15/11/2011 by marioregueira

If not us, who?

Alemaña ten unha relación co trauma que non consegue reconducir de ningún xeito. Ben, é certo que hai algúns autores que teñen sinalado claves nese sentido, pero salvo contadas excepcións a cultura de masas naufraga cada vez que se asoma ao enorme peso da responsabilidade colectiva que implicou a primeira metade so século XX. Interesábame de If not us, who (Wer wenn nicht wir) esa mentira que lin na sinopse de que era un filme sobre os escritores que apoiaran ao nazismo e a complexa cuestión que se formulou na posguerra sobre o papel do seu legado literario.

Non é certo. If not us who non trata sobre iso, é máis ben un mal retrato, caricaturesco e maniqueo da Fracción do Exército Vermello (tamén chamado grupo Baader-Meinhoff), presentado ademais sen ningún tipo de risco ou debate moral por parte dos seus autores. Un grupo de intelectuais, atormentados, iso si, polos crimes cometidos pola xeración dos seus pais, perden o contacto coa realidade e caen nunha espiral de violencia e destrución, atentando contra a democracia, cuspindo nas mans que o Estado lles tende para rehabilitarse e acabando dun xeito tráxico coas súas vidas. O propio Andreas Baader non é máis que un snob maltratador que aplica tácticas de captación sectaria sobre os seus compañeiros. Moi poucas alusións á realidade dunha Alemaña dividida, ocupada militarmente por potencias estranxeiras e marcada como primeira liña de combate na guerra que estaba por vir. Nin unha soa liña para o debate sobre os suicidios dos membros da banda na prisión de Stammenheim, sempre postos en dúbida e aínda hoxe non aclarados.

A conclusión final é que a traxedia dos Baader-Meinhoff é a última peza que cae dun dominó que se comezou a tombar nos anos trinta. Mozos brillantes que se rebelaban contra o pasado estoupándoo contra un presente que non era culpábel de nada ou que só era culpábel de provir dun pasado atroz. Esa lexitimación da posguerra e da Guerra Fría como unha viaxe movida pero feliz cara ao noso (non menos feliz) destino actual é probabelmente o peor do discurso do filme.

En realidade, agora que as últimas organizacións armadas da convulsa Europa van deixando as armas, asistiremos por desgraza a moitas representacións deste tipo. A derrota final é a derrota do discurso, ese “que non conten a súa versión da historia” que xa ecoa nas terras do Norte e que tanto debate vai causar no escenario por vir. En determinado sentido, é lóxico que isto aconteza. As organizacións políticas de esquerdas que abeiraron e lexitimaron as guerrillas urbanas tratan desesperadamente de desvincularse dese legado, aquelas que as combateron obviamente non as van defender, e os seus antigos membros fican reducidos a cidadáns individuais, en ocasións demasiado queimados pola historia como para dar a súa versión desta. Por outra banda, Gillo Pontecorvo xa morreu, e hoxe non atoparía financiamento para ningún daqueles filmes que apostaban pola acción directa e encadilaban á intelectualidade europea.

Non pretendo dicir con isto que sexa necesaria unha perspectiva que glorifique á Facción do Exército Vermello nin a ningún dos moitos grupos que na Europa occidental combateron coas armas ao capitalismo. A súa historia formula precisamente o que os filmes que os escollen como escenario non formulará nunca: un conflito social atroz, que deixaba regueiros de vítimas por parte dos dous bandos e que formulaba unha cuestión moral crucial mesmo nos nosos días. A cuestión de como se loita contra a opresión abafante, como se combate a violencia estrutural, cales son os límites da resposta política, ou por que miles de persoas en toda Europa deixaban unha vida doada para unirse a algún destes grupos armados. Cousas que non poden responderse a través de caricaturas maniqueas ou contos morais. Sería moito máis doado crer que todas esas persoas estaban tolas e que buscaron a propia ruína, que tiñan traumas xerados polas súas familias, que eran malos, en definitiva.

Polo medio desta visión simplificadora perdemos as complexas leccións da historia sobre a guerra sucia, as redes de infiltración e insidia interna, as teupas radicalizadoras, os poderes estranxeiros dirimindo a política interna das nacións ou o excesivo poder dos Estados sobre as persoas. O reconto final fainos pasar por alto tamén aqueles casos nos que os grupos insurxentes foron unha ferramenta manipulada para servir aos seus propios inimigos, e exime aos Estados e ás súas estruturas económicas de toda culpa, para maior gloria do presente, sobre os conflitos pasados. Todas valiosas leccións que, sospeito, habemos precisar no futuro.

#Activismo e resistencia#Cinema

09/11/2011 by marioregueira

Da destrución de Europa

A penúltima vez que estiven en Portugal, a comezos deste ano, a crise acometía unha das súas terríbeis coleadas, pero a xente, como nos barcos, parecía habituada ao vaivén, e todo o mundo tiña unha teoría. A que máis gardo na memoria foi a dunha vella gloria local que insistía en que todo isto era unha conspiración dos Estados Unidos contra os países europeos que aínda tiñan un sistema mixto. Isto é, algo que seica caracteriza aos PIGS – Portugal, Irlanda, Grecia e Spaña, aos que alguén sumaba a Bélxica, o feito de manter sistemas formalmente entregados ao capitalismo pero que conservan restos históricos de conflitividade social na forma de partes da súa economía que seguen en mans do estado. Sinaladamente a sanidade e a educación, aínda que tamén poderiamos atopar empresas que en tempos foron estratéxicas e que agora sería un problema privatizar. O plan norteamericano pasaría por destruír ese último rastro de Estado social para impoñer o seu modelo, o mesmo polo que os pobres morren de apendicite na rúa e a xente traballa até o día da súa morte para pagar as medicinas.

Non podo saber que parte da man dos saqueadores de Iraq e Libia está detrás detrás das penas de Europa. O que si teño claro é que, aínda que fose a un ritmo distinto, a destrución dese modelo mixto non precisaba de ningunha axuda exterior, polo menos no Estado español. As forzas políticas que nos fixeron arroibar de vergoña allea nun debate televisado hai uns días estábanse encargando perfectamente da cuestión. Cada unha ao seu ritmo, claro, pero en calquera caso seguindo unha mesma tendencia: a destrución progresiva do patrimonio público, a privatización dos activos máis rendíbeis do Estado e sobre todo, a irreversibilidade dese proceso baixo calquera dos “dous” signos políticos. Non deixa de chamar a atención que nos últimos anos só se nacionalizase no noso contexto político a bancos en crises sospeitosas e cun valor estratéxico notábel. Que non existise nunca un plano de recuperación de sectores produtivos ou que ninguén pense se habería tantos problemas para crear emprego, manter a xubilación nos 65, garantir as pensións e librar á sanidade da estafa do copago, se o Estado mantivese baixo a súa titularidade a empresas estratéxicas como as telecomunicacións ou os hidrocarburos. Ou se en lugar de financiar a mala xestión do sistema bancario e consentir que  siga estafando aos cidadáns, houbese unha intervención decidida sobre aquelas entidades que non presentasen planos de viabilidade fiábeis.

E o peor é, naturalmente a irreversibilidade. Que cada palmo cedido non se recupera, ou só se vai recuperar cun esforzo cen veces maior do que lles custou conseguilo ás xeracións precedentes. Que a xubilación non se rebaixará nos próximos anos, que a sanidade pública desaparecerá un bo día para non volver máis, que as taxas da educación seguirán subindo e as relacións laborais “liberalizándose”. E se cadra terá que chegar ese momento para que unha grande parte da sociedade se decate do roubo á que a estiveron sometendo eses anos, e que non sabes o que tes até que deixas de telo. E deixar de telo non vai saír barato, aquí teñen unha lista para irse facendo unha idea.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

02/11/2011 by marioregueira

Os medios que resucitan

Viña a saber hai unhas semanas que nalgún lugar da Cornualla grupos de activistas están a crear unha rede de ensino infantil en córnico. A nova non sería digna de mención de non ser porque a lingua propia da península foi extinguida no século dezaoito e substituída pola lingua máis poderosa do mundo, o inglés. A persistencia do movemento social conseguiu que o córnico volva de entre os mortos e esfórzase para que dentro duns poucos anos estea a camiñar de novo por entre a sociedade da pequena nación británica. Como ben evidencia as citas de Kadaré ás que nos referiamos a semana pasada, acabar cunha lingua non é unha cousa tan doada, mesmo facela retroceder pode representar unha tarefa titánica e mesmo nos casos nos que se canta vitoria as lingua proscritas volven no momento máis inesperado e seguen enchendo o mundo co son disconforme da súa diversidade.

Será por iso que me pareceu especialmente axeitado que fose nas inmediacións do Samaín cando os medios galegos decidisen volver, unha vez máis, da súa enésima morte, tan falsa como foron todas as anteriores. A festa, a mesma que aldeas e arrabaldes aínda lembran d@s devanceir@s, moito antes da chegada do cinema americano, celebra precisamente ese único momento do ano no que as ánimas teñen licenza para volver do alén ao mundo dos vivos e visitar a súa vella contorna. Estou seguro que nalgún lugar perdido da tradición existe unha alusión a esa forza do rexurdimento, ás vinganzas xusticeiras que os vencidos pero nunca derrotados efectuaban aproveitando a circunstancia máxica.

Os medios en galego formulan a súa vinganza da forma máis elegante posíbel: seguindo adiante entre o fragor e demostrando que hai unha parte da sociedade que nunca se vai dar por vencida e que remoerá ceo con terra antes de asinar a claudicación. Da presentación dun deles fico co episodio sobre as cousas á que sobreviviu este pobo e aos retos aos que se enfrontou á súa cultura. E resáltoa porque moito máis aló da reivindicación dun resistencialismo abstracto como bandeira, en moi poucos sitios atopei unha verdadeira valoración do esforzo que fixo a nosa sociedade a través dos tempos para manter viva a súa cultura. Unha valoración que debería ser optimista, aínda que só fose polo feito de seguir tendo a lingua autonómica con máis falantes porcentuais do estado, ou pola súa propia existencia contra todas as agresións organizadas e desorganizadas. Aló onde outras linguas desapareceron (como o córnico) ou  afogaron até a mínima expresión (o astur-leonés, aquí ao lado), nós entramos no século XXI cunha grande literatura, cun panorama musical que roza a xenialidade e, contra todas as expectativas, con medios de comunicación propios, erguidos polo propio tesón da nosa sociedade. Máis aló do derrotismo e da desesperación eu conto moitos máis días nos que me sinto orgulloso de formar parte deste país, da súa longa tradición de teimud@s irredutíbeis, e do sorriso imbatíbel que ostenta fronte aos imperialistas fracasados de todas as xeracións.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua#Medios de comunicación#Samaín

27/10/2011 by marioregueira

As linguas que resucitan

O proceso de denacionalización total ou parcial dos pobos, que era a tarefa principal do Arquivo de Estado, consumábase segundo a vella doutrina secreta do “Cra-Cra” e transcorría a través de cinco fases esenciais: a primeira, a eliminación material da rebelión; a segunda, a eliminación da idea da rebelión; a terceira, a erradicación da cultura, a arte e os costumes; a cuarta, a extinción ou mutilación da lingua e a quinta, a extinción ou debilitamento da memoria nacional.(…)

 

 

Nun pesado andel de bronce estaban os expedientes das linguas mortas. Eran grosos, pero a maioría das súas follas estaban borradas co maior coidado. As palabras do dicionario, as regras gramaticais e de sintaxe eran borradas de forma progresiva, segundo o seu grao de decaemento ou desaparición. Ao final borrábanse as letras do alfabeto, o último vestixio da lingua escrita, tras o que se certificaba a súa morte completa. Inmediatamente despois comezaba o outro proceso, aínda máis longo e dificultoso, a eliminación da lingua oral (…).

 

 

Toda esta experiencia secular atopábase no expedientes do Arquivo. Alí estaba todo, os prazos, os imprevistos, as últimas mostras de teimosía, nunha palabra, todo, a excepción da propia lingua erradicada. Nos milleiros de páxinas dos expedientes non se atopaba nin unha pegada, nin unha palabra, nin sequera unha sílaba. A supresión absoluta de todos os datos sobre a lingua morta levábase a cabo co obxectivo de excluír toda posibilidade de que aquela retornara. (…)

 

 

…os seus seguidores acharan nas vellas crónicas o caso de resurrección dunha lingua, á que os cronistas chamaran con terror “Lingua-Cristo”. Ignórase como puido acontecer, escribían, que unha lingua morta había longo tempo volvese aparecer sobre a face da terra. Perseguiron ás persoas nas que a atoparan, capturáronas por fin mentres fuxían a través dos pantanos, cargáronas de cadeas, cortáronas en anacos, pero estas non quixeron ou non estiveron en condición de contar como a atoparan a ela, a proscrita.

 

Pequenas mostras da novela O nicho da vergoña do escritor albanés Isamaíl Kadaré. Describen o sometemento dos territorios conquistados polo Imperio Otomano e tamén moitas outras cousas.

#Activismo e resistencia#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

22/10/2011 by marioregueira

Fusiles de Fraga, mangueiras de Feijoo

Unha das sorpresas das redes sociais destes días era o feito extravagante de que Manuel Fraga sobrevivira á banda armada. O dato podería pasar en máis á historia das casualidades, pero ninguén afondou na fixación do vello dinosauro que sempre seguía alí coa acción directa nas súas máis variadas manifestacións. E non falamos só da súa natural predisposición a coller o fusil para tomar Cataluña de novo, ou a impecábel dirección daqueles sucesos de Gasteiz. Iso son feitos que foron froito das circunstancias e do disimulo e que só enganan aos inxenuos que viven afastados do debate político. Agora que a política do Estado entra nunha nova fase é un bo momento para sacar á luz un deses rumores clamorosos que ninguén se atrevía a dicir máis aló dos besbellos no fondo de determinados locais. Fraga foi, de toda a vida, un quintacolumnista da esquerda independentista, un mártir que, cargando cunha pesada máscara, sempre coidou da liberdade do seu pobo. E iso a pesar da súa mala puntería e dos sacrificios que a infiltración na dereita cavernícola lle obrigou a realizar.

De ningunha outra forma cabe interpretar sucesos como o famoso disparo na cacería do caudillo, desviado polo azar do seu verdadeiro obxectivo cara ás brandas nalgas de Carmencita Franco, e evitando un procurado magnicidio que mudaría para sempre a historia do país. A propia afección do prócer de Vilalba pola actividade cinexética non fai máis que ocultar o seu verdadeiro pasado, a súa formación nos montes de Lugo combatendo a ditadura. As mesmas malas linguas que o situaban nunha cacería en Estremadura durante o accidente do Prestige deberan preguntar polo alborozo co que foron recibidos os seus disparos libertadores no cercado Val de Xálima, ao borde da rendición ante as tropas do españolismo.

O propio mártir foise encargando de deixar un rastro o suficientemente visíbel para que o pobo puidese interpretar o seu papel: as entrevistas con Fidel e con Beiras, aquel estraño prólogo ao Calígula de Camus editado polo IGAEM (obra referencial sobre a lexitimidade do tiranicidio)… Pero moi especialmente debemos recoñecerlle o traballo de desgaste e sabotaxe interna que realizou dentro das filas populares, impoñendo o galego disfrazado de bilingüismo harmónico, filtrando mapas da Galiza completa e preparando o camiño para a disolución definitiva do partido e o colapso e desmembramento do Estado español (ás probas me remito):

Nalgún lugar, o vello capitán chairego soporta con paciencia os que intúe anos finais dunha labor de décadas no beneficio do pobo galego. Todos nós deberamos estremecernos e saúdar a súa figura queimada polos anos nas filas inimigas, que teña, polo menos, a nosa última homenaxe, que saiba que por fin nos decatamos e que a vitoria está próxima.

Supoño que non é necesario explicar que o texto precedente é unha fábula. Nestes tempos nos que unha parte importante do electorado galego creu que o tipo de aí arriba estaba apagando un incendio, non podemos deixar de alertar sobre as dobradizas da realidade e o perigoso das súas interpretacións. O relato construído sobre a pornografía da imaxe de Feijoo non ten nada que envexar á delirante novela que veño de trazar cun Fraga vestido de cazador ao fondo. O vascogalego disparou accidentalmente sobre un filla de Franco, o seu sucesor pasou accidentalmente por alí, aínda que soubo vender moito mellor a banalidade da súa presenza. As probas, nas fragas requeimadas do Sul, onde o noso presidente non tivo a ben de poñer o pé (nin medios anti-incendios) nunca máis se cadra para que non digan que, como Atila, vai pelando o monte que pisa. É dicir, para que non digan a verdade.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

14/10/2011 by marioregueira

O libro dixital e a chegada dos bárbaros

Os bárbaros chegaron, rodean a cidade e xa non aceptarán unha negociación. A longa e agónica camiñada das editoriais pola era dixital podería resumirse nestes momentos con esta frase que anuncia unha inminente claudicación de incertas consecuencias. Pouco se aprendeu da experiencia doutros ámbitos como o discográfico e pouco, moi pouco, se avanzou na procura dunha alternativa. O momento é interesante, non só porque represente un cambio de paradigma, senón porque se enfrontan dous universos, o dixital, constantemente en movemento e progresión, e o da edición tradicional, enrocado até o absurdo nos seus propios ritmos, cada vez menos válidos. Como é posíbel que o mundo editorial, que vía vir a chegada da impugnación do seu modelo a un paso máis lento que outros negocios, non soubese adiantarse ou prever as consecuencias?

Porén, a realidade é que temos unha situación que cada vez se parece máis a outras situacións xa vividas. A industria editorial será incapaz, en breve, de facer fronte á competencia. Por unha sinxela razón: a competencia ofrece un produto mellor e a un prezo moito máis razoábel, a maior parte das veces de pago indirecto, a través da publicidade. Se cadra a primeira razón polo que isto sexa así é porque, como antes as discográficas, as editoras néganse a darlle o status de “competencia” a portais na rede alimentados, na maior parte das veces, por usuarios desinteresados. A estratexia, por tanto, non é mellorar os contidos e a relación cos novos medios para facerlles fronte, senón tratar de gañar a batalla moral, preludio case inmediato da batalla legal. Aínda non aconteceu, pero sospeito que antes ou despois as acusacións de criminalidade cara os usuarios que comparten volverán. En realidade, a acusación implícita de criminalidade xa existe, dende a protección por DRM que acompaña a maior parte das edicións dixitais das editoras, eivando e limitando o produto polo que pagamos un prezo bastante superior aos seus equivalente no mundo anglófono. Unha eiva que alude directamente a outra: as editoras saben que a nova competencia son os seus propios usuarios, na maior parte das ocasións, os seus mellores clientes.

Repetindo algo que creo que dixen moitas veces nos últimos anos: criminalizar ao usuario é un erro, a maior parte das veces un erro imperdoábel. O máis representativo do mundo editorial tivo sempre unha relación positiva con elementos sociais que, nunha análise fría e estritamente económica, debera colocar entre os seus inimigos. Refírome ás bibliotecas e aos grupos de lectores, contextos nos que moita xente leu e segue a ler gratuitamente, pero que mesmo así recibían apoio e azos por parte do mundo editorial. Supoño que, ademais dun ben social, entendíase ese núcleos como unha inversión. Non cabe dúbida de que o primeiro paso para que alguén que le de balde pague por ler é que lea, aínda que sexa de balde. Existe un erro flagrante en non aproveitar os novos núcleos de lectores e os seus comportamentos como unha inversión de futuro equiparábel.

Tamén existe, por regra xeral, un grande desleixo á hora de desenvolver proxectos intelixentes baseados na rede aproveitando o seu potencial, incluída a perspectiva publicitaria da que se nutre a partilla privada entre usuarios, e tamén os atractivos que para eses mesmos usuarios representa o contido engadido. Vía hoxe mesmo un rechouchío dende Frankfort que incidía na importancia das redes sociais para o desenvolvemento das editoras. Estupendo, as redes sociais son fundamentais para case todo hoxe por hoxe. Porén, hai algunha editora que destacase na súa participación destas máis aló da creación dun perfil ou dunha lista de eventos? Algunha conseguiu que alguén máis ademais dos seus traballadores compartise os seus contidos? E aínda que todo o anterior pretendía ser unha reflexión global, hai que recoñecer que isto último é especialmente sangrante no caso das grandes editoras do noso país.

Os bárbaros respectarán algo máis de tempo o contexto galego. En principio porque somos unha cidade sitiada con poucos recursos dentro, pero, no fondo, tamén porque nos saben parte deles, xente sen civilizar, capaz aínda de moverse por fóra das regras dos mercados que rexen as grandes urbes. Porén chegarán, como chegaron á nosa cativa industria discográfica, e deberamos recibilos como o que son: non como un problema, senón como a solución. Como ben diciamos o outro día, isto non é o final da historia, senón o principio.

#Edición#Edición dixital

11/10/2011 by marioregueira

O poder dos libros

 

Pregúntome se non estamos sobresentimentalizando o poder dos libros.

 

Nós, os vellos, tomamos o actual diluvio de información, diversidade e caos polo “Fin da Historia”, aínda que se cadra só sexa o Principio.

 

Dúas frases tomadas de Microserfs (Microservos), a novela de Douglas Coupland, (non este blogue), unha historia ambientada nun momento de transición tecnolóxica e por tanto rica en máximas para afrontar outras transicións tecnolóxicas, como a editorial, por exemplo, da que falaremos proximamente.

#Ciencia e tecnoloxía#Edición#Edición dixital#Epigramas

07/10/2011 by marioregueira

As tres mazás que mudaron o mundo

Algúns medios fartáronse de repetir a fórmula tras a morte de Steve Jobs, acontecida na madrugada de onte e tan ben reflectida na prensa estatal da mañá seguinte. Segundo os iluminados do momento, a mazá de Apple sería a terceira tras a de Newton e a de Adán e Eva (?) en mudar a historia da humanidade. Entendo que a linguaxe xornalística precise deses xogos de última hora cos que adornar as novas máis ou menos baleiras de contido ou que non teñen moito que comentar. Resulta máis complicado entender que a nova do infeliz e temperán pasamento de Jobs encaixe nese perfil. E máis aínda me custa pensar no perfil de quen tivo a infeliz ocorrencia de equiparar a lenda bíblica con Newton e Jobs.

Deixando de lado o feito de que, segundo creo lembrar, os textos da Xénese non falan de mazá en ningún momento (senón de “froito”), vou descualificar esa infeliz primeira mazá da humanidade por dopaxe e por ser pouco axeitada para representar os desvelos da nosa especie na procura do coñecemento. A de Newton si, e a de Jobs xa se verá, aínda que a súa importancia tecnolóxica no noso tempo parece, a día de hoxe, incontestábel.

A miña terceira mazá é a de Alan Turing, ou a mazá que Alan mordeu para morrer, segundo parece envelenada por el mesmo. Non é que a mazá xogue un papel espectacular na traxectoria científica de Turing, pero chegou a simbolizalo dunha forma tal que a maioría pensamos algunha vez que o logo de Apple era unha homenaxe á súa figura e non (como seica é) á de Newton. Turing é unha figura que non tivo unha popularidade acorde ás súas achegas nin á súa importancia social. Nin máis nin menos é un dos responsábeis da vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial. Non participou directamente nas batallas, pero liderou a guerra no campo da espionaxe e a contraespionaxe axudando a rebentar os códigos das máquinas de cifrado Enigma, empregadas polos alemáns para as súas comunicacións militares. O acurtamento do conflito que isto provocou significou a salvación de incontábeis vidas humanas, un feito aínda así menos valorado que as mostras de valor realizadas no campo de combate por outras persoas.

Porén Turing non foi só un heroe na guerra dos gabinetes. O seu traballo posterior nos primeiros pasos da informática estabeleceu moitos dos conceptos que hoxe manexamos e adiantou algúns outros na relación entre o ser humano e as máquinas que nos seguirán servindo no futuro, ao paso do avance tecnolóxico.

Hai tempo vía nun documental alguén que explicaba como a guerra fortalecera a idea dun sistema de saúde público na cultura británica. “Se lle pedíamos a xente que fose morrer polo seu país, tamén era xusto que o seu país coidase dela cando o precisase”. Unha máxima tan brillante, porén, non puido aplicarse noutros campos da sociedade nin serviu para entender outro tipo de cousas. Alan Turing, homosexual, viviu un auténtico inferno persoal na Gran Bretaña de posguerra: un proceso por perversión sexual que acabou coa súa carreira e unha pena que incluía unha tentativa de “curación” forzada mediante a inxección de estróxenos que arruinaron a súa vida e o seu sentido da sexualidade. Torturado e marxinado polo mesmo estado ao que salvara da barbarie bélica, Turing pon fin á súa vida deixando un un falso siloxismo que trata de manifestar o absurdo social en choque coa racionalidade máis básica. A sexualidade de Turing non afecta ao seu xenial traballo científico, da mesma forma que non afectaría o seu xénero, a súa raza nin a súa procedencia social.

Pasaron moitas décadas antes de que a figura de Turing fose restaurada, o estado británico desculpouse formalmente aínda en 2009 e en parte podemos dicir que a popularización da súa personalidade está en curso. Por iso, e porque a nosa flamante racionalidade social seguirá correndo riscos nos próximos anos, é que quixen usurpar con esta entrada a morte do artífice da terceira mazá, aínda que estou seguro de que non lle importaría.

#Activismo e resistencia#Ciencia e tecnoloxía#LGBTQ

04/10/2011 by marioregueira

A resistencia como tradición

Así titulaba hai un ano a crítica sobre o libro Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán, unha obra monumental e imprescindíbel para entender a represión franquista sobre a Universidade de Santiago de Compostela. Porén, mal crítico sería se pensase que os límites dun libro rematan nas súas páxinas e que as publicacións non son tamén pezas determinantes do seu contexto social, ao que tantas veces contribúen a afianzar (e tan poucas axudan a derrubar). Unha pequena parte dos seus paratextos procura, mediante as palabras do antigo reitor da gloriosa institución, apropiar o legado daquela resistencia estudantil como contribución imprescindíbel da universidade para unha sociedade máis xusta e democrática, a que en teoría temos hoxe. Non foi o único, nas lembranzas e homenaxes aos vellos Voces Ceibes de hai un par de anos, houbo quen se esforzou por marcar esa distancia entre a “boa” acción contra a ditadura e os díscolos estudantes do presente.

Eu resístome a crer que todos aqueles afoutos loitadores contra a ditadura xogasen a vida por unha universidade como a que temos hoxe, esa que nos últimos meses fai camiñar a súa traxectoria cara ao elitismo social e as tendencias privatizadoras, ou a que se conformou como unha excelente produtora de traballo precario (que mundo tan parvo). Resístome a crer sequera que ese espírito de vellos que un día foron mozos rebeldes apoiase a represión e os golpes contra a democracia que nos deixou o ronsel das mobilizacións contra as súas reformas.

Hai xusto dez anos comezabamos a loita contra a L.O.U., un momento dunha grande efervescencia, no que as accións paralizaron o curso da actividade universitaria durante meses. Nalgún momento, xusto antes da nosa grande derrota social (preludio de tantas outras), volvemos ás aulas e un dos mestres recibiunos coa seguinte frase: “agora volven ás aulas, pero non esquezan que a verdadeira aula está aí fóra, na loita, é aí, e non aquí dentro, onde van aprender as cousas importantes da vida”. Foi unha excepción, desas que tan pouco habituais son entre o corpo docente, e que por iso quedan marcadas a ferro na memoria. Creo que ese é, aínda por sobre todas as catástrofes, o valor que podemos dar á institución: por riba da mediocridade que abunda nas súas xerarquías, brillan os seus escasos pero auténticos mestres, e por riba da masa anónima dos estudantes, vibra o espírito da mocidade e o inconformismo, o único capaz de converter a resistencia nunha tradición de décadas.

A fotografía, cortesía involuntaria da Arqueira.

#Activismo e resistencia#Testemuño

29/09/2011 by marioregueira

Rastani e a catarse

Confeso que aprendín a achegarme a moitas das propostas de pensamento político da contemporaneidade antes coma textos literarios que coma planos de acción política. E creo que no futuro os estudos culturais acabarán por valorar nese sentido moitas desas propostas que, na súa imposibilidade, se limitan ao simple xesto intelectual ou artístico. A razón é a peculiar relación coa realidade que chega a tecer unha esquerda envolvida en símbolos, maxias e poesía, obsesionada con moitos dos seus propios relatos moito máis aló do atenta que está á realidade.

O relato destes días é a potencial verosimilitude do discurso de Rastani na BBC. Por moitos dos foros do amplo progresismo escoitamos argumentos no mesmo sentido: podería ser certo, crémolo, Rastani é a realidade, é verosímil, etc… Son todo achegas que levan a mellor intención, pero esquecen o máis importante: a realidade obxectiva e o papel que un farsante ten nela cos seus cinco minutos de gloria. Dalgunha forma moita xente precisaba desa catarse de ver a un axente de bolsa recoñecendo que ao mercado lle dá igual a vida da xente e que os bancos, e non os nosos representantes políticos, son os que gobernan o mundo. Se cadra por iso a insistencia: o mal viña de ser identificado por riba de toda dúbida e completaba o relato nunha estrutura clásica: o ben contra o mal, a tiranía contra a liberdade, etc… Descubrir que o Rastani ese era un randa aventureiro e non un sisudo economista obriga a reconsideralo todo de novo.

Infelizmente o mundo é moito máis complexo que iso. Sarkozy non vai saír nas noticias recoñecendo que o que lle importa da guerra de Libia non son os dereitos do pobo libio senón o petróleo, e sería demostrar unha escasa capacidade intelectual esixir un feito así para indignarnos contra a agresión bélica da OTAN. Da mesma forma non podemos agardar que os elementos que se aproveitan da crise saian presumindo diso pola tele. Goldman Sachs non emitirá un comunicado pasándonos pola cara que manda máis no mundo que os nosos representantes políticos. Precisamente o noso deber é sacar as nosas propias conclusións, conscienciarnos da complexidade das relacións políticas e non aferrarnos ás palabras de estúpidos oportunistas sedentos de fama e caer en absurdas e incertas teorías da conspiración que teñen máis de novela que de real. A fin de contas, exista ou non un complot por parte do sistema bancario é cousa que pouco nos afecta, o noso deber é limitar a incidencia que ten sobre a nosa realidade política, e iso, á vista dos últimos acontecementos, si que é un feito obxectivo.

Unha das grandes loitas de Bertolt Brecht no seu proxecto de teatro épico foi precisamente contra a catarse. A identificación do público cos protagonistas nunha estrutura relacional clásica impedíalle a este ser consciente do problema social que xacía tras esas mesmas relacións. Dalgunha forma asistimos, con espectáculos como os de Rastani, á configuración dos medios de comunicación como un novo teatro. Un teatro burgués, malo e feito con poucos medios que pretende borrarnos a nosa consciencia social dunha forma igualmente burda. Non importa se o que di Rastani é verosímil ou non, a nosa vontade política non debera depender de sensacionalismos así, e hai centos de vídeos na rede coas revoltas da poboación grega e os mortos da libia como mostra, se cadra o teatro épico dos nosos días.

#Activismo e resistencia#Cotidiano
1 … 9 10 11 12 13 … 17