22/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da batalla

Di o clásico de Carlo M. Cipolla As leis fundamentais da estupidez humana, que unha persoa estúpida é aquela que “causa un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter ao mesmo tempo un beneficio para si, ou mesmo obtendo unha perda.” Por esa regra de ouro faltaba o test das eleccións para dirimir se o acontecido no nacionalismo galego fora obra dun acto de estupidez e por onde asomaba o responsábel. Pasada a proba, podemos dicir que se houbo algún estúpido ese non foi Beiras. Aínda na análise máis restritiva, a que pide non contabilizar todos os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas como nacionalistas, o cómputo lanza un incremento da representación do nacionalismo de esquerdas, aínda que coa novidade de facelo en partidos diferentes, un deles parte dunha inédita coalición co españolismo de esquerdas que non sabemos até que punto está distorsionando esa lectura. Se ben a situación segue a distar dos resultados históricos, sería a primeira modificación á alza dende estes, as eleccións de 1997, onde o Bloque Nacionalista Galego, liderado por Beiras, chegaba a ser a segunda forza política galega.

Dende aquel día, o Bloque Nacionalista Galego acumulou descensos que culminan coa catástrofe de onte á noite. A chegada do bipartito maquillaba no acto simbólico de “tocar poder” os resultados dun BNG que ía perdendo o apoio dos votantes dunha forma imparábel e que sorprendía coa súa propia falta de avaliación interna. Non me alegro das desgrazas de ninguén, pero hai algo de xustiza poética no acontecido onte. O Bloque paga a incapacidade crónica para xestionar a súa propia diversidade e tamén paga a marcha dun xigante da política como Xosé Manuel Beiras ao que condenaron ao ostracismo durante demasiado tempo e que antes chegaran mesmo a ter como líder vergonzante, demasiado radical para conseguir espallar a influencia do partido en determinados ámbitos. O equivalente á marcha do vello león é, salvando as evidentes distancias, que Aznar entrase no partido de Mario Conde ou Felipe González se pasase a Esquerda Unida. Dilapidar un valor de partido coma ese, aínda dentro da discrepancia interna na que se produciu, acaba pagándose moi caro.

Porén, xunto con esta lectura levemente optimista, resúltame tremendamente baleira a euforia que está a vivir unha parte de Alternativa Galega de Esquerdas, incluídos os discursos que teñen máis de retórica combativa que de realismo. Obviamente é un grande éxito para un partido debutante, e alégrome tanto da volta de Beiras como me proe que o faga acompañado de persoas sociolingüísticamente entregadas a Madrid e que nin se molestaron en estudar a colocación dos pronomes para a campaña. Porén é un brinde ao sol. Nos próximos anos, o PP modificará a lei electoral e culminará a espolio que está a realizar sobre o sector público, endurecerá as políticas contra o galego e campará a vontade por onde queira. E por máis que moitas persoas esteamos a gozar dos enxeñosos retruques de Beiras no parlamento, a xenialidade intelectual non basta para frear un partido cunha maioría absoluta histórica. A promesa de que “algo novo comeza” lémbrame demasiado a aquela que escoitei en 1997, a primeira vez que votei, cando a mudanza política parecía unha cuestión xeracional e semellaba que podiamos agardar a que os votos “carretábeis” fosen sendo substituídos por votos con pernas, consciencia e vontade. Porén pasaron quince anos, quince anos preciosos para a recuperación da nosa lingua e da nosa industria cultural, quince anos perdidos que nos colocan ao borde dun abismo do que resulta moi complicado escapar xa.

E non sinalarei un culpábel, porque hai máis de un e a min resúltanme evidentes. Asistimos a unha campaña que se formulou contra o veciño do lado, ese que ten unha leira na que sacha coma nós, sen mirar para o pazo no que vive o señor feudal ao que se lle pagan as rendas. Igual que dentro do BNG, as liortas continúan pola taifa antes que polo interese común, e importa máis darlle na cabeza ao rival que decapitar ao verdadeiro inimigo. No nacionalismo galego falta unha perspectiva unitaria e unha noción clara dos obxectivos, hoxe por hoxe, e pensando a nivel inmediato, debera ser botar ao feixismo e despois tentar unha recuperación nacional que impida que a nosa cultura se dilúa no tempo das linguas mortas e as civilizacións extintas. Se cadra xa é tarde para iso. O que está claro é que os partidos galegos deben pensar se o dano que a súa división e as súas leas causan á sociedade galega lles vai dar algún beneficio.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Comments

  1. lector
    23 23UTC Outubro 23UTC 2012 - 18:03 06Tue, 23 Oct 2012 18:03:43 +000043.

    A colocación dos pronomes tampouco a estudaron moito, polo menos, dous dos sete diputados do BNG. Cualificar Esquerda Unida de “españolismo de esquerda” paréceme non saber en que época histórica nos estamos adentrando. Pero ben, tudo bem.

