02/11/2011 by marioregueira

Os medios que resucitan

Viña a saber hai unhas semanas que nalgún lugar da Cornualla grupos de activistas están a crear unha rede de ensino infantil en córnico. A nova non sería digna de mención de non ser porque a lingua propia da península foi extinguida no século dezaoito e substituída pola lingua máis poderosa do mundo, o inglés. A persistencia do movemento social conseguiu que o córnico volva de entre os mortos e esfórzase para que dentro duns poucos anos estea a camiñar de novo por entre a sociedade da pequena nación británica. Como ben evidencia as citas de Kadaré ás que nos referiamos a semana pasada, acabar cunha lingua non é unha cousa tan doada, mesmo facela retroceder pode representar unha tarefa titánica e mesmo nos casos nos que se canta vitoria as lingua proscritas volven no momento máis inesperado e seguen enchendo o mundo co son disconforme da súa diversidade.

Será por iso que me pareceu especialmente axeitado que fose nas inmediacións do Samaín cando os medios galegos decidisen volver, unha vez máis, da súa enésima morte, tan falsa como foron todas as anteriores. A festa, a mesma que aldeas e arrabaldes aínda lembran d@s devanceir@s, moito antes da chegada do cinema americano, celebra precisamente ese único momento do ano no que as ánimas teñen licenza para volver do alén ao mundo dos vivos e visitar a súa vella contorna. Estou seguro que nalgún lugar perdido da tradición existe unha alusión a esa forza do rexurdimento, ás vinganzas xusticeiras que os vencidos pero nunca derrotados efectuaban aproveitando a circunstancia máxica.

Os medios en galego formulan a súa vinganza da forma máis elegante posíbel: seguindo adiante entre o fragor e demostrando que hai unha parte da sociedade que nunca se vai dar por vencida e que remoerá ceo con terra antes de asinar a claudicación. Da presentación dun deles fico co episodio sobre as cousas á que sobreviviu este pobo e aos retos aos que se enfrontou á súa cultura. E resáltoa porque moito máis aló da reivindicación dun resistencialismo abstracto como bandeira, en moi poucos sitios atopei unha verdadeira valoración do esforzo que fixo a nosa sociedade a través dos tempos para manter viva a súa cultura. Unha valoración que debería ser optimista, aínda que só fose polo feito de seguir tendo a lingua autonómica con máis falantes porcentuais do estado, ou pola súa propia existencia contra todas as agresións organizadas e desorganizadas. Aló onde outras linguas desapareceron (como o córnico) ou  afogaron até a mínima expresión (o astur-leonés, aquí ao lado), nós entramos no século XXI cunha grande literatura, cun panorama musical que roza a xenialidade e, contra todas as expectativas, con medios de comunicación propios, erguidos polo propio tesón da nosa sociedade. Máis aló do derrotismo e da desesperación eu conto moitos máis días nos que me sinto orgulloso de formar parte deste país, da súa longa tradición de teimud@s irredutíbeis, e do sorriso imbatíbel que ostenta fronte aos imperialistas fracasados de todas as xeracións.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua#Medios de comunicación#Samaín

27/10/2011 by marioregueira

As linguas que resucitan

O proceso de denacionalización total ou parcial dos pobos, que era a tarefa principal do Arquivo de Estado, consumábase segundo a vella doutrina secreta do “Cra-Cra” e transcorría a través de cinco fases esenciais: a primeira, a eliminación material da rebelión; a segunda, a eliminación da idea da rebelión; a terceira, a erradicación da cultura, a arte e os costumes; a cuarta, a extinción ou mutilación da lingua e a quinta, a extinción ou debilitamento da memoria nacional.(…)

 

 

Nun pesado andel de bronce estaban os expedientes das linguas mortas. Eran grosos, pero a maioría das súas follas estaban borradas co maior coidado. As palabras do dicionario, as regras gramaticais e de sintaxe eran borradas de forma progresiva, segundo o seu grao de decaemento ou desaparición. Ao final borrábanse as letras do alfabeto, o último vestixio da lingua escrita, tras o que se certificaba a súa morte completa. Inmediatamente despois comezaba o outro proceso, aínda máis longo e dificultoso, a eliminación da lingua oral (…).

 

 

Toda esta experiencia secular atopábase no expedientes do Arquivo. Alí estaba todo, os prazos, os imprevistos, as últimas mostras de teimosía, nunha palabra, todo, a excepción da propia lingua erradicada. Nos milleiros de páxinas dos expedientes non se atopaba nin unha pegada, nin unha palabra, nin sequera unha sílaba. A supresión absoluta de todos os datos sobre a lingua morta levábase a cabo co obxectivo de excluír toda posibilidade de que aquela retornara. (…)

 

 

…os seus seguidores acharan nas vellas crónicas o caso de resurrección dunha lingua, á que os cronistas chamaran con terror “Lingua-Cristo”. Ignórase como puido acontecer, escribían, que unha lingua morta había longo tempo volvese aparecer sobre a face da terra. Perseguiron ás persoas nas que a atoparan, capturáronas por fin mentres fuxían a través dos pantanos, cargáronas de cadeas, cortáronas en anacos, pero estas non quixeron ou non estiveron en condición de contar como a atoparan a ela, a proscrita.

 

Pequenas mostras da novela O nicho da vergoña do escritor albanés Isamaíl Kadaré. Describen o sometemento dos territorios conquistados polo Imperio Otomano e tamén moitas outras cousas.

#Activismo e resistencia#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

22/10/2011 by marioregueira

Fusiles de Fraga, mangueiras de Feijoo

Unha das sorpresas das redes sociais destes días era o feito extravagante de que Manuel Fraga sobrevivira á banda armada. O dato podería pasar en máis á historia das casualidades, pero ninguén afondou na fixación do vello dinosauro que sempre seguía alí coa acción directa nas súas máis variadas manifestacións. E non falamos só da súa natural predisposición a coller o fusil para tomar Cataluña de novo, ou a impecábel dirección daqueles sucesos de Gasteiz. Iso son feitos que foron froito das circunstancias e do disimulo e que só enganan aos inxenuos que viven afastados do debate político. Agora que a política do Estado entra nunha nova fase é un bo momento para sacar á luz un deses rumores clamorosos que ninguén se atrevía a dicir máis aló dos besbellos no fondo de determinados locais. Fraga foi, de toda a vida, un quintacolumnista da esquerda independentista, un mártir que, cargando cunha pesada máscara, sempre coidou da liberdade do seu pobo. E iso a pesar da súa mala puntería e dos sacrificios que a infiltración na dereita cavernícola lle obrigou a realizar.

De ningunha outra forma cabe interpretar sucesos como o famoso disparo na cacería do caudillo, desviado polo azar do seu verdadeiro obxectivo cara ás brandas nalgas de Carmencita Franco, e evitando un procurado magnicidio que mudaría para sempre a historia do país. A propia afección do prócer de Vilalba pola actividade cinexética non fai máis que ocultar o seu verdadeiro pasado, a súa formación nos montes de Lugo combatendo a ditadura. As mesmas malas linguas que o situaban nunha cacería en Estremadura durante o accidente do Prestige deberan preguntar polo alborozo co que foron recibidos os seus disparos libertadores no cercado Val de Xálima, ao borde da rendición ante as tropas do españolismo.

O propio mártir foise encargando de deixar un rastro o suficientemente visíbel para que o pobo puidese interpretar o seu papel: as entrevistas con Fidel e con Beiras, aquel estraño prólogo ao Calígula de Camus editado polo IGAEM (obra referencial sobre a lexitimidade do tiranicidio)… Pero moi especialmente debemos recoñecerlle o traballo de desgaste e sabotaxe interna que realizou dentro das filas populares, impoñendo o galego disfrazado de bilingüismo harmónico, filtrando mapas da Galiza completa e preparando o camiño para a disolución definitiva do partido e o colapso e desmembramento do Estado español (ás probas me remito):

Nalgún lugar, o vello capitán chairego soporta con paciencia os que intúe anos finais dunha labor de décadas no beneficio do pobo galego. Todos nós deberamos estremecernos e saúdar a súa figura queimada polos anos nas filas inimigas, que teña, polo menos, a nosa última homenaxe, que saiba que por fin nos decatamos e que a vitoria está próxima.

Supoño que non é necesario explicar que o texto precedente é unha fábula. Nestes tempos nos que unha parte importante do electorado galego creu que o tipo de aí arriba estaba apagando un incendio, non podemos deixar de alertar sobre as dobradizas da realidade e o perigoso das súas interpretacións. O relato construído sobre a pornografía da imaxe de Feijoo non ten nada que envexar á delirante novela que veño de trazar cun Fraga vestido de cazador ao fondo. O vascogalego disparou accidentalmente sobre un filla de Franco, o seu sucesor pasou accidentalmente por alí, aínda que soubo vender moito mellor a banalidade da súa presenza. As probas, nas fragas requeimadas do Sul, onde o noso presidente non tivo a ben de poñer o pé (nin medios anti-incendios) nunca máis se cadra para que non digan que, como Atila, vai pelando o monte que pisa. É dicir, para que non digan a verdade.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

07/10/2011 by marioregueira

As tres mazás que mudaron o mundo

Algúns medios fartáronse de repetir a fórmula tras a morte de Steve Jobs, acontecida na madrugada de onte e tan ben reflectida na prensa estatal da mañá seguinte. Segundo os iluminados do momento, a mazá de Apple sería a terceira tras a de Newton e a de Adán e Eva (?) en mudar a historia da humanidade. Entendo que a linguaxe xornalística precise deses xogos de última hora cos que adornar as novas máis ou menos baleiras de contido ou que non teñen moito que comentar. Resulta máis complicado entender que a nova do infeliz e temperán pasamento de Jobs encaixe nese perfil. E máis aínda me custa pensar no perfil de quen tivo a infeliz ocorrencia de equiparar a lenda bíblica con Newton e Jobs.

Deixando de lado o feito de que, segundo creo lembrar, os textos da Xénese non falan de mazá en ningún momento (senón de “froito”), vou descualificar esa infeliz primeira mazá da humanidade por dopaxe e por ser pouco axeitada para representar os desvelos da nosa especie na procura do coñecemento. A de Newton si, e a de Jobs xa se verá, aínda que a súa importancia tecnolóxica no noso tempo parece, a día de hoxe, incontestábel.

A miña terceira mazá é a de Alan Turing, ou a mazá que Alan mordeu para morrer, segundo parece envelenada por el mesmo. Non é que a mazá xogue un papel espectacular na traxectoria científica de Turing, pero chegou a simbolizalo dunha forma tal que a maioría pensamos algunha vez que o logo de Apple era unha homenaxe á súa figura e non (como seica é) á de Newton. Turing é unha figura que non tivo unha popularidade acorde ás súas achegas nin á súa importancia social. Nin máis nin menos é un dos responsábeis da vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial. Non participou directamente nas batallas, pero liderou a guerra no campo da espionaxe e a contraespionaxe axudando a rebentar os códigos das máquinas de cifrado Enigma, empregadas polos alemáns para as súas comunicacións militares. O acurtamento do conflito que isto provocou significou a salvación de incontábeis vidas humanas, un feito aínda así menos valorado que as mostras de valor realizadas no campo de combate por outras persoas.

Porén Turing non foi só un heroe na guerra dos gabinetes. O seu traballo posterior nos primeiros pasos da informática estabeleceu moitos dos conceptos que hoxe manexamos e adiantou algúns outros na relación entre o ser humano e as máquinas que nos seguirán servindo no futuro, ao paso do avance tecnolóxico.

Hai tempo vía nun documental alguén que explicaba como a guerra fortalecera a idea dun sistema de saúde público na cultura británica. “Se lle pedíamos a xente que fose morrer polo seu país, tamén era xusto que o seu país coidase dela cando o precisase”. Unha máxima tan brillante, porén, non puido aplicarse noutros campos da sociedade nin serviu para entender outro tipo de cousas. Alan Turing, homosexual, viviu un auténtico inferno persoal na Gran Bretaña de posguerra: un proceso por perversión sexual que acabou coa súa carreira e unha pena que incluía unha tentativa de “curación” forzada mediante a inxección de estróxenos que arruinaron a súa vida e o seu sentido da sexualidade. Torturado e marxinado polo mesmo estado ao que salvara da barbarie bélica, Turing pon fin á súa vida deixando un un falso siloxismo que trata de manifestar o absurdo social en choque coa racionalidade máis básica. A sexualidade de Turing non afecta ao seu xenial traballo científico, da mesma forma que non afectaría o seu xénero, a súa raza nin a súa procedencia social.

Pasaron moitas décadas antes de que a figura de Turing fose restaurada, o estado británico desculpouse formalmente aínda en 2009 e en parte podemos dicir que a popularización da súa personalidade está en curso. Por iso, e porque a nosa flamante racionalidade social seguirá correndo riscos nos próximos anos, é que quixen usurpar con esta entrada a morte do artífice da terceira mazá, aínda que estou seguro de que non lle importaría.

#Activismo e resistencia#Ciencia e tecnoloxía#LGBTQ

04/10/2011 by marioregueira

A resistencia como tradición

Así titulaba hai un ano a crítica sobre o libro Inmunda escoria, de Ricardo Gurriarán, unha obra monumental e imprescindíbel para entender a represión franquista sobre a Universidade de Santiago de Compostela. Porén, mal crítico sería se pensase que os límites dun libro rematan nas súas páxinas e que as publicacións non son tamén pezas determinantes do seu contexto social, ao que tantas veces contribúen a afianzar (e tan poucas axudan a derrubar). Unha pequena parte dos seus paratextos procura, mediante as palabras do antigo reitor da gloriosa institución, apropiar o legado daquela resistencia estudantil como contribución imprescindíbel da universidade para unha sociedade máis xusta e democrática, a que en teoría temos hoxe. Non foi o único, nas lembranzas e homenaxes aos vellos Voces Ceibes de hai un par de anos, houbo quen se esforzou por marcar esa distancia entre a “boa” acción contra a ditadura e os díscolos estudantes do presente.

Eu resístome a crer que todos aqueles afoutos loitadores contra a ditadura xogasen a vida por unha universidade como a que temos hoxe, esa que nos últimos meses fai camiñar a súa traxectoria cara ao elitismo social e as tendencias privatizadoras, ou a que se conformou como unha excelente produtora de traballo precario (que mundo tan parvo). Resístome a crer sequera que ese espírito de vellos que un día foron mozos rebeldes apoiase a represión e os golpes contra a democracia que nos deixou o ronsel das mobilizacións contra as súas reformas.

Hai xusto dez anos comezabamos a loita contra a L.O.U., un momento dunha grande efervescencia, no que as accións paralizaron o curso da actividade universitaria durante meses. Nalgún momento, xusto antes da nosa grande derrota social (preludio de tantas outras), volvemos ás aulas e un dos mestres recibiunos coa seguinte frase: “agora volven ás aulas, pero non esquezan que a verdadeira aula está aí fóra, na loita, é aí, e non aquí dentro, onde van aprender as cousas importantes da vida”. Foi unha excepción, desas que tan pouco habituais son entre o corpo docente, e que por iso quedan marcadas a ferro na memoria. Creo que ese é, aínda por sobre todas as catástrofes, o valor que podemos dar á institución: por riba da mediocridade que abunda nas súas xerarquías, brillan os seus escasos pero auténticos mestres, e por riba da masa anónima dos estudantes, vibra o espírito da mocidade e o inconformismo, o único capaz de converter a resistencia nunha tradición de décadas.

A fotografía, cortesía involuntaria da Arqueira.

#Activismo e resistencia#Testemuño

29/09/2011 by marioregueira

Rastani e a catarse

Confeso que aprendín a achegarme a moitas das propostas de pensamento político da contemporaneidade antes coma textos literarios que coma planos de acción política. E creo que no futuro os estudos culturais acabarán por valorar nese sentido moitas desas propostas que, na súa imposibilidade, se limitan ao simple xesto intelectual ou artístico. A razón é a peculiar relación coa realidade que chega a tecer unha esquerda envolvida en símbolos, maxias e poesía, obsesionada con moitos dos seus propios relatos moito máis aló do atenta que está á realidade.

O relato destes días é a potencial verosimilitude do discurso de Rastani na BBC. Por moitos dos foros do amplo progresismo escoitamos argumentos no mesmo sentido: podería ser certo, crémolo, Rastani é a realidade, é verosímil, etc… Son todo achegas que levan a mellor intención, pero esquecen o máis importante: a realidade obxectiva e o papel que un farsante ten nela cos seus cinco minutos de gloria. Dalgunha forma moita xente precisaba desa catarse de ver a un axente de bolsa recoñecendo que ao mercado lle dá igual a vida da xente e que os bancos, e non os nosos representantes políticos, son os que gobernan o mundo. Se cadra por iso a insistencia: o mal viña de ser identificado por riba de toda dúbida e completaba o relato nunha estrutura clásica: o ben contra o mal, a tiranía contra a liberdade, etc… Descubrir que o Rastani ese era un randa aventureiro e non un sisudo economista obriga a reconsideralo todo de novo.

Infelizmente o mundo é moito máis complexo que iso. Sarkozy non vai saír nas noticias recoñecendo que o que lle importa da guerra de Libia non son os dereitos do pobo libio senón o petróleo, e sería demostrar unha escasa capacidade intelectual esixir un feito así para indignarnos contra a agresión bélica da OTAN. Da mesma forma non podemos agardar que os elementos que se aproveitan da crise saian presumindo diso pola tele. Goldman Sachs non emitirá un comunicado pasándonos pola cara que manda máis no mundo que os nosos representantes políticos. Precisamente o noso deber é sacar as nosas propias conclusións, conscienciarnos da complexidade das relacións políticas e non aferrarnos ás palabras de estúpidos oportunistas sedentos de fama e caer en absurdas e incertas teorías da conspiración que teñen máis de novela que de real. A fin de contas, exista ou non un complot por parte do sistema bancario é cousa que pouco nos afecta, o noso deber é limitar a incidencia que ten sobre a nosa realidade política, e iso, á vista dos últimos acontecementos, si que é un feito obxectivo.

Unha das grandes loitas de Bertolt Brecht no seu proxecto de teatro épico foi precisamente contra a catarse. A identificación do público cos protagonistas nunha estrutura relacional clásica impedíalle a este ser consciente do problema social que xacía tras esas mesmas relacións. Dalgunha forma asistimos, con espectáculos como os de Rastani, á configuración dos medios de comunicación como un novo teatro. Un teatro burgués, malo e feito con poucos medios que pretende borrarnos a nosa consciencia social dunha forma igualmente burda. Non importa se o que di Rastani é verosímil ou non, a nosa vontade política non debera depender de sensacionalismos así, e hai centos de vídeos na rede coas revoltas da poboación grega e os mortos da libia como mostra, se cadra o teatro épico dos nosos días.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

26/09/2011 by marioregueira

A canción de Leandro

Ninguén sabe como comezamos a falar de Leandro, eu nin sequera lle sabía ben o nome, e estrañoume porque da familia os nomes eran todos Xosé ou Manuel, e aquela sonoridade novelesca de Leandro era case como nova, nunca apostaría o nome de Leandro para un irmán do meu bisavó. Pero era. Leandro, o que acusaron de queimar a igrexa da vila e non o mataron alí, pero recrutárono e mandárono a algún lugar da fronte de Cataluña. De cando Leandro marchou á guerra, que levaba unha canción.

E eu miro para a miña avoa mentres forza a memoria e pregúntome como se leva unha canción á guerra, se sería un vinilo dos pequenos ou se sinxelamente a levaba escrita nun papel. Estou a piques de preguntalo, pero ela deixa os ollos en suspenso. Decátome coma sempre de que a miña avoa non encaixa coas avoas paradigmáticas, non parece unha velliña na mecedora, tivo sempre un un aire a Joan Crawford, a Jackie Kennedy nos últimos anos, e sempre soubo do engado que iso lle dá. Por algo estamos rodeándoa, pendentes deses ollos que no aire tratan de lembrar, e nese silencio expectante que parece que lle marca a entrada, a miña avoa canta.

Silencio en la noche, ya todo está en calma,
el músculo duerme, la ambición trabaja.

 

Un clarín se oye. Peligra la patria.
Y al grito de guerra los hombres se matan…

A canción que, non sei como, alguén da familia lle deu a Leandro para que a levase á guerra da que non volveu. E seguimos falando da anécdota infantil de Leandro co avó Xosé, imitando as súas voces de pequeniños, rindo da gracia coma sempre se riu na familia, non sendo cando o propio Xosé estaba diante, porque o meu bisavó nunca puido volver escoitar o nome do irmao desaparecido sen botar a chorar. E se cadra por iso eu non sabía dese nome case máxico. Leandro, que foi cunha canción na memoria ou nos petos a sumirse para sempre nalgún lugar do Leste, que deixou unha sombra na casa familiar e unha xenreira fonda cara aos cregos que o acusaran. Que era todo alegría. E iso a miña avoa dio varias veces.

Pasan días nos que eses versos baten na miña cabeza. Días antes de que me dea por facer o inevitábel e apareza Gardel nunha pequena fiestra, cantando Silencio e poida ver que o tango, de comezos dos trinta, está escrito por Le Pera e ten o ton libertario e social que daba a algunhas das súas composicións. A canción, porén, será xa para sempre da voz da miña avoa.

De todo nos faltan pezas. Penso con ironía que o tango se titula case igual que un dos meus vindeiros libros e que ese libro, tamén por acaso, está colmado de guerras. Que na miña próxima novela sae un cantante que fala de facer unha versión de Gardel. Aínda que en ningún deles sairá o nome Leandro, nin a dor infinda dun home que chora polo seu irmao pequeno desaparecido en batallas de outros, que me roubaron esa homenaxe, aínda que a garde para o futuro. Penso na palabra memoria, e en todas as lembranzas feitas farrapos que nos deixaron a dor, o medo e a represión. Penso en que sería de Leandro e de como se sentía retratado nesa canción que levou a sumir con el na traxedia dos homes matándose por unha patria que non sentían propia. E penso tamén que non se pode perdoar onde non hai arrepentimento. E que despois de todo o traballo que nos dá reconstruír esta memoria, haberá que gardala no caixón das cousas que non imos esquecer nunca.

#Activismo e resistencia

11/09/2011 by marioregueira

11 de setembro

Non me impresionou, ou polo menos non tanto como parecía impresionar a todo o mundo. Estaba claro que se ía armar unha grande, pero os que eramos fillos da Guerra Fría non escoitabamos trompetas de apocalipse. A grande conflagración non acontecería por aquilo, por máis que as imaxes fosen tan espectaculares como un filme hollywoodiense de acción. A cambio diso tiñamos un mundo desequilibrado no que o único imperio restante asaltaría impunemente a calquera que puidese considerar responsábel de aquilo. E así foi, a escusa serviu para invadir Afganistán e aínda puido estirarse nunha cruzada contra o terrorismo islámico que apuntaba a un obxectivo tan extravagante como a ditadura laica iraquí. As vítimas inocentes do World Trade Center multiplicáronse por dez ou por cen, aínda que agora sexan anónimas, morran en guerras civís ou afoguen en países esnaquizados pola guerra. Hai quen di que o mundo se volveu máis sombrío dende o 11 de setembro de hai dez anos, eu creo que sinxelamente definiu unha tendencia que xa existía antes, confirmou que todos deberamos poder votar e presentarnos ás eleccións estadounidenses e que un pobo culto e informado é un pobo libre. Confirmou que escasos pobos libres quedan no planeta, e que ningún deles deixa de ter esa liberdade constantemente ameazada.

Durante a enxurrada informativa daquel día non deixaban de repetir que lembraramos que estabamos a facer no momento da caída das torres, porque nolo preguntarían moitas veces ao longo das nosas vidas. Inconscientemente apunteino, aínda que nunca ninguén mo preguntou, supoño que a maioría da xente (con excepcións) non estaba facendo nada demasiado interesante. O 11 de setembro de 2001 preparaba o que sería o meu derradeiro exame na Facultade de Dereito da Coruña, o último trámite dunha mudanza radical na miña vida. Cambiaba o que todo o mundo interpretaba como unha carreira proveitosa por unha adicación decidida cara a literatura. Un camiño aberto, moito máis precario, pero polo que sempre sentira unha paixón insobornábel. Naquel tempo a traxedia americana encaixaba á perfección na miña vida persoal: despois de todo non podía sorprenderme que algo se rompera nalgún lugar do mundo, que os medios anunciasen catástrofes apocalípticas e que exércitos de varios países se preparasen para entrar en combate nas zonas máis inhóspitas do planeta. E creo que aos meus pais tamén todo aquilo lles encaixaba demasiado ben co que estaba pasando.

O resto da situación política, ademais, non acompañou e non deixamos de loitar, cos medios ao noso alcance contra ela. O primeiro, a longa revolta anti-L.O.U., que fraguou moitas das amizades que me acompañarían até hoxe, e despois o Nunca Máis, o Non máis guerras por petróleo, as mentiras do 11-M e a claudicación do país ante a novísima dereita, os ataques á lingua e o golpe de estado constitucional das últimas semanas. Nestes dez anos o meu mundo cambiou enormemente, practicamente recolocouse de arriba a abaixo: aprendín a decepcionarme por máis cousas e a ilusionarme con tantas outras, forxei pactos que seguirán en pé o resto da miña vida, acabei unha diplomatura e unha carreira, publiquei cinco libros e outros dous que están en camiño, gañei uns cantos premios, o último onte, como se fose un froito tardío pero puntual dunha semente plantada hai unha década.

Aínda así teño a sensación, por veces, de estar a brindar nun edificio que se derruba, que queda moito máis traballo por diante que o que deixamos atrás e que dun momento a outro camiñaremos entre o po das catástrofes, dispostos a manternos en pé e, ao contrario que fixeron os estadounidenses, preparados para identificar aos culpábeis antes de dez anos e sobre todo, dispostos a levantar a casa común de novo entre todos.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

08/09/2011 by marioregueira

A reforma e o futuro

A gravidade que envolve o tema da reforma constitucional non é tanto de fondo como de formas. Non discutirei que marcar un teito inviolábel ao déficit público representa un paso atrás en moitos aspectos e que moito máis cedo que tarde viviremos as súas consecuencias económicas na nosa pel. Porén, moito peor me parece a estas alturas do asunto o xeito no que se vai facer, se cadra porque marca un ritmo novo na política do Estado e porque anticipa consecuencias máis incertas e máis graves que as outras. Consecuencias que condenan á xa fráxil noción de democracia que existía no Estado español a unha titoría corporativa encabezada por dous grandes grupos máis coincidentes que diverxentes a nivel ideolóxico, a pesar do espectáculo público de entretemento co que pretendan ocultalo.

Hai dous meses, cando o 15-M era aínda un movemento simpático que ocupaba as portadas dos xornais, os líderes de todos os partidos manifestaban a súa disposición a escoitar e mesmo realizar as súas propostas. Medindo as palabras e pasándoas por un corte electoralista, concedíanlle ao movemento cidadán a lexitimidade de parte das reclamacións, aínda na ironía de que moitas delas eran apostas por unha maior intervención da voz popular nas decisións políticas. O 15-M recibe estes días o peor golpe da súa historia, mesmo maior que os das cargas policiais que o expulsaron das rúas: os comprensivos políticos que estaban dispostos a escoitalos van modificar a intocábel Constitución nun pacto a dúas bandas que nin sequera vai ser sometido á aprobación popular.

E mesmo así, son dos que considero que nin sequera iso é o máis grave e que, nunha certa interpretación das posibilidades históricas, poderiamos considerar como algo positivo que se eluda o manido referendo. No fondo, os dous partidos maioritarios fan ben en aforralo: non existe ningunha posibilidade de que o mesmo pobo que os vota maioritariamente chegase a tombar unha reforma promovida por ambos. A verdadeira raíz do problema non é a cuestión do referendo, á hora da verdade o referendo era un trámite e un lavado de cara para unha reforma ditada polos mercados. A cuestión máis grave é a nova era de bipartidismo absoluto na que se interna o Estado español, a sombra do turnismo político que se albisca no horizonte, o desprezo cara ás formacións políticas minoritarias e a falta de implicación real da maior parte da cidadanía na verdadeira política. O verdadeiro horizonte catastrófico que temos por diante non deberá tanto á reforma en si como á incapacidade cidadá de constituír unha alternativa para a esquerda real, que as formacións minoritarias camiñen antes cara á disolución que cara a unha fronte de unión, ou ao feito de que un dos responsábeis desta deriva se siga presentando como unha opción de esquerdas e sexa votado en consecuencia.

Só a falta de consciencia explica que os dous mesmos partidos sigan na cúspide dos resultados electorais dende hai case trinta anos. E iso a pesar de ir acumulando ambos as súas particulares traxectorias de mentiras, guerras asasinas, corrupción, catástrofes ecolóxicas e traizóns ás clases populares. Estas últimas, por certo, moito máis esperábeis dun deles que do outro, polo menos sobre o papel.

#Activismo e resistencia#Cotidiano

05/09/2011 by marioregueira

Salvaterra é o final do verán

Hai xa moitos anos que o Festival de Poesía do Condado marca esa fronteira dos cursos académicos e políticos, o convite á penúltima viaxe do verán ou a primeira viaxe do outono (segundo queira o tempo), unha cita necesaria para reflexionar, coller forzas, tomar cañas cos amigos, practicar a arte do reencontro e coñecer xente nova. Se cadra esa naturalidade coa que o convite anual do Festival de Poesía se asentou no calendario cultural galego nos distraia a miúdo dunha parte importante do seu carácter como evento de resistencia. O Festival resiste aos malos gobernos que nos asedian, pero tamén resiste, dende hai moito máis tempo, á tentación da comodidade política, un rival moito máis duro que o pasaxeiro paso polo poder autonómico da dereita. E non só a iso, a resistencia ten moitas outras frontes de combate, e non aparece só co rostro dos rivais políticos, este ano o grande esforzo do festival foi sobrevivir ás súas propias traxedias e tamén á inoportuna aparición da choiva, que non quixo perder as mellores actuacións da noite.

A pesar disto, nunca chove a gusto de todos, e nos últimos anos teño escoitado e lido certas críticas cara a organización do festival. Unha parte delas ían en función dos criterios de escolla, outras, máis dependentes das edicións en concreto ás que se referían, referíanse ao fallo dos poetas como espectáculo para unha noite de festa, e ás moitas táboas de distancia que separan a poesía galega da doutros contextos culturais. Respecto das primeiras, é ben certo que nunca chove a gusto de todos, e que armar un evento desas características implica tomar decisións que non poden contentar a todo o mundo, porén unha cousa que caracteriza ao festival na súa historia é á de estar feito en horizontal, dende as bases e con principios igualitarios. Non haberá poetas máis importantes que outros sobre o escenario de Salvaterra, e factores como a cantidade de obras publicadas, a norma ortográfica escollida, os premios recibidos, ou o valor simbólico acadado nos foros da crítica ou o mercado son abolidos en función da celebración da poesía como expresión e como un dos sólidos alicerces que constitúen a nosa identidade cultural. Como todo na vida, a capacidade de acollida de autores e autoras no festival é limitada, porén, poucos eventos no mundos se poderán gabar de acoller tanta diversidade interxeracional como fixo o do Condado en todos os seus anos de historia.

Seguramente debera dedicar outra entrada ao segundo tipo de críticas, porén abreviando, eu respondería que a poesía non ten ningunha obriga de ser un espectáculo, e de selo, non está obrigada a ser un espectáculo agradábel, capaz de entreter á xente. Os obxectivos da arte deben ser outros, e aínda que é certo que para acadalos considero lexítimo calquera medio ao seu alcance, incluída a súa conversión performática (que tan bos resultados ten dado), non creo que os medios deban converterse nunca nun fin. As poetas que declaman no recinto das murallas fano ao seu xeito persoal: divertidas, tensas, titubeantes ou coa afouteza dunha arenga política, vestidas e espidas, en solitario ou en grupo, con longas introducións ou coa brevidade dun suspiro. Do mesmo xeito, entre o público, vemos quen busca a primeira fila das cadeiras para poñer toda a súa atención na palabra, quen só se achega cando sae alguén que coñece, e quen prefire refuxiarse na barra a tomar algo e ignorar en boa parte o recital. Parte da nosa vivencia da poesía ten ese aquel intransmisíbel que se respecta escrupulosamente no festival. Obrigar ás persoas que recitan a que nos entreteñan sería un xeito de prostituír aquilo que fan e sometelo a ritmos que son máis propios dunha sociedade sedenta de espectáculo que dunha que valora a diversidade da súa produción artística.

Agardemos que o bo camiño do Festival de Poesía do Condado continúe sen torcerse, e que a súa organización siga a ensinarnos esa forma tan tranquila e tan teimuda de resistir, polo menos mil primaveras máis, acubillados nos versos do pobo e nas cadencias da lingua, na lembranza das persoas que loitan e das que se van pero non marcharán nunca. O ano que vén, cando estean cansos da praia e sintan as primeiras punzadas de pánico ante o retorno laboral, non esquezan que teñen unha cita ao pé do rumor do Miño. En Salvaterra, onde remata sempre o verán.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Literatura
1 3 4 5 6 7 8

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies