13/09/2017 by marioregueira

Adeus, Xohana

Na miña promoción de filoloxía galega acompañamos ese cadro terríbel chamado orla cuns versos de Xohana Torres. Pero eu non beberei da xerra do silenzo. Poderían ser outros, na cultura popular galega continúa presente o Eu tamén navegar da Penélope que se revolve contra o seu destino de tecedeira. Un dos poucos casos nos que podemos lembrar inmediatamente unha cita coa simple mención da súa autora e posibelmente un dos versos máis citados e retorcidos na literatura galega de todos os tempos (tamén, si, en Tanxerina).

Xohana Torres soubo estar presente en cada momento determinante da poesía galega. Foi poeta dos cincuenta cando ser poeta e muller non era cuestión doada. Participou do renacemento poético dos oitenta e fixo de precursora dos noventa, cunha obra que acompañaba a revolta literaria das xeracións máis novas, que non dubidaron en considerala como unha máis. E falou de Ferrol, corazón de navío, cando Ferrol parecía expulsado para sempre das paisaxes da poesía galega. A autora soubo medir os ritmos literarios galegos dunha forma practicamente inédita, e conseguiu ser sempre contemporánea, que é aquilo que se di habitualmente dos clásicos. E non só na poesía. O seu papel de precursora aparece tamén na literatura dramática, na inesquecíbel Adiós, María!, parte da escasa narrativa de autoría feminina do seu tempo e capaz de colocar as cidades e o seu proletariado migrante nunha literatura galega ancorada aínda no imaxinario rural.

Precisamente por esta consonancia cos tempos é que resulta doado imaxinar como foi a Xohana Torres que iniciou a súa carreira na Galiza da posguerra. Polo medio dos tomos de correspondencia e das biografías aparece de vez en cando a súa imaxe. Convidada cabaleirosamente por Otero Pedrayo tras un recital en Santiago, mencionada como amiga que sofre coitas de amor, como a alumna espelida de Carvalho Calero que agora aborda unha carreira literaria, como a muller que, polo seu predeterminado instinto maternal debe comezar a escribir literatura infantil. A moza illada no norte, envolta en misterios e silencios que non pedira e que probabelmente tampouco exerceu de forma voluntaria. Máis rapaza que muller e, polo feito de selo, coa sombra inmensa de Rosalía de Castro proxectada a miúdo tras ela.

E porén, máis aló do paternalismo e dos condicionantes, do camiño cheo de boas intencións que non leva a ningures, Xohana Torres navegou. Se cadra sexa isto o mellor do seu legado. Que foi capaz de sobrepoñerse a un mundo de homes anquilosados en prácticas sociais que xa eran vellas cando naceron, que soubo ensinarnos que a mocidade é unha tarefa diaria, que soubo dialogar cos elementos novos que traían os tempos. E con nós, as persoas que chegamos despois.

Boa viaxe, Xohana, navegaremos por ti.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Literatura#Literatura de posguerra#Xohana Torres

11/07/2017 by marioregueira

Oposicións, santuarios e violencia

Mozas de Georgia lendo a Faulkner no caloroso verán de 1971, Philip Bouchard (CC BY-NC-ND 2.0)

Lin Santuario con dezaseis ou dezasete anos e posiblemente por iso non o esquecerei nunca. Sen relelo nin unha soa vez, teño vívida a memoria do seu estilo, do ambiente rural opresivo e da violencia que describe. Elementos que descubriría anos despois na narrativa galega da posguerra, no noso caso artelladas para sortear a censura política e filtrar unha mensaxe que non podía facerse de forma máis evidente. Describir un universo mesto, onde as persoas se impoñen unhas a outras pola forza, e que esvara cara ao bizarro e o marxinal, producindo unha sensación de fonda estrañeza nas persoas lectoras, serve para facer un reflexo da sociedade norteamericana dos anos do crack. A estratexia tamén servía para representar, en liñas similares, a sociedade do franquismo, coincidente en moito con ese retrato. Nos dous casos había un pouso de denuncia social indirecta, cun matiz necesario no caso do Estado español, onde non había posibilidade algunha de formular unha denuncia patente.

Pregúntome como é posíbel que, anos despois, unha parte da sociedade crítica da Galiza apoie as protestas pola escolla dun texto desta obra para as probas das oposicións. Son consciente de que Faulkner pode representar unha opción particularmente difícil, que traballar cun hipotético alumnado sobre violencia e sexualidade tamén é un exercicio complexo, e que seguramente hai motivos suficientes para indignarse nun proceso de oposicións que representa en si mesmo unha pequena tortura. E porén o que indican a maior parte das protestas non é nada diso, senón que o texto escollido describe un acto de violencia sexual.

Non comparto a maior parte das críticas que se fixeron neste sentido, nin sequera as de persoas coas que habitualmente estou de acordo. Así, comparto con Susana na necesidade de mover os marcos, da mesma forma que penso que os novos marcos non os constrúe a escolla dun tribunal de oposicións e que máis responsabilidade teñen este tipo de reaccións no seu futuro, que deixan unha imaxe máis confusa que politizada, tamén nos camiños que as futuras autoras teñen que percorrer.

Rexeitar un texto porque describe unha violación, falar de “deleite” nun acto descrito como forma de representar e denunciar unha violencia social na que as mulleres son as primeiras vítimas, supón confundir narración con apoloxía, algo que non se agardaría de persoas responsábeis da formación de outras. E por suposto máis aínda consideralo parte do canon da cultura da violación, do que forma parte tanto como poderían facelo as violacións que describen Margaret Atwood ou Eduardo Blanco Amor, que probabelmente non merecerían nin unha mínima parte destas reaccións.

Toda unha vida de escrita para que te poñan mirando un aparcamento – Visit Mississippi CC BY-ND 2.0

O acontecido non deixa de lembrarme certos fenómenos que acontecen no ensino universitario ou na literatura galega. O rebaixamento do nivel educativo para ofrecelo a gusto do consumidor, que pasa por evitar ao alumnado calquera tipo de frustración ou conflito deste tipo, por exemplo, unha tendencia á alza no contexto europeo. Pensar que pode haber superviventes da violencia sexual entre as persoas examinadas é relevante, sen dúbida, pero tamén abre o camiño a evitar outro tipo de textos a vítimas doutro tipo de violencias e experiencias traumáticas. Tamén a presupoñer que unha persoa, polo feito de ser supervivente da violencia sexual, fica eivada á hora de analizar os discursos que se realizan sobre ela, mesmo cando estes funcionan na súa contra ou destacan o seu papel nas relacións de poder, colocándose fóra das dinámicas habituais do patriarcado. Se algo facemos desde a filoloxía é estudar discursos e sabemos (ou deberamos saber) como se constrúen e que elementos empregan. E sen dúbida, onde non hai conflito, non hai discurso. Non se pode falar contra a violencia desde a literatura sen mencionar e describir a violencia. Pódense, iso si, facer panfletos.

Isto faime pensar tamén unha liña preocupante dentro da literatura galega contemporánea. A necesidade de estabelecer discursos unívocos e maniqueos, onde as persoas boas son boísimas e ideoloxicamente perfectas e as malas, malas de telenovela. E onde calquera alusión á zona escura do ser humano vai acompañada dun prego de descargo onde a voz autorial deixa perfectamente claro que condena o que alí (en xeral asepticamente) conta. Unha forma de empobrecer o discurso e de renunciar a outras estratexias que non sexan mastigar minuciosamente ao lectorado ideas xustas. Tan xustas que merecerían formulacións literarias menos pobres ca aquelas coas que habitualmente son tratadas. Despois virán as sorpresas e as dificultades para identificar o inimigo. Como me dixo unha amiga miña, opositora de galego, sobre este tema:

– O que me amola é que todo o mundo proteste polo de Faulkner e ninguén diga nada de que en galego nos puxeron un poema de Noriega Varela. Iso si que é violencia.

#Activismo e resistencia#Feminsmo#Literatura#Oposicións 2017#William Faulkner

25/01/2013 by marioregueira

Django desencadeado

É algo que veño notando dende hai varios anos nos filmes de Tarantino. A primeira vez que fun completamente consciente foi na malleira que leva o psicópata de Death Proof a maos de tres mozas. A violencia desatada do Tarantino dos noventa segue presente, pero cobra un matiz inédito, por primeira vez deixa de ter esa gratuidade que, nun discurso falsamente sisudo e moi popular na época dos seus primeiros filmes, pretendía manifestar a súa presenza viva na sociedade occidental e a forma na que dirixía o devir desta. Algo mudara en Death Proof, e a tentación de facer unha interpretación feminista ou de empoderamento das mulleres non era máis que o seu mellor indicio. Tempo despois, algunhas compañeiras viñeron a dicir que algo semellante xa se podía ver na noiva ensaguentada de Kill Bill. O emprego da violencia abandona o campo da psicopatía gratuíta para encarnar o papel da xustiza politizada, deixa de ser unha paisaxe sociolóxica para ser unha ferramenta de acción necesaria. Inglorious Basterds segue polo mesmo camiño e ofrécenos o que ningún filme bélico ofrecera até entón: un final climático e antihistórico no que as vítimas reescriben os vellos relatos a forza de abandonar precisamente o papel de vítimas. Fronte aos xudeus que camiñan cara á catástrofe en silencio, o filme presenta feroces guerreiros capaces de rebentar cabezas de alemáns cun bate. Non hai violíns nin pianos tristes que acompañen o relato do horror: o final de Inglorious Basterds canta ao ritmo dunha racha de ametralladora e a súa reescritura da historia na ficción ten de revolucionario o que lle falta de coherencia.

Calculo que Tarantino está lonxe dun discurso ben tramado e non creo que teña unha idea ben definida sobre cuestións como o feminismo ou o vitimismo histórico. Penso que a súa descuberta da utilidade da violencia é instintiva e está baseada nunha idea moito máis simple: a intuición de que os opresores triunfan porque os oprimidos lles permiten triunfar. Que grande parte das traxedias da humanidade poderían evitarse se uns poucos renunciasen á covardía e fixesen unha aposta decidida pola acción. Django Unchained é un paso máis nesa tendencia: un negro rescatado da escravitude, que decide facer xustiza e liberar a súa muller de mans da estrutura escravista do Sur. Nun tendencia común a filmes anteriores, pero dun xeito se cabe aínda máis descarado, o filme sitúase a medio camiño entre o spaguetti western e a blaxplotation, dúas formas do cinema popular ás que rende tributo e que marcan o ton simple de Django Unchained como un filme de tiros e vinganzas. Vinganzas que non se afastan porén desa dinámica descuberta por Tarantino e que están protagonizadas polos parias da sociedade que descobre, entre o pasmo dos seus semellantes, que a historia aínda lles deixou unha fiestra aberta para facer xustiza.

Seica Spike Lee protestou, antes mesmo de ver o filme, polo que prevía como un tratamento frívolo do legado da negritude norteamericana. As traxedias non son para facer esas cousas, as traxedias non son un spaguetti western, son algo máis serio. Si, non cabe dúbida, pero o spaguetti western e o filme de blaxplotation ofrécennos algo que as traxedias non nos ofreceron nunca: a catarse de ver a xustiza representada, o pracer momentáneo dunha vinganza ficcional. É a mesma catarse da que Brecht renegaba cando creou o teatro épico: o espectador non pode identificarse co heroe porque perde a visión de conxunto da problemática e cínguea a un único acto conclusivo. Marcha tranquilo para casa e durme ben sen decatarse do seu propio protagonismo cotián. Porén, non cabe dúbida de que as clases populares foron sempre máis receptivas a esas catarses, e tamén creo que hai momentos da historia nos que as precisan máis que noutros. Os xéneros populares dos que se nutre Tarantino son os dos cinemas de barrio, os que botaron as televisións pobres (TVG incluída) nas tardes da fin de semana, os que as masas obreiras empregaban para evadirse tras longos días de traballo sen fin.

Nós non gañaremos nunca, seguiremos marchando día a día a traballos de miseria, onde mediaremos con patróns crueis, e o que é peor, cos tíos-tom que lles lamben o cu. Porén, ao outro lado da pantalla dun cine de barrio, dunha forma que aparecerá nos nosos soños de obreiros Django Freeman fai xustiza e pon os opresores no seu lugar. E nós durmimos con tranquilidade por esa noite, sen reparar que o papel que representamos é o dos outros traballadores da plantación. Os que miran con envexa para o heroe porque nunca viron un negro a cabalo e disparando. Os que aínda levan as cadeas.

#Activismo e resistencia#Cinema#Feminismo

05/07/2011 by marioregueira

Os traumas e as cadeiras

As institucións e as asociacións tamén crean a súa personalidade. Por máis estendidas no tempo que sexan, sempre manteñen un fío de actitude interna que vai pasando de xeración en xeración das persoas que as forman, moito máis se esas persoas teñen que ser elixidas ou moderadas no seu ingreso polas precedentes. A Real Academia Galega tamén ten a súa personalidade, os seus vicios propios, e os seus peculiares tributos a render, a súa dinámica interna marcada tristemente pola historia.

A precaución, o medo e o respecto” son propias dunha institución que viviu baixo o peso do franquismo (nunca foi prohibida explicitamente) facendo cesións tan dolorosas como a de ter que limitar o emprego do galego en parte dos seus actos públicos ou conceder unha cadeira honorífica ao verdugo principal da lingua que pretendían defender. Dentro diso están tamén as estratexias do supervivente: a obrigada moderación política dos seus membros durante os anos da ditadura e tamén unha longa transición (1977-1997) a mans dunha persoa que non destacou precisamente polas súas ideas progresistas (o “secuestrador” García-Sabell). Ao mesmo tempo, a dependencia do financiamento público baixo gobernos autonómicos adversos moderou aínda máis a súa capacidade de acción e a posibilidade de desenvolver un labor crítico verdadeiro. Non cabe dúbida de que a personalidade da Real Academia Galega está chea de traumas, e aínda que os traumas sempre explican algunhas cousas, moi poucas veces conseguen xustificalas. Cun independentista de esquerdas á fronte e persoas tan pouco sospeitosas de conivencia coa ideoloxía patriarcal como Xohana Torres, Manuel Rivas ou Margarita Ledo, a R.A.G. non pode escusar durante máis tempo as débedas que ten coa sociedade galega, nin seguir enleada nunha atmosfera que fala máis dos medos doutras épocas que da afouteza que esixen os novos tempos.

Na miña opinión, as leis que fomentan a igualdade son absolutamente necesarias, pero moitas veces representan tamén unha proba en contra no xuízo que os tempos farán sobre a nosa época. Porque se a comezos do século XXI era necesario lexislar para que as mulleres e as minorías tivesen garantida a súa representación en institucións culturais ou políticas é porque grandes capas da sociedade estaban a naufragar na consecución dunha distribución xusta e respectuosa. Non querería ver sumado aos vellos traumas da Academia o de pertencer a esa parte do tecido social que se opuxo ou obstaculizou a normalización do papel das mulleres, aínda que chegado o caso, non me importaría que esta pregunta no aire, tivese algún tipo de consecuencia.

A pelota, xunto con moitas outras pelotas, segue no tellado da Academia, mentres tanto, a música segue soando, e con ela o xogo das cadeiras.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Lingua

05/11/2010 by marioregueira

As conseguintes relacións de cooperación

01/04/2010 by marioregueira

As mulleres, por fin liberadas

Unha das primeiras medidas do novo poder revolucionario foi a de liberar ás 25.000 mulleres chamadas “reprodutoras” do sinistro centro de natalidade San Salvador. É evidente que na nova sociedade en construción a muller atopará o lugar preponderante ao que ten dereito e que lle foi negado polo fascismo falocrático durante os longos anos nos que a mantivo baixo o seu xugo. Xa podemos anunciar que tres mulleres, polo menos, ocuparán un posto permanente no colexio do poder creado en torno a Alcide NIKOPOL. Este colexio do poder, reforzado por un pequeno grupo de intelectuais que, milagrosamente, escaparon con vida das prisións políticas fascistas, terán por misión definir de maneira xenerosa as novas liñas da nova marcha cara a adiante da sociedade parisiense. (Acción Revolucionaria, 23 de marzo de 2023).

.

Para acompañar estas vacacións relixiosas, un anaco de A feira dos inmortais de Enki Bilal, un relato futurista sobre a relación do ser humano cos deuses, a inmortalidade… e a forma de derrocar o poder nunha Europa neocatólica e neofascista.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Cotidiano#Epigramas#Feminismo

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies