11/09/2011 by marioregueira

11 de setembro

Non me impresionou, ou polo menos non tanto como parecía impresionar a todo o mundo. Estaba claro que se ía armar unha grande, pero os que eramos fillos da Guerra Fría non escoitabamos trompetas de apocalipse. A grande conflagración non acontecería por aquilo, por máis que as imaxes fosen tan espectaculares como un filme hollywoodiense de acción. A cambio diso tiñamos un mundo desequilibrado no que o único imperio restante asaltaría impunemente a calquera que puidese considerar responsábel de aquilo. E así foi, a escusa serviu para invadir Afganistán e aínda puido estirarse nunha cruzada contra o terrorismo islámico que apuntaba a un obxectivo tan extravagante como a ditadura laica iraquí. As vítimas inocentes do World Trade Center multiplicáronse por dez ou por cen, aínda que agora sexan anónimas, morran en guerras civís ou afoguen en países esnaquizados pola guerra. Hai quen di que o mundo se volveu máis sombrío dende o 11 de setembro de hai dez anos, eu creo que sinxelamente definiu unha tendencia que xa existía antes, confirmou que todos deberamos poder votar e presentarnos ás eleccións estadounidenses e que un pobo culto e informado é un pobo libre. Confirmou que escasos pobos libres quedan no planeta, e que ningún deles deixa de ter esa liberdade constantemente ameazada.

Durante a enxurrada informativa daquel día non deixaban de repetir que lembraramos que estabamos a facer no momento da caída das torres, porque nolo preguntarían moitas veces ao longo das nosas vidas. Inconscientemente apunteino, aínda que nunca ninguén mo preguntou, supoño que a maioría da xente (con excepcións) non estaba facendo nada demasiado interesante. O 11 de setembro de 2001 preparaba o que sería o meu derradeiro exame na Facultade de Dereito da Coruña, o último trámite dunha mudanza radical na miña vida. Cambiaba o que todo o mundo interpretaba como unha carreira proveitosa por unha adicación decidida cara a literatura. Un camiño aberto, moito máis precario, pero polo que sempre sentira unha paixón insobornábel. Naquel tempo a traxedia americana encaixaba á perfección na miña vida persoal: despois de todo non podía sorprenderme que algo se rompera nalgún lugar do mundo, que os medios anunciasen catástrofes apocalípticas e que exércitos de varios países se preparasen para entrar en combate nas zonas máis inhóspitas do planeta. E creo que aos meus pais tamén todo aquilo lles encaixaba demasiado ben co que estaba pasando.

O resto da situación política, ademais, non acompañou e non deixamos de loitar, cos medios ao noso alcance contra ela. O primeiro, a longa revolta anti-L.O.U., que fraguou moitas das amizades que me acompañarían até hoxe, e despois o Nunca Máis, o Non máis guerras por petróleo, as mentiras do 11-M e a claudicación do país ante a novísima dereita, os ataques á lingua e o golpe de estado constitucional das últimas semanas. Nestes dez anos o meu mundo cambiou enormemente, practicamente recolocouse de arriba a abaixo: aprendín a decepcionarme por máis cousas e a ilusionarme con tantas outras, forxei pactos que seguirán en pé o resto da miña vida, acabei unha diplomatura e unha carreira, publiquei cinco libros e outros dous que están en camiño, gañei uns cantos premios, o último onte, como se fose un froito tardío pero puntual dunha semente plantada hai unha década.

Aínda así teño a sensación, por veces, de estar a brindar nun edificio que se derruba, que queda moito máis traballo por diante que o que deixamos atrás e que dun momento a outro camiñaremos entre o po das catástrofes, dispostos a manternos en pé e, ao contrario que fixeron os estadounidenses, preparados para identificar aos culpábeis antes de dez anos e sobre todo, dispostos a levantar a casa común de novo entre todos.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Comments

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies