26/09/2011 by marioregueira

A canción de Leandro

Ninguén sabe como comezamos a falar de Leandro, eu nin sequera lle sabía ben o nome, e estrañoume porque da familia os nomes eran todos Xosé ou Manuel, e aquela sonoridade novelesca de Leandro era case como nova, nunca apostaría o nome de Leandro para un irmán do meu bisavó. Pero era. Leandro, o que acusaron de queimar a igrexa da vila e non o mataron alí, pero recrutárono e mandárono a algún lugar da fronte de Cataluña. De cando Leandro marchou á guerra, que levaba unha canción.

E eu miro para a miña avoa mentres forza a memoria e pregúntome como se leva unha canción á guerra, se sería un vinilo dos pequenos ou se sinxelamente a levaba escrita nun papel. Estou a piques de preguntalo, pero ela deixa os ollos en suspenso. Decátome coma sempre de que a miña avoa non encaixa coas avoas paradigmáticas, non parece unha velliña na mecedora, tivo sempre un un aire a Joan Crawford, a Jackie Kennedy nos últimos anos, e sempre soubo do engado que iso lle dá. Por algo estamos rodeándoa, pendentes deses ollos que no aire tratan de lembrar, e nese silencio expectante que parece que lle marca a entrada, a miña avoa canta.

Silencio en la noche, ya todo está en calma,
el músculo duerme, la ambición trabaja.

 

Un clarín se oye. Peligra la patria.
Y al grito de guerra los hombres se matan…

A canción que, non sei como, alguén da familia lle deu a Leandro para que a levase á guerra da que non volveu. E seguimos falando da anécdota infantil de Leandro co avó Xosé, imitando as súas voces de pequeniños, rindo da gracia coma sempre se riu na familia, non sendo cando o propio Xosé estaba diante, porque o meu bisavó nunca puido volver escoitar o nome do irmao desaparecido sen botar a chorar. E se cadra por iso eu non sabía dese nome case máxico. Leandro, que foi cunha canción na memoria ou nos petos a sumirse para sempre nalgún lugar do Leste, que deixou unha sombra na casa familiar e unha xenreira fonda cara aos cregos que o acusaran. Que era todo alegría. E iso a miña avoa dio varias veces.

Pasan días nos que eses versos baten na miña cabeza. Días antes de que me dea por facer o inevitábel e apareza Gardel nunha pequena fiestra, cantando Silencio e poida ver que o tango, de comezos dos trinta, está escrito por Le Pera e ten o ton libertario e social que daba a algunhas das súas composicións. A canción, porén, será xa para sempre da voz da miña avoa.

De todo nos faltan pezas. Penso con ironía que o tango se titula case igual que un dos meus vindeiros libros e que ese libro, tamén por acaso, está colmado de guerras. Que na miña próxima novela sae un cantante que fala de facer unha versión de Gardel. Aínda que en ningún deles sairá o nome Leandro, nin a dor infinda dun home que chora polo seu irmao pequeno desaparecido en batallas de outros, que me roubaron esa homenaxe, aínda que a garde para o futuro. Penso na palabra memoria, e en todas as lembranzas feitas farrapos que nos deixaron a dor, o medo e a represión. Penso en que sería de Leandro e de como se sentía retratado nesa canción que levou a sumir con el na traxedia dos homes matándose por unha patria que non sentían propia. E penso tamén que non se pode perdoar onde non hai arrepentimento. E que despois de todo o traballo que nos dá reconstruír esta memoria, haberá que gardala no caixón das cousas que non imos esquecer nunca.

#Activismo e resistencia

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies