Os penaltys de Djukic
Pareceume ben este artigo en castelán de Xosé Manuel Pereiro, aínda que como na filmografía de Tim Burton, hai que dicir que primeiro ben, pero despois mal. A parte que está ben é unha análise medianamente boa da situación lingüística e a explicación subxectiva de por que determinadas persoas respectábeis da nosa cultura deciden compoñer e asinar un documento manifestamente entreguista. A parte que remata mal é a eterna análise que se leva facendo dende hai case dous anos sobre a derrota electoral e a lexitimidade e representatividade social dos grupos “refractarios”.
Non é verdade, ou non é toda a verdade, que a perda de votos estivese directamente relacionada coa política lingüística. Seguir dando por certo que houbo un éxito en defender “que a terra é plana e o galego de impón” non fai máis que seguir marcando puntos nunha vitoria das minorías antigalegas que foi de sempre moito máis mediática que electoral. As asociacións de defensa da libertinaxe lingüística existían previamente ao goberno do bipartito o seu ruxe ruxe era máis ou menos o mesmo, sinxelamente non tiñan a utilidade que certos medios e certos partidos quixeron darlle nese momento histórico, é dicir, non tiñan altofalantes nin campañas publicitarias, probabelmente porque o seu discurso nos anos do PP era igual de crítico con aquel goberno do que foi co bipartito.
En segundo lugar, é verdade que é un momento de reformular a estratexia, pero como dicía o outro, que terceira vía habemos de probar sen non probamos aínda a segunda? Que terceiras alternativas queremos nun país onde se leva facendo a mesma política lingüística timorata e servil nos últimos trinta anos? Porque a política lingüística do bipartito pode xogar a buscar as sete diferenzas cos produtos lexislativos do fraguismo, pero nunca poderá presumir de que marcou unha verdadeira mudanza tal e como si a marcaron no seu momento os gobernos nacionalistas basco e catalán. En todo caso a diferenza marcouna politicamente o BNG cun electorado que agardaba moito máis dese día soñado longamente no que o seu partido rozase cos dedos o poder autonómico. Facer outra lectura é confirmar o mito de que o bipartito impuxo a lingua e bos cidadáns castelanfalantes se revolveron ante tal atrevemento. E confirmar a vitoria xornalística, e seguir traballando de altofalante para outros que nin sequera pagan.
Sempre me referín ao goberno do bipartito como o penalty de Djukic do nacionalismo. É dicir, o momento no que un equipo afeito aos campos de lama e a traballar duramente se atopa cun inimigo descoñecido ao que non sabe como domear: a presión dun final de liga. O que é dramático é non decatarse dese erro e seguir incidindo en que a actitude correcta é avanzar con medo e tirar sen forza e telegrafando a dirección, seguir tirando penaltys de Djukic cando xa nin sequera tes a presión de estar a xogarte unha liga. Os problemas que a Generalitat tivo coas leis do catalán no ámbito educativo, ou as revoltas de funcionarios vascos ante a política lingüística que se fixo co euskera foron verdadeiras batallas que nin sequera marcaron especialmente o ritmo electoral deses países nin provocaron un só paso atrás nos colectivos que defendían a lingua propia. Non temos o mesmo panorama político, pero en troques si que temos a única lingua autonómica do Estado que ten máis falantes no seu territorio que o castelán. A única lingua autonómica que segue a ser, tras 500 anos de imposición do castelán, lingua maioritaria na súa comunidade. En caída libre, pero témola, e o único que precisamos é dunha vez unha política decidida de esixibilidade e normalización como a que tiveron as outras. Se cadra sexa hora de exportar o bilingüismo restitutivo a outros territorios que o precisan máis e importar para aquí parte da súa decisión e da súa autoestima. Ou o seu xeito de gañar ligas no último minuto do último partido cando todo parece en contra.
Xabier
16/12/2010 - 10:50
Wai. E isto, como se pode facer nos próximos 25 anos?
Mario
16/12/2010 - 18:08
Ola Xabier, que recordos…
Fas unha pregunta un tanto maximalista, non vou facer un programa na resposta dun post, e nin sequera nun post, e nin sequera me creo capacitado para facer un programa en solitario para a actuación lingüística nos próximos 25 anos. Supoño que ti tampouco, por tanto agardo que entendas o que de esquemático, unipersoal e potencialmente incompleto hai nesta resposta.
O primeiro que falla é o posicionamento claro dos partidos políticos. Está moi ben que o 17-M e as xornadas de defensa da lingua xunten a un monte de persoas de distintas tendencias, pero iso debera traducirse nunha esixencia concreta aos partidos. Os manifestantes do PP deberan, en conciencia, deixar de votar ao PP ou tratar de influír na política do seu partido doutro xeito, o demais son boas intencións que duran as dúas horas que pode durar a manifestación. O PSOE debera definirse dunha vez e decidir se vai ser o PSOE do ministro Caamaño ou o PSOE de Paco Vázquez. Obviamente non o vai facer por si mesmo, terá que facelo por esixencias dos seus militantes, ou por resultados electorais.
O problema principal, naturalmente, é que o BNG ten ou tivo na súa política un problema de definición semellante ou cualitativamente peor. Resulta incríbel que do contorno dun ex-presidente do nacionalismo saia un documento como o do IGEA, e do mesmo xeito que resultou incríbel para moitos que na antesala do bipartito o BNG cedese alegremente a consellaría de Educación (que moitos tiñamos por primeiro se non único obxectivo dunha organización nacionalista nun momento de crise lingüística). O problema do BNG é que actuou sen darlle importancia estratéxica á cuestión lingüística, sen considerar a lingua como un elemento realmente importante da súa política e reservándolle un lugar secundario que incide tristemente na longa tradición da autoxenreira. Daquela (e mesmo agora) parecía máis preocupado por engaiolar ás pobres masas urbanas de castelánfalantes que necesitaba para medrar electoralmente. Masas urbanas que en moitas ocasións se manifestaron favorábeis a políticas progalego moito máis decididas, e nas que nunca, até a estelar aparición de GB (altofalantes de por medio), houbo un discurso negativo cara á nosa lingua.
É especialmente exemplificativo que nestes dous anos de ataque desapiadado contra o galego sexa a sociedade civil e as organizacións as que leven o peso de toda a campaña de resistencia. A cuestión é se esa sociedade civil pode artellarse nunha opción política fiábel e é capaz de esixirlle resultados, algo especialmente notábel no panorama político galego. En Catalunya (e en parte tamén en EH) sabes os principios lingüísticos do partido ao que estás votando e é boamente impensábel que figuras con ideas tan antagónicas como Rafa Cuíña e Feyjoo, Caamaño e Vázquez ou Quintana e Beiras poidan coincidir na mesma forza política (noutros aspectos non, pero ese é outro tema). Agora, como bo galego a pregunta volve: como podemos facer iso, a poder ser moito antes de 25 anos?
Naturalmente iso é o paso previo á creación dunha política de esixibilidade e preeminencia social. Temos unha parte da poboación que se identifica co galego pero que non tivo suficientes apoios como para botarse a empregalo, alén de que viviu nun mundo no que empregalo non era unha necesidade, senón unha opción sempre adiábel.
Eu non dubido que a solución é a esixibilidade con ferramentas e sobre todo a desdramatización desa esixibilidade. Non podemos seguir acreditando no discurso demencial do fillo de Gloria Lago. Galego e castelán son linguas próximas e intercomprensíbeis. Se nunha semana en Italia aprendes o suficiente como para pedir un café, a conta e desculpas, nun só ano na Galiza e cun curso de tres meses deberas ser capaz de poder atender un posto de funcionario ou un comercio de cara ao público. De feito coñezo xente que atende un posto de médico en galego sen o curso e aínda en menos tempo. O problema é que para moita xente aínda así será máis cómoda a indolencia de non facelo, de aí que teña que haber algún tipo de medidas que garantan o dereito da comunidade de galegofalantes a ter servizos na súa lingua, da mesma forma que existen en todo o Estado medidas que garanten que un castelanfalante non sexa atendido en bengalí nin en inglés, nin sequera en euskera, catalán e galego, linguas oficiais.
Temos outra parte de xente (aínda unha maioría esmagadora) que é galegofalante pero á que ninguén lle rehabilitou a imaxe social da súa propia lingua e segue a ter que escoitar que hai que facer do galego unha lingua para contar chistes e falar no traballo (aqui: http://www.elpais.com/articulo/Galicia/houbo/unha/reflexion/as/formulas/manter/galego/elpepiautgal/20100416elpgal_17/Tes). A nosa sociedade non ten cines, nin tv (2 canles de 70), nin best-sellers, nin xornais, nin videoxogos, nin dvds subtitulados en galego. Se cadra precisamos unha lei de cines, de tv, de edición, de videoxogos e de subtítulos, e naturalmente vai xerar un debate social como o xerou xa en Catalunya, pero non podemos botarnos atrás por non poder contentar a todo o mundo, a vida é así, e toda mudanza require actuación, contentos e descontentos.
Enfín, Xabier, realmente levo media hora escribindo estratexias que xa debías saber, e que non sei en que medida che poden estar achegando algo, agardo que saques un bo proveito delas e deas unhas resposta igual de fundamentada, algo mellor que aquela un bocado simple e demagóxica de “niños, no tirar piedras”. Un saúdo e obrigado por comentares.
Igor
18/12/2010 - 04:41
Bom post. Melhor comentário.
Parabens
Sak
20/12/2010 - 14:11
Concordo en todo salvo nos precedentes e na conclusión. Eu non vexo o entreguismo (e se o entreguismo é simplemente un termo, entón confimado que non hai entreguismo). E non vexo futuro na implantación desas políticas (moi acaídas, obviamente) pois se non se implantaron por algo sería, fica a dúbida da implantación de revalidaren a victoria, son pesimista niso. Por tanto algo haberá que facer no lugar de seguir agardando un mesías que está moi moi lonxe de chegar; e penso que por ahí van os tiros do informe.
Mario
20/12/2010 - 14:48
Obrigado Igor e Sak, por comentardes.
Sak, entreguismo é só un termo (un bocado neoloxista, mesmo), pero como todo termo pretende definir unha realidade. Sucumbir á visión política da lingua promovida polos medios conservadores e GB é entregarse ao inimigo. Non direi que chega ao punto de ser un colaboracionismo activo, pero agora mesmo os inimigos do galego téñennos exactamente onde queren: fixeron vigorar unha perspectiva do conflito lingüístico extremadamente minoritaria, dividíronnos e conseguiron que unha parte dos defensores do galego cedese puntos que deberan ser irrenunciábeis en toda defensa dunha lingua autóctona (como recoñecer que a outra pode ser tan autóctona canto esta).
En segundo lugar é probábel que as políticas que propoño aquí non dean resultados, pero non creo que se poidan impugnar polo mero feito de que nunca se fixeron e que “por algo sería”. Non se fixeron, e por tanto non sabemos exactamente que podería pasar. A sociolingüística non son fórmulas matemáticas e non ten unha previsibilidade perfecta. Na miña lectura da situación actual o que falla é o sentimento de inutilidade que os propios falantes (reais e potenciais, é dicir aqueles que non se atreveron a facer unha mudanza de lingua aínda que se identifiquen co galego) teñen respecto da súa lingua, e ese sentimento non se apaga recoñecendo os dereitos dos castelanfalantes ou centrándose neles, ao contrario, apágase convertendo o galego nunha lingua útil, ou o que é o mesmo, esixíbel cando menos no seu territorio.
De todos xeitos o peor é a forma na que estas medidas se presentan. O responsábel da debacle electoral aparece como salvador, o que nos levou polo camiño morno e fracasou vén dicirnos que o camiño morno é o correcto e que as políticas radicais que nunca aplicou están fracasando. Decátaste da contradición? Non serían outros os que terían que facer unha lectura crítica do que foi o bipartito e de por que non só non conseguiu deter a perda de falantes senón que nos levou de novo a mans da dereita españolista? Por que Beiras, que era un “radical”, levou ao BNG a ser segunda forza política no entanto o moderado Quintana só ten no seu currículo a maior caída de votos do nacionalismo galego de toda a súa historia?
Unha aperta, Sak (e outra para Igor).