05/07/2011 by marioregueira

Os traumas e as cadeiras

As institucións e as asociacións tamén crean a súa personalidade. Por máis estendidas no tempo que sexan, sempre manteñen un fío de actitude interna que vai pasando de xeración en xeración das persoas que as forman, moito máis se esas persoas teñen que ser elixidas ou moderadas no seu ingreso polas precedentes. A Real Academia Galega tamén ten a súa personalidade, os seus vicios propios, e os seus peculiares tributos a render, a súa dinámica interna marcada tristemente pola historia.

A precaución, o medo e o respecto” son propias dunha institución que viviu baixo o peso do franquismo (nunca foi prohibida explicitamente) facendo cesións tan dolorosas como a de ter que limitar o emprego do galego en parte dos seus actos públicos ou conceder unha cadeira honorífica ao verdugo principal da lingua que pretendían defender. Dentro diso están tamén as estratexias do supervivente: a obrigada moderación política dos seus membros durante os anos da ditadura e tamén unha longa transición (1977-1997) a mans dunha persoa que non destacou precisamente polas súas ideas progresistas (o “secuestrador” García-Sabell). Ao mesmo tempo, a dependencia do financiamento público baixo gobernos autonómicos adversos moderou aínda máis a súa capacidade de acción e a posibilidade de desenvolver un labor crítico verdadeiro. Non cabe dúbida de que a personalidade da Real Academia Galega está chea de traumas, e aínda que os traumas sempre explican algunhas cousas, moi poucas veces conseguen xustificalas. Cun independentista de esquerdas á fronte e persoas tan pouco sospeitosas de conivencia coa ideoloxía patriarcal como Xohana Torres, Manuel Rivas ou Margarita Ledo, a R.A.G. non pode escusar durante máis tempo as débedas que ten coa sociedade galega, nin seguir enleada nunha atmosfera que fala máis dos medos doutras épocas que da afouteza que esixen os novos tempos.

Na miña opinión, as leis que fomentan a igualdade son absolutamente necesarias, pero moitas veces representan tamén unha proba en contra no xuízo que os tempos farán sobre a nosa época. Porque se a comezos do século XXI era necesario lexislar para que as mulleres e as minorías tivesen garantida a súa representación en institucións culturais ou políticas é porque grandes capas da sociedade estaban a naufragar na consecución dunha distribución xusta e respectuosa. Non querería ver sumado aos vellos traumas da Academia o de pertencer a esa parte do tecido social que se opuxo ou obstaculizou a normalización do papel das mulleres, aínda que chegado o caso, non me importaría que esta pregunta no aire, tivese algún tipo de consecuencia.

A pelota, xunto con moitas outras pelotas, segue no tellado da Academia, mentres tanto, a música segue soando, e con ela o xogo das cadeiras.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Lingua

Comments

  1. haizea
    06/07/2011 - 13:49

    Paréceme moi interesante este debate. En Euskaltzaindia só hai 4 mulleres en 29 cadeiras. E aínda máis: dende que entrou Miren Azkarate no 1992, houbo que esperar ata o 2005 para que pasara pola porta a seguinte muller. O máis interesante é o seguinte: a ninguén lle parece xa tan desproporcionado que nas institucións, facendo traballos de administración e organización, se normalice ás mulleres. Agora ben, cando se trata do coñecemento, mima, é moi diferente. Ahí “tés que valer”. E claro, cando se trata de valer, xa é outra historia. Aínda que escribiran x libros, que ensinaran nas universidades durante anos e anos, o estatus delas non é o mesmo. Nestes casos, creo eu, vese claramente como as mulleres non somos recoñecidas polos homes como iguais. Para traballar, “facer cousiñas”, organizar… perfecto. Pero os sabios só poden ser eles.

  2. haizea
    06/07/2011 - 13:50

    e perdoade que fale en xeral, obviamente, este post mostra que felizmente hai cada vez más excepcións! 🙂 Aínda que o que falta é que as excepcións se convertan en regla.

  3. Mario
    06/07/2011 - 17:25

    Pois seica temos un empate porque catro mulleres son as que hai hoxe por hoxe na Academia Galega, había cinco, pero faleceu unha e escolleron outro home para substituíla. De aí que prendese tanto a polémica nos último meses.
    Aquí tamén hai moito o “tes que valer”, aínda que ese “tes que valer” moitas veces oculta unha rede de relacións persoais do que moitas persoas, e sinaladamente as mulleres, están excluídas de entrada.
    Contaba unha compañeira que discutira deste tema cun académico e que cando lle dixo que “non había mulleres” que puidesen ocupar unha cadeira, ela retrucoulle cunha lista de nomes, persoas admirábeis en distintos campos que poderían, a xuízo de calquera, ser candidatas. A sorpresa é que o académico nin sequera coñecía a algunha delas. Unha vez máis, hai unha parte da sociedade que mira para as mulleres sen conseguir velas…

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies