25/04/2010 by marioregueira

Garzón e o paradoxo

Brigadas Internacionais

Todo o meu corazón está coas vítimas e nese sentido é moito no que podo subscribir a postura das multitudes que sairon á rúa estes días na defensa da posibilidade de axuizar todo o que significou o franquismo para o Estado español. A miña discrepancia, porén, diríxese cara aos medios polos que ese xuízo debe facerse efectivo.

En primeiro lugar, porque un réxime non pode axuizar outro precedente mentres non faga unha ruptura política con el e mentres siga asentando parte da súa personalidade xurídica nas estruturas precedentes. O xuízo que ten que vir non corresponde a un poder xudicial atado en última instancia a unha lexislación herdada do franquismo, senón ao poder lexislativo. E isto debería vir ben por unha condena decidida e explícita que rompa a preeminencia dos golpistas e vaia máis aló do status quo que formula a última lei da memoria, ou ben pola apertura dun proceso constitucional que sirva para refundar a democracia do estado. Mentres tanto, calquera outra iniciativa do poder xudicial non poderá evitar o paradoxo de estar condenando un goberno mentres figuras legais (e políticas) lexitimadas por el seguen no poder e no xogo democrático.

En segundo lugar, porque o protagonista e defensor dos dereitos democráticos, con independencia da miña persoal antipatía, é obxecto de acusacións tan duras coma esta, e responsábel en última instancia do que foi o peche de Egunkaria, por citar un único caso e unha única consecuencia de todas as que ese proceso contivo. Resulta novamente paradoxal que unha figura acusada de menoscabar de tal xeito a calidade dunha democracia da Europa occidental poida estar sendo elevado á categoría de máximo defensor dos dereitos das vítimas do franquismo. Creo que é lixar a memoria republicana e dar por feito, unha vez máis e dun xeito ben similar a como ten feito a dereita, que tod@s @s nos@s mort@s estarían orgullosos de como se levou a cabo a transición política e de que este réxime político é, por tanto, un herdeiro lexítimo da República.

Os xuízos que teñen que vir teñen que vir doutra parte, non dun xuíz con afán de protagonismo que ten demostrado sobradamente a súa incapacidade para abstraerse das súas propias opinións políticas, senón do propio pobo, do propio axuizamento do que obtivemos asinando a monarquía constitucional e de se é posíbel reconducir de verdade a memoria republicana. E isto non está asinado un 25 de abril por casualidade.

#Activismo e resistencia
2 comentarios

21/04/2010 by marioregueira

Alicia

Alice

Non son ningún experto na obra de Lewis Carroll, o meu achegamento a ela é puramente sentimental, dalgún xeito forma parte dese fondo simbólico e intelectual que comparto con certas persoas, dun xeito similar a moitas outras obras de creación. Porén ese feito marca, aínda que sexa accidentalmente, unha diferenza. A miña noción de Alicia vén directamente dos libros de Carroll, e non das múltiples interpretacións ou deturpacións que a cultura popular fixo sobre elas. Non digo que estas interpretacións estean mal, son inevitábeis cando unha obra é popular e  o diálogo cos clásicos é lexítimo e mesmo moi beneficioso. Naturalmente ese diálogo pode ser, como todo, máis ou menos intelixente.

E nese sentido creo que o último filme de Tim Burton dista moito da intelixencia e da comprensión correcta do que os libros de Alicia significan. A adaptación cinematográfica non debería ter, en principio nada de malo, a min mesmo gorentoume moito pensar nas posibilidades das novas técnicas na reconstrución do país das marabillas, e mesmo o punto de partida, cunha Alicia adulta que regresa de novo ao lugar onde a súa razón se atopou tantas veces na encrucillada, pareceume que podería dar moito xogo. É unha mágoa que aí, na formulación inicial e na exhibición visual, rematen os méritos desta incursión de Tim Burton.

Para min o mérito dos libros de Alicia, a razón pola que se converteron en clásicos, é que formulan un traxecto irracional. Confesarei que ese traxecto sempre me pareceu que representaba o camiño da infancia cara á idade adulta, un traxecto que inclúe transformacións monstruosas no propio corpo, leis arbitrarias e absurdas, novas palabras ou novos matices nas vellas, e encontros desconcertantes en novos planos de relación. Tamén creo que é iso o que fai que Alicia sexa un personaxe para as crianzas, e é iso mesmo o que fixo que algúns dixesen que non eran libros para nenos. É difícil asumir que o mundo adulto poida semellar, para unha crianza, un conxunto absurdo e arbitrario de regras, pero para moit@s de nós, sen dúbida foi exactamente iso.

Este punto de partida revolucionou determinados conceptos literarios anquilosados, pero non tivo tanta fortuna nas súas adaptacións e absolutamente ningunha no filme de Tim Burton. É moi complicado converter esa historia nunha historia épica. Moi complicado formular unha loita de exércitos e unha conquista do poder con faccións políticas dentro da vella Wonderland. Moi complicado que o Sombrereiro Tolo poida ser un heroe, tanto como pretender que o sexa a Lebre de Marzo. A única heroína, Alicia, non o é no sentido clásico da óptica masculina. Non precisa armaduras nen espadas para selo, o seu constante pasmo e o valor para avanzar dentro del son a súa única arma e a súa única defensa ante o mundo. E se a iso sumamos que se reproduza a clásica confusión entre a Raíña Vermella e a cruel Raíña de Corazóns, a cousa dispárase ao bodrio absoluto, e o diálogo co clásico pasa a ser un balbuceo monologante. O meu admirado Burton apúntase outro tanto na lista dos fallos, e xa son moitos nos últimos anos. Se cadra debeu pensar que estaba adaptando Narnia, onde si hai un paralelismo épico/moral (cristián, para máis señas), ou debera probar sorte mercando os dereitos das sagas da Dragonlance. Porque isto, quitando o fume que deixa Cheshire no ar e que marabilla os ollos do espectador, dista moito de ser nada semellante ao vello Carroll.

#Cinema#Literatura
2 comentarios

17/04/2010 by marioregueira

GZ KMKZ

kamikazes

Había realmente moito tempo, xa mesmo na última fase do blogue no outro enderezo, que non falaba do tema da lingua, ese que se converteu nunha loita aberta no último ano e pico e que tantas paixóns e enigmas irresolúbeis acumulou dende entón. Non foi por desleixo, a miña perspectiva é que todo problema lingüístico é un problema sociolingüístico e que como tal atopará unha solución fundamentalmente política na que hai que seguir traballando.  Por unha banda da política cotiá que representa a coherencia e a fidelidade social á lingua, por outra a da política partidista que é a que bota os gobernos abaixo e que como moito demorará algo menos de tres anos en poñer as cousas no seu lugar. E hoxe por hoxe preocúpame moito máis a primeira que a segunda, e non só pola sangría que representa o 26.945, e que posta en perspectiva e por faixas de idade é aínda peor do que parece. Preocúpame tamén a eterna falta de definición que seguimos aplicando neste tema.

Falando cun amigo o outro día acabamos concluíndo que a loita da lingua pola súa supervivencia sempre foi unha pugna por superar o seu espazo simbólico e materializarse nunha realidade concreta. Dende os tempos do Rexurdimento, no que a lingua era a lingua da poesía para un grupo de intelectuais incapaces de empregala en calquera outro contexto, até a lexislación lingüística do fraguismo, que non molestou a ninguén até que foi reformulada polo bipartito coa radical innovación de facela, por vez primeira, esixíbel. Asusta que neste momento, no peor ataque dende o franquismo, e no que deberamos demostrar a maior firmeza, aparezan os sociolingüistas arrepentidos e as reformulacións sobre o fondo da cuestión.  Asusta que un novo intento de materialización nos devolva ás esixencias de antano nas que debemos contentarnos cun uso simbólico ou cun valor metafísico. Levamos séculos tratando de conseguir un respaldo legal obxectivo para unha lingua da que a súa simple supervivencia merecería un monumento á constancia do pobo, e sinceramente, non creo que sexa este momento de retroceso nos nosos dereitos o máis axeitado para desincharnos e recuperar os nosos peores tópicos.

A nosa lingua serve para tantas cousas como calquera outra, non a vamos relegar aos ámbitos familiar e laboral porque apostamos pola súa hexemonía social, e hoxe por hoxe é a única “lingua propia” deste país, tanto dende unha perspectiva histórica como dende unha perspectiva estritamente legal. Non permitiremos que isto mude e non daremos un paso atrás, ao contrario, son moitos os pasos adiante e o terreo que nos queda por percorrer. Claro que vai haber xente descontenta, grupos inflados polos medios de comunicación, presións sociais, xente de fóra e cipaios entre os nosos muros. Iso é facer política, non se pode contentar a todo o mundo sen descontentalos a todos e non hai solución completa e perfectamente equitativa. Vai haber oposición, e andado o camiño político deste país non vai ser a peor á que nos teremos que enfrontar.

O problema señores, non vai ser o número de linguas que a nosa sociedade vai falar. Os tempos marcan que será máis de unha, e iso é unha riqueza á que non pensamos renunciar. O problema é cal delas vai ser a socialmente predominante e aí, calquera aposta por outra que non sexa a nosa segue sendo un suicidio colectivo. Un suicidio lingüístico e cultural. Claro que Catalunya ten outra relación coa lingua. O catalán, tendo menos falantes porcentuais que o galego, ten un respaldo legal co que nós nunca nos atrevemos a soñar.  Ou si, atrevémonos e corremos de novo cara a atrás cando catro voces tusiron a súa desaprobación. Cando teñamos esa lexislación  e o futuro asegurado veremos se serven tamén as súas outras solucións. E sinto ser tan positivista ás veces, pero mentres non teñamos esa lexislación, mentres teñamos que aguantar este atentado diario contra a nosa lingua e mentres se siga vulnerando a escasa normativa internacional que garante o noso dereito á existencia, hai cousas que sinxelamente non se negocian.

Haberá quen diga que levamos a lingua ás barricadas. Ben, haberá que repetir que non fomos nós os que a puxemos alí. E en calquera caso sempre preferín os milicianos que caían defendendo o seu posto que os rapazotes que estoupaban os seus avións contra o inimigo sen conseguir detelo. E iso tamén é unha cuestión ideolóxica.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua
Comentarios desactivados en GZ KMKZ

09/04/2010 by marioregueira

O delicioso balbordo

Nos meus anos escolares, é dicir, hai moito tempo, tiven que facer varios traballos sobre a obra de Rosalía. Nalgún momento, na miña casa recitei en voz alta os versos “«¡Ánimo, compañeiros!/Toda a terra é dos homes” para comprobar sorprendido como un dos meus proxenitores remataba de recitar de cor a estrofa enteira, con moi leves variacións. Esa persoa non sabía, ou non podería asegurar que poema era de Rosalía, escoitárallo recitar á súa avoa (a miña bisavoa) que, cando moza, fora emigrante en Cuba. O momento, do que non podo negar o sorprendente e emotivo, é doadamente explicábel pola grande popularidade que os libros de Rosalía tiveron no seu momento e nos moitos anos que seguiron, alén da súa relación con formas de poesía popular coa que, a forza de mesturarse, acabaron moitas veces confundidos.

Pero tamén pesou, e moito, o feito de que Rosalía fose unha das poucas autoras que escribían naquel momento para un pobo orfo, ou case orfo, de literatura. Sen ningún afán de restar méritos literarios, analizando só a situación dende unha perspectiva estrictamente mercantil, os seus libros chegaron a eses niveis de popularidade porque non tiñan apenas competencia e atoparon un mercado que efectuaba unha grande demanda deles. Segundo esa mesma regra de tres, os escritores do Rexurdimento deberían ver con escepticismo e unha certa precaución económica o xurdimento de máis autores que escribisen na súa lingua, a fin de contas viñan a restarlles popularidade, por non falar de que eses novos autores nunca poderían aspirar a vender tantos libros coma eles, e moi poucos chegarían a esa honra inmortal de permanecer na memoria do pobo. Baixo esa óptica, os grandes momentos de efervescencia literaria do noso país, que ninguén dubidaría en localizar nos últimos trinta anos, son un enorme paso cara a atrás. Nin unha soa desas obras pode aspirar ao nivel de vendas e á popularidade que tiveron as obras de Rosalía, ningún dos meus netos nin das miñas netas recitarán endexamais un verso de Avilés de Taramancos ou algunhas das moitas emblemáticas citas que hai en Cara a Times Square de Gonsar. Toda esa literatura foron anos absolutamente perdidos, é coma se non existise.

Esta loucura non é máis que unha esaxerada redución ao absurdo dalgún dos argumentos que puiden escoitar sobre o papel da literatura en relación aos blogues, especialmente tratando de manter a base de que fóra dun par de pioneiros, nunca máis volveu existir nada interesante e nunca se conseguiron as mesmas taxas de audiencia. E ser pioneiro é algo moi importante, ninguén o dubida, e non pretendo restarlles un ápice do seu mérito, pero tamén ten un lado excesivamente doado. A soidade pode ser atenazadora e poden faltar exemplos polos que guiarse, pero tamén é verdade que onde mellor se espalla a propia voz é nun ambiente de silencio.

Non vou enumerar a cantidade de exemplos que desmiten unha afirmación tan rotunda, moitos deles xa están aí na barra da dereita, e  outros estarán xurdindo mentres escribo estas liñas. Chégame con aludir a ese delicioso balbordo no que se convertiu o blogomillo, tamén para a literatura e no que poden atoparse proxectos interesantes que nos garanten que a nosa literatura e a nosa lingua están máis vivas que nunca. Por sorte non levamos todos un lustro lendo o mesmo par de blogues, por sorte, podemos aprender moitos máis poemas que os de Rosalía. Por suposto que non tod@s podemos ler todo, pero creo que nin no choio da literatura nin no da rede se tratou nunca diso.

#Blogoleira#Galiza#Literatura
7 comentarios

01/04/2010 by marioregueira

As mulleres, por fin liberadas

Unha das primeiras medidas do novo poder revolucionario foi a de liberar ás 25.000 mulleres chamadas “reprodutoras” do sinistro centro de natalidade San Salvador. É evidente que na nova sociedade en construción a muller atopará o lugar preponderante ao que ten dereito e que lle foi negado polo fascismo falocrático durante os longos anos nos que a mantivo baixo o seu xugo. Xa podemos anunciar que tres mulleres, polo menos, ocuparán un posto permanente no colexio do poder creado en torno a Alcide NIKOPOL. Este colexio do poder, reforzado por un pequeno grupo de intelectuais que, milagrosamente, escaparon con vida das prisións políticas fascistas, terán por misión definir de maneira xenerosa as novas liñas da nova marcha cara a adiante da sociedade parisiense. (Acción Revolucionaria, 23 de marzo de 2023).

.

Para acompañar estas vacacións relixiosas, un anaco de A feira dos inmortais de Enki Bilal, un relato futurista sobre a relación do ser humano cos deuses, a inmortalidade… e a forma de derrocar o poder nunha Europa neocatólica e neofascista.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Cotidiano#Epigramas#Feminismo
2 comentarios