  2. Mario
    23 23UTC Outubro 23UTC 2012 - 18:40 06Tue, 23 Oct 2012 18:40:57 +000057.

    Unha cousa non quita á outra, de todas formas é difícil atopar un candidato que maltratase máis a súa lingua que Yolanda, (nin lembrándonos de Touriño), algo que non fai máis que evidenciar o valor social que o seu partido lle dá e que quedou ben claro na anécdota estrela da campaña.

    Non cualificar a Esquerda Unida de “españolismo de esquerda” é non saber con quen se está pactando. Será federalista e terá até o seu corazonciño galego, pero no programa de Esquerda Unida non hai nada que pase pola superación da estrutura estatal nin unha implicación real cos problemas nacionais. Se cadra a definición toca sensibilidades, pero en xustiza non lle cabe outra.

    Por outra banda, non o entendo como algo necesariamente negativo, sendo pragmáticos e pensando en obxectivos inmediatos e urxentes haberá até que convivir con partidos como o PSOE, pactar con EU é apostar por unha unidade de clase á que se pode chegar a acordos de mínimos válidos por moitos anos, sobre todo na situación actual. O que non vexo normal é que se negue ese carácter, como se a republicana non fose unha bandeira española ou como se o discurso e a praxe dos compañeiros no Parlamento non fose a que foi, mesmo durante a campaña.

    Unha cousa que me cansa da situación actual, e xa dende hai anos, é a imposibilidade de formular críticas, nin sequera leves, a calquera familia do nacionalismo galego. Vino durante moito tempo no Bloque, e estouno vendo outra vez en AGE. Desa falta de cambio real é de onde vén a maior parte do meu pesimismo ante o novo escenario. Mentres cada crítica se tome como un ataque e dediquemos os nosos mellores esforzos a tirarnos pedras nos foros dos xornais en lugar de prepararnos para expulsar á dereita do país, isto non mudará nunca.

    E non sei en que “época nos estamos adentrando”, pero vai facer frío. Abríguese.

  3. miguel
    26 26UTC Outubro 26UTC 2012 - 11:05 11Fri, 26 Oct 2012 11:05:15 +000015.

    Son do BNG e concordo -até sorrir-, co que denominas como xustiza poética da nosa derrota. Foi gañada a pulso e toca tempo de reflexión e mudanza. Por desgraza, o que AGE entende como un éxito vai impedir que se produza de xeito conxunto unha catarse nas dúas almas do nacionalismo galego. Na que eu milito ven imposta pola realidade (se non se quere ver agora, a próxima hostia será máis grande aínda). Na outra, modestamente, coido que tamén é necesaria, xa que nela habitan persoas con actitudes tan viciadas, endogámicas e sectarias como na nosa -ou por ser diplomáticos, deixémolo en case tanto-.
    Volvendo ao lirismo, que tan ben prende neste país, algúns sufriron xustizas poéticas con sabor épico -sendo Beiras o heroe e eles os viláns- e para a maioría, entre @s que me inclúo, a xustiza poética foi un construto surrealista: parad@s no laboral, traballador@s no movemento asociativo, cultural, sindical, ampas…aos que a sociedade nos fai un ERE político por burgueses, acomodados e afastados da sociedade.
    A xustiza non é cega, e coido que tampouco serán xustas as agresións que o poder vai infrinxir ao pobo galego, nin sequera entre os que avalaron á forza política que as vai cometer.
    Vai vir moito frío, vai.

  4. Mario
    26 26UTC Outubro 26UTC 2012 - 13:54 01Fri, 26 Oct 2012 13:54:00 +000000.

    Obrigado, Miguel, polo comentario e pola franqueza. Estou en boa parte de acordo contigo, hai cousas da catástrofe que me doen porque sei da forza e da ilusión de moita da militancia que quedou no BNG, e como esa militancia traballou e traballa a pesar de moitas actitudes das personalidades con máis nome. Tamén sei obxectivamente que nin as persoas que máis criticaron ao BNG nos últimos anos perderon nunca o respecto e a querenza a esa militancia, que se cadra non debera sentirse tan rexeitada nas últimas eleccións como sen dúbida o foron os seus representantes. Por outra banda comparto o escepticismo cara a alternativa, ben se ve que hai parte da equipaxe do peor que se levan, como agardo que leven tamén parte do mellor, en calquera caso toda a súa euforia é por un proxecto concreto (compartido cunha forza non nacionalista), e para min, que me preocupa o país, o termo euforia está hoxe por hoxe na fronteira da realidade, aló onde comeza a ficción.
    Virá frío, pero de todas formas non esquezamos que aínda sabemos facer fogueiras, levamos anos facéndoas.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies