26/03/2012 by marioregueira

Piazza Tabucchi

Gustábame del o viaxeiro, a persoa que vivindo no eixo marabilloso de Pisa e Siena non se conforma co que o seu recanto de mundo agasalla aos ollos e é capaz de desaparecer nalgún dos novos traxectos. Gustábame o perfil do namorado da poesía, o internacionalismo da palabra que rexeitaba calquera estranxeiría. O mesmo amor polos pobos que deu cabo del en Lisboa, unha das cidades que máis doado resulta amar, non demasiado lonxe da estatua do seu admirado Pessoa e coas pintadas das paredes a lembrar as historias da resistencia que tan ben iluminou. Gustábame a forma de recoñecer que a vileza do salazarismo, como a de calquera fascismo europeo non era cuestión só dos portugueses, da mesma forma que a responsabilidade de combatelo tamén non o era. Gustábame o xeito e o ambiente no que aparecían as cidades na súa escrita, case palpábeis para min algunha tarde nas prazas de Coruña onde acabei algún dos seus libros disposto a recoñecer anxos negros entre as pombas grises. Gustábame a pequena maxia, nunca demasiado evidente, que impregnaba algúns dos seus libros.

Creo que me gustaba porque pertenceu ás miñas lecturas nun momento no que aínda tiña unha certa inocencia non lixada por tantas teorías literarias e tantos anos de práctica da escrita pública. Lino cunha mirada máis lúdica, máis limpa que moitas outras cousas que lin despois. Recibo a nova da súa morte como quen recibe a dun familiar afastado que debeu visitar máis a miúdo. Hai moito tempo que non lía un libro del, e nunca pensaría no seu nome nas entrevistas de rigor, aquelas que che preguntan polos teus principais referentes. E porén volve todo como nun torrente, e vou repasando un título tras outro, descubrindo con sorpresa que son moitos máis dos que cría e que todos eles deixaron algunha pegada. algún detalle anecdótico, algunha escena gravada a ferro na miña memoria.

Aínda que se cadra, por riba do canon evidente que onte recitaron os xornais, o que máis me acorda é Piazza d’Italia, a súa primeira novela. É unha das obras que non está traducida ao galego, aínda que creo que sería unha das mellor recibidas no noso contexto literario, tan empeñado sempre na cuestión das loitas políticas e da propia identidade. A longa historia dunha familia e os seus enfrontamentos co poder a través das xeracións, dende as loitas que farán xurdir o propio Estado italiano até aquelas que se libran contras as propias forzas deste. De como mudan os uniformes dos opresores, pero nunca os oprimidos nin o vermello das súas bandeiras. Unha historia dos que sempre perdemos contra o pulso da historia, aínda que gañemos breves parcelas de dignidade no seu percorrido. Un libro que hoxe, pouco antes de que nalgún lugar do mundo alguén bautice unha praza co nome de Tabucchi, é a miña proposta para lembralo, e aínda para descubrilo.

#Cotidiano#Lectura#Literatura

16/03/2012 by marioregueira

Príncipes do proletariado

Segundo unha parte da sociedade do lugar no que medrei na miña familia eramos uns privilexiados, erámolo a pesar de vivir nos arrabaldes da cidade ou de ter que esforzarnos economicamente para conseguir o básico. Porén os soldos da miña casa dependían do estaleiro e iso facía que unha parte do tecido social de Ferrolterra nos mirase cunha mestura nunca definida entre a envexa e o desprezo. Desprezo por seren obreiros, vidos moitas veces das aldeas da contorna ou aínda de máis lonxe, bravos e maiormente galegofalantes. Envexa porque tiñan unha praza fixa e determinados servizos pactados coa empresa. A tensión, particularmente no centro da cidade (hoxe en decadencia, en tempos couto dos militares e dos señoritos) aínda se pode palpar para quen saiba ler os indicios. Ferrol era un pequeno Belfast sen muros e con murais menos traballados. Dun lado a clase alta, do outro, o que eu acabei chamando ironicamente na adolescencia, os príncipes do proletariado. Adoitaba repetir iso entre dentes cada vez que sentía ao meu pai marchar de madrugada cara á porta do estaleiro, e creo que tamén o repetín as veces que fun velo ao hospital despois dalgún accidente ou no enterro doutros compañeiros que non tiveron tanta “sorte”. Aínda hoxe debera repetilo cando sei dos enfermos de cancros estraños e dos que morren subitamente sen que ninguén queira investigar demasiado. Tamén cando cada cinco, catro, tres ou dous anos vou até aló para participar nas manifestacións que loitan polo convenio ou piden carga de traballo. Que loitan, en definitiva contra a extinción dunha forma de vida que converteu a comarca no que hoxe é.

“Tedes unha cidade estraña”, dicíame un amigo un día que veu visitarme, “ao entrar hai a estatua duns tipos que mataron e un pouco máis adiante a estatua do tipo que os mandou matar”. É doado ceder ás resonancias épicas: a xente sendo ametrallada pola policía franquista mentres os buques de guerra apuntan á ponte que une Ferrol e Fene, os neumáticos ardendo ás entradas da cidade, persoas coa cara tapada que se enfrontan con tirabalas caseiros ao fogo real, ou que manteñen a raia a media ducia de antidisturbios brandindo un ferro. Os príncipes defenderon sempre os seus “privilexios” a capa e espada, e os seus buzos, tan azuis como nunca foi o seu sangue, saen en masa ciclicamente pola cidade, deixando claro quen marca o seu ritmo vital. Onte, anunciando que a paciencia está a rematar, entraron en Compostela e chegaron até as portas de San Caetano, mentres o peor presidente da historia do país, coa valentía política que o caracteriza, puña terra por medio para non ter que recibilos.

No medio da peor crise da historia, a comarca que nunca saíu da crise anterior enfróntase á que pode ser a súa última batalla. E non só pon en xogo a supervivencia dos estaleiros, toda ela estará condenada co seu declive. Na sociedade dividida de Ferrolterra, os traballadores conseguiron, non por acaso, crear o seu propio espazo e dirixir o seu propio destino. Non o fixeron univocamente, nin responderon sempre á mesma bandeira, pero non doutra forma cabe interpretar a creación en Fene do máis mítico reduto da esquerda nacionalista, esa aldea gala que estamos condenados a mirar dende a saudade. Mentres, no outro lado da ponte, os gobernos de esquerdas vanse alternando até conseguir retirar a estatua do asasino fascista, nunha vitoria da sociedade civil impensábel só vinte anos atrás. O mellor que puido dar Ferrolterra á historia e ao país saíu dos barrios obreiros, algo que nunca esquecemos os que nos criamos nese berce de sangue e metal, sabedores de que temos que estar á altura das persoas que deixaron (e deixan) a pel para construír o futuro da comarca. E sabendo que, como nunha saga épica, procedemos da estirpe lendaria dos príncipes do proletariado.

Hoxe estamos practicamente sós na loita. A mediados da década pasada xa se anunciaba que probabelmente na seguinte mobilización os estaleiros de Ferrolterra librarían a última batalla en solitario. Mentres os economistas falan da puxanza de China e do Pacífico, e de como a nosa contorna atlántica pasa a ser un escenario secundario, mentres se traman guerras no Medio Oriente e os bancos nos desangran na estafa máis escandalosa dos últimos cen anos, hai unha comarca que se nega a caer baixo o peso abafante dos tempos. Hoxe, cando nos repiten a todas horas que o proletariado clásico xa non existe nos nosos tempos, hordas de traballadores de Ferrolterra irrompen nas nosas cidades como un elemento doutro tempo, con “privilexios” a defender que nos falan do realmente doído da nosa situación, con esixencias como as que deberamos ter para nós mesmos e aspiracións que non nos atrevemos a formular en voz alta. Como seres mitolóxicos dos tempos da guerra fría, como unicornios, ou como príncipes de reinos que se negan ser esquecidos ou entregados sen loita. E de certo algo hai na súa teimosía que deberamos imitar.

Fotos (excepto a primeira) tiradas da páxina da CIG

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

10/03/2012 by marioregueira

Os nosos anos de chumbo

A expresión xurdiu por si mesma no contexto das manifestacións do 8 de marzo. Pretendía referirme ao momento de retroceso social e aos duros anos de loita que nos quedan por diante, aínda que non tardei en decatarme do inapropiada e optimista que resultaba. Os anos de chumbo, particularmente os italianos, non toman o seu nome do peso do metal nin do abafante do ambiente, aínda que a expresión poida acaer ben con esas calidades. Toman o seu nome das balas, e definen un período caracterizado por unha enorme conflitividade social, con escuros crimes motivados por unha intencionalidade política escura, cando non entregada a un xogo de máscaras que aínda hoxe ofrece máis interrogantes que respostas. E se en algo non se parecen estes anos a aqueles é na falta dese tumulto, na tranquilidade abafante na que nos sumen.

A calma, que mesmo guiou os movementos populares de protesta do último ano, ten a súa innegábel cara positiva. Quero crer que ninguén bota de menos unha sección de sucesos entremesturada de crimes políticos, e que hai capítulos fechados da historia da resistencia dos pobos que non sería prudente reabrir, entre outras cousas polas veces na que foron instrumentalizados contra as propias clases populares. Os atentados dos anos de chumbo italianos, tramados pola extrema dereita para culpar aos comunistas e reducir a súa puxanza social, son un bo exemplo diso. A man da represión do noso propio contexto, arrasando iniciativas culturais, sociais e políticas baixo a escusa do combate contra o terrorismo, son outro indicio. Porén, se o éxito dun movemento político se mide polas reaccións dos seus rivais, non deixa de ser preocupante que esa calma non veña só dun dos lados, senón tamén do propio Estado, que até o de agora non viu ameazadas as súas posicións dunha forma que sexa coherente co momento histórico que vivimos.

O pacto da mal chamada Transición (os nosos anos de chumbo), presentado como unha vitoria do consenso e o diálogo, representaba, en realidade, un pacto de mínimos para unha grande parte da esquerda. Tan de mínimos que moitas faccións decidiron non aceptalo e continuar a combatelo coa mesma teimosía coa que combateran anos antes á ditadura. A idea da outra parte pasaba, forzosamente, por un reformismo máis ou menos simulado. Os cambios deberan ser progresivos, e o paso das lexislaturas mudaría sen dúbida ese punto intermedio do réxime político, decantándoo cara as políticas sociais e definindo o papel dos territorios até as últimas posibilidades do marco autonómico. Andando o tempo, quen sabe se até a cuestión republicana podería ser resucitada polo pobo soberano.

A día de hoxe, atopamos un panorama que desvela a profunda inxenuidade desa postura. Nos últimos anos o réxime xurídico do Estado fixo retroceder os dereitos civís e políticos da poboación a mínimos nunca vistos, nos últimos meses, ademais, a lexislación que marca as relacións laborais e a que atinxe á cuestión de xénero vive un retroceso que supera en ocasións a súa situación baixo a ditadura. Somos a xeración que máis dereitos está perdendo, a que ten un futuro máis incerto e a que máis tranquilamente está respondendo, a máis desartellada e a que menos claras ten as ameazas que se lle veñen enriba e as opcións para combatelas. Non é que botemos en falta os tiroteos nas rúas das nosas cidades, pero si nos preguntamos pola débil resposta cidadá, polas folgas que son xerais pero non indefinidas, pola xente que adormece a súa rabia en lugar de intentar sabotar o curso calmo da vida nas cidades, ou que se arrastra ás mobilizacións cos brazos baixados e a derrota anticipada nos ollos.

Non, non veñen anos de chumbo, andando o tempo e con perspectiva histórica, chamarémolos seguramente os anos das ras.

 

#Activismo e resistencia#Cotidiano

01/02/2012 by marioregueira

Primeiros pasos na praza

A pasada semana foi particularmente movida e dela quero quedarme sobre todo con estas dúas crónicas do pasado sábado. Compensan, cunha xenerosidade que agradezo aos seus autores, unha información que foi relegada á sección local dalgúns xornais e obviada por outros, seguramente medida pola mesma vara coa que miden a importancia informativa da nosa lingua e da nosa cultura. É por iso que hoxe tamén é para min un día de celebración. Praza Pública, un dos novos medios en galego que aparecen este ano, iniciou a súa andaina hai unha media ducia de horas. Mentres escribo estas liñas a páxina está caída, sen dúbida abafada pola cantidade de visitantes que a coparon en tan breve período. E nese feito deberamos ver o cambalear inquedo dos primeiros pasos dunha crianza, tan cheos de ilusión que lles sobra até a présa por todo o camiño que queda por diante.

Diría que agardamos grandes cousas de Praza, pero en realidade unha das cousas boas desta nova iniciativa é que por unha vez é xustamente ao revés. É Praza a que agarda grandes cousas de nós, non só dos que poremos unha pequena parte do noso esforzo en facela (axiña poderedes lerme por aló de vez en cando), senón tamén do que poidamos achegar entre todos ao mantemento e mellora do proxecto. De momento quédanos agradecer ás persoas que impulsaron esta fiestra á esperanza todo o seu esforzo e todo este vendaval de vida que acaba de atravesar a rede.

#Cotidiano#Galiza#Medios de comunicación

20/01/2012 by marioregueira

Os zapateiros son os donos da cidade

 

Hai case dous séculos os zapateiros dunha cidade norteamericana saíron á rúa en manifestación tras a instalación do tranvía. Segundo o vello gremio do calzado, o novo invento viría reducir o desgaste das solas, e por tanto tamén os seus ingresos anuais. Era preciso impedir que tal modernidade entrase no seu territorio, a xente tería que seguir andando de punta a punta da urbe, rozando os pés no duro chan e cansando as súas pernas. A fin de contas, non era iso o que fixeran toda a vida? Que necesidade había de cambiar agora?

A anécdota (que lin como verídica hai moitos anos) movería á risa se non puideramos continuala na actualidade. Porque, se alguén aínda non se decatou, hoxe en día eses zapateiros son os donos da cidade. Non só a controlan politicamente cos seus ben organizados grupos de presión, senón que moven forzas violentas ao estilo desas agrupacións chamadas mafias. Homes de negro ameazan aos traballadores do tranvía e mesmo ás persoas que fan un uso do transporte con grande asiduidade, boicotean o mantemento das vías e loitan por declarar ilegais as escolas de condución. Durante os últimos anos fixeron correr a voz de que os usuarios do transporte eran uns parasitos, uns vagos e uns ladróns, e até conseguiron cobrar un sobreprezo por “lucro cesante” nos billetes, uns cartos por cada sola non desgastada.

Non contentos con todo iso, e unidos a zapateiros doutras cidades, traman un plan para proscribir os tranvías ou reducilos a traxectos excepcionalmente longos. Onte, ademais, tomaron un deles pola forza e detiveron a todos os seus traballadores. O seu ideal é volver aos tempos previos ao transporte automatizado, cando uns zapatos duraban só uns cantos meses e eles podían fixar ao seu antollo o abusivo prezo das reparacións.

A metáfora non é unha esaxeración. Resulta moi difícil prever en que darán estes tempos de confrontacións, porén creo que moitos dos nosos descendentes, ao mirar atrás, verán esta época cos mesmos ollos de pasmo cos que podemos mirar a fábula do goberno dos zapateiros desmantelando o tranvía. A era dixital, a facilidade de difusión de contidos culturais e o intercambio representan a oportunidade perdida deste século. Nun primeiro nivel porque case ningunha empresa soubo aproveitar completamente a súa potencialidade comercial, que a tiña, aínda que esixise unha mudanza do modelo de negocio e uns ingresos que virían máis por vías indirectas que pola clásica compra-venda. Nun segundo nivel, máis revolucionario, porque perdemos a oportunidade de re-estruturar o papel da creación artística na sociedade, desprezando mecanismos tecnolóxicos que permiten, por primeira vez na historia, un artellamento democrático e sostíbel para a grande comunidade de persoas que constantemente está creando cultura.

Nestes días escoitarán moitas veces que os que estamos cos condutores de tranvías representamos os defensores do “todo gratis”. Non caian en maniqueísmos tan obvios. Persoalmente nunca me contei entre os defensores do “todo gratis”, creo que a cultura é un ben que debe ser incentivado, entre outros medios, por un beneficio económico ponderado que repercuta directamente nos seus traballadores. Tamén creo que  a principal responsabilidade dese incentivo debe proceder da sociedade e sortear, na medida do posíbel, outros intermediarios. É por iso que me doen particularmente todas estas oportunidades perdidas, porque falsean o debate real e o poñen ao servizo dos intereses de catro multinacionais interesadas en seguir un desenvolvemento económico propio do capitalismo salvaxe, criminalizando á mesma sociedade á que os traballadores culturais diriximos as nosas obras. A guerra que vén é unha guerra contra intermediarios famentos de lucro aos que non lles interesa a cultura, como aos zapateiros de hai dous séculos non lles interesaba a dor dos nosos pés ou o cansazo das nosas pernas.

Por certo, gañaron os tranvías.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Cultura libre

15/01/2012 by marioregueira

Espertou e o dinosauro ficara impune

Non morreu, botámolo nós. O berro ecoaba na noite compostelá pouco despois de saberse que os votos da emigración non facían máis que confirmar o final da segunda noite de pedra e que os quince anos eternos do mandato de Fraga estaban a piques de rematar.  A idea da morte do vello dinosauro no poder tivera un papel relevante nas fantasías da resistencia de esquerdas daqueles anos. Aínda hoxe sei que máis de un sairá beber unhas copas que ten prometidas consigo mesmo dende hai máis dunha década e que en certos locais de todo o país a xente bailará e brindará como fan os pobos que loitan cando morre un herdeiro do fascismo.

Eu non o farei, e non porque cos anos chegase a valorar as supostas virtudes dun dos pais da Constitución, defensor de última hora da democracia, senón porque creo que hoxe é, malia todo, unha data triste. Non cabe outro cualificativo para unha morte máis nun cómodo leito de hospital dun membro da ditadura que marcha, non só impune, senón indiscutido nas súas responsabilidades pasadas. E maior vergoña que o faga en datas tan próximas dunha reclamación de responsabilidade que, unha vez máis, non vén do Estado español, senón do estranxeiro. Non é dende logo, unha data para alegrarse, e non deberamos formar parte deses pobos que celebran feitos biolóxicos inevitábeis que os libran da súa propia responsabilidade á hora de esixir xustiza.

En canto á traxectoria do finado respecto do goberno deste país, podemos dicir que acadou unha boa parte do que debían ser os seus obxectivos e que domeou cun éxito indiscutíbel un dos problemas nacionais latentes do Estado español. Converteu unha sociedade cunha grande diversidade política nun xogo de tres partidos, neutralizou o galeguismo de centro integrándoo até hoxe dentro dun dos partidos máis centralistas do mundo, e acadou o record de conseguir o maior deterioro de saúde da lingua galega. Para a historia quedará o rexurdir e asentamento do caciquismo, a manipulación dos medios de comunicación, a carretaxe de votos, as xornadas gastronómicas de captación e o exercicio dun poder despótico, especialmente contra aqueles que ousaron criticalo nalgún momento. O único de todo isto polo que pagou (nas urnas, nunca xudicialmente) foi a nefasta xestión do accidente Prestige, o único momento no que o pobo galego pareceu espertar do seu sono pesadelesco nos últimos vinte anos.

É seguro que o transcorrer dos anos irá recortando o espazo que as enciclopedias lle dediquen, e por tanto a importancia do seu paso pola historia do noso país. Hoxe por hoxe, porén, o peso da súa actuación segue tirando de nós, e particularmente debera axitar as conciencias que permitiron, non só que gobernase durante o tempo que o fixo, senón que nos deixase encadeados ao curso da súa propia mediocridade, contribuíndo a converter política galega no xogo sectario, inmoral e autoritario  que é aínda hoxe. E con vocación de durar.

Manuel Fraga marcha sen pagar, seguramente coa tranquilidade de que con Feyjóo lle queda todo “atado y bien atado”. E a nós dános vontade de reescribir por terceira vez o vello conto de Monterroso: Espertou e o dinosauro ficara impune.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

12/01/2012 by marioregueira

República Billarda

Se teño que ser sincero, do mundo do deporte sempre me interesaron moito máis as historias e a súa perspectiva sociolóxica que o feito en si mesmo. Era dos nenos que coleccionaban escudos de equipos en lugar de xogar nas ligas infantís. E sempre serei dos que gozan lendo proxectos como Panenka ben mellor que o Marca. Será por iso que tardei tanto en probar o xogo que uns cantos tolos da miña terra loitaban tenazmente por recuperar. A billarda representaba unha tradición que me quedaba un pouco lonxe, non lle coñecía ligazóns familiares directas, non sabía exactamente como se xogaba e sempre viña a tropezar coas miñas resacas do 25 de xullo co seu Aberto e a insistencia dos fieis en que participase. Non entendía tanta paixón porque non abrira os ollos á luz.

Abrinos no exilio, como facemos habitualmente os galegos. Durante a breve estadía catalá tiven a sorte de coñecer as redes da versión local, o bélit, e a súa capacidade de integración e reivindicación política, o seu papel no artellamento dunha sociedade civil que nós precisamos infinitamente máis. Daqueles días quedou o xermolo dos galego-catalás Casus Bélit, o primeiro partido internacional entre a Auténtica e os irmáns mediterráneos, e tamén unha firme convicción en que o traballo na recuperación do xogo non era só deporte, tamén era sociedade, fermento dos lazos persoais, diversión, loita, en definitiva. A Liga Nacional de Billarda, que eu tiña por un grupo de obstinados recuperadores, manifestou o seu verdadeiro cariz como voluntarios na primeira liña das barricadas.

O retorno ao país tróuxome tardes de diversión e moitas sorpresas. Na terra do meu pai, nun aberto, fun descubrir dúas cousas: a primeira, que toda a miña familia xogara na infancia a unha billarda con variantes particulares, a segunda, que aínda sabían pegarlle, aínda que insistiron en afiar os extremos da billarda a navalla. O xogo devolvíame unha parte da miña propia memoria, un feito xa de por si totalmente revolucionario e inesperado.

Agora, os valentes da Liga Nacional de Billarda, capitaneados por ese furacán de paixón que asina as crónicas n’O varal, pon nas nosas mans dous discos cheos de himnos deportivos que sirvan á loita, un proxecto que só cabería irmandar con aquel histórico Selección Xa, pero no que non cantan futbolistas millonarios, senón persoas máis interesantes. Unha recompilación dos mellores grupos do país nesta idade de ouro, orballada de mapas sonoros e audios testemuñais que nos poñen exactamente na intersección entre o folc tradicional e a electrónica futurista, sen esquecer os ocasionais golpes de punk-rock e a maina molicie do pop contemporáneo. Un traballo que acompaña no libreto o traballo fotográfico de Nachok e unha serie de haikus dalgúns poetas do país, entre os que se conta o meu pequeno gran de area.

Non son dos que cre que as tradicións son absolutamente boas polo feito de selo. Un pobo, unha nación, unha identidade, fórmanse por elementos en permanente construción e as súas tensións políticas son case sempre produto dese proceso. Non penso que todo o que vén das nosas raíces sexa bo, e moito menos que o sexa por ser máis puro e máis apegado a elas. A tradición tennos que servir para recoller os elementos que nos permitan construír o futuro. Creo que a billarda é un deses elementos: un xogo sinxelo e apaixonante, con vocación de asolagar o país e devolvernos unha parte das cousas que esquecemos: que o pau serve tamén para bater nos inimigos e a billarda para non esquecer como se fan voar os soños.

#Activismo e resistencia#Cultura libre#Galiza#Música

05/01/2012 by marioregueira

Cabaleiros da Antiga República (Adeus, mestre Isaac)

Nalgún momento chegamos a pensar que Isaac Díaz Pardo era inmortal. De ser outro século seguramente pasaría á mitoloxía popular como unha desas figuras eternas que vagan polo seu país coa única finalidade de presenciar o final dos tempos, coa mesma tranquilidade coa que os nosos devanceiros contemplaban o sol afundirse mainamente nas augas da Fisterra. En case ningún país é unha noticia impactante que fine unha persoa de noventa e un anos, se a nosa cultura esperta hoxe incrédula e atordoada é precisamente porque pensamos inconscientemente que Isaac non estaba chamado a marchar nunca.

E tamén porque non marcha só, leva con el un dos últimos testemuños vivos que nos lembraban un tempo no que non tiñamos medo a aspirar a máis, un tempo no que se traballou nunha clandestinidade abafante perante a que a situación feixista actual resulta unha simple brincadeira, uns anos amargos que non estamos superando porque non nos atrevemos a loitar coa dedicación e a tenacidade coa que xente coma el loitou. E particularmente é unha mágoa que non lle ficase unha maior esperanza no porvir da terra á que dedicou a vida ou na calidade humana das persoas que quedaban a cargo dos proxectos polos que se esforzou.

Na máis popular homenaxe que se lle tributou en vida, os Aduaneiros comparábano co mestre Yoda. Máis aló da brincadeira vemos como hoxe o seu símil acaba de completarse. Defensor da Antiga República, agochado durante anos nun planeta perdido, Isaac conservou o segredo da Forza para transmitirllo ás xeracións vindeiras. Hoxe acaba de facerse un con ela, non verá o final do Imperio, pero xa nos deu todo o que precisamos para restaurar os nosos soños. E de nós depende que o seu fantasma sorría o día da vitoria ao lado do de tantos outros que se empeñaron en que esta cultura sobreviva. Que a forza te acompañe, mestre. Dille quen es á terra para que te trate co agarimo que os seus fillos non souberon darche.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

10/12/2011 by marioregueira

Adeus á miña entrevista na TVG

Contan os vellos do lugar que houbo un tempo no que a TVG non foi así, que mesmo había programas culturais de verdadeira calidade que hoxe por hoxe dormen o sono dos xustos. Sexa como sexa, nunca me chamaron dos nosos medios públicos máis que para programas de radio, as miñas únicas aparicións televisivas foron en canles locais e nese fabuloso escenario do Culturgal que só transmitía vía streaming. Supoño que con este artigo, nun país tan maduro á hora de recibir críticas, fecharei definitivamente a porta a esa posibilidade. En calquera caso, xa nos demostraron outros que aínda pode haber algo peor que non ser chamado pola televisión pública galega, e ese algo é ser chamado para un linchamento mediático coma este.

A TVG ten a honra de ser a televisión do noso país, unha honra que leva consigo a maldición de ser a porra de agresión do gobernos populares cando as circunstancias o requiren, que parece ser bastante a miúdo. Lembro como meus pais me recomendaban amorosamente que vira os debuxos animados da galega, porque estaban na nosa lingua, coa mesma nitidez coa que os lembro mudando furiosos de canle ante a enésima aparición do Fragasaurio e as manipulacións informativas que almorzabamos todos os días. Para a historia quedan os comportamentos ante catástrofes humanas e noites electorais da canle que moitas galegas decidíramos xa deixar de ver, pero que aínda así considerabamos un valor cultural importante para o noso pobo, mal levado, pero se cadra con amaño.

É por iso que o tratamento dado pola canle ás detencións a galeguistas de hai unhas semanas doe dobremente. En primeiro lugar porque aínda considero a TVG un medio meu, pagado cos meus cartos e feito para o meu pobo. Non foron o único medio que manipulou a realidade, pero eran o noso medio, e o seu deber era darnos información obxectiva con máis facilidades e autoridade que calquera outro. En segundo lugar, porque un mes atrás eu estaba na rúa defendendo a súa continuidade e os seus postos de traballo, posibelmente tamén os das persoas que, na mellor liña do Tomate e do acoso xornalístico rosa, protagonizan o asalto a casa dun dos detidos (minuto 4,3o).

E non sería por falta de opcións, hai moitas cousas que se poderían dicir sobre a nova mantendo unha mínima ecuanimidade e sen caer na apoloxía do terrorismo. Que a lexislación que se lles aplica ás persoas detidas é excepcional e foi creada ad-hoc para lidar co conflito vasco, por exemplo, unha situación que non ten un correlato lóxico coa nosa. Que mesmo tendo iso en conta, é unha lexislación constantemente criticada por xuristas e defensores dos dereitos humanos xa que se considera que deixa aos reos en situación de indefensión e favorece os abusos de poder. Que a día de hoxe a propia xudicatura española aínda non se puxo de acordo sobre a existencia e características da suposta organización á que pertencen as persoas presas. Que, en tanto acusados, seguen tendo dereito á presunción de inocencia, á honra e á privacidade, aspectos que mal se compatibilizan cun xuízo e acoso mediáticos impropios dun xornalismo serio. Que existe unha vontade política obvia de criminalización de espazos sociais e culturais (e tamén de individuos) moi debilmente relacionados coa acusación.

Naturalmente tamén poderiamos pedirlles aso nosos medios públicos que reparen  na importancia dos dereitos civís. Que as leis en democracia defenden até a quen vai contra elas e que a dereita ten tendencia, nas súas euforias electorais, a abrogarse o dereito de decidir que é ou non legal por riba do propio ordenamento xurídico, como se aínda vivísemos no tempo dos delitos políticos ou de opinión. Sabemos da dureza das condicións dos nosos profesionais patrios, por iso seremos realistas e non lles pediremos tal valentía, só a profesionalidade e a ética persoal que hai tanto tempo que non vemos na súa pantalla. Vistos os exemplos que nos deixan, non é pouco.

#Activismo e resistencia#Medios de comunicación

22/11/2011 by marioregueira

Os días en segunda división

Os noventa foron duros, especialmente aquel ano do penalty de Djukic, que foi o mesmo ano do penalty de Alejo, porén ficábanos o orgullo dos tres equipos na división de honra, os proxectos sólidos, a seguridade de que, antes ou despois, algún deles rompería a tríada que dominara o fútbol do estado durante décadas. As ligas deixarían de ser cousa de madrileños, cataláns e bascos, algo se movía no noroeste e xa non era inxenuo soñar con títulos. Co nacionalismo galego pasaba algo semellante.

Cada goberno de Fraga era un golpe na nosa moral, pero o impacto atenuábase ante a evidencia dun BNG máis fortalecido a cada ano. O bo dos votantes do PP é que unha grande parte non chegarán ás vindeiras eleccións, dicían moitos daquela. O PSdeG pola súa banda, atravesaba unha crise de credibilidade que parecía eterna, en parte herdada do nefasto felipismo (que sospeito algo moveu tamén a debacle deste ano). A vitoria do galeguismo era unha cuestión biolóxica, un día para o que se requiría da nosa paciencia e do noso traballo, pero ninguén dubidaba que moito máis cedo que tarde o noso país gozaría dun goberno ao que poder chamar propio, seguindo o camiño de cataláns e bascos, pero pola esquerda.

Seguramente non creríamos a ninguén que nos aventurase que case vinte anos despois, no 2011, non quedaría ningún equipo galego na primeira división, que a S.D. Compostela chegaría a disolverse e volver á Rexional Preferente e que Celta e Depor xogarían os seus derbys en segunda. Tamén non creríamos que aquel BNG cumpriría unha década de descenso electoral imparábel, nin que o vello Beiras viría de dar o segundo aviso de que marcha. E a sensación xeral é a dun tremendo capital botado a perder, de malas xestións e de camiños errados nos que se persistiu por unha mestura de ignorancia e teimosía. Hoxe, máis que hai vinte anos, o noso país está atado á longa noite de pedra na dereita españolista. Máis porque, ao contrario que hai vinte anos, o futuro revélase incerto para o galeguismo.

Non oculto a miña análise electoral, que é semellante á doutras perdas anteriores. Se a principal forza nacionalista quere seguir sendo algo neste país ten que recuperar, na medida que a súa credibilidade actual llo permita, o camiño da esquerda, o mesmo que, segundo analistas mellor informados, evitou que a caída destas eleccións fose aínda maior. Xa dende os últimos anos do propio Beiras existiu unha teima pola moderación e a imaxe (política) que realmente só provocou un afastamento paulatino da realidade social do país e dos núcleos de votantes que cumpría, por riba de todo, fidelizar antes de meterse en aventuras de márketing e xogos de presindenciábeis.

Porén, existe un factor máis importante. Ademais da necesidade urxente dunha avaliación autocrítica que vaia máis aló da do vello líder, sería boa hora de que o BNG erguese a vista e as forzas das súas propias guerras familiares para deitalas sobre o contexto dun país que procura desesperadamente unha alternativa de esquerda real e que aínda non está disposto a renunciar á súa lingua nin á súa identidade. Un país que gañaría moito máis con alternativas de unidade, aínda no mínimo posíbel, que con actitudes triunfalistas baleiras e estériles.

Naturalmente tamén está a opción de seguir a pendente abaixo, seguir xogando os derbys en segunda e apedrando os buses entre nós, naturalmente. Por se acaso, aí lles queda o himno dos vindeiros anos, que xa con toda xustiza debemos chamar violentos anos dez.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza
1 … 8 9 10 11 12 … 17