28/04/2021 by marioregueira

Primeira presentación de Narrativa e imaxinario

A vida é aquilo que acontece mentres estás ocupado planeando outras cousas. A cita de Lennon sempre me pareceu atinada, pero que nunca me vin tan identificado con ela como o ano pasado, nos primeiros meses da pandemia.

Agora estamos afeitos, pero lembro aquelas primeiras semanas como un remuíño vago de estrañeza. Unha noite volvía de cear cuns amigos nun restaurante perdido das aforas da Estrada, xusto despois da presentación dun libro, e ao outro estaba vendo ao exército pasar pola miña rúa mentres unha calma tensa ao borde do estalido tomaba conta de todo. Co paso do tempo, decátome de que lembro máis aquela sensación de suspensión e inquietude que o primeiro contacto cos xeles visguentos ou a sensación estraña da máscara médica sobre o rostro.

A finais daquel marzo que rompeu, eu tiña unha cita en Compostela para presentar Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966), o libro que naceu da miña tese de doutoramento. Estarían comigo o editor Manuel Bragado e o meu compañeiro de esforzos, confidente académico e director Arturo Casas. Non lembro un drama especial cando intercambiamos un par de mensaxes para comentar o evidente: quedaba cancelado, ao igual que o meu seguinte recital poético e ao igual que toda a actividade pública da cultura galega. O ruído de fondo era moito máis alto que o que facía unha presentación máis ao caer.

Hoxe, máis dun ano despois, e no medio das conquistas das novas normalidades, teño cita de novo para presentar este libro. Será virtualmente, grazas á UNICEPE do Porto, e volverei atoparme con Arturo Casas e, agardo, con moitas de vós.

#Arturo Casas#Literatura de posguerra#Literatura galega#Narrativa e imaxinario nacional#Porto#Portugal#Presentacións#UNICEPE

15/09/2011 by marioregueira

A cegueira pasional (Lois Pereiro en NY)

Hai uns días facía Xoán Abeleira no seu blogue unha reflexión necesaria sobre a sobrevaloración que a miúdo abunda na poesía galega, ou polo menos na nosa percepción dela. Facíao ao respecto de Lois, cousa que tamén, neste ano de fastos, se podería dicir que era algo necesario. Poucas culturas teñen unha celebración anual tan intensa como o Días das Letras que sobrecargue desa forma a produción crítica sobre un autor concreto. E menos culturas aínda teñen unha crítica tan benigna como a nosa. É comprensíbel polo tanto, que moitas veces sexa necesario poñer unha nota de lucidez no medio de tanta louvanza. Seguramente esaxeramos, seguramente sobredimensionamos, e moi probabelmente algo houbo desa cegueira pasional en todas as cousas que se dixeron sobre Lois no último ano. Porén, mesmo así, creo que moitos dos argumentos empregados merecen un retruque. En parte, por suposto, polo que atinxen a Lois, pero tamén nunha moi boa parte polo que tocan ás relacións das literaturas pequenas cos centros de poder estabelecidos, e tamén pola forma na que construímos o noso propio criterio literario dende elas.

Debera comezar recoñecendo honestamente que non creo nas escalas literarias, ou por mellor dicir, non creo que esas escalas se marquen por méritos estritamente literarios. A literatura, como toda actividade humana está inzada de cuestións sociais, ou o que é o mesmo, de cuestións políticas. E está inzada a distintos niveis, dende as relacións persoais até as que, a un nivel internacional sitúan a cultura dos autores no resto do mundo. Eu non me atrevería a dicir que Lois Pereiro era mellor poeta que Sylvia Plath, como non me atrevería a dicir o contrario. O que teño claro é que se Lois nacese nun país anglófono nunha familia que gozase dun status económico e cultural similar ao de Sylvia, a recepción da súa obra sería completamente distinta do que foi, e o seu papel na literatura universal tamén. Non é casual que ningún autor galego da súa mesma quinta goce do recoñecemento internacional do que goza Sylvia Plath, tamén non é casual que non haxa ningún xenio internacional recoñecido que escribise en lingua corsa, en bretón ou en guaraní. Non sei se a literatura galega é un globo inchado, o que está claro é que na literatura universal si que hai moitos globos inchados, inchados co aire que estruturas políticas fortes (Estados con linguas a protexer, academias e crítica nacionalista) sopraron sobre eles. Nunca saberemos a que poderían chegar os nosos autores nacidos nos trinta se tivesen a capacidade de difusión e o aparello crítico que impulsou á poesía en lingua inglesa desa época. Sabemos porén, que se Arthur Rimbaud nacese uns quilómetros máis ao sudoeste, escribise en bretón e tivese como amante a un campesiño en lugar de ao vello Verlaine, hoxe non saberiamos absolutamente nada del. E iso aínda que escribise “exactamente” os mesmos versos que escribiu en francés.

Isto non quere dicir que non teña o meu propio panteón, que non haxa poetas das que gusto moito máis do que doutras nin que a propia Sylvia Plath non sexa unha delas, porén, nunca me atrevería a dicir, máis aló do gusto persoal que unhas sexan “grandes poetas” e outras non. Para min, algo así representa unha abstracción dos condicionantes sociopolíticos que son incapaz de efectuar e tamén representa o feito de asumir unha escala de posicións que sei feita a costa deles.

En segundo lugar, eu valoraría os textos referenciados de Lois como un acto de honestidade antes que como unha falta de orixinalidade. Por unha banda, porque é moi difícil medir algo tan abstracto como ao orixinalidade dun autor. Os “xenios” mencionados polo compañeiro Xoán non foron completamente orixinais, inscribíanse con maior ou menor fidelidade nunha tradición propia, aínda que fose indo contra ela, unha tradición á que lle debían moitas cousas aínda que na maior parte dos casos se gardaron de explicitalas mediante referencias. Hoxe en día eles destacan por riba desas referencias, pero calquera estudo minucioso chegaría para sinalar as débedas da máis grande das outsiders con outras autoras e coa súa propia tradición literaria.

Por outra banda, como dixen noutro sitio, non hai que esquecer a consciencia de Lois á hora de falar como intermediario cultural de cara a unha literatura que sabe minorizada, e até certo punto, illada nas relacións literarias internacionais. Lois non só “cita”, na maior parte dos casos “introduce” na súa cultura elementos que a vigoricen, que a interconecten co mundo e que axuden a actualizar o seu repertorio ao ritmo que marca a contemporaneidade. A voz galega de Lois impostando voces e deformando outras ideas non é un demérito, senón todo o contrario. E non, non é orixinal, porque todos os autores falaron antes do amor e da morte, da enfermidade e da angustia, e ninguén lembra quen foi o primeiro que o fixo. E se nos pode parecer que Lois non foi capaz de “regurxitar” esas ideas doutro xeito é porque el mesmo nos deixa, honestamente, un plano para seguirlle os pasos, unha testemuña do diálogo con outros autores, un diálogo que fai no nome de toda unha cultura e que tamén forma parte (e non pequena) do seu legado.

En definitiva, entendo moitas das sensacións de sobrevaloración que se poden dar no contexto do Día das Letras e tamén sei que esas sensacións son moi frecuentes no propio percurso cotián da literatura galega, porén creo que temos que saber ser xustos coa nosa propia cultura, tanto para o bo como para o malo. É posíbel que o valor de Lois Pereiro se vise modificado por este último ano, pero tamén debemos ser conscientes de que a súa comparación  con autores doutros contextos culturais sempre terá un pouso de inxustiza. Sempre pensei que se Lois nacese en Nova Iorque en lugar de en Monforte a súa obra sería hoxe un clásico contemporáneo da literatura estadounidense, e por tanto, un valor internacionalmente coñecido. Aínda que só fose polo contexto biográfico do seu último libro e o protagonismo que a enfermidade tiña nos medios e na cultura da época. Lois, salvando as distancias, representou algo moi semellante entre nós, un autor “popular” capaz de canalizar unha serie de temas e preocupacións ás que a maior parte da cultura estaba virando descaradamente as costas pero que seguían sendo vitais para unha grande parte da sociedade. O resto, o tempo, pero tamén a capacidade de erguer e valorizar a nosa cultura serán os responsábeis de dicilo. De momento, non é pouco.

A primeira imaxe é un coñecido retrato de Vari Caramés, a segunda está tomada de aquí (sen acreditar) e a terceira é do propio Xoán Abeleira.

#Cotidiano#Crítica#Literatura#Teoría

15/03/2010 by marioregueira

Lendo 2.0

Se cadra unha das fontes de debate e estudo para o feito literario nas próximas décadas será a nova relación que a literatura estabelece cun formato electrónico tan versátil como os blogues. Deixando de lado a parte de promoción editorial que tan bos exemplos está deixando no país, e tamén o trillado tema dos libros electrónicos como formato, considero do máximo interese a forma na que moitos dos libros dos últimos anos atopan a súa continuidade nun espazo propio da rede. Nunha primeira impresión penso naqueles blogues que sendo un medio de expresión literaria acabaron compoñendo diversos libros físicos con mellor ou pior fortuna ou entendemento por parte das vellas estruturas literarias. Esas formas de creación na rede teñen un grande interese, aí entraría moi especialmente a capacidade do público para intervir na fixación física da obra e tamén a continuidade que o proxecto teña con independencia desa mesma fixación física.

Porén os que máis me veñen interesando nos últimos anos aqueles blogues que se fan con posterioridade ou dunha forma complementaria das obras coas que se relacionan. Interésanme porque até o de agora contemplei unha grande diversidade na orientación que se lles foi dando. Lembro tentativas malogradas de crear un foro de debate sobre as obras, estragadas en parte pola incapacidade dos autores de entender ou manexar o concepto de foro electrónico. Porén, máis que esas anecdóticas tentativas, gostei sempre moito máis daquelas iniciativas que crearon unha certa continuidade narrativa coa obra inicial, que a completaron, ou lle deron lecturas alternativas e imaxes ou citas. Esa perspectiva que se achega tanto á lectura hipertextual e que pode atoparse tamén en ideas como a de Riofero, de Xelís de Toro, aínda que neste caso non se trate dun blogue, senón dun complemento de audio para o libro.

Ultimamente estou gostando moito da idea d’O cabo do mundo. Non me atrevo a dicilo demasiado alto porque aínda non puiden ler o libro, así que vou mirando o blogue de esguello, en lecturas rápidas, de xeito que non teña a oportunidade de estragar o final. ou adiantar parte da trama O repaso das referencias paréceme, con todo, outra perspectiva moi interesante, esclarecedora aínda que teña o evidente perigo de colocar a interpretación do autor nunha posición xerárquica que poida levar por diante a dos lectores. En calquera caso pregúntome que papel lle reserva o futuro a estes textos, que valor dentro da interpretación da obra ou que recoñecemento da súa identidade con esta. Pode ser que sinxelamente caian no esquecemento.

Nas últimas semanas e cun certo retraso acometín a miña propia experiencia ao respecto, un blogue sobre o meu último libro, e que en realidade é un desexo de experimentar esa hipertextualidade moito máis que unha tentativa de promoción. As miñas prevencións sobre o limitador que pode ser que o autor dea unha única interpretación están formuladas na primeira entrada, porén creo que si se pode falar da multitude de referencias que inzan o libro e das condicións que acompañaron á súa creación e xurdimento. Blues da crecente é un libro que dá pé para poder contar centos desas historias internas sen ter que baixar por iso a descifrar os versos, labor que lle corresponde só ás persoas que len e sobre a que ningún académico e ningún autor debería ter máis autoridade que outro lector calquera. Ireino actualizando de vagar e durará até que me casnse ou até que se esgoten as historias. Veremos en que dá a experiencia e se pode predeterminar proxectos similares en futuras obras.

#Blogoleira#Creación#Lectura#Literatura#Teoría

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies