01/07/2011 by marioregueira

As culpas

Non direi que non consuman produtos galegos. Consuman produtos galegos. Merquen libros e banda deseñada, vaian ao pouco cinema que as salas proxectan na nosa lingua, se queren subscribirse a un xornal, subscríbanse a un xornal en galego, vaian a concertos de música galega e en galego, acudan ao teatro. Mesmo máis aló do estritamente cultural, acudan aos mercados de abastos, busquen produtos da nosa terra e daqueles escollan os que teñan etiquetaxe na nosa lingua, non volvan a locais que non teñan a carta polo menos tamén na nosa lingua e tenten probar naqueles outros que ademais teñen un compromiso firme cos produtos do noso país e cos pequenos produtores. Agasallen algunha desas moitas opcións, moi especialmente  ás crianzas, que no medio do maremagnum Disney lembrarán sempre a sorpresa das historias que chegan nunha lingua distinta, unha lingua rebelde e máxica onde todo parece posíbel.

Porén non direi só que consuman. Descarguen música, fotocopien, escaneen, pirateen, se son persoas afoutas rouben libros nas grandes superficies, descarguen filmes e series, cóense nos concertos, lean a prensa na rede, espolien as bibliotecas públicas e espolien as bibliotecas dos amigos, aproveiten os espectáculos gratuítos ou que só custan o prezo dunha consumición. Empápense de cultura, critíquena, desprecen os seus produtos cativos e emociónense cos brillantes, porque iso é basicamente para o que valen todas as culturas do mundo, para estabelecer un diálogo intemporal. Nunca un estanque, sempre un caudal, cos seus remuíños e os seus remansos, coas súas augas podres e aquelas outras ateigadas de peixes.

E non direi só que merquen, porque as novas tristes destes días levaron en demasiadas ocasións a responsabilizar aos interesados na cultura e na supervivencia da lingua, a caer no remuíño da lóxica neoliberal segundo a cal para que unha cultura (sen estado) exista debe ser rendíbel economicamente. Mentres os grandes medios do país recibiron axudas (non poucas veces no nome da normalización lingüística), os pequenos proxectos coherentes coa lingua teñen que explicar a súa supervivencia no medio da xungla do mercado. Cando grande parte das industrias do país están subvencionadas, as empresas culturais galegas teñen que sobrevivir co posto ou afrontar unha extinción que se xustifica na súa baixa rendibilidade comercial, non demasiado diferente á doutras empresas que seguen adiante.

Caer na trampa de asumir a nosa responsabilidade persoal implica asumir a lóxica perversa das cousas, unha lóxica que nos levan suxerindo dende hai anos e que é, en realidade, unha das grandes falacias da relación entre a cultura galega e a imposición castelá. Naturalmente que sempre debemos estar ao lado da nosa cultura, pero o peso económico do mantemento de moitos dos seus proxectos non é unicamente responsabilidade nosa. Existe unha responsabilidade estrutural de todos os gobernos en manter determinados sectores de interese público. Se no Estado español fechase o último xornal diario en castelán, o goberno inxectaría cartos para evitalo. Algo semellante acontecería se o cinema en castelán tivese anos en branco ou anos cun par de filmes. Se o castelán perdese un grande número de falantes en favor do inglés, por exemplo, a campaña gobernamental para impedilo sería brutal. O interese en manter este tipo de campos non é só moral ou gratuíto, aparece recollido en distintos puntos do aparello lexislativo. No caso galego tamén, polo que a desidia do mal goberno que nos asombra non é só unha incompetencia e unha mostra de ignorancia, senón un abandono neglixente dos deberes que lle son propios.

E si, insisto, compren produtos galegos, apoien os proxectos propios e fagan por que a nosa cultura floreza e medre comercialmente. Porén, a próxima vez que feche un xornal, unha editora, unha sala de teatro ou un festival de música, non caian no xogo das culpas doadas nin cedan á lóxica perversa do capitalismo imperialista. Non lles corresponde aos nosos soldos de obreir@s e precari@s soster todo o edificio enorme da nosa cultura. Ou si, pero a través dos impostos que hoxe, en función da xestión deste goberno, van para cabeceiras que se expresan nunha lingua estranxeira, para grupos musicais formados en Madrid ou para asociacións que defenden un apartheid lingüístico demencial.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

Comments

  1. A Raíña Vermella
    01/07/2011 - 09:51

    É a mesma lóxica segundo a que se culpa aos usuarios de automóbiles do cambio climático ou aos consumidores da escravitude infantil que exercen as grandes multinacionais: outra volta de parafuso do capitalismo para facernos crer que tod@s participamos do seu sinistro xogo, e todos compartimos culpas en igual proporción. Pois síntoo, pero como dicía Orwell, algúns somos mais iguais ca outros.

  2. Mario
    01/07/2011 - 14:02

    A cita de Orwell é moi acaida: todos os medios galegos son iguais pero uns son máis iguais ca outros. De todas formas eu non pretendo rebaixar a responsabilidade común, senón matizala: tod@s deberamos achegar o esforzo que poidamos para conseguir unha situación mellor, pero autocompadecéndonos e acusando o golpe moral non faremos nada, éranos mellor procurar os verdadeiros responsábeis.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies