15/01/2012 by marioregueira

Espertou e o dinosauro ficara impune

Non morreu, botámolo nós. O berro ecoaba na noite compostelá pouco despois de saberse que os votos da emigración non facían máis que confirmar o final da segunda noite de pedra e que os quince anos eternos do mandato de Fraga estaban a piques de rematar.  A idea da morte do vello dinosauro no poder tivera un papel relevante nas fantasías da resistencia de esquerdas daqueles anos. Aínda hoxe sei que máis de un sairá beber unhas copas que ten prometidas consigo mesmo dende hai máis dunha década e que en certos locais de todo o país a xente bailará e brindará como fan os pobos que loitan cando morre un herdeiro do fascismo.

Eu non o farei, e non porque cos anos chegase a valorar as supostas virtudes dun dos pais da Constitución, defensor de última hora da democracia, senón porque creo que hoxe é, malia todo, unha data triste. Non cabe outro cualificativo para unha morte máis nun cómodo leito de hospital dun membro da ditadura que marcha, non só impune, senón indiscutido nas súas responsabilidades pasadas. E maior vergoña que o faga en datas tan próximas dunha reclamación de responsabilidade que, unha vez máis, non vén do Estado español, senón do estranxeiro. Non é dende logo, unha data para alegrarse, e non deberamos formar parte deses pobos que celebran feitos biolóxicos inevitábeis que os libran da súa propia responsabilidade á hora de esixir xustiza.

En canto á traxectoria do finado respecto do goberno deste país, podemos dicir que acadou unha boa parte do que debían ser os seus obxectivos e que domeou cun éxito indiscutíbel un dos problemas nacionais latentes do Estado español. Converteu unha sociedade cunha grande diversidade política nun xogo de tres partidos, neutralizou o galeguismo de centro integrándoo até hoxe dentro dun dos partidos máis centralistas do mundo, e acadou o record de conseguir o maior deterioro de saúde da lingua galega. Para a historia quedará o rexurdir e asentamento do caciquismo, a manipulación dos medios de comunicación, a carretaxe de votos, as xornadas gastronómicas de captación e o exercicio dun poder despótico, especialmente contra aqueles que ousaron criticalo nalgún momento. O único de todo isto polo que pagou (nas urnas, nunca xudicialmente) foi a nefasta xestión do accidente Prestige, o único momento no que o pobo galego pareceu espertar do seu sono pesadelesco nos últimos vinte anos.

É seguro que o transcorrer dos anos irá recortando o espazo que as enciclopedias lle dediquen, e por tanto a importancia do seu paso pola historia do noso país. Hoxe por hoxe, porén, o peso da súa actuación segue tirando de nós, e particularmente debera axitar as conciencias que permitiron, non só que gobernase durante o tempo que o fixo, senón que nos deixase encadeados ao curso da súa propia mediocridade, contribuíndo a converter política galega no xogo sectario, inmoral e autoritario  que é aínda hoxe. E con vocación de durar.

Manuel Fraga marcha sen pagar, seguramente coa tranquilidade de que con Feyjóo lle queda todo “atado y bien atado”. E a nós dános vontade de reescribir por terceira vez o vello conto de Monterroso: Espertou e o dinosauro ficara impune.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies