02/10/2012 by marioregueira

Amén

Máis tarde chegan os cataláns Carles Riba e a súa muller Clementina Arderiu; Blai Bonet, Foix e o valenciano Fuster, tan amigos e tan preocupados e curiosos polas cousas literarias da Galiza e pola súa lingua. (A propósito: estes estupendos e cultos poetas en lingua catalá, prevíronme seriamente contra os filólogos e -sobre todo- contra os afeccionados á filoloxía, no sentido de que, quizais sen querelo, son os inimigos máis perigosos que temos os que cultivamos as linguas minoritarias, porque, a historia, a socioloxía, a literatura, eles redúceno todo a problemas da súa especialidade.)

Celso Emilio Ferreiro, citado por Ramón Nicolás en Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, (trad. do autor deste blogue)

#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

05/04/2012 by marioregueira

Sen futuro

O Goberno de Tsolakoglou aniquilou toda posibilidade de supervivencia para min, que se baseaba nunha pensión moi digna que eu pagara pola miña conta sen ningunha axuda do Estado durante 35 anos. E dado que a miña avanzada idade non me permite reaccionar doutra forma (aínda que se un compatriota grego collese un kalashnikov eu apoiaríao), non vexo outra solución que poñer fin á miña vida desta forma digna para non ter que acabar buscando nos baldes do lixo para poder subsistir. Creo que os mozos sen futuro collerán algún día as armas e colgarán aos traidores deste país na praza Syntagma como os italianos fixeron con Mussolini en 1945.

Nota de suicidio de Dimitris Christoulas, caído onte na praza Syntagma (Grecia).

#Activismo e resistencia#Epigramas

27/10/2011 by marioregueira

As linguas que resucitan

O proceso de denacionalización total ou parcial dos pobos, que era a tarefa principal do Arquivo de Estado, consumábase segundo a vella doutrina secreta do “Cra-Cra” e transcorría a través de cinco fases esenciais: a primeira, a eliminación material da rebelión; a segunda, a eliminación da idea da rebelión; a terceira, a erradicación da cultura, a arte e os costumes; a cuarta, a extinción ou mutilación da lingua e a quinta, a extinción ou debilitamento da memoria nacional.(…)

Nun pesado andel de bronce estaban os expedientes das linguas mortas. Eran grosos, pero a maioría das súas follas estaban borradas co maior coidado. As palabras do dicionario, as regras gramaticais e de sintaxe eran borradas de forma progresiva, segundo o seu grao de decaemento ou desaparición. Ao final borrábanse as letras do alfabeto, o último vestixio da lingua escrita, tras o que se certificaba a súa morte completa. Inmediatamente despois comezaba o outro proceso, aínda máis longo e dificultoso, a eliminación da lingua oral (…).

Toda esta experiencia secular atopábase no expedientes do Arquivo. Alí estaba todo, os prazos, os imprevistos, as últimas mostras de teimosía, nunha palabra, todo, a excepción da propia lingua erradicada. Nos milleiros de páxinas dos expedientes non se atopaba nin unha pegada, nin unha palabra, nin sequera unha sílaba. A supresión absoluta de todos os datos sobre a lingua morta levábase a cabo co obxectivo de excluír toda posibilidade de que aquela retornara. (…)

…os seus seguidores acharan nas vellas crónicas o caso de resurrección dunha lingua, á que os cronistas chamaran con terror “Lingua-Cristo”. Ignórase como puido acontecer, escribían, que unha lingua morta había longo tempo volvese aparecer sobre a face da terra. Perseguiron ás persoas nas que a atoparan, capturáronas por fin mentres fuxían a través dos pantanos, cargáronas de cadeas, cortáronas en anacos, pero estas non quixeron ou non estiveron en condición de contar como a atoparan a ela, a proscrita.

 
 

Pequenas mostras da novela O nicho da vergoña do escritor albanés Isamaíl Kadaré. Describen o sometemento dos territorios conquistados polo Imperio Otomano e tamén moitas outras cousas.

#Activismo e resistencia#Epigramas#Galiza#Lingua#Literatura

11/10/2011 by marioregueira

O poder dos libros

 

Pregúntome se non estamos sobresentimentalizando o poder dos libros.

 

Nós, os vellos, tomamos o actual diluvio de información, diversidade e caos polo «Fin da Historia», aínda que se cadra só sexa o Principio.

 

Dúas frases tomadas de Microserfs (Microservos), a novela de Douglas Coupland, (non este blogue), unha historia ambientada nun momento de transición tecnolóxica e por tanto rica en máximas para afrontar outras transicións tecnolóxicas, como a editorial, por exemplo, da que falaremos proximamente.

#Ciencia e tecnoloxía#Edición#Edición dixital#Epigramas

14/07/2011 by marioregueira

A liberdade ilusoria

Durante a rodaxe nas aforas de Madrid do filme de David Lean Doutor Zhivago en 1964, unha multitude de figurantes españois tivo que cantar a «Internacional» nunha escena na que aparecía unha manifestación masiva. O equipo de rodaxe ficou abraiado ao descubrir que todos coñecían a canción e que a cantaban con tanto entusiasmo que a policía franquista interveu pensando que se atopaba ante unha manifestación política real. Aínda máis, cando xa anoitecera (a escena tiña que desenvolverse na escuridade), a xente que vivía nas casas dos arredores escoitou os ecos da canción, comezou a abrir botellas e a bailar na rúa, supoñendo erroneamente que Franco morrera e os socialistas viñan de tomar o poder.

Este libro está adicado a eses momentos máxicos de liberdade ilusoria (que, de algún xeito, non eran só ilusorios) e ás esperanzas frustradas polo retorno á realidade «normal».

Slavoj Žižek no prólogo a Organs without Bodies: On Deleuze and Consequences (Órganos sen corpo: Sobre Deleuze e consecuencias).

#Activismo e resistencia#Cinema#Epigramas

03/03/2011 by marioregueira

Os gobernos

…e os gobernos están sempre en todo caso e en todo país e forma de Estado interesados en que a súa sociedade non sexa ilustrada, porque a ilustración da sociedade significaría a aniquilación dos gobernos.

Thomas Bernhard en Relatos autobiográficos, máis de actualidade que nunca.

#Activismo e resistencia#Epigramas

29/12/2010 by marioregueira

Zappa e os cegos que non queren ver

Por definición, o artista é un doador, non un intermediario. Pode ser un sabio tolo nos estudios do GRM da «Maison de la Radio» en 1948, ou un hippie enxuto observando o seu teléfono, como Frank Zappa, neno pertencente ao rock disidente, guitarrista inspirado no jazz de Eric Dolphy e ocasional compañeiro de ruta de Pierre Boulez. En 1980 viu o futuro nunha conversa telefónica…

No último capítulo da súa autobiografía describe algúns dos seus fracasos profesionais. En particular, a «proposta dun sistema destinado a substituír o mercado do disco fonográfico» remitido ao «Rothschild Venture Capital» «nun momento no que os CDs aínda non apareceran no mercado», conta Zappa.

Vexamos un anaco do seu proxecto: «Propoñemos mercar os dereitos de reprodución numérica DAS MELLORES OBRAS dos fondos catalográficos (OFC) que languidecen sen venderse nas casas discrográficas, centralizalas nun servidor, despois conectalas por teléfono ou por cable directamente ao magnetófono da computadora. O usuario poderá elixir entre unha tranferencia numérica directa en F-1 (o DAT de SONY), en Beta Hi-Fi, ou en calquera outro soporte analóxico común». Frank Zappa precisa que o seu sistema require a instalación dun «convertedor numérico-analóxico no teléfono», tamén chamado «módem». ¿Cómo non ver no de Zappa un sistema de telecarga semellante ao de Napster?

Zappa pensa mesmo nun sistema de retribución. Engade que «o desconto do pago de royalties, a facturación por compra, etc., estarían automáticamente asegurados pola propia xestión informática do sistema. O cliente abónase a unha ‘familia temática’ ou a varias e factúraselle mensualmente».

Como sabemos, o proxecto de Zappa non foi comprendido pola industria do disco. Tamén non foi escoitado Karlheinz Brandenburg, investigador alemán a conta de «Thomson», de quen se riron nos seus propios fociños cando en 1988 deixou a voz tentando demostrar aos seus xefes que a compresión numérica revolucionaría a distribución musical. Brandenburg e o seu equipo acababan de inventar o MP3.

De Techno Rebelde, de Ariel Kyrou, que podedes mercar e/ou descargar de balde aquí.

(A tradución e os suliñados son meus)

#Cultura libre#Epigramas#Música

05/11/2010 by marioregueira

As conseguintes relacións de cooperación

26/09/2010 by marioregueira

Opio

X rexeita unha condecoración. De que serve rexeitala se a obra a acepta? A única cousa da que cada quen que pode enorgullecerse é de facer a súa obra de tal xeito que ninguén poida pensar en concedernos unha recompensa oficial polo noso traballo.

de Opio – Diario dunha dexintoxicación de Jean Cocteau

#Crítica#Epigramas#Literatura

06/09/2010 by marioregueira

Alba de Barcelona

«Os pobos que esquecen a súa Historia están condenados a repetila», aseguraba o filósofo gringo Santayana.

«Oxalá fose verdade -dicía o meu avó, un mineiro asturiano- a ver se dunha puta vez gañamos a batalla do Ebro».

.

Do prólogo de Barcelona al alba, banda deseñada de Alfonso Font e Juan Antonio de Blas.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Epigramas
1 2

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies