10/06/2013 by marioregueira

Cidade espectral

Na miña última novela aparece un personaxe que fala dunha cidade despoboada da que tivo que fuxir para gañar a vida. Defínese a si mesma como un ser desdobrado, unha sombra que segue a andar polas rúas do seu barrio, mentres o seu corpo vive noutro país, afastado da familia e dun futuro que non cabía na súa terra natal. Como teño dito nalgunha das presentacións, é a forma na que a miña cidade conseguiu entrar, unha vez máis, no que escribo, deixando reflexo dunha historia que segue enredada na miña propia e que fala de estaleiros e crises inacabábeis, de mocidades sen futuro e de abandonos por parte de estados e gobernos.

Esa sombra ten moito que ver coa roupa que moitas persoas da cidade colgaron das reixas do estaleiro o pasado día 2 de xuño e que dá testemuña dese mesmo desdobramento por vir. Xente que directa ou indirectamente perderá os seus postos de traballo e terán que marchar deixando os seus espectros roldando unha cidade que camiña cara unha decadencia cada vez máis pronunciada. A roupa de traballo ondeando ao vento é un intento máis de facer navegar unha forma de vida que non esmorece por causas comprensíbeis, senón polo desinterese continuo do poder político pola poboación que depende dela e pola súa incapacidade de ofrecer unha alternativa a unha das comarcas máis poboadas do país.

Nos nosos tempos as guerras contra a clase obreira son sutís, case invisíbeis, polo menos nos suburbios do primeiro mundo. Non virán disparar contra as manifestacións como no 72, polo menos non inmediatamente. Os seus ataques baséanse no silencio e nas mentiras, na sutil criminalización das protestas. Porén, o efecto de toda esa tranquilidade política é sen dúbida o dun bombardeo calmo, capaz de destruír vidas e familias como de feito xa está a acontecer.

A seguinte cita pola supervivencia será o vindeiro día doce, na folga xeral comarcal. A pesar de quen queira poboar a nosa cidade de sombras, os corpos volverán vestir a roupa de traballo para marchar pola cidade. Contra os seus espectros doutro tempo e contras as tácticas do invisíbel, serán os corpos unha vez máis os que escriban a historia.

A imaxe está tomada do blogue Carga de Dignidade.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Estaleiros#Ferrol

31/01/2013 by marioregueira

O principiño

Cando lin a nova de que Galaxia chegara ás vinte edicións do Principiño, botei contas e memoria. Eu tiven un exemplar dunha desas edicións. Non só o tiven, senón que gardo unha lembranza concreta do día que arrinquei o papel de agasallo que o cubría e o examinei entre abraiado e estrañado. Foi nunha casa da zona do Inferniño de Ferrol e, se me guío pola dedicatoria que aínda figura na primeira páxina, foi o dous de marzo de 1986, o día do meu sétimo aniversario. Na época tiña xa algúns contos en galego, pero sospeito que O Principiño debeu ser o meu primeiro libro na nosa lingua. Falo de libro en relación á lonxitude e tamén o tipo de edición, aquela era a quinta e viña, sospeito que como todas “con dibuxos do autor.” Sorpréndeme lembrar de mans de que persoa da miña familia veu, particularmente porque nunca máis, nin sequera nas épocas nas que máis me interesei pola literatura en galego, me agasallou nada que non estivese na lingua do Imperio. As miñas teorías de que a actitude da nosa sociedade cara á lingua tivo un pico de atención e empatía nos primeiros anos do Estatuto baséanse tamén neste tipo de cousas. Ese pico de preocupación, que se desinchou ou caeu no foxo da desilusión nos anos que seguiron, deixoume polo menos un libro que ler e reler durante unha boa parte da miña infancia.

Non podo dicir que gostase do Principiño naquel momento. Máis ben me pareceu un libro desacougante e estraño, algo que tiña moitos puntos en común con algúns programas míticos da época (Planeta Imaginario), que seguramente trataban de esporear imaxinacións pola vía dun surrealismo adaptado á mocidade. É algo que tamén teño asociado ás lecturas en galego daquela época, que por azar, polo momento ou por unha mala escolla previa, dirixíanse sempre a ese lugar que espertaba máis preguntas que respostas, onde os discursos non eran compracentes e existía unha certa tendencia á incomodidade e o desacougo. Era algo que saltaba dende as páxinas das Cousas de Castelao e dos Biosbardos de Blanco Amor, lecturas que, dentro da pequena biblioteca que había na casa, alguén considerara axeitadas para un rapaz novo e que posibelmente non o fosen. E foi algo que, salvando as evidentes distancias, tamén atopei no Princiño, ese best seller do que tanta xente se recoñece levemente traumatizada.

Mesmo así, alegroume moito ter o libro de Saint-Exupéry no meu acervo de lecturas dende tan cedo e conservo como un tesouro ese primeiro libro que puiden chamar meu. Dalgunha forma foron esas características que saltaban na literatura en galego que me chegaba as que me fixeron ficar por ela. Unha vez que cansei dos discursos brandos e fáciles, foi doado volver a aquela falta de compracencia que lembraba de ler na miña lingua e pescudar na súa escuridade.

#Cotidiano#Galiza#Lectura#Literatura

01/04/2010 by marioregueira

As mulleres, por fin liberadas

Unha das primeiras medidas do novo poder revolucionario foi a de liberar ás 25.000 mulleres chamadas “reprodutoras” do sinistro centro de natalidade San Salvador. É evidente que na nova sociedade en construción a muller atopará o lugar preponderante ao que ten dereito e que lle foi negado polo fascismo falocrático durante os longos anos nos que a mantivo baixo o seu xugo. Xa podemos anunciar que tres mulleres, polo menos, ocuparán un posto permanente no colexio do poder creado en torno a Alcide NIKOPOL. Este colexio do poder, reforzado por un pequeno grupo de intelectuais que, milagrosamente, escaparon con vida das prisións políticas fascistas, terán por misión definir de maneira xenerosa as novas liñas da nova marcha cara a adiante da sociedade parisiense. (Acción Revolucionaria, 23 de marzo de 2023).

.

Para acompañar estas vacacións relixiosas, un anaco de A feira dos inmortais de Enki Bilal, un relato futurista sobre a relación do ser humano cos deuses, a inmortalidade… e a forma de derrocar o poder nunha Europa neocatólica e neofascista.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Cotidiano#Epigramas#Feminismo

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies