O delicioso balbordo
Nos meus anos escolares, é dicir, hai moito tempo, tiven que facer varios traballos sobre a obra de Rosalía. Nalgún momento, na miña casa recitei en voz alta os versos “«¡Ánimo, compañeiros!/Toda a terra é dos homes” para comprobar sorprendido como un dos meus proxenitores remataba de recitar de cor a estrofa enteira, con moi leves variacións. Esa persoa non sabía, ou non podería asegurar que poema era de Rosalía, escoitárallo recitar á súa avoa (a miña bisavoa) que, cando moza, fora emigrante en Cuba. O momento, do que non podo negar o sorprendente e emotivo, é doadamente explicábel pola grande popularidade que os libros de Rosalía tiveron no seu momento e nos moitos anos que seguiron, alén da súa relación con formas de poesía popular coa que, a forza de mesturarse, acabaron moitas veces confundidos.
Pero tamén pesou, e moito, o feito de que Rosalía fose unha das poucas autoras que escribían naquel momento para un pobo orfo, ou case orfo, de literatura. Sen ningún afán de restar méritos literarios, analizando só a situación dende unha perspectiva estrictamente mercantil, os seus libros chegaron a eses niveis de popularidade porque non tiñan apenas competencia e atoparon un mercado que efectuaba unha grande demanda deles. Segundo esa mesma regra de tres, os escritores do Rexurdimento deberían ver con escepticismo e unha certa precaución económica o xurdimento de máis autores que escribisen na súa lingua, a fin de contas viñan a restarlles popularidade, por non falar de que eses novos autores nunca poderían aspirar a vender tantos libros coma eles, e moi poucos chegarían a esa honra inmortal de permanecer na memoria do pobo. Baixo esa óptica, os grandes momentos de efervescencia literaria do noso país, que ninguén dubidaría en localizar nos últimos trinta anos, son un enorme paso cara a atrás. Nin unha soa desas obras pode aspirar ao nivel de vendas e á popularidade que tiveron as obras de Rosalía, ningún dos meus netos nin das miñas netas recitarán endexamais un verso de Avilés de Taramancos ou algunhas das moitas emblemáticas citas que hai en Cara a Times Square de Gonsar. Toda esa literatura foron anos absolutamente perdidos, é coma se non existise.
Esta loucura non é máis que unha esaxerada redución ao absurdo dalgún dos argumentos que puiden escoitar sobre o papel da literatura en relación aos blogues, especialmente tratando de manter a base de que fóra dun par de pioneiros, nunca máis volveu existir nada interesante e nunca se conseguiron as mesmas taxas de audiencia. E ser pioneiro é algo moi importante, ninguén o dubida, e non pretendo restarlles un ápice do seu mérito, pero tamén ten un lado excesivamente doado. A soidade pode ser atenazadora e poden faltar exemplos polos que guiarse, pero tamén é verdade que onde mellor se espalla a propia voz é nun ambiente de silencio.
Non vou enumerar a cantidade de exemplos que desmiten unha afirmación tan rotunda, moitos deles xa están aí na barra da dereita, e outros estarán xurdindo mentres escribo estas liñas. Chégame con aludir a ese delicioso balbordo no que se convertiu o blogomillo, tamén para a literatura e no que poden atoparse proxectos interesantes que nos garanten que a nosa literatura e a nosa lingua están máis vivas que nunca. Por sorte non levamos todos un lustro lendo o mesmo par de blogues, por sorte, podemos aprender moitos máis poemas que os de Rosalía. Por suposto que non tod@s podemos ler todo, pero creo que nin no choio da literatura nin no da rede se tratou nunca diso.
Danilo
09/04/2010 - 13:16
Á marxe de que concordo, a argumentación é perfecta. Sobre o tema da perda de oportunidades en canto á rede: só os vencidos poden crer na derrota.
E agora uso a súa casa, Mario, para apuntar algunha cousa, probablemente xa dita, no debate:
É lóxico que quen perda as esperanzas en calquera asunto proclame a súa morte. Non obstante a rede vai seguir aí, e a litaratura a formar parte dela. E si, a nosa literatura tamén.
Problema 1. Rendemento da rede. O que non se pode agardar e que a rede dea lectores das obras propias. Pero si crea fluxos. A incidencia dos proxectos en rede non se pode medir en datos nin cuantitativos nin económicos. A súa importancia radica na súa potencialidade como ferramenta tanto para crear novos códigos, como novas formas, como, sobre todo, o necesario cambio do punto de vista.
Problema 2. A escasa explotación da literatura na rede, e só un problema da Nosa literatura? Que porcentaxe dos lectores das letras hispánicas seguen proxectos na rede? E das letras inglesas? Se ben os números son maiores, por lóxica, a porcentaxe tamén o é?. Internet is for Porn. Logo a presenza da literatura será sempre residual pero necesaria.
edu
09/04/2010 - 14:42
sabes, mario, do que lembrei lendo o teu texto e o comentario de danilo? ao este asunto tan frecuente nas xeracións literarias de ignorar absolutamente as novas voces.
como se despois de un non fose admisíbel que veña ninguén a proclamarse novo.
algo así, mario: os blogs de finais dos 90 foron revolucionarios porque antes non existía nada semellante. pero iso non invalida a pequena revolución que cada blogueiro fai a diario cando vomita un novo coelliño para deixalo roer na rede.
e, como dí maría lado, \ás veces, mesmo xente á que admiro di cada cousa…\
(por certo, se a túa etapa escolar quedou moi atrás, onde irá a miña?)
Sak
09/04/2010 - 16:56
Como me dixo un día o Chiu: “nós preferimos ser un peixiño no océano que ser quenllas nunha poza”. Cada vez estou máis de acordo con esa afirmación, porque ainda que todos quixeramos ser quenllas coma Rosalía (reviravoltas das comparanzas 🙂 o que é importante é que o noso hábitat (sistema literario, musical, lingüístico, social…) non sexa unha poza senón un océano.
E aquí coma noutras partes, hai quen prefiere a poza para ser máis importante.
Mario
09/04/2010 - 18:50
Ola a todos.
Danilo, penso que a rede, entre outras cousas, tamén dá lectores a través desa rede e esa fluencia, polo demais estou dacordo co resto, as outras literaturas non aproveitaron moito mellor a súa relación coa rede, eu diría que en ocasións mesmo non a aproveitaron en absoluto.
Edu, é que sempre é o mesmo debate, ti xa sabes que eu quereria pensar na literatura galega como unha inmensa MPB onde os lazos de amizade e colaboración estivesen por riba de simple idea da competencia. Porén parece que non temos un mercado tan grande como os brasileiros e iso ao final o que leva é a esas constantes desautorizacións que sempre caen na mesma idea de sempre, se cadra porque as persoas novas son máis doadas de atacar.
Sak, eu comparto a metáfora, aínda que xa dixen outra vez que prefiro que todos nós sexamos quenllas en mar aberto devorando aos peixes sen memoria, aínda que só sexa por unha simple cuestión totémica. 😉
A Raíña Vermella
10/04/2010 - 10:56
Xenial o post e a comparanza. Xenial, tamén, a idea dunha Rosalía toda preocupada pola competencia das novas xeracións, cun lápis tras da orella botando contas das súas vendas.
Escoitei moitas opinións coma esas aplicadas a diferentes eidos: o cúmulo de noticias e de medios acaba coa verdadeira (ehem) información, a facilidade coa que hoxe calquera investiga remata coa idea romántica do científico solitario, erguéndose como unha roche no medio do mar da ignorancia (e imposible de cuestionar pola súa propia autoridade)…
P.D: os nosos netos recitarán, estou segura, alomenos un verso dos 90: “ondas do mar de Vigo/ se vistes meu amigo/ …que marchei”
Mario
11/04/2010 - 04:04
Si, é unha boa opción, aínda que tal e como se están poñendo as cousas vai ser xa toda unha vitoria que poidan recitar algo nesta lingua.
Á parte diso, a sobreinformación si que vai ser un dos problemas das próximas décadas, porén onde hai sobreinformación será preciso un filtro e os filtros pasaran a ser o novo poder da comunicación, veremos canto tarda o poder en facerse con eles e veremos se aínda somos capaces para entón de crear alternativas.