A reforma e o futuro
A gravidade que envolve o tema da reforma constitucional non é tanto de fondo como de formas. Non discutirei que marcar un teito inviolábel ao déficit público representa un paso atrás en moitos aspectos e que moito máis cedo que tarde viviremos as súas consecuencias económicas na nosa pel. Porén, moito peor me parece a estas alturas do asunto o xeito no que se vai facer, se cadra porque marca un ritmo novo na política do Estado e porque anticipa consecuencias máis incertas e máis graves que as outras. Consecuencias que condenan á xa fráxil noción de democracia que existía no Estado español a unha titoría corporativa encabezada por dous grandes grupos máis coincidentes que diverxentes a nivel ideolóxico, a pesar do espectáculo público de entretemento co que pretendan ocultalo.
Hai dous meses, cando o 15-M era aínda un movemento simpático que ocupaba as portadas dos xornais, os líderes de todos os partidos manifestaban a súa disposición a escoitar e mesmo realizar as súas propostas. Medindo as palabras e pasándoas por un corte electoralista, concedíanlle ao movemento cidadán a lexitimidade de parte das reclamacións, aínda na ironía de que moitas delas eran apostas por unha maior intervención da voz popular nas decisións políticas. O 15-M recibe estes días o peor golpe da súa historia, mesmo maior que os das cargas policiais que o expulsaron das rúas: os comprensivos políticos que estaban dispostos a escoitalos van modificar a intocábel Constitución nun pacto a dúas bandas que nin sequera vai ser sometido á aprobación popular.
E mesmo así, son dos que considero que nin sequera iso é o máis grave e que, nunha certa interpretación das posibilidades históricas, poderiamos considerar como algo positivo que se eluda o manido referendo. No fondo, os dous partidos maioritarios fan ben en aforralo: non existe ningunha posibilidade de que o mesmo pobo que os vota maioritariamente chegase a tombar unha reforma promovida por ambos. A verdadeira raíz do problema non é a cuestión do referendo, á hora da verdade o referendo era un trámite e un lavado de cara para unha reforma ditada polos mercados. A cuestión máis grave é a nova era de bipartidismo absoluto na que se interna o Estado español, a sombra do turnismo político que se albisca no horizonte, o desprezo cara ás formacións políticas minoritarias e a falta de implicación real da maior parte da cidadanía na verdadeira política. O verdadeiro horizonte catastrófico que temos por diante non deberá tanto á reforma en si como á incapacidade cidadá de constituír unha alternativa para a esquerda real, que as formacións minoritarias camiñen antes cara á disolución que cara a unha fronte de unión, ou ao feito de que un dos responsábeis desta deriva se siga presentando como unha opción de esquerdas e sexa votado en consecuencia.
Só a falta de consciencia explica que os dous mesmos partidos sigan na cúspide dos resultados electorais dende hai case trinta anos. E iso a pesar de ir acumulando ambos as súas particulares traxectorias de mentiras, guerras asasinas, corrupción, catástrofes ecolóxicas e traizóns ás clases populares. Estas últimas, por certo, moito máis esperábeis dun deles que do outro, polo menos sobre o papel.