22/11/2011 by marioregueira

Os días en segunda división

Os noventa foron duros, especialmente aquel ano do penalty de Djukic, que foi o mesmo ano do penalty de Alejo, porén ficábanos o orgullo dos tres equipos na división de honra, os proxectos sólidos, a seguridade de que, antes ou despois, algún deles rompería a tríada que dominara o fútbol do estado durante décadas. As ligas deixarían de ser cousa de madrileños, cataláns e bascos, algo se movía no noroeste e xa non era inxenuo soñar con títulos. Co nacionalismo galego pasaba algo semellante.

Cada goberno de Fraga era un golpe na nosa moral, pero o impacto atenuábase ante a evidencia dun BNG máis fortalecido a cada ano. O bo dos votantes do PP é que unha grande parte non chegarán ás vindeiras eleccións, dicían moitos daquela. O PSdeG pola súa banda, atravesaba unha crise de credibilidade que parecía eterna, en parte herdada do nefasto felipismo (que sospeito algo moveu tamén a debacle deste ano). A vitoria do galeguismo era unha cuestión biolóxica, un día para o que se requiría da nosa paciencia e do noso traballo, pero ninguén dubidaba que moito máis cedo que tarde o noso país gozaría dun goberno ao que poder chamar propio, seguindo o camiño de cataláns e bascos, pero pola esquerda.

Seguramente non creríamos a ninguén que nos aventurase que case vinte anos despois, no 2011, non quedaría ningún equipo galego na primeira división, que a S.D. Compostela chegaría a disolverse e volver á Rexional Preferente e que Celta e Depor xogarían os seus derbys en segunda. Tamén non creríamos que aquel BNG cumpriría unha década de descenso electoral imparábel, nin que o vello Beiras viría de dar o segundo aviso de que marcha. E a sensación xeral é a dun tremendo capital botado a perder, de malas xestións e de camiños errados nos que se persistiu por unha mestura de ignorancia e teimosía. Hoxe, máis que hai vinte anos, o noso país está atado á longa noite de pedra na dereita españolista. Máis porque, ao contrario que hai vinte anos, o futuro revélase incerto para o galeguismo.

Non oculto a miña análise electoral, que é semellante á doutras perdas anteriores. Se a principal forza nacionalista quere seguir sendo algo neste país ten que recuperar, na medida que a súa credibilidade actual llo permita, o camiño da esquerda, o mesmo que, segundo analistas mellor informados, evitou que a caída destas eleccións fose aínda maior. Xa dende os últimos anos do propio Beiras existiu unha teima pola moderación e a imaxe (política) que realmente só provocou un afastamento paulatino da realidade social do país e dos núcleos de votantes que cumpría, por riba de todo, fidelizar antes de meterse en aventuras de márketing e xogos de presindenciábeis.

Porén, existe un factor máis importante. Ademais da necesidade urxente dunha avaliación autocrítica que vaia máis aló da do vello líder, sería boa hora de que o BNG erguese a vista e as forzas das súas propias guerras familiares para deitalas sobre o contexto dun país que procura desesperadamente unha alternativa de esquerda real e que aínda non está disposto a renunciar á súa lingua nin á súa identidade. Un país que gañaría moito máis con alternativas de unidade, aínda no mínimo posíbel, que con actitudes triunfalistas baleiras e estériles.

Naturalmente tamén está a opción de seguir a pendente abaixo, seguir xogando os derbys en segunda e apedrando os buses entre nós, naturalmente. Por se acaso, aí lles queda o himno dos vindeiros anos, que xa con toda xustiza debemos chamar violentos anos dez.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies