26/09/2011 by marioregueira

A canción de Leandro

Ninguén sabe como comezamos a falar de Leandro, eu nin sequera lle sabía ben o nome, e estrañoume porque da familia os nomes eran todos Xosé ou Manuel, e aquela sonoridade novelesca de Leandro era case como nova, nunca apostaría o nome de Leandro para un irmán do meu bisavó. Pero era. Leandro, o que acusaron de queimar a igrexa da vila e non o mataron alí, pero recrutárono e mandárono a algún lugar da fronte de Cataluña. De cando Leandro marchou á guerra, que levaba unha canción.

E eu miro para a miña avoa mentres forza a memoria e pregúntome como se leva unha canción á guerra, se sería un vinilo dos pequenos ou se sinxelamente a levaba escrita nun papel. Estou a piques de preguntalo, pero ela deixa os ollos en suspenso. Decátome coma sempre de que a miña avoa non encaixa coas avoas paradigmáticas, non parece unha velliña na mecedora, tivo sempre un un aire a Joan Crawford, a Jackie Kennedy nos últimos anos, e sempre soubo do engado que iso lle dá. Por algo estamos rodeándoa, pendentes deses ollos que no aire tratan de lembrar, e nese silencio expectante que parece que lle marca a entrada, a miña avoa canta.

Silencio en la noche, ya todo está en calma,
el músculo duerme, la ambición trabaja.

 

Un clarín se oye. Peligra la patria.
Y al grito de guerra los hombres se matan…

A canción que, non sei como, alguén da familia lle deu a Leandro para que a levase á guerra da que non volveu. E seguimos falando da anécdota infantil de Leandro co avó Xosé, imitando as súas voces de pequeniños, rindo da gracia coma sempre se riu na familia, non sendo cando o propio Xosé estaba diante, porque o meu bisavó nunca puido volver escoitar o nome do irmao desaparecido sen botar a chorar. E se cadra por iso eu non sabía dese nome case máxico. Leandro, que foi cunha canción na memoria ou nos petos a sumirse para sempre nalgún lugar do Leste, que deixou unha sombra na casa familiar e unha xenreira fonda cara aos cregos que o acusaran. Que era todo alegría. E iso a miña avoa dio varias veces.

Pasan días nos que eses versos baten na miña cabeza. Días antes de que me dea por facer o inevitábel e apareza Gardel nunha pequena fiestra, cantando Silencio e poida ver que o tango, de comezos dos trinta, está escrito por Le Pera e ten o ton libertario e social que daba a algunhas das súas composicións. A canción, porén, será xa para sempre da voz da miña avoa.

De todo nos faltan pezas. Penso con ironía que o tango se titula case igual que un dos meus vindeiros libros e que ese libro, tamén por acaso, está colmado de guerras. Que na miña próxima novela sae un cantante que fala de facer unha versión de Gardel. Aínda que en ningún deles sairá o nome Leandro, nin a dor infinda dun home que chora polo seu irmao pequeno desaparecido en batallas de outros, que me roubaron esa homenaxe, aínda que a garde para o futuro. Penso na palabra memoria, e en todas as lembranzas feitas farrapos que nos deixaron a dor, o medo e a represión. Penso en que sería de Leandro e de como se sentía retratado nesa canción que levou a sumir con el na traxedia dos homes matándose por unha patria que non sentían propia. E penso tamén que non se pode perdoar onde non hai arrepentimento. E que despois de todo o traballo que nos dá reconstruír esta memoria, haberá que gardala no caixón das cousas que non imos esquecer nunca.

#Activismo e resistencia

23/09/2011 by marioregueira

Contesta ou disparo

Os comezos dos noventa foron unha etapa curiosa para a Galiza, ou ao menos así os lembra a miña memoria de neno. Unha fase de efervescencia e de consolidación do marco autonómico. antes de saber que a longa noite de pedra do fraguismo sería tan longa e sería de pedra tan dura. Un tempo no que o imaxinario do noso país comezaba a redefinirse, como espertando aínda das limitacións da ditadura e sen ser aínda plenamente consciente das que o porvir político lle reservaba. A capital cuestionada medraba dun xeito exorbitante e por todas partes se afianzaban iconas identitarias de maior ou menor calado, como se o país reparase en cal era o seu papel como comunidade dentro do novo marco e decidise sacarlle o zugo. Abríanse museos, botaban As bólas máxicas pola tele, o Dépor ascendía e unhas cantas mentes preclaras reuníanse para parir un programa que nos ataría nas tebras para sempre baixo o irónico título de Luar.

Nalgún lugar deses noventa que eu lembro sobre todo por sensacións e eventos un autor publicaba a súa primeira obra. Fran Alonso celebra neste 2011 os vinte anos de escrita pública que separan aquel Trailer destes nosos días, na segunda década do terceiro milenio. E faino cunha homenaxe a ese pasado, recompilando algunhas das entrevistas que realizou no alén dos tempos, cando traballaba en Diario 16. Non é a primeira vez que Fran Alonso nos deixa un agasallo así, lembro que os seus Males de cabeza, ofrecidos de balde polo portal Vieiros, poderían ser perfectamente un dos primeiros ebooks galegos, polo menos en canto a libros actuais e xa editados en formato convencional. Aquel agasallo cumprirá tamén axiña dez anos e anticipou con moita antelación este indeciso momento dixital das nosas editoras.

Contesta ou disparo é un libro distinto, non só porque non exista en formato convencional, senón tamén polo seu carácter de recompilación xornalística. Concretamente a dun tipo de entrevista curta e directa que deixa en poucas pinceladas unha impresión que se pretendía superficial, pero que pode virar en intensa ao ser posta en correlación ao tempo transcorrido. Polas súas páxinas desfilan, para a nosa sorpresa, moitos dos personaxes que naquel momento se tiñan por populares. E digo para a nosa sorpresa porque é curioso ver como mudou a nosa noción da popularidade nestes anos, como moitos desapareceron, outros mudaron a súa traxectoria e outros teimaron máis ou menos no mesmo de sempre. Algúns outros deixáronnos de súpeto, mentres non deixamos de sorrir ante un Isaac Díaz Pardo que, hai vinte anos, se sentía “na antecámara da morte”, ignorante de todas as cousas que aínda lle gardaba o destino. Algúns outros, como os Diplomáticos que falan dos seu primeiro disco, atópanse no borde dunha carreira fecunda que naquel momento probabelmente nin sequera sospeitaran.

E será o poder da evocación ou a mitoloxía que facemos sobre os propias lembranzas da infancia, pero todo o libro contén unha boa parte dese aire dos anos pasados sobre esta terra, cando as cousas aínda non viraran terríbeis e nosa identidade non era posta en cuestión coa facilidade coa que pode selo hoxe. Se cadra sería interesante que o autor procurase a algún dos entrevistados hoxe en día para sometelos ao mesmo cuestionario, como un espello do que mudaron as cousas en vinte anos, como fraquexou , cando fraquexou, parte da súa ilusión, e tamén onde ficaron algúns desenganos demasiado temperáns. No fondo, con cousas así, é como facemos (e comprendemos) a nosa historia.

#Crítica#Edición#Edición dixital#Fran Alonso#Galiza#Literatura

20/09/2011 by marioregueira

O premio Pérez Parallé

Falábanme del o outro día na entrevista de Radiofusión e coincidía coas miñas propias lembranzas, agora que aínda estamos en prazo para unha nova edición. O premio Pérez Parallé tivo para min un significado moi persoal, en primeiro lugar porque estaba organizado nunha terra coa que tiña moitos vencellos familiares e sentimentais, pero tamén porque a experiencia significou gañar máis dun par de bos amigos que aínda hoxe me acompañan.

Fóra diso, a verdade é que o premio, naquel momento, era un camiño aberto á incerteza. É certo que o certame tiña xa os seus anos, pero cunhas características completamente distintas, aquela edición era a primeira que premiaba un libro (e non un poema individual), e tamén a primeira que implicaba a publicación en Espiral Maior, probabelmente (non sei onde lin o dato), a editora co catálogo de poesía máis amplo de toda Europa. O obxectivo de crear un premio para autores inéditos, rompendo parte do elitismo doutros certames, era tan ambicioso como necesario e tiña xa uns cantos naufraxios nas súas costas a mans doutras editoras e doutras iniciativas.

Hoxe, seis anos despois, podemos dicir que o premio conseguiu xa unha traxectoria que o consolida como unha das apostas máis serias da literatura galega e unha das mellores portas de acceso para as autoras noveis. O seu palmarés, diverso e multiforme, representa unha boa proba diso. Ao mesmo tempo, segue a ofrendarnos eses libros que, segundo algún dos seus organizadores teñen, no seu valor iniciático, algo de irrepetíbeis e arroutados, como se puidésemos notar neles a frescura e a encantadora torpeza que teñen as primeiras veces.

Tantos anos despois, eu penso con certa nostalxia naquela viaxe que conta Tanxerina, á que este blogue debe o seu longo nome. E ocasionalmente aínda baixo até o Rick’s café a tomar o whisky mellor, mentres brindo polos azares, os encontros e os desencontros, as inocencias perdidas e aquelas outras gañadas a pulso ao fero vento do deserto. E brindo tamén polo torrente de poesía que, grazas aos esforzos de moita xente, segue a brotar nalgún lugar da terra do meu pai.

Na foto: Xosemaría Pérez Parallé (re)inaugurando o Monumento ao Camiñante Descoñecido de Barallobre (Fene). Foto atopada en Vieiros.

#Cotidiano#Literatura

15/09/2011 by marioregueira

A cegueira pasional (Lois Pereiro en NY)

Hai uns días facía Xoán Abeleira no seu blogue unha reflexión necesaria sobre a sobrevaloración que a miúdo abunda na poesía galega, ou polo menos na nosa percepción dela. Facíao ao respecto de Lois, cousa que tamén, neste ano de fastos, se podería dicir que era algo necesario. Poucas culturas teñen unha celebración anual tan intensa como o Días das Letras que sobrecargue desa forma a produción crítica sobre un autor concreto. E menos culturas aínda teñen unha crítica tan benigna como a nosa. É comprensíbel polo tanto, que moitas veces sexa necesario poñer unha nota de lucidez no medio de tanta louvanza. Seguramente esaxeramos, seguramente sobredimensionamos, e moi probabelmente algo houbo desa cegueira pasional en todas as cousas que se dixeron sobre Lois no último ano. Porén, mesmo así, creo que moitos dos argumentos empregados merecen un retruque. En parte, por suposto, polo que atinxen a Lois, pero tamén nunha moi boa parte polo que tocan ás relacións das literaturas pequenas cos centros de poder estabelecidos, e tamén pola forma na que construímos o noso propio criterio literario dende elas.

Debera comezar recoñecendo honestamente que non creo nas escalas literarias, ou por mellor dicir, non creo que esas escalas se marquen por méritos estritamente literarios. A literatura, como toda actividade humana está inzada de cuestións sociais, ou o que é o mesmo, de cuestións políticas. E está inzada a distintos niveis, dende as relacións persoais até as que, a un nivel internacional sitúan a cultura dos autores no resto do mundo. Eu non me atrevería a dicir que Lois Pereiro era mellor poeta que Sylvia Plath, como non me atrevería a dicir o contrario. O que teño claro é que se Lois nacese nun país anglófono nunha familia que gozase dun status económico e cultural similar ao de Sylvia, a recepción da súa obra sería completamente distinta do que foi, e o seu papel na literatura universal tamén. Non é casual que ningún autor galego da súa mesma quinta goce do recoñecemento internacional do que goza Sylvia Plath, tamén non é casual que non haxa ningún xenio internacional recoñecido que escribise en lingua corsa, en bretón ou en guaraní. Non sei se a literatura galega é un globo inchado, o que está claro é que na literatura universal si que hai moitos globos inchados, inchados co aire que estruturas políticas fortes (Estados con linguas a protexer, academias e crítica nacionalista) sopraron sobre eles. Nunca saberemos a que poderían chegar os nosos autores nacidos nos trinta se tivesen a capacidade de difusión e o aparello crítico que impulsou á poesía en lingua inglesa desa época. Sabemos porén, que se Arthur Rimbaud nacese uns quilómetros máis ao sudoeste, escribise en bretón e tivese como amante a un campesiño en lugar de ao vello Verlaine, hoxe non saberiamos absolutamente nada del. E iso aínda que escribise “exactamente” os mesmos versos que escribiu en francés.

Isto non quere dicir que non teña o meu propio panteón, que non haxa poetas das que gusto moito máis do que doutras nin que a propia Sylvia Plath non sexa unha delas, porén, nunca me atrevería a dicir, máis aló do gusto persoal que unhas sexan “grandes poetas” e outras non. Para min, algo así representa unha abstracción dos condicionantes sociopolíticos que son incapaz de efectuar e tamén representa o feito de asumir unha escala de posicións que sei feita a costa deles.

En segundo lugar, eu valoraría os textos referenciados de Lois como un acto de honestidade antes que como unha falta de orixinalidade. Por unha banda, porque é moi difícil medir algo tan abstracto como ao orixinalidade dun autor. Os “xenios” mencionados polo compañeiro Xoán non foron completamente orixinais, inscribíanse con maior ou menor fidelidade nunha tradición propia, aínda que fose indo contra ela, unha tradición á que lle debían moitas cousas aínda que na maior parte dos casos se gardaron de explicitalas mediante referencias. Hoxe en día eles destacan por riba desas referencias, pero calquera estudo minucioso chegaría para sinalar as débedas da máis grande das outsiders con outras autoras e coa súa propia tradición literaria.

Por outra banda, como dixen noutro sitio, non hai que esquecer a consciencia de Lois á hora de falar como intermediario cultural de cara a unha literatura que sabe minorizada, e até certo punto, illada nas relacións literarias internacionais. Lois non só “cita”, na maior parte dos casos “introduce” na súa cultura elementos que a vigoricen, que a interconecten co mundo e que axuden a actualizar o seu repertorio ao ritmo que marca a contemporaneidade. A voz galega de Lois impostando voces e deformando outras ideas non é un demérito, senón todo o contrario. E non, non é orixinal, porque todos os autores falaron antes do amor e da morte, da enfermidade e da angustia, e ninguén lembra quen foi o primeiro que o fixo. E se nos pode parecer que Lois non foi capaz de “regurxitar” esas ideas doutro xeito é porque el mesmo nos deixa, honestamente, un plano para seguirlle os pasos, unha testemuña do diálogo con outros autores, un diálogo que fai no nome de toda unha cultura e que tamén forma parte (e non pequena) do seu legado.

En definitiva, entendo moitas das sensacións de sobrevaloración que se poden dar no contexto do Día das Letras e tamén sei que esas sensacións son moi frecuentes no propio percurso cotián da literatura galega, porén creo que temos que saber ser xustos coa nosa propia cultura, tanto para o bo como para o malo. É posíbel que o valor de Lois Pereiro se vise modificado por este último ano, pero tamén debemos ser conscientes de que a súa comparación  con autores doutros contextos culturais sempre terá un pouso de inxustiza. Sempre pensei que se Lois nacese en Nova Iorque en lugar de en Monforte a súa obra sería hoxe un clásico contemporáneo da literatura estadounidense, e por tanto, un valor internacionalmente coñecido. Aínda que só fose polo contexto biográfico do seu último libro e o protagonismo que a enfermidade tiña nos medios e na cultura da época. Lois, salvando as distancias, representou algo moi semellante entre nós, un autor “popular” capaz de canalizar unha serie de temas e preocupacións ás que a maior parte da cultura estaba virando descaradamente as costas pero que seguían sendo vitais para unha grande parte da sociedade. O resto, o tempo, pero tamén a capacidade de erguer e valorizar a nosa cultura serán os responsábeis de dicilo. De momento, non é pouco.

A primeira imaxe é un coñecido retrato de Vari Caramés, a segunda está tomada de aquí (sen acreditar) e a terceira é do propio Xoán Abeleira.

#Cotidiano#Crítica#Literatura#Teoría

11/09/2011 by marioregueira

11 de setembro

Non me impresionou, ou polo menos non tanto como parecía impresionar a todo o mundo. Estaba claro que se ía armar unha grande, pero os que eramos fillos da Guerra Fría non escoitabamos trompetas de apocalipse. A grande conflagración non acontecería por aquilo, por máis que as imaxes fosen tan espectaculares como un filme hollywoodiense de acción. A cambio diso tiñamos un mundo desequilibrado no que o único imperio restante asaltaría impunemente a calquera que puidese considerar responsábel de aquilo. E así foi, a escusa serviu para invadir Afganistán e aínda puido estirarse nunha cruzada contra o terrorismo islámico que apuntaba a un obxectivo tan extravagante como a ditadura laica iraquí. As vítimas inocentes do World Trade Center multiplicáronse por dez ou por cen, aínda que agora sexan anónimas, morran en guerras civís ou afoguen en países esnaquizados pola guerra. Hai quen di que o mundo se volveu máis sombrío dende o 11 de setembro de hai dez anos, eu creo que sinxelamente definiu unha tendencia que xa existía antes, confirmou que todos deberamos poder votar e presentarnos ás eleccións estadounidenses e que un pobo culto e informado é un pobo libre. Confirmou que escasos pobos libres quedan no planeta, e que ningún deles deixa de ter esa liberdade constantemente ameazada.

Durante a enxurrada informativa daquel día non deixaban de repetir que lembraramos que estabamos a facer no momento da caída das torres, porque nolo preguntarían moitas veces ao longo das nosas vidas. Inconscientemente apunteino, aínda que nunca ninguén mo preguntou, supoño que a maioría da xente (con excepcións) non estaba facendo nada demasiado interesante. O 11 de setembro de 2001 preparaba o que sería o meu derradeiro exame na Facultade de Dereito da Coruña, o último trámite dunha mudanza radical na miña vida. Cambiaba o que todo o mundo interpretaba como unha carreira proveitosa por unha adicación decidida cara a literatura. Un camiño aberto, moito máis precario, pero polo que sempre sentira unha paixón insobornábel. Naquel tempo a traxedia americana encaixaba á perfección na miña vida persoal: despois de todo non podía sorprenderme que algo se rompera nalgún lugar do mundo, que os medios anunciasen catástrofes apocalípticas e que exércitos de varios países se preparasen para entrar en combate nas zonas máis inhóspitas do planeta. E creo que aos meus pais tamén todo aquilo lles encaixaba demasiado ben co que estaba pasando.

O resto da situación política, ademais, non acompañou e non deixamos de loitar, cos medios ao noso alcance contra ela. O primeiro, a longa revolta anti-L.O.U., que fraguou moitas das amizades que me acompañarían até hoxe, e despois o Nunca Máis, o Non máis guerras por petróleo, as mentiras do 11-M e a claudicación do país ante a novísima dereita, os ataques á lingua e o golpe de estado constitucional das últimas semanas. Nestes dez anos o meu mundo cambiou enormemente, practicamente recolocouse de arriba a abaixo: aprendín a decepcionarme por máis cousas e a ilusionarme con tantas outras, forxei pactos que seguirán en pé o resto da miña vida, acabei unha diplomatura e unha carreira, publiquei cinco libros e outros dous que están en camiño, gañei uns cantos premios, o último onte, como se fose un froito tardío pero puntual dunha semente plantada hai unha década.

Aínda así teño a sensación, por veces, de estar a brindar nun edificio que se derruba, que queda moito máis traballo por diante que o que deixamos atrás e que dun momento a outro camiñaremos entre o po das catástrofes, dispostos a manternos en pé e, ao contrario que fixeron os estadounidenses, preparados para identificar aos culpábeis antes de dez anos e sobre todo, dispostos a levantar a casa común de novo entre todos.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

08/09/2011 by marioregueira

A reforma e o futuro

A gravidade que envolve o tema da reforma constitucional non é tanto de fondo como de formas. Non discutirei que marcar un teito inviolábel ao déficit público representa un paso atrás en moitos aspectos e que moito máis cedo que tarde viviremos as súas consecuencias económicas na nosa pel. Porén, moito peor me parece a estas alturas do asunto o xeito no que se vai facer, se cadra porque marca un ritmo novo na política do Estado e porque anticipa consecuencias máis incertas e máis graves que as outras. Consecuencias que condenan á xa fráxil noción de democracia que existía no Estado español a unha titoría corporativa encabezada por dous grandes grupos máis coincidentes que diverxentes a nivel ideolóxico, a pesar do espectáculo público de entretemento co que pretendan ocultalo.

Hai dous meses, cando o 15-M era aínda un movemento simpático que ocupaba as portadas dos xornais, os líderes de todos os partidos manifestaban a súa disposición a escoitar e mesmo realizar as súas propostas. Medindo as palabras e pasándoas por un corte electoralista, concedíanlle ao movemento cidadán a lexitimidade de parte das reclamacións, aínda na ironía de que moitas delas eran apostas por unha maior intervención da voz popular nas decisións políticas. O 15-M recibe estes días o peor golpe da súa historia, mesmo maior que os das cargas policiais que o expulsaron das rúas: os comprensivos políticos que estaban dispostos a escoitalos van modificar a intocábel Constitución nun pacto a dúas bandas que nin sequera vai ser sometido á aprobación popular.

E mesmo así, son dos que considero que nin sequera iso é o máis grave e que, nunha certa interpretación das posibilidades históricas, poderiamos considerar como algo positivo que se eluda o manido referendo. No fondo, os dous partidos maioritarios fan ben en aforralo: non existe ningunha posibilidade de que o mesmo pobo que os vota maioritariamente chegase a tombar unha reforma promovida por ambos. A verdadeira raíz do problema non é a cuestión do referendo, á hora da verdade o referendo era un trámite e un lavado de cara para unha reforma ditada polos mercados. A cuestión máis grave é a nova era de bipartidismo absoluto na que se interna o Estado español, a sombra do turnismo político que se albisca no horizonte, o desprezo cara ás formacións políticas minoritarias e a falta de implicación real da maior parte da cidadanía na verdadeira política. O verdadeiro horizonte catastrófico que temos por diante non deberá tanto á reforma en si como á incapacidade cidadá de constituír unha alternativa para a esquerda real, que as formacións minoritarias camiñen antes cara á disolución que cara a unha fronte de unión, ou ao feito de que un dos responsábeis desta deriva se siga presentando como unha opción de esquerdas e sexa votado en consecuencia.

Só a falta de consciencia explica que os dous mesmos partidos sigan na cúspide dos resultados electorais dende hai case trinta anos. E iso a pesar de ir acumulando ambos as súas particulares traxectorias de mentiras, guerras asasinas, corrupción, catástrofes ecolóxicas e traizóns ás clases populares. Estas últimas, por certo, moito máis esperábeis dun deles que do outro, polo menos sobre o papel.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

05/09/2011 by marioregueira

Salvaterra é o final do verán

Hai xa moitos anos que o Festival de Poesía do Condado marca esa fronteira dos cursos académicos e políticos, o convite á penúltima viaxe do verán ou a primeira viaxe do outono (segundo queira o tempo), unha cita necesaria para reflexionar, coller forzas, tomar cañas cos amigos, practicar a arte do reencontro e coñecer xente nova. Se cadra esa naturalidade coa que o convite anual do Festival de Poesía se asentou no calendario cultural galego nos distraia a miúdo dunha parte importante do seu carácter como evento de resistencia. O Festival resiste aos malos gobernos que nos asedian, pero tamén resiste, dende hai moito máis tempo, á tentación da comodidade política, un rival moito máis duro que o pasaxeiro paso polo poder autonómico da dereita. E non só a iso, a resistencia ten moitas outras frontes de combate, e non aparece só co rostro dos rivais políticos, este ano o grande esforzo do festival foi sobrevivir ás súas propias traxedias e tamén á inoportuna aparición da choiva, que non quixo perder as mellores actuacións da noite.

A pesar disto, nunca chove a gusto de todos, e nos últimos anos teño escoitado e lido certas críticas cara a organización do festival. Unha parte delas ían en función dos criterios de escolla, outras, máis dependentes das edicións en concreto ás que se referían, referíanse ao fallo dos poetas como espectáculo para unha noite de festa, e ás moitas táboas de distancia que separan a poesía galega da doutros contextos culturais. Respecto das primeiras, é ben certo que nunca chove a gusto de todos, e que armar un evento desas características implica tomar decisións que non poden contentar a todo o mundo, porén unha cousa que caracteriza ao festival na súa historia é á de estar feito en horizontal, dende as bases e con principios igualitarios. Non haberá poetas máis importantes que outros sobre o escenario de Salvaterra, e factores como a cantidade de obras publicadas, a norma ortográfica escollida, os premios recibidos, ou o valor simbólico acadado nos foros da crítica ou o mercado son abolidos en función da celebración da poesía como expresión e como un dos sólidos alicerces que constitúen a nosa identidade cultural. Como todo na vida, a capacidade de acollida de autores e autoras no festival é limitada, porén, poucos eventos no mundos se poderán gabar de acoller tanta diversidade interxeracional como fixo o do Condado en todos os seus anos de historia.

Seguramente debera dedicar outra entrada ao segundo tipo de críticas, porén abreviando, eu respondería que a poesía non ten ningunha obriga de ser un espectáculo, e de selo, non está obrigada a ser un espectáculo agradábel, capaz de entreter á xente. Os obxectivos da arte deben ser outros, e aínda que é certo que para acadalos considero lexítimo calquera medio ao seu alcance, incluída a súa conversión performática (que tan bos resultados ten dado), non creo que os medios deban converterse nunca nun fin. As poetas que declaman no recinto das murallas fano ao seu xeito persoal: divertidas, tensas, titubeantes ou coa afouteza dunha arenga política, vestidas e espidas, en solitario ou en grupo, con longas introducións ou coa brevidade dun suspiro. Do mesmo xeito, entre o público, vemos quen busca a primeira fila das cadeiras para poñer toda a súa atención na palabra, quen só se achega cando sae alguén que coñece, e quen prefire refuxiarse na barra a tomar algo e ignorar en boa parte o recital. Parte da nosa vivencia da poesía ten ese aquel intransmisíbel que se respecta escrupulosamente no festival. Obrigar ás persoas que recitan a que nos entreteñan sería un xeito de prostituír aquilo que fan e sometelo a ritmos que son máis propios dunha sociedade sedenta de espectáculo que dunha que valora a diversidade da súa produción artística.

Agardemos que o bo camiño do Festival de Poesía do Condado continúe sen torcerse, e que a súa organización siga a ensinarnos esa forma tan tranquila e tan teimuda de resistir, polo menos mil primaveras máis, acubillados nos versos do pobo e nas cadencias da lingua, na lembranza das persoas que loitan e das que se van pero non marcharán nunca. O ano que vén, cando estean cansos da praia e sintan as primeiras punzadas de pánico ante o retorno laboral, non esquezan que teñen unha cita ao pé do rumor do Miño. En Salvaterra, onde remata sempre o verán.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Literatura

05/08/2011 by marioregueira

A miña mala letra

Lembro que un dos meus primeiros debates sobre o oficio de escritor aconteceu nos meus anos escolares. Encarnizadamente defendía fronte a un compañeiro que ter boa letra non era imprescindíbel para dedicarse ao oficio de inventar historias, de feito era algo bastante superfluo desde o momento no que existían máquinas de escribir e aparellos semellantes capaces de substituír a peor letra do pulso máis inútil por una perfecta caligrafía, comprensíbel universalmente.
Non negarei que eu era parte interesada no debate. En xeral, e até determinado punto da miña infancia, fun un bo estudante que porén tiña unha caligrafía indescifrábel e espantosa. O tempo que non precisaba para repasar as leccións empregábao en copiar moldes de letras e en tentar enfiar as liñas dos escritos o máis paralelas posíbeis entre si. Case sempre era un fracaso. Os meus intentos asemellábanse á teima coa que tentara, en distintos momentos da miña vida, ser un bo debuxante. Eu, que proviña dunha familia cunha sólida tradición no debuxo amateur, era incapaz de domear os útiles nas miñas mans. Dalgunha forma creo que comecei a narrar levado pola frustración de ser incapaz de pintar cadros como facía unha boa parte da miña familia. E por suposto, negaría sempre de forma tallante a relación da narrativa con calquera dependencia de tipo gráfico que non puidese resolverse coa axuda dunha máquina.

O tempo e o progreso tecnolóxico déronme a razón moito máis aló do que eu imaxinaba, até o punto no que pouco a pouco deixei de empregar a pluma até para aquelas cousas, como a poesía, que pensaba que resistirían calquera tentación de pasar por un teclado. Podería dicir que gañei aquel debate da infancia, a pesar da miña torpeza caligráfica xa van uns cantos libros e poucas incidencias ao respecto na súa xestación e desenvolvemento tiveron que ver coa miña mala letra. Aínda que para ser xustos tamén debera darlle a aquel compañeiro de escola unha parte da razón. Hai un momento ineludíbel para as persoas que se dedican á escrita: o momento de asinar os propios libros. E aí si que volve relucir aquela caligrafía tortuosa, empeorada por algunha lesión deportiva, e terribelmente consciente dos seus defectos. Porén, é ese algo de tortuoso e renegado que hai tamén neses outros debuxos que as palabras de molde tentan crear a través do acto de narrar.

Aínda así, mañá 6 de agosto na Feira do Libro de Coruña tentarei esforzarme. Poden traer o último libro ou calquera outro do que consigan probar a miña autoría.

#Cotidiano#Literatura

02/08/2011 by marioregueira

Medos e bandeiras

Está moito mellor explicado aquí, onde late unha paixón polo baloncesto que eu nunca fun capaz de desenvolver. Porén o contexto é moi doado de explicar. Corre o ano 1990 e a selección iugoslava, unha das mellores do mundo nese momento, disputa en Arxentina o que é, sen eles sospeitalo, o último mundial de basket que xogarán como unha nación unida. Porén, e aínda que o ambiente do seu país comeza a ser tenso, os rapaces da selección só pensan en gañar ese mundial, cousa que logran nunha final histórica contra a lenda viva que representa a selección soviética. Nun momento dos festexos, segundos despois do final, o xogador de orixe serbia Vlado Divac, descobre nun dos afeccionados que o rodean algo que o desgusta: unha bandeira independentista croata. Divac sácalla das mans ao seu portador e acaba por ciscala no chan. Segundo contan na ligazón de arriba, e segundo contan no documental Once Brothers, a relación entre Divac e o seu compañeiro croata Drazen Petrovic remata por virtude deste pequeno feito. Só un ano despois Eslovenia proclama a súa independencia e comeza, pouco a pouco, e por capítulos, unha das grandes traxedias do final de século en Europa. Petrovic e Divac acabarán xogando en seleccións distintas. A barbarie, porén, non se limitou a esa rivalidade civilizada que teñen as confrontacións deportivas, nin a perda das seleccións unidas foi o seu único drama.

Téñense dado grandes debates entre o nacionalismo sobre a lexitimidade dos independentistas croatas, bosnios e eslovenos. Non vou afondar nel. O nacionalismo, como ideoloxía, ten en ocasións unha innegábel carga de sentimentalismo e subxectividade, e como tal é imposíbel facer xuízos dende a distancia. No fondo, o que xera unha boa parte das súas manifestacións é o medo. E isto non é algo necesariamente negativo, o medo, como todo sentimento pode estar xustificado ou ser produto dunha visión da realidade paranoica e deturpada. Os nacionalismos chamados “defensivos” xorden ante a sensación de que a súa identidade está a piques de ser destruída ou que o será co paso do tempo se non traballan na consecución de máis graos de autogoberno que lles permitan preservala. Os nacionalismos de Estado, ou centralistas, xorden, polo contrario, do medo á disgregación ou a perda de peso político. Sobra dicir, que os exércitos e aparellos xurídico-administrativos dos que dispoñen os segundos fan que na maior parte dos casos os seus medos sexan infundados, ou auto-xerados como fin para manter unha posición ofensiva, máis rendíbel politicamente.

Non sei se o feito de que Divac, no ano 90, se sentise ameazado por unha bandeira independentista croata era unha paranoia ou non. A guerra que seguiu e as ensinanzas da historia déixanme pé para concederlle o beneficio da dúbida, a lexitimidade do medo, que non do xesto irrespectuoso co símbolo nacional dunha minoría do seu propio país. Sei porén, que o grao de paranoia para sentirse ameazado por unha bandeira asturiana no contexto do Estado español de comezos do século XXI si que procede dunha paranoia xigantesca, pantagruélica, ridícula e preocupante. Paranoias como tantas outras, que nos dan máis medo, e que nos fan pensar a tantos que é o que facemos aquí e se non sería mellor continuar o camiño sós.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

18/07/2011 by marioregueira

Doentes

Se algunha vez (nunca o fixeron) me preguntasen pola obra galega que destacaría no pasado século non podería, a pesar dalgunhas sólidas candidaturas, mencionar novelas nin poesía. Tería que falar dun deses libros que ninguén le, e que pouca xente terá na súa biblioteca porque mesmo son difíciles de atopar, a pesar de que moitas veces están publicados por institucións e organismos públicos, ou precisamente por iso. Falaría dun libro deses que se len como unha semente doutra cousa, un proxecto por vir, unha representación, un filme que está por rodar. E ao falar del atravesarían pola miña mente sombras que vin desfilar hai uns anos nas rúas de Compostela cando ese libro, rompendo unha vella tradición que impón aos libros ficar nos andeis das librarías, saíu a pasear pola súa cidade, tomou vida sobre as súas pedras e arrastrou tras de si unha longa marcha de fieis.

E non escollería Doentes por calquera cousa, senón porque creo que para seleccionar un único libro de entre todo un século hai que esixirlle algo máis que estar ben escrito, hai que pedirlle que o represente e que o seu relato funcione tamén como un símbolo, como un xeito de entender o transcorrer vital da comunidade que o xerou. Doentes é unha fuxida, un intento de espertar dun pesadelo que comezou tal día coma hoxe de hai 75 anos e que se ramificou até a náusea pola vida do país, aínda máis aló do final do século XX. Dous vellos derrotados que buscan unha pistola no medio da noite compostelá, enfrontándose aos fascistas, pero tamén á desconfianza, a desunión e os intereses estratéxicos da resistencia antifranquista. Coa inxenuidade que só recuperan aqueles que xa non teñen nada que perder, “nunha Compostela posuída pola loucura e pola brétema”, Don Valeriano e Cañete soñan con asasinar o ditador, vingar os mortos das noites de pedra e devolver a alegría do perdido e do arrebatado. E por suposto, a historia, como a historia do país neses 75 anos que cumpren hoxe o seu triste aniversario, é a historia dunha derrota anunciada. Unha historia na que porén non sobran actos de dignidade e momentos de liberdade ilusoria cos que poder seguir adiante.

Porén, hai algo máis que o contido á hora de destacar unha obra. A forma na que esta, ou o seu autor, foron recibidos pola sociedade e os factores políticos que a rodearon tamén resulta reveladora á hora de enxuizala. E nese sentido, tristemente, as vicisitudes que a obra de Roberto Vidal Bolaño tivo que afrontar deixan ben ás claras a importancia que os gobernos e unha parte da sociedade deste país lle deron á cultura galega e particularmente ao teatro. Roberto Vidal Bolaño representa un dos xenios da literatura galega, en calquera outro país sería un autor recoñecido e cunha ampla popularidade. Se nacese preto dun Broadway ou dun Hollywood, probabelmente sería unha estrela internacional e millóns de persoas coñecerían o seu traballo. Resulta moi triste pensar que, até que un Día das Letras o remedie, seguirá a ser aínda un autor pouco coñecido entre a propia sociedade galega, e que unha obra da magnitude simbólica de Doentes siga mal editada, pouco publicitada e mal coñecida polo público. Isto é así até o punto que unha adaptación fílmica desa grande historia do século XX galego siga escorregando esquiva por contados cines do país, sen que ninguén máis que os rusos lle recoñeza os méritos.

#Cinema#Galiza#Literatura#Teatro
1 … 10 11 12 13 14 … 17