14/10/2011 by marioregueira

O libro dixital e a chegada dos bárbaros

Os bárbaros chegaron, rodean a cidade e xa non aceptarán unha negociación. A longa e agónica camiñada das editoriais pola era dixital podería resumirse nestes momentos con esta frase que anuncia unha inminente claudicación de incertas consecuencias. Pouco se aprendeu da experiencia doutros ámbitos como o discográfico e pouco, moi pouco, se avanzou na procura dunha alternativa. O momento é interesante, non só porque represente un cambio de paradigma, senón porque se enfrontan dous universos, o dixital, constantemente en movemento e progresión, e o da edición tradicional, enrocado até o absurdo nos seus propios ritmos, cada vez menos válidos. Como é posíbel que o mundo editorial, que vía vir a chegada da impugnación do seu modelo a un paso máis lento que outros negocios, non soubese adiantarse ou prever as consecuencias?

Porén, a realidade é que temos unha situación que cada vez se parece máis a outras situacións xa vividas. A industria editorial será incapaz, en breve, de facer fronte á competencia. Por unha sinxela razón: a competencia ofrece un produto mellor e a un prezo moito máis razoábel, a maior parte das veces de pago indirecto, a través da publicidade. Se cadra a primeira razón polo que isto sexa así é porque, como antes as discográficas, as editoras néganse a darlle o status de “competencia” a portais na rede alimentados, na maior parte das veces, por usuarios desinteresados. A estratexia, por tanto, non é mellorar os contidos e a relación cos novos medios para facerlles fronte, senón tratar de gañar a batalla moral, preludio case inmediato da batalla legal. Aínda non aconteceu, pero sospeito que antes ou despois as acusacións de criminalidade cara os usuarios que comparten volverán. En realidade, a acusación implícita de criminalidade xa existe, dende a protección por DRM que acompaña a maior parte das edicións dixitais das editoras, eivando e limitando o produto polo que pagamos un prezo bastante superior aos seus equivalente no mundo anglófono. Unha eiva que alude directamente a outra: as editoras saben que a nova competencia son os seus propios usuarios, na maior parte das ocasións, os seus mellores clientes.

Repetindo algo que creo que dixen moitas veces nos últimos anos: criminalizar ao usuario é un erro, a maior parte das veces un erro imperdoábel. O máis representativo do mundo editorial tivo sempre unha relación positiva con elementos sociais que, nunha análise fría e estritamente económica, debera colocar entre os seus inimigos. Refírome ás bibliotecas e aos grupos de lectores, contextos nos que moita xente leu e segue a ler gratuitamente, pero que mesmo así recibían apoio e azos por parte do mundo editorial. Supoño que, ademais dun ben social, entendíase ese núcleos como unha inversión. Non cabe dúbida de que o primeiro paso para que alguén que le de balde pague por ler é que lea, aínda que sexa de balde. Existe un erro flagrante en non aproveitar os novos núcleos de lectores e os seus comportamentos como unha inversión de futuro equiparábel.

Tamén existe, por regra xeral, un grande desleixo á hora de desenvolver proxectos intelixentes baseados na rede aproveitando o seu potencial, incluída a perspectiva publicitaria da que se nutre a partilla privada entre usuarios, e tamén os atractivos que para eses mesmos usuarios representa o contido engadido. Vía hoxe mesmo un rechouchío dende Frankfort que incidía na importancia das redes sociais para o desenvolvemento das editoras. Estupendo, as redes sociais son fundamentais para case todo hoxe por hoxe. Porén, hai algunha editora que destacase na súa participación destas máis aló da creación dun perfil ou dunha lista de eventos? Algunha conseguiu que alguén máis ademais dos seus traballadores compartise os seus contidos? E aínda que todo o anterior pretendía ser unha reflexión global, hai que recoñecer que isto último é especialmente sangrante no caso das grandes editoras do noso país.

Os bárbaros respectarán algo máis de tempo o contexto galego. En principio porque somos unha cidade sitiada con poucos recursos dentro, pero, no fondo, tamén porque nos saben parte deles, xente sen civilizar, capaz aínda de moverse por fóra das regras dos mercados que rexen as grandes urbes. Porén chegarán, como chegaron á nosa cativa industria discográfica, e deberamos recibilos como o que son: non como un problema, senón como a solución. Como ben diciamos o outro día, isto non é o final da historia, senón o principio.

#Edición#Edición dixital

11/10/2011 by marioregueira

O poder dos libros

 

Pregúntome se non estamos sobresentimentalizando o poder dos libros.

 

Nós, os vellos, tomamos o actual diluvio de información, diversidade e caos polo “Fin da Historia”, aínda que se cadra só sexa o Principio.

 

Dúas frases tomadas de Microserfs (Microservos), a novela de Douglas Coupland, (non este blogue), unha historia ambientada nun momento de transición tecnolóxica e por tanto rica en máximas para afrontar outras transicións tecnolóxicas, como a editorial, por exemplo, da que falaremos proximamente.

#Ciencia e tecnoloxía#Edición#Edición dixital#Epigramas

23/09/2011 by marioregueira

Contesta ou disparo

Os comezos dos noventa foron unha etapa curiosa para a Galiza, ou ao menos así os lembra a miña memoria de neno. Unha fase de efervescencia e de consolidación do marco autonómico. antes de saber que a longa noite de pedra do fraguismo sería tan longa e sería de pedra tan dura. Un tempo no que o imaxinario do noso país comezaba a redefinirse, como espertando aínda das limitacións da ditadura e sen ser aínda plenamente consciente das que o porvir político lle reservaba. A capital cuestionada medraba dun xeito exorbitante e por todas partes se afianzaban iconas identitarias de maior ou menor calado, como se o país reparase en cal era o seu papel como comunidade dentro do novo marco e decidise sacarlle o zugo. Abríanse museos, botaban As bólas máxicas pola tele, o Dépor ascendía e unhas cantas mentes preclaras reuníanse para parir un programa que nos ataría nas tebras para sempre baixo o irónico título de Luar.

Nalgún lugar deses noventa que eu lembro sobre todo por sensacións e eventos un autor publicaba a súa primeira obra. Fran Alonso celebra neste 2011 os vinte anos de escrita pública que separan aquel Trailer destes nosos días, na segunda década do terceiro milenio. E faino cunha homenaxe a ese pasado, recompilando algunhas das entrevistas que realizou no alén dos tempos, cando traballaba en Diario 16. Non é a primeira vez que Fran Alonso nos deixa un agasallo así, lembro que os seus Males de cabeza, ofrecidos de balde polo portal Vieiros, poderían ser perfectamente un dos primeiros ebooks galegos, polo menos en canto a libros actuais e xa editados en formato convencional. Aquel agasallo cumprirá tamén axiña dez anos e anticipou con moita antelación este indeciso momento dixital das nosas editoras.

Contesta ou disparo é un libro distinto, non só porque non exista en formato convencional, senón tamén polo seu carácter de recompilación xornalística. Concretamente a dun tipo de entrevista curta e directa que deixa en poucas pinceladas unha impresión que se pretendía superficial, pero que pode virar en intensa ao ser posta en correlación ao tempo transcorrido. Polas súas páxinas desfilan, para a nosa sorpresa, moitos dos personaxes que naquel momento se tiñan por populares. E digo para a nosa sorpresa porque é curioso ver como mudou a nosa noción da popularidade nestes anos, como moitos desapareceron, outros mudaron a súa traxectoria e outros teimaron máis ou menos no mesmo de sempre. Algúns outros deixáronnos de súpeto, mentres non deixamos de sorrir ante un Isaac Díaz Pardo que, hai vinte anos, se sentía “na antecámara da morte”, ignorante de todas as cousas que aínda lle gardaba o destino. Algúns outros, como os Diplomáticos que falan dos seu primeiro disco, atópanse no borde dunha carreira fecunda que naquel momento probabelmente nin sequera sospeitaran.

E será o poder da evocación ou a mitoloxía que facemos sobre os propias lembranzas da infancia, pero todo o libro contén unha boa parte dese aire dos anos pasados sobre esta terra, cando as cousas aínda non viraran terríbeis e nosa identidade non era posta en cuestión coa facilidade coa que pode selo hoxe. Se cadra sería interesante que o autor procurase a algún dos entrevistados hoxe en día para sometelos ao mesmo cuestionario, como un espello do que mudaron as cousas en vinte anos, como fraquexou , cando fraquexou, parte da súa ilusión, e tamén onde ficaron algúns desenganos demasiado temperáns. No fondo, con cousas así, é como facemos (e comprendemos) a nosa historia.

#Crítica#Edición#Edición dixital#Fran Alonso#Galiza#Literatura

22/03/2010 by marioregueira

Editando 2.0

2.0 Editora Logo

A mediados da pasada semana presentouse en Compostela 2.0 editora, outra vaca no millo editorial que parte dunha forma decidida, e xa dende o seu propio nome, como un proxecto pensado no comezo dun novo momento dentro da edición e da lectura tradicional. Teño falado xa algunha vez do precipitado que me parece esta consideración das novas etapas e da fin do libro gutemberiano. Que moitas das felices descubertas sobre a hipertextualidade e a lectura electrónica que parecen estarse dando este ano levan xa moito tempo entre nós, e mesmo xa teñen o seu propio historial de triunfos e fracasos. Ao mesmo tempo, o estoupido da edición dixital dos últimos meses tivo os seus propios aspectos cuestionábeis e parece enfocado dunha forma excesiva cara a un mercado de trebellos que moitas persoas xa cualificaron de pasaxeiro. A perspectiva que temos dos procesos é o de estar dentro deles, cousa que non nos asegura poder predicir cara a onde nos conducen, algo que, se cadra, non deberiamos perder de vista.

Porén, cabe dicir que polo que se puido ver o pasado xoves a aposta de 2.0 parece moito máis complexa e parte, polo menos nos seus primeiros obxectivos, dunha perspectiva menos superficial do formato dixital e das súas posibilidades. É certo que as versións dixitais dos seus libros aínda non viron a luz, e que poderían caer de novo en erros de vulto coma estes, porén hai un par de cousas que están na súa folla de ruta que supoñen achegas interesantes a este momento tecnolóxico e que permiten ilusionarse co futuro.

Se cadra a máis destacábel sexa a ollada específica que dirixen aos autores/as, unha cousa que non é habitual escoitar nas presentacións de proxectos editoriais. A editora comeza a súa andaina con dous pesos pesados como son Eduardo Mendoza e Douglas Adams, apuntando unha liña editorial que xulgo moi necesaria no contexto galego e á que tamén se teñen aproximado outros selos coma Urco. Porén, alén diso, destaca a súa oferta de servizos ás persoas interesadas en publicar, que sen pretender converterse nunha plataforma de autopublicación sen filtros, supón un ponto de inflexión nunhas relacións que acostuman ser moito máis xerárquicas e fechadas. A posibilidade destes de escoller licenza e formato dixital podería evitar tamén algún dos problemas que de entrada formulou o primeiro impulso cara ao libro electrónico comercial en galego. Ao mesmo tempo, non podo evitar relacionar esta nova perspectiva coa última anotación de Manuel Bragado, na que fala de como o mercado editorial pode enfrontarse de súpeto ao problema de ter máis autores que lectores.

Como dixen máis arriba, estar dentro dun proceso pode complicar os augurios sobre o lugar cara ao que nos leva. Os puntos de partida de 2.0 Editora son ben gorentosos, vexamos agora se as curvas da viaxe lles permiten levalos a bo porto. Cousa que lles desexamos.

#Edición#Edición dixital#Galiza#Lectura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies