Rastani e a catarse
Confeso que aprendín a achegarme a moitas das propostas de pensamento político da contemporaneidade antes coma textos literarios que coma planos de acción política. E creo que no futuro os estudos culturais acabarán por valorar nese sentido moitas desas propostas que, na súa imposibilidade, se limitan ao simple xesto intelectual ou artístico. A razón é a peculiar relación coa realidade que chega a tecer unha esquerda envolvida en símbolos, maxias e poesía, obsesionada con moitos dos seus propios relatos moito máis aló do atenta que está á realidade.
O relato destes días é a potencial verosimilitude do discurso de Rastani na BBC. Por moitos dos foros do amplo progresismo escoitamos argumentos no mesmo sentido: podería ser certo, crémolo, Rastani é a realidade, é verosímil, etc… Son todo achegas que levan a mellor intención, pero esquecen o máis importante: a realidade obxectiva e o papel que un farsante ten nela cos seus cinco minutos de gloria. Dalgunha forma moita xente precisaba desa catarse de ver a un axente de bolsa recoñecendo que ao mercado lle dá igual a vida da xente e que os bancos, e non os nosos representantes políticos, son os que gobernan o mundo. Se cadra por iso a insistencia: o mal viña de ser identificado por riba de toda dúbida e completaba o relato nunha estrutura clásica: o ben contra o mal, a tiranía contra a liberdade, etc… Descubrir que o Rastani ese era un randa aventureiro e non un sisudo economista obriga a reconsideralo todo de novo.
Infelizmente o mundo é moito máis complexo que iso. Sarkozy non vai saír nas noticias recoñecendo que o que lle importa da guerra de Libia non son os dereitos do pobo libio senón o petróleo, e sería demostrar unha escasa capacidade intelectual esixir un feito así para indignarnos contra a agresión bélica da OTAN. Da mesma forma non podemos agardar que os elementos que se aproveitan da crise saian presumindo diso pola tele. Goldman Sachs non emitirá un comunicado pasándonos pola cara que manda máis no mundo que os nosos representantes políticos. Precisamente o noso deber é sacar as nosas propias conclusións, conscienciarnos da complexidade das relacións políticas e non aferrarnos ás palabras de estúpidos oportunistas sedentos de fama e caer en absurdas e incertas teorías da conspiración que teñen máis de novela que de real. A fin de contas, exista ou non un complot por parte do sistema bancario é cousa que pouco nos afecta, o noso deber é limitar a incidencia que ten sobre a nosa realidade política, e iso, á vista dos últimos acontecementos, si que é un feito obxectivo.
Unha das grandes loitas de Bertolt Brecht no seu proxecto de teatro épico foi precisamente contra a catarse. A identificación do público cos protagonistas nunha estrutura relacional clásica impedíalle a este ser consciente do problema social que xacía tras esas mesmas relacións. Dalgunha forma asistimos, con espectáculos como os de Rastani, á configuración dos medios de comunicación como un novo teatro. Un teatro burgués, malo e feito con poucos medios que pretende borrarnos a nosa consciencia social dunha forma igualmente burda. Non importa se o que di Rastani é verosímil ou non, a nosa vontade política non debera depender de sensacionalismos así, e hai centos de vídeos na rede coas revoltas da poboación grega e os mortos da libia como mostra, se cadra o teatro épico dos nosos días.