29/12/2010 by marioregueira

Zappa e os cegos que non queren ver

Por definición, o artista é un doador, non un intermediario. Pode ser un sabio tolo nos estudios do GRM da «Maison de la Radio» en 1948, ou un hippie enxuto observando o seu teléfono, como Frank Zappa, neno pertencente ao rock disidente, guitarrista inspirado no jazz de Eric Dolphy e ocasional compañeiro de ruta de Pierre Boulez. En 1980 viu o futuro nunha conversa telefónica…

No último capítulo da súa autobiografía describe algúns dos seus fracasos profesionais. En particular, a «proposta dun sistema destinado a substituír o mercado do disco fonográfico» remitido ao «Rothschild Venture Capital» «nun momento no que os CDs aínda non apareceran no mercado», conta Zappa.

Vexamos un anaco do seu proxecto: «Propoñemos mercar os dereitos de reprodución numérica DAS MELLORES OBRAS dos fondos catalográficos (OFC) que languidecen sen venderse nas casas discrográficas, centralizalas nun servidor, despois conectalas por teléfono ou por cable directamente ao magnetófono da computadora. O usuario poderá elixir entre unha tranferencia numérica directa en F-1 (o DAT de SONY), en Beta Hi-Fi, ou en calquera outro soporte analóxico común». Frank Zappa precisa que o seu sistema require a instalación dun «convertedor numérico-analóxico no teléfono», tamén chamado «módem». ¿Cómo non ver no de Zappa un sistema de telecarga semellante ao de Napster?

Zappa pensa mesmo nun sistema de retribución. Engade que «o desconto do pago de royalties, a facturación por compra, etc., estarían automáticamente asegurados pola propia xestión informática do sistema. O cliente abónase a unha ‘familia temática’ ou a varias e factúraselle mensualmente».

Como sabemos, o proxecto de Zappa non foi comprendido pola industria do disco. Tamén non foi escoitado Karlheinz Brandenburg, investigador alemán a conta de «Thomson», de quen se riron nos seus propios fociños cando en 1988 deixou a voz tentando demostrar aos seus xefes que a compresión numérica revolucionaría a distribución musical. Brandenburg e o seu equipo acababan de inventar o MP3.

De Techno Rebelde, de Ariel Kyrou, que podedes mercar e/ou descargar de balde aquí.

(A tradución e os suliñados son meus)

#Cultura libre#Epigramas#Música

Comments

  1. Mr Tichborne
    29/12/2010 - 13:40

    Zappa é a honestidade e a lucidez dun músico que quería ser escoitado e dun artista que vía un sistema que funcionaba (para algúns) ben naquel intre, pero non nun futuro. Unha carallada que o vise mellor no 1980 ca moitos no 2010.
    Outras industrias de contidos como as editoras poden ser moi criticables, pero as multinacionais da música son o extremo do latrocinio e da cegueira coa realidade. Véxolles mal amaño, van afundirse e desaparecer se non mudan, e logo poderemos comezar de novo. Non deberiamos deixar que lle pasase o mesmo ós libros (non entendidos necesariamente como papel).
    Vaia petada acabo de ceibar. Boas festas!
    PD: Zappa tiña outra frase mítica, que non vén a conto: “Os hippies querían amar, pero por dentro estaban cheos de merda”

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies