Os nosos anos de chumbo
A expresión xurdiu por si mesma no contexto das manifestacións do 8 de marzo. Pretendía referirme ao momento de retroceso social e aos duros anos de loita que nos quedan por diante, aínda que non tardei en decatarme do inapropiada e optimista que resultaba. Os anos de chumbo, particularmente os italianos, non toman o seu nome do peso do metal nin do abafante do ambiente, aínda que a expresión poida acaer ben con esas calidades. Toman o seu nome das balas, e definen un período caracterizado por unha enorme conflitividade social, con escuros crimes motivados por unha intencionalidade política escura, cando non entregada a un xogo de máscaras que aínda hoxe ofrece máis interrogantes que respostas. E se en algo non se parecen estes anos a aqueles é na falta dese tumulto, na tranquilidade abafante na que nos sumen.
A calma, que mesmo guiou os movementos populares de protesta do último ano, ten a súa innegábel cara positiva. Quero crer que ninguén bota de menos unha sección de sucesos entremesturada de crimes políticos, e que hai capítulos fechados da historia da resistencia dos pobos que non sería prudente reabrir, entre outras cousas polas veces na que foron instrumentalizados contra as propias clases populares. Os atentados dos anos de chumbo italianos, tramados pola extrema dereita para culpar aos comunistas e reducir a súa puxanza social, son un bo exemplo diso. A man da represión do noso propio contexto, arrasando iniciativas culturais, sociais e políticas baixo a escusa do combate contra o terrorismo, son outro indicio. Porén, se o éxito dun movemento político se mide polas reaccións dos seus rivais, non deixa de ser preocupante que esa calma non veña só dun dos lados, senón tamén do propio Estado, que até o de agora non viu ameazadas as súas posicións dunha forma que sexa coherente co momento histórico que vivimos.
O pacto da mal chamada Transición (os nosos anos de chumbo), presentado como unha vitoria do consenso e o diálogo, representaba, en realidade, un pacto de mínimos para unha grande parte da esquerda. Tan de mínimos que moitas faccións decidiron non aceptalo e continuar a combatelo coa mesma teimosía coa que combateran anos antes á ditadura. A idea da outra parte pasaba, forzosamente, por un reformismo máis ou menos simulado. Os cambios deberan ser progresivos, e o paso das lexislaturas mudaría sen dúbida ese punto intermedio do réxime político, decantándoo cara as políticas sociais e definindo o papel dos territorios até as últimas posibilidades do marco autonómico. Andando o tempo, quen sabe se até a cuestión republicana podería ser resucitada polo pobo soberano.
A día de hoxe, atopamos un panorama que desvela a profunda inxenuidade desa postura. Nos últimos anos o réxime xurídico do Estado fixo retroceder os dereitos civís e políticos da poboación a mínimos nunca vistos, nos últimos meses, ademais, a lexislación que marca as relacións laborais e a que atinxe á cuestión de xénero vive un retroceso que supera en ocasións a súa situación baixo a ditadura. Somos a xeración que máis dereitos está perdendo, a que ten un futuro máis incerto e a que máis tranquilamente está respondendo, a máis desartellada e a que menos claras ten as ameazas que se lle veñen enriba e as opcións para combatelas. Non é que botemos en falta os tiroteos nas rúas das nosas cidades, pero si nos preguntamos pola débil resposta cidadá, polas folgas que son xerais pero non indefinidas, pola xente que adormece a súa rabia en lugar de intentar sabotar o curso calmo da vida nas cidades, ou que se arrastra ás mobilizacións cos brazos baixados e a derrota anticipada nos ollos.
Non, non veñen anos de chumbo, andando o tempo e con perspectiva histórica, chamarémolos seguramente os anos das ras.