Editando 2.0
A mediados da pasada semana presentouse en Compostela 2.0 editora, outra vaca no millo editorial que parte dunha forma decidida, e xa dende o seu propio nome, como un proxecto pensado no comezo dun novo momento dentro da edición e da lectura tradicional. Teño falado xa algunha vez do precipitado que me parece esta consideración das novas etapas e da fin do libro gutemberiano. Que moitas das felices descubertas sobre a hipertextualidade e a lectura electrónica que parecen estarse dando este ano levan xa moito tempo entre nós, e mesmo xa teñen o seu propio historial de triunfos e fracasos. Ao mesmo tempo, o estoupido da edición dixital dos últimos meses tivo os seus propios aspectos cuestionábeis e parece enfocado dunha forma excesiva cara a un mercado de trebellos que moitas persoas xa cualificaron de pasaxeiro. A perspectiva que temos dos procesos é o de estar dentro deles, cousa que non nos asegura poder predicir cara a onde nos conducen, algo que, se cadra, non deberiamos perder de vista.
Porén, cabe dicir que polo que se puido ver o pasado xoves a aposta de 2.0 parece moito máis complexa e parte, polo menos nos seus primeiros obxectivos, dunha perspectiva menos superficial do formato dixital e das súas posibilidades. É certo que as versións dixitais dos seus libros aínda non viron a luz, e que poderían caer de novo en erros de vulto coma estes, porén hai un par de cousas que están na súa folla de ruta que supoñen achegas interesantes a este momento tecnolóxico e que permiten ilusionarse co futuro.
Se cadra a máis destacábel sexa a ollada específica que dirixen aos autores/as, unha cousa que non é habitual escoitar nas presentacións de proxectos editoriais. A editora comeza a súa andaina con dous pesos pesados como son Eduardo Mendoza e Douglas Adams, apuntando unha liña editorial que xulgo moi necesaria no contexto galego e á que tamén se teñen aproximado outros selos coma Urco. Porén, alén diso, destaca a súa oferta de servizos ás persoas interesadas en publicar, que sen pretender converterse nunha plataforma de autopublicación sen filtros, supón un ponto de inflexión nunhas relacións que acostuman ser moito máis xerárquicas e fechadas. A posibilidade destes de escoller licenza e formato dixital podería evitar tamén algún dos problemas que de entrada formulou o primeiro impulso cara ao libro electrónico comercial en galego. Ao mesmo tempo, non podo evitar relacionar esta nova perspectiva coa última anotación de Manuel Bragado, na que fala de como o mercado editorial pode enfrontarse de súpeto ao problema de ter máis autores que lectores.
Como dixen máis arriba, estar dentro dun proceso pode complicar os augurios sobre o lugar cara ao que nos leva. Os puntos de partida de 2.0 Editora son ben gorentosos, vexamos agora se as curvas da viaxe lles permiten levalos a bo porto. Cousa que lles desexamos.
albixoi
22/03/2010 - 18:25
Deamos os parabéns e agardemos que a fortuna lle sexa propicia.
Mario
23/03/2010 - 08:50
Pois si, polo menos por actitude merecen sobrevivir, e a nosa cultura precisa tamén proxectos coma este.
ekis1331
23/03/2010 - 17:08
Toda porta que se abra implica novas posibilidades, so por iso xa hai que aledarse.
Danilo
25/03/2010 - 16:44
Polo que levo visto en canto a libro dixital (non asistín á presentación polo cal me falta moita información), penso que este si que é o camiño. A estratexia silandeira de proxección, a confianza en novos valores e a combinación de diferentes licenzas que indicas só me levan a pensar nun proxecto que necesariamente debe abrirse a moitas alternativas de publicación.
Eu concordo, o libro electrónico non vai substituír a imprenta, pero pode ser un gran complemento e unha vía de promoción e presenza editorial.
Apúntoche aquí unha idea que me leva rondando a cabeza dende hai meses e da que non dou conseguido facer unha entrada en condicións no proxectoq. O e-book, máis que unha colleita debe ser unha sementeira. Quero dicir, Dende o punto de vista editorial o libro electrónico podería considerarse máis un elemento de publicidade corporativa, de captación de atención que un produto comercial. Se os tiros van para a explotación do libro-e como produto de mercado haberá que fiar moi ben fiado para non caer nos erros que caeron (e caen) as discográficas.
(Quizais xa me estou liando de máis…) Ao que ía, parabéns e bos desexos para esta iniciativa.
Mario
25/03/2010 - 21:19
De todos xeitos o meu excepticismo cara ao libro electrónico céntrase sobre todo nos e-readers, cos que alguén xa apuntou que se está especulando comercialmente. O futuro da lectura dixital, sexa cal sexa, será indisociábel do noso ordenador persoal ou axenda electrónica, que axiña incorporarán os avances de visualización conquistados nos e-readers (e se non fixo xa é por algo). Ter un trebello que sirva só para ler non me parece unha aposta válida de futuro. Centralizalo nunha computadora non implica só unha cuestión de comodidade, tamén quere dicir que non haberá protección tecnolóxica que non se poida sortear, do mesmo xeito que acontece coa música. A ver se alguén se decata do inútil e impopular que é limitar o acceso privado a un ben polo que xa pagaches.
Por esa vía o mercado editorial poderá cometer os mesmos erros que as discográficas e recibirá, sen dúbida, o mesmo trato que recibiron elas. A miña experiencia (se serve de algo) é que seguirá habendo negocio para editoras e librarías mentres non se boten aos usuarios enriba. Eu hai máis de dez anos que leo e-books e banda deseñada e nunca deixei de mercar as súas versións físicas. É máis, moitos agasalleinos despois de lelos na computadora, cando doutro xeito nunca me interesaría por eles. Se cadra eu non sirva moito como referencia, pero nese sentido tes razón co de empregalos como ferramenta de promoción.