nós, aínda que non o fixese na forma que estaba prevista. O holocausto que chegou é a barbarie zombi, a crise económica, o triunfo do bloque capitalista na Guerra Fría. Non é xa que o futuro non fose como nos prometeran, é que nin sequera mantivo o seu ritmo de decadencia e produciu un pico de caída que nos deixa con menos horizontes, menos dereitos e menos expectativas que as que tiñan os nosos pais e nais. Teño escoitado, case como un mantra dos novos analistas políticos, que somos a primeira xeración que vivirá peor que a precedente.

Nese sentido, a nostalxia é un fenómeno inevitábel, aínda que como ferramenta política sexa perigosa, pois non nos permite analizar criticamente o pasado (os oitenta foron terríbeis a nivel social, aínda que a grande guerra nunca estalase). Porén, o seu exercicio funciona como un síntoma que nos deixa palpar o pánico por un futuro que se presente peor que o pasado ou que xa chegou e non é máis que un holocausto de persoas putrefactas que nos perseguen. Os Cazafantasmas non volverán salvar a cidade, os Goonies non atoparán o tesouro, xa non hai dous bandos equilibrados, e só nos queda unirnos a unha pequena cuadrilla rodeada, resistir seguindo as vías de territorios desaparecidos e construír, coas pezas que nos quedaron nas mans, unha nova forma de entender o mundo.

#Activismo e resistencia#Cinema

07/06/2012 by marioregueira

Ellis Island

Sospeito que Eduardo pensou en min para presentar este libro chamado inconscientemente polo lugar ficticio dende o que escribo o meu blogue. A Illa de Gorée, tamén chamada illa ou porto dos escravos, tiña un papel simbólico importante no meu primeiro libro de poesía, un libro que sei que lle é moi querido, por razóns literarias e extraliterarias.

Ao mesmo tempo o lugar real, a verdadeira illa de Gorée é unha variante simétrica, no outro punto do Atlántico desta illa de Ellis. Ambas protagonizaron, en distintas épocas e de distintas formas, o tráfico de persoas entre os vellos e os novos mundos. No caso de Gorée, foi o que os teóricos chamarían moitos anos despois “migración forzosa”, no caso da illa de Ellis, a migración era forzada dun xeito máis indirecto. Quero insistir no de forzada, porque non creo que existise nunca unha migración voluntaria, voluntarias son as viaxes, as primeiras clases, os cruceiros turísticos, os paseos… Por iso as clases altas nunca pasaron pola illa de Ellis. A migración, aínda no caso no que se nos disfrace como unha procura da terra das oportunidades ou do soño americano, sempre é unha versión máis ou menos lixeira do tráfico de escravos.

O control xa non se estabelece no punto de partida, pero segue a existir unha modulación e selección da entrada de persoas, unha clasificación da man de obra, unha criba de persoas coas que encher un país que quere formarse dun determinado xeito e para iso non quere enfermos, miserábeis, nin axitadores políticos que poidan turbar o seu soño de felicidade.

Dise que a illa, ambas illas en realidade, representan un exemplo dos non-lugares, é dicir, espazos sen entidade que se caracterizan polo simple paso de persoas. Este invento dos non-lugares foi moi frutífero en determinadas expansións ou narrativas da posmodernidade, pero para min ten unha importancia vital na historia das narrativas subalternas. Dalgunha forma porque, como acabo de explicar, son as persoas subalternas, as que non viaxan en primeira, as obrigadas a transitalos. Penso que na xestación deste libro pesa moito o feito de estar pensado para un guión televisivo, unha das escasas formas nas que un discurso subalterno como o da poesía pode chegar a un grande público.

Da mesma forma, creo que late nel a presión da subalternidade do propio Perec, francés descendente de xudeus polacos, que viu a súa nai morrer no Holocausto e ao seu pai nas filas do exército francés durante a Segunda Guerra Mundial, feitos que parecen pesar moito na empatía deste discurso e na sensibilidade que demostra. El mesmo recoñece que os xudeus son epecialmente sensíbeis ao lugar aínda que este pertence a todos os expulsados dos seus fogares, a todos eses migrantes á forza que sumaron ás súas penas o tránsito pola illa. Se cadra só unha persoa descendente de minorías e de migrantes, e familiarizada por tanto cos seus discursos, podería crear un libro inclasificábel coma este, inclasificábel, aínda dentro da particular orixinalidade da súa obra.

Creo, da mesma forma, que este libro non chega a nós por casualidade. Comezaba falando das simetrías que a Illa de Ellis e a de Gorée teñen no relato das migracións humanas. Dun xeito semellante, gústame pensar en Eduardo Estévez como unha simetría de min mesmo e de moitas outras persoas deste país. Eu, como moita outra xente, son descendente de emigrantes que decidiron retornar, Eduardo é un descendente de emigrantes que decidiu retornar. Da miña familia, que nalgún momento dos anos setenta deixou un porvir brillante no outro lado do Atlántico, aprendín que se migra pola forza pero que se volve sempre por amor. Amor, ás persoas pero tamén amor á terra, aos proxectos políticos, á dignidade ou pode que ás mesmas narrativas subalternas das que falabamos antes. Tamén que ás veces volvemos a lugares onde non estivemos, e que case sempre eses lugares son o rostro demudado do propio país.

Penso que este libro naceu nun contexto que nos é particularmente alleo: escrito por un xudeu francés, fala das migracións feitas a norteamerica das que o noso pobo se mantivo especialmente afastado. Non aparecen Coruña e Vigo ao lado de Rotterdam, Palermo ou Hamburgo. Os galegos que chegaron á illa de Ellis non o fixeron en número suficiente como para ser mencionados. E porén, cando Perec escribe estes versos debe supoñer que chegarán, aínda que sexa con atraso, á lingua e as mans da segunda diáspora da humanidade, que é a nosa. A chegada deste libro non é unha chegada: é un regreso, vén con historias nosas contadas por outras bocas, con sensacións que nos son máis que coñecidas; e como todos os regresos faise por amor, un amor que debemos á sensibilidade (migrante e subalterna) do seu tradutor.

Texto feito para a presentación, o sete de xuño de 2012, do libro Ellis Island, de Georges Perec en tradución de Eduardo Estévez.

#Crítica#Edición#Galiza#Literatura#Textos de presentación

05/05/2012 by marioregueira

Outro ano sen Bobby Sands

Nom ham de conseguir criminalizar-nos, nom nos arrebatarám a nossa verdadeira identidade, nom nos des-pojarám na nossa individualidade despolitizando-nos, institucionalizando-nos como robôs alienados. Nom ham de conseguir criminalizar a nossa luita de libertaçom.

A pesar de todas as torturas, nom deixo de me surpreender da lógica inglesa. Em oito séculos nom conseguírom quebrar o espírito de um só homem que quigesse continuar a ser livre. Nom conseguírom desmoralizar nem conquistar o meu povo e nom o vam conseguir jamais.

 

Bobby Sands en Um dia da minha vida, traducido por Patricia Janeiro para Estaleiro Editora.

Hoxe, cinco de maio, cúmprese un aniversario máis da morte en folga de fame do preso republicano irlandés Bobby Sands. Bobby Sands cae, como outros presos, en loita polo recoñecemento do seu status xurídico como prisioneiro político e contra un réxime penitenciario inhumano que pretendía dobregar pola tortura a vontade política dos loitadores irlandeses. Máis aló da súa importancia simbólica, o relato que fai en One Day in My Life, estremece por outras razóns. A primeira, a súa crudeza, que non palidece na comparación cos campos de concentración que corenta anos atrás estremeceran a Europa. A segunda, polo ánimo e a determinación do autor, capaz de atopar físgoas de alegría e esperanza no medio do máis abafante dos presidios. A tenrura da que Bobby é capaz fai un contraste brutal fronte á mesquindade dos seus vixiantes, é en si mesma unha vitoria e fai pensar que, ao final, o preso si conseguiu escapar da cadea, e que aínda hoxe voa, xunto aos paxaros que tanto lle gustaba observar, por riba da loita inacabada dos pobos oprimidos.

Non esquezades que o texto pódese descargar da rede e que é unha lectura altamente recomendábel nestes tempos.

#Activismo e resistencia#Cultura libre#Edición#Estaleiro#Lectura#Literatura

05/04/2012 by marioregueira

Sen futuro

O Goberno de Tsolakoglou aniquilou toda posibilidade de supervivencia para min, que se baseaba nunha pensión moi digna que eu pagara pola miña conta sen ningunha axuda do Estado durante 35 anos. E dado que a miña avanzada idade non me permite reaccionar doutra forma (aínda que se un compatriota grego collese un kalashnikov eu apoiaríao), non vexo outra solución que poñer fin á miña vida desta forma digna para non ter que acabar buscando nos baldes do lixo para poder subsistir. Creo que os mozos sen futuro collerán algún día as armas e colgarán aos traidores deste país na praza Syntagma como os italianos fixeron con Mussolini en 1945.

Nota de suicidio de Dimitris Christoulas, caído onte na praza Syntagma (Grecia).

#Activismo e resistencia#Epigramas
1 … 7 8 9 10 11 … 17