09/04/2010 by marioregueira

O delicioso balbordo

Nos meus anos escolares, é dicir, hai moito tempo, tiven que facer varios traballos sobre a obra de Rosalía. Nalgún momento, na miña casa recitei en voz alta os versos “«¡Ánimo, compañeiros!/Toda a terra é dos homes” para comprobar sorprendido como un dos meus proxenitores remataba de recitar de cor a estrofa enteira, con moi leves variacións. Esa persoa non sabía, ou non podería asegurar que poema era de Rosalía, escoitárallo recitar á súa avoa (a miña bisavoa) que, cando moza, fora emigrante en Cuba. O momento, do que non podo negar o sorprendente e emotivo, é doadamente explicábel pola grande popularidade que os libros de Rosalía tiveron no seu momento e nos moitos anos que seguiron, alén da súa relación con formas de poesía popular coa que, a forza de mesturarse, acabaron moitas veces confundidos.

Pero tamén pesou, e moito, o feito de que Rosalía fose unha das poucas autoras que escribían naquel momento para un pobo orfo, ou case orfo, de literatura. Sen ningún afán de restar méritos literarios, analizando só a situación dende unha perspectiva estrictamente mercantil, os seus libros chegaron a eses niveis de popularidade porque non tiñan apenas competencia e atoparon un mercado que efectuaba unha grande demanda deles. Segundo esa mesma regra de tres, os escritores do Rexurdimento deberían ver con escepticismo e unha certa precaución económica o xurdimento de máis autores que escribisen na súa lingua, a fin de contas viñan a restarlles popularidade, por non falar de que eses novos autores nunca poderían aspirar a vender tantos libros coma eles, e moi poucos chegarían a esa honra inmortal de permanecer na memoria do pobo. Baixo esa óptica, os grandes momentos de efervescencia literaria do noso país, que ninguén dubidaría en localizar nos últimos trinta anos, son un enorme paso cara a atrás. Nin unha soa desas obras pode aspirar ao nivel de vendas e á popularidade que tiveron as obras de Rosalía, ningún dos meus netos nin das miñas netas recitarán endexamais un verso de Avilés de Taramancos ou algunhas das moitas emblemáticas citas que hai en Cara a Times Square de Gonsar. Toda esa literatura foron anos absolutamente perdidos, é coma se non existise.

Esta loucura non é máis que unha esaxerada redución ao absurdo dalgún dos argumentos que puiden escoitar sobre o papel da literatura en relación aos blogues, especialmente tratando de manter a base de que fóra dun par de pioneiros, nunca máis volveu existir nada interesante e nunca se conseguiron as mesmas taxas de audiencia. E ser pioneiro é algo moi importante, ninguén o dubida, e non pretendo restarlles un ápice do seu mérito, pero tamén ten un lado excesivamente doado. A soidade pode ser atenazadora e poden faltar exemplos polos que guiarse, pero tamén é verdade que onde mellor se espalla a propia voz é nun ambiente de silencio.

Non vou enumerar a cantidade de exemplos que desmiten unha afirmación tan rotunda, moitos deles xa están aí na barra da dereita, e  outros estarán xurdindo mentres escribo estas liñas. Chégame con aludir a ese delicioso balbordo no que se convertiu o blogomillo, tamén para a literatura e no que poden atoparse proxectos interesantes que nos garanten que a nosa literatura e a nosa lingua están máis vivas que nunca. Por sorte non levamos todos un lustro lendo o mesmo par de blogues, por sorte, podemos aprender moitos máis poemas que os de Rosalía. Por suposto que non tod@s podemos ler todo, pero creo que nin no choio da literatura nin no da rede se tratou nunca diso.

#Blogoleira#Galiza#Literatura

22/03/2010 by marioregueira

Editando 2.0

2.0 Editora Logo

A mediados da pasada semana presentouse en Compostela 2.0 editora, outra vaca no millo editorial que parte dunha forma decidida, e xa dende o seu propio nome, como un proxecto pensado no comezo dun novo momento dentro da edición e da lectura tradicional. Teño falado xa algunha vez do precipitado que me parece esta consideración das novas etapas e da fin do libro gutemberiano. Que moitas das felices descubertas sobre a hipertextualidade e a lectura electrónica que parecen estarse dando este ano levan xa moito tempo entre nós, e mesmo xa teñen o seu propio historial de triunfos e fracasos. Ao mesmo tempo, o estoupido da edición dixital dos últimos meses tivo os seus propios aspectos cuestionábeis e parece enfocado dunha forma excesiva cara a un mercado de trebellos que moitas persoas xa cualificaron de pasaxeiro. A perspectiva que temos dos procesos é o de estar dentro deles, cousa que non nos asegura poder predicir cara a onde nos conducen, algo que, se cadra, non deberiamos perder de vista.

Porén, cabe dicir que polo que se puido ver o pasado xoves a aposta de 2.0 parece moito máis complexa e parte, polo menos nos seus primeiros obxectivos, dunha perspectiva menos superficial do formato dixital e das súas posibilidades. É certo que as versións dixitais dos seus libros aínda non viron a luz, e que poderían caer de novo en erros de vulto coma estes, porén hai un par de cousas que están na súa folla de ruta que supoñen achegas interesantes a este momento tecnolóxico e que permiten ilusionarse co futuro.

Se cadra a máis destacábel sexa a ollada específica que dirixen aos autores/as, unha cousa que non é habitual escoitar nas presentacións de proxectos editoriais. A editora comeza a súa andaina con dous pesos pesados como son Eduardo Mendoza e Douglas Adams, apuntando unha liña editorial que xulgo moi necesaria no contexto galego e á que tamén se teñen aproximado outros selos coma Urco. Porén, alén diso, destaca a súa oferta de servizos ás persoas interesadas en publicar, que sen pretender converterse nunha plataforma de autopublicación sen filtros, supón un ponto de inflexión nunhas relacións que acostuman ser moito máis xerárquicas e fechadas. A posibilidade destes de escoller licenza e formato dixital podería evitar tamén algún dos problemas que de entrada formulou o primeiro impulso cara ao libro electrónico comercial en galego. Ao mesmo tempo, non podo evitar relacionar esta nova perspectiva coa última anotación de Manuel Bragado, na que fala de como o mercado editorial pode enfrontarse de súpeto ao problema de ter máis autores que lectores.

Como dixen máis arriba, estar dentro dun proceso pode complicar os augurios sobre o lugar cara ao que nos leva. Os puntos de partida de 2.0 Editora son ben gorentosos, vexamos agora se as curvas da viaxe lles permiten levalos a bo porto. Cousa que lles desexamos.

#Edición#Edición dixital#Galiza#Lectura

10/03/2010 by marioregueira

Citando

Non deixamos de ser esa panda de xente que fai cousas raras, eses anormais que toda cultura pequena precisa para sentirse completamente normal.

(Alguén nalgunha das mesas das Jornadas Galegas da Ediçom Independente, citado de memoria por min mesmo. Desconfíen).

#Cultura libre#Edición#Epigramas#Galiza

08/03/2010 by marioregueira

Por anos de independencia

Veñen de rematar esta fin de semana as I Jornadas de Ediçom Independente na Galiza,  un encontro organizado por Estaleiro Editora e Corsárias que reuniu a distintas voces arredor dunha idea común: hai unha forma distinta de facer as cousas, tanto no panorama editorial, como na distribución e na relación coas persoas que len. Con esa idea foi que se reuniron diferentes colectivos e proxectos para falar das súas experiencias e xuntar puntos de vista, que en ocasións foron máis que diversos, como debera ser sempre neste tipo de encontros. Creo que no noso contexto cultural xa temos bastantes xuntanzas dedicadas á haxiografía ou ao adoutrinamento exemplarizante como para facer unha máis. Así que é unha sorte poder escoitar a perspectiva dos distintos colectivos sinxelamente para ver como poden aprender uns dos outros, copiar as estratexias e seguir demostrando que tamén son posíbeis outras formas de facer cultura neste país. A fin de contas iso é tamén cultura libre, e isto tamén é unha forma de ser independente. Compartir os acertos e advertir dos fallos, máis ou menos a mesma filosofía do software libre.

Non puiden seguir completamente o desenvolvemento das xornadas, e tamén non me foi posíbel participar na súa organización tanto como quixera. A pesar diso, a miña parcial experiencia nestas foi incriblemente produtiva. Non está mal poder contar cunha ventada de aire fresco nun contexto como o editorial, a miúdo guiado por movementos conxuntos e cautelosos e onde a autocrítica está frecuentemente fóra dos horizontes ou sometida aos valores do mercado. Ver que o creative commons pode non ser máis que unha moda progre, pensar nun proxecto independente do que se poida subsistir, falar de mercado dende un colectivo non lucrativo ou anunciar que os (lectores de ) e-books son aparellos sen futuro, son todas cousas que non se ven con frecuencia, e que dan profundas razóns para o debate, e tamén para a reflexión. Naturalmente non foi o único a resaltar, tamén foi moi emocionante escoitar de viva voz como o a historia do hip hop se remonta ao porto dos escravos, pasando polos blues de Nova Orleans. E tamén merece unha mención a recuperación do debate sobre o papel da arte na loita política dende presupostos novidosos que superaron afortunadamente as vellas dinámicas nas que cae sempre este tema.

Ficaron tamén moitas cousas por falar, eu botei en falta unha mesa sobre o software libre aplicado á edición, e tamén un maior protagonismo da perspectiva feminista, presente só parcialmente. En calquera caso, tempo haberá de cubrir ocos e seguir compartindo boas e malas experiencias en futuras xornadas, das que no persoal e no grupal agardo un éxito de convocatoria similar ao desta edición. Por certo, se as contas non me fallan, en 2011 Estaleiro cumprirá 5 anos. Un lustro que non pode evitar lembrarme a este disco mítico, xa de tempos nos que a independencia tamén era parcialmente distinta, pero igualmente inspiradora. A rapaza non fai un corte de mangas, aínda que as interpretacións (e as malinterpretacións) son libres, como debería ser a cultura.

#Cultura libre#Edición#Galiza
1 4 5 6

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies