Zombieland, un filme sobre a nostalxia
Volver falando sobre un filme de zombis de 2009 é toda unha declaración de principios, porén resulta acaido, por unha banda por ver se a carne morta dos escravos que fomos volve á vida, por outra porque os motivos do filme evidencian de que forma a nostalxia segue a ser o ítem político que sempre foi.
Un rapaz sobrevive ao holocausto zombi que asolaga o mundo (comezando polos Estados Unidos, naturalmente). No medio da loita pola súa supervivencia atopará unha serie de compañeiros inesperados de viaxe: unha especie de cowboy urbano e dúas irmás que procuran un parque de atraccións no que estiveron de nenas e que supoñen felizmente liberado da praga zombi. A viaxe que nos propón a trama é por tanto cara a un territorio feliz da infancia, pero non será este o único elemento que atinxa aos pasados perdidos. O cowboy vai asaltando supermercados abandonados para recuperar os seus chocolates favoritos, antes de que a caducidade borre definitivamente o seu sabor da face da terra, e polo medio do camiño a estraña cuadrilla atopará a casa de Bill Murray e terá oportunidade de ver no seu cinema o clásico dos 80 Ghostbusters.
Tense falado moito de porque a temática zombi sufriu un aumento tan acusado na última década, pasando a ser un dos elementos máis frecuentes na cultura popular. Para min, a pesar da pouca experiencia que teño no xénero, resulta doado chegar á conclusión de que a súa vixencia está relacionada coa forma en como a nosa xeración contempla o mundo contemporáneo e coa súa peculiar relación coa nostalxia.
O grupo de persoas adultas novas que vive tentando prorrogar eternamente unha infancia perdida vive atado á lembranza dos oitenta, ese época que alguén definiu como feliz, pois o único que temiamos era que o ceo, na forma de inverno nuclear, se derrubase sobre as nosas cabezas. En realidade, como cumprindo a profecía punk de No Future, o ceo derrubouse sobre nós, aínda que non o fixese na forma que estaba prevista. O holocausto que chegou é a barbarie zombi, a crise económica, o triunfo do bloque capitalista na Guerra Fría. Non é xa que o futuro non fose como nos prometeran, é que nin sequera mantivo o seu ritmo de decadencia e produciu un pico de caída que nos deixa con menos horizontes, menos dereitos e menos expectativas que as que tiñan os nosos pais e nais. Teño escoitado, case como un mantra dos novos analistas políticos, que somos a primeira xeración que vivirá peor que a precedente.
Nese sentido, a nostalxia é un fenómeno inevitábel, aínda que como ferramenta política sexa perigosa, pois non nos permite analizar criticamente o pasado (os oitenta foron terríbeis a nivel social, aínda que a grande guerra nunca estalase). Porén, o seu exercicio funciona como un síntoma que nos deixa palpar o pánico por un futuro que se presente peor que o pasado ou que xa chegou e non é máis que un holocausto de persoas putrefactas que nos perseguen. Os Cazafantasmas non volverán salvar a cidade, os Goonies non atoparán o tesouro, xa non hai dous bandos equilibrados, e só nos queda unirnos a unha pequena cuadrilla rodeada, resistir seguindo as vías de territorios desaparecidos e construír, coas pezas que nos quedaron nas mans, unha nova forma de entender o mundo.