Cidade espectral
Na miña última novela aparece un personaxe que fala dunha cidade despoboada da que tivo que fuxir para gañar a vida. Defínese a si mesma como un ser desdobrado, unha sombra que segue a andar polas rúas do seu barrio, mentres o seu corpo vive noutro país, afastado da familia e dun futuro que non cabía na súa terra natal. Como teño dito nalgunha das presentacións, é a forma na que a miña cidade conseguiu entrar, unha vez máis, no que escribo, deixando reflexo dunha historia que segue enredada na miña propia e que fala de estaleiros e crises inacabábeis, de mocidades sen futuro e de abandonos por parte de estados e gobernos.
Esa sombra ten moito que ver coa roupa que moitas persoas da cidade colgaron das reixas do estaleiro o pasado día 2 de xuño e que dá testemuña dese mesmo desdobramento por vir. Xente que directa ou indirectamente perderá os seus postos de traballo e terán que marchar deixando os seus espectros roldando unha cidade que camiña cara unha decadencia cada vez máis pronunciada. A roupa de traballo ondeando ao vento é un intento máis de facer navegar unha forma de vida que non esmorece por causas comprensíbeis, senón polo desinterese continuo do poder político pola poboación que depende dela e pola súa incapacidade de ofrecer unha alternativa a unha das comarcas máis poboadas do país.
Nos nosos tempos as guerras contra a clase obreira son sutís, case invisíbeis, polo menos nos suburbios do primeiro mundo. Non virán disparar contra as manifestacións como no 72, polo menos non inmediatamente. Os seus ataques baséanse no silencio e nas mentiras, na sutil criminalización das protestas. Porén, o efecto de toda esa tranquilidade política é sen dúbida o dun bombardeo calmo, capaz de destruír vidas e familias como de feito xa está a acontecer.
A seguinte cita pola supervivencia será o vindeiro día doce, na folga xeral comarcal. A pesar de quen queira poboar a nosa cidade de sombras, os corpos volverán vestir a roupa de traballo para marchar pola cidade. Contra os seus espectros doutro tempo e contras as tácticas do invisíbel, serán os corpos unha vez máis os que escriban a historia.
A imaxe está tomada do blogue Carga de Dignidade